Día de Rosalía. 24 de febreiro: Festa da Cultura Galega
César Lorenzo Gil.
A escolla de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015 fixo estourar entre a parte da sociedade preocupada pola cultura un sentimento que levaba anos incubándose: para que serve o Día das Letras? Que elo une esa celebración coa sociedade xeral?
Entre as voces que reflexionaron sobre o tema, escollo as da profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra, publicadas en Biosbardia no mes de febreiro do 2014:
“Penso que o Día das Letras segue a ser útil como estratexia para rescatar, editar e poñer en valor determinadas autoras ou autores porque nesa liña aínda queda moito por facer. Ten, logo, un certo carácter arqueolóxico ou museolóxico, e o feito de que sexa eficaz como tal é un síntoma do déficit histórico que pexa sobre a nosa cultura.
”Levo un par de anos pensando que, se cadra, a nosa verdadeira festa das letras debía ser o 24 de febreiro, aniversario de Rosalía. Vendo o éxito popular que están a acadar as diversas iniciativas que se organizan nesa data, coido que podiamos encamiñarnos por aí, facer dese día o noso Sant Jordi (coa vantaxe de que é laico!!!) e deixarmos o 17 de maio como evento máis filolóxico e académico”.
O modelo de homenaxe anual a un intelectual da nosa cultura está esgotado e só serve para acender un debate sobre os méritos do autor escollido ou para chorar sobre os outros nomes esquecidos. No imaxinario galego, aínda moi influído polo cristianismo, cando a Real Academia elixe un nome para o 17-M é coma se se elevase aos altares un novo santo ao que adorar con figuriñas de cera e cánticos e gabanzas.
Que valor ten para a nosa cultura ese ritual baleiro de collages nas escolas, publicación de antoloxías e actos que pasan desapercibidos para a xeneralidade dos galegos? O 17 de maio ten máis valor porque é un día festivo, que se pode aproveitar para ir ver a praia das Catedrais ou durmir até as 11 que polo seu papel de data chave para difundir os valores culturais dun intelectual.
Non entro a valorar se Filgueira merece a homenaxe. Seguramente si porque a única vez que o vin na vida e me deu a man, cando eu tiña 15 anos, connosco estaban moitas persoas da cultura galega, todas respectables e valiosas, que o saudaron e lle falaron con respecto. En todo o caso, esta escolla é irrelevante. Tamén houbo críticas cando se elixiu a Xaquín Lorenzo (incluso un amigo persoal del dixo que moi mal tiña que estar a cultura en galego para que tivesen que botar man del, que era moi bo rapaz pero con moi poucas luces) e debeu habelas (eu era moi pequeno, non lembro) cando se homenaxeou a Afonso X de Castela, O Sabio, que era rei dun réxime feudal e explotador e que impuxo o castelán como lingua vehicular institucional na súa coroa. Porque nestas cousas case sempre subliñamos o que non nos gusta, porque os santos non teñen pecados.
O importante é construírmos desde cero a idea dunha data destacada, na que é a nosa cultura a protagonista e non a ocasión para facer ponte; un día no que a industria do libro, da música, do cine, do teatro… tomen a rúa, se acheguen á sociedade e demostren que teñen calidade abonda como para que as xentes de Galicia presuman dela e poñan entre as súas prioridades o seu coidado, fomento e protección diante das ameazas.
Por iso deberiamos esquecer o 17 de maio como festa e tomar como referencia, seguindo o consello de Vilavedra, o 24 de febreiro, o aniversario de Rosalía de Castro, para crear unha nova data no calendario da alegría. Biosbardia ofrécese como medio promotor para o cambio e animamos a todos os que queiran unha celebración do talento propio sen nomes, sen prazos, sen cerimonias pagas e sustentadas polo Goberno Feixoo, que se animen a propor ideas e camiños para que no 2015 o 24 de febreiro sexa un dos grandes días do ano.
