BiosBardia

O país dos libros en galego

Diario de lecturas (I): Orwell, ‘1984’ e Catalunya

George Orwell.

Xesús González Gómez.

Novembro 12. –Nun dos “almacéns” de Llibre solidari, digo almacéns porque os libros adoitan estar amoreados sen orde nin concerto, comprei diversos títulos, varios de poesía –primeiras edicións de Vázquez Montalbán, Juan Bernier e Juan Gil-Albert, este último tan grande escritor e tan pouco considerado– e mais Mil nou-cents-vuitanta-quatre: radiografia d’un malson (1984: radiografía dun pesadelo), de Miquel Berga, publicado ese ano de 1984 por Edicions 62, p. 126, incluídos tres anexos: “Orwell e os seus editores”, “Escritos de Orwell sobre a guerra civil non recompilados até agora (arquivo Orwell, Londres) e “Relación de panfletos sobre España e a guerra civil da colección de George Orwell (British Library)”. O libro é un axeitado estudo sobre a coñecida obra de Orwell. Berga demostra que o escritor británico non se baseou na experiencia soviética, ou non só nela, para argallar a súa novela, que Orwell consideraba unha sátira, na esteira d’As viaxes de Gulliver, de Swift. Outras experiencias, seica, están na base do modelo orwelliano, sobre todo a Igrexa católica, da que o autor aborrecía (desprezaba os escritores católicos e dicían que para nada servían, sobre todo os escritores católicos franceses: Mauriac, Maritain, J. Green, etc.)[1], a Inglaterra da Segunda Guerra Mundial, a burocracia inglesa, a Conferencia de Ialta (lembremos que en 1984 o mundo está dividido en tres bloques, que loitan entre si máis nunca se enfrontan; e todos son, con diferentes nomes, o mesmo), etc. Berga tamén demostra, xa naquel afastado 1984, que Orwell era, fundamentalmente, un home de esquerdas (e hoxe sabemos que se podía ser de esquerdas, mesmo da esquerda revolucionaria, e ser anti-comunista, sobre todo cando se confundía o comunismo coa URSS e satélites: ou quizais só se podía ser de esquerdas sendo á vez antisoviético). Era un home de esquerdas, con todas as contradicións que carreta ser home (e muller) e ser de esquerdas e, sobre todo, non acreditar en paraísos terreais. No entanto, Berga repróchalle a Orwell que cando a publicación de 1984 non matizara máis, non usara máis da cautela. A novela foi recibida na Gran Bretaña como o que era: unha sátira. Nos Estados Unidos usárona, desde o primeiro momento, como arma da guerra fría. Esa falta de matización, esa falta de cautela debida a Orwell, di Berga, fixo que a novela fose entendida e recibida como o que non era, etc. Como escribiu Bernard Crick –George Orwell: A life–  e cita Berga: “Fora mellor sacrificar algunhas das virtudes formais da novela e conseguir máis claridade de intención, que non verse abocado a escribir memorandos para os xornais americanos e para as axencias de noticias despois da publicación” (p. 49).

Mais non quería falar agora interesante do traballo de Berga (o anexo: “Orwell e os seus editores”, pp. 113-122, é aleccionador), senón dunhas palabras que escribe no prólogo Josep Benet (traduzo):

«A mención que Berga fai do caso Langdon-Davies, en relación a Orwell, formula unha cuestión que foi moi pouco estudada. É certo, como el sinala, que a experiencia que Orwell viviu en Cataluña durante a Guerra de España, influíu decisivamente en toda a súa obra posterior. Mais, até que punto, Orwell, que chegou a Cataluña sen coñecer a realidade deste país, a súa historia, os seus problemas e a súa xente –e que non entendía o catalán e case nada o castelán–, chegou a saber e entender que pasaba realmente naquela Cataluña en revolta do primeiro ano de guerra?» (p. 7).

(a mención a Langdon-Davies de Berga é a seguinte: “En realidade, o único inglés que homenaxeara a Cataluña cos seus libros foi o xornalista John Langdon-Davies, unha figura inxustamente esquecida. Langdon-Davies, amigo persoal de Ventura i Gassol e do poeta Mairà Manent, é o autor de Dancing catalans (1929) e, sobre todo, de Behind Spanish Barricades (1936), un notable libro sobre os primeiros meses da guerra civil cunha especial referencia á problemática nacional catalá” (p. 106-107, nota).

Cando Josep Benet, home ao que, mesmo nas discordancias, sobre todo no último período da súa vida, respectei fondamente –era amigo de Ramón Piñeiro e con el estivo no cárcere de Carabanchel–, escribiu estas liñas, era a cabeza visíbel no Parlamento de Cataluña, do Partit Socialista Unificat de Cataluña (PSUC, os comunistas; ou eurocomunistas, como a eles lles gustaba definirse). Benet, que viña dos movementos cristiáns, achegouse durante a clandestinidade aos comunistas, sobre todo ao ver que estes non só se interesaban pola “cuestión nacional”, senón tamén polas clases desfavorecidas, que eran as que máis sufrían a opresión. El, fondamente cristián, decatouse de que os seus correlixionarios daban de lado (non tiñan un programa para elas) esas clases desfavorecidas. Benet foi, xa que logo, se se quere dicir así, o que durante un tempo se denominou compañeiro de ruta ou de viaxe dos comunistas. Mais un compañeiro que pensou até as últimas consecuencias o coller ou non ese tren, e colleuno. É sabido que Jordi Pujol, do que era amigo e fora compañeiro de loitas, se cruzou con el nun momento da campaña electoral de 1980 (as primeiras autonómicas en Cataluña, que, inesperadamente, gañou este último; Benet, como deduciría o lector, era o candidato á presidencia da Generalitat polo PSUC), e o futuro presidente da Generalitat espetoulle: “Què fas amb aquests?” (Que fas con estes?).

O lembrarmos o cargo, político, que no momento en que escribía este prólogo ocupaba Josep Benet vén a conto para reflexionarmos un pouco sobre diversas cuestións que, aínda hoxe, están, infelizmente, á orde do día.

Benet contrapón o caso Langdon-Davies ao de Orwell. O primeiro viviu (antes e despois da guerra civil) longas temporadas en Cataluña, coñecía, defendía e espallaba a cultura catalá. Como enviado especial do xornal británico News Chronicle, defendeu a República, loitou contra a non-intervención e realizou unha importante actividade humanitaria, con planos para nenos refuxiados e escritores cataláns, etc. Escribiu diversos libros sobre Cataluña. Toda unha conduta, todo un exemplo.