Desde hoxe propomos a etiqueta #24FestaCulturaGalega para unirmos esforzos. Pedriña a pedriña manteñamos en pé a dignidade da nosa cultura.
Creo que tanto a RAG como o Día das Letras son das poucas institucións ou efemérides deste país, non dependentes do centralismo, asentadas e coñecidas pola maioría. Polo tanto habería que defendelas.
A división deste ano é unha mostra máis da inxenuidade do nacionalismo, capaz de caer en todas as trampas bobas que lle coloca o PP.
O nacionalismo non hai batalla perdida á que non se apunte.
Moita xente dirá de novo iso
(continúo)
moita xente terá a oportunidade de dicir de novo iso de: “Los galleguistas cuatro y peleados”.
A celebración cívica da cultura galega que se propón no post creo que é asumible polo Día das Letras Galegas sen necesidade de buscar unha nova data. Primeiro porque o 17M é un día que xa está ben asentado e logo porque maio parece mellor mes ca febreiro para “saír á rúa” (a climatoloxía manda). As asociacións e colectivos que o queiran sempre poden optar por unha celebración na que se obvie unha figura controvertida, como pode ser o caso de Filgueira Valverde, e centrarse nas letras e na cultura galegas en xeral. O estudo e difusión do personaxe homenaxeado quedarían nas mans institucionais e académicas.
Pero acaso non está ligado o 17 de maio a Rosalía? Eu estou moi de acordo con Manuel Veiga no tocante á RAG e ao Día das Letras. Ese día é, precisamente, a nosa festa laica. E dura moito máis aló dun día. Que haxa debate e mesmo enfrontamentos arredor da figura homenaxeada é sinal de moitas cousas, pero tamén de que por sorte somos unha cultura viva.
O Día das Letras ten moitas funcións (e moitas máis pode ter). Unha delas está relacionada directamente coa proposta de canonización que dos autores da nosa literatura fai a Academia. Esa dimensión de competencia no campo cultural é imprescindible, porque, contra o que ás veces podemos pensar, a canonización corresponde a unha complexa rede de institucións sociais e culturais. Nós estamos discutindo este ano, en parte, unha proposta de canonización. Quizais porque a obra literaria de Filgueira non é monumental, aínda que si o é a súa obra de divulgación, se cadra. Pero sobre todo porque Filgueira está directamente ligado, desde a súa orixe, a un réxime que foi o resultado dun golpe de estado fascista. Isto en Europa non pasaba.
A festa das Letras Galegas é unha festa laica á que non debemos renunciar. Se queremos reorientala, fagámolo e propoñámolo. Se socialmente entendemos nalgúns momentos que a figura proposta non o merece, fagamos as nosas celebracións alternativas. Tamén as estrañei eu cando se escorreu entrre os dedos da institución a celebración da figura de Roberto Vidal Bolaño case ata a ocultación e o silencio e, fóra dalgunha iniciativa meritoria, ninguén armou nada para advertir o que estaba pasando. Veremos este ano se a RAG lle dedica ao homenaxeado un congreso, como cada ano, ou unha xornada miserable, coma o ano pasado a Roberto. Pero ese é outro asunto.
En calquera caso, tanto o Día das Letras coma a RAG son de propiedade popular, allea aos aparellos de dominación. Non as confundamos con momentos históricos concretos. Nin as desmantelemos ou as entreguemos para sempre.
Por certo, permitídeme outra consideración. A nosa dignidade colectiva está a salvo. Estamos aquí, escribimos en galego, concorremos no noso campo cultural, vivimos na nosa lingua… Ningunha acción contra nós colectivamente, por brutal que sexa, afecta á nosa dignidade. Creo que o nacionalismo debe abandonar esas apelacións á dignidade cada vez que percibe que algo non vai a xeito. En todo caso, os que non teñen dignidade son os que actúan contra nós.
Grazas, Antón, polos comentarios. Saúdos
Unha aperta, César.