George Orwell chegou a Cataluña, a Barcelona. Non sabía catalán e pouco, ou case nada, de castelán: non lle importaba, el viña, como lle dixo a Henry Miller en París antes de dirixirse a Barcelona, a matar fascistas. É dicir, viña a loitar para defender a humanidade, e cadrou que naquel momento defender a humanidade era defender a República española, a Cataluña, xa que logo. Non sabía nada de Cataluña, case nada de España. Mais sabía, poderiamos dicir parafraseando a Miguel Hernández, que xentes da mala herba querían pórlles xugos á maioría dos homes e mulleres de España, de Cataluña, de Galicia, etc., sobre todo ás denominadas clases traballadoras e subalternas. Orwell veu a España, a Cataluña a defender os seus homes e as súas mulleres e dáballe o mesmo o que falasen, dáballe o mesmo unha lingua ou outra, unha cultura ou outra: viña a defender a dignidade humana, viña a loitar contra o fascismo. Non sabía nada de Cataluña, case nada de España, mais sabía todo: o fascismo quería reducir á poboación española, catalá, xa que logo, a escravos. E veu a España, a Cataluña, como tantos e tantos miles de homes e mulleres que chegaron de case todas as partes do mundo, dos cinco continentes. Homes e mulleres que viñeron a axudar, a matar e a morrer por outros homes e mulleres aos que consideraban os seus iguais, por riba de idiomas, culturas e fronteiras. Viñan a loitar, e a morreren, a carón a duns homes e dunhas mulleres que consideraban camaradas, compañeiros, irmáns. Como case todos os homes e mulleres que se integraron nas Brigadas Internacionais, nas Brigadas anarquistas, nas brigadas do POUM, na Cruz Vermella e outras institucións, pouco ou case nada sabían de España, e de Cataluña: sabían que o fascismo quería asoballar a un pobo e viñeron a defender ese pobo, mesmo a costa da súa propia vida. Loitando contra o fascismo no fronte de Aragón (como Orwell ou Benjamin Péret), en Madrid, en Guadalajara, etcétera, ou alá onde os enviasen, eses miles de homes e mulleres que, como Orwell, nada sabían de Cataluña, case nada de España, defenderon coas armas na man, ou conducindo ambulancias, ou facendo de enfermeiras ou de médicas, a supervivencia de Cataluña, da cultura catalá. Loitaron pola cultura catalá, polo catalán –e pola cultura galega e polo galego, claro–, contra o fascismo español e internacional. E, evidentemente, sen pediren nada a cambio; eles/as, que o entregaron todo. Non pedían nin o recoñecemento do pobo ao que viñeron axudar.

Josep Benet, nesas malfadadas liñas, demostra que non entendeu nada de nada. A súa educacións cristiá xogoulle unha mala pasada: confundiu solidariedade con caridade. E, finalmente, Orwell entendeu moi ben o que pasaba en Cataluña, sobre todo na retagarda: léase, sen anteolleiras ideolóxicas, dunha vez por todas Homenaxe a Cataluña, libro que colocou a Cataluña no mapa do mundo, moito máis que as obras (importantes) de Langdon-Davies.

[1] Léase a nota 16 (p. 28-29), na que Berga afirma que “conviría non pasar  por alto, neste contexto [o dos “modelos” de sociedade], a influencia da igrexa católica como un modelo de estrutura totalitaria (máis perdurábel que o fascismo ou o comunismo) no pensamento de Orwell. O novelista referiuse a ela en diversas ocasións e foi sempre especialmente duro nas súas crítica á igrexa católica e, sobre todo, aos intelectuais católicos. Os paralelismos coa estrutura do modelo que se presenta en 1984 son notábeis: a igrexa ten unha estrutura piramidal con líder (o Grande Irmán) na cúspide que recibe todos os seus poderes de Deus. Debaixo del, ordenados nunha complexa e sutil xerarquía está a elite dos intelectuais e burócratas (o Partido Interno). Máis abaixo, os centenares de “funcionarios”: curas, mestres, monxas… (o Partido externo). Na base da pirámide estarían os fieis que –cando menos, en teoría– deben estar dispostos a obedecer e cumprir as instrucións e ordes (os dogmas) que lles transmiten as elites que van de uniforme (os “monos” dos membros do Partido). Este modelo de sociedade perdurou séculos e continua a perdurar porque, como a 1984, é adoptiva e non hereditaria. A novela, como observan algúns críticos (Lee, Steinhoff) está chea de resonancias relixiosas (a tortura e a confesión de Winston son un proceso de conversión, o catecismo de O’Brien, actitude de “pregaria” diante da imaxe do Grande Irmán, etc.), mais existen aínda dous aspectos facilmente identificábeis coa historia da igrexa católica: a tradición de prohibir as disidencias e de perseguir os herexes, coa Santa Inquisición (a Policía do Pensamento) como un dos seus puntos álxidos, e a actitude represora cara ao sexo, limitándoo, en todo caso, a unha actividade controlada e exclusivamente procreadora (o obxectivo da liga anti-sexo en Oceanía)”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *