BiosBardia

O país dos libros en galego

Diario dun crítico resucitado: Quintiá e Filgueira

Xerardo Quintiá
Xerardo Quintiá

Xesús González Gómez inicia unha nova sección dentro de Crítica. Nas próximas semanas, publicaremos as súas máis recentes recensións sobre libros galegos, aínda que non necesariamente tratarán novidades editoriais. É este o diario dun crítico, resucitado tras moitos anos de abandono da actualidade literaria autóctona, o regreso dun dos máis rigorosos e orixinais analistas da produción editorial.

Durante o verán do 2014, e para pagar débedas que tiña comigo mesmo, dediquei a maior parte das miñas lecturas de vacacións a ler libros en galego, a maioría de narrativa. Debo confesar que desde o 1995, ano en que abandonei a recensión de forma sistemática –case que militante– de libros galegos, lin poucas novelas, ou libros de contos, en galego: poñamos, para dar unha cifra redonda, uns 30. Foi unha decisión tomada porque non quería converterme nun lector masoquista. Logo, inconscientemente, cando me enviaban un libro galego de narrativa, a non ser que fose dun amigo, deixábao nos andeis da biblioteca e aí aínda está, ou aí estaban. Así que, antes de viaxar de Barcelona a Galicia, decidín que as lecturas dos días que pasara na “terra” habían ser de libros galegos. Para tal cousa, fíxenme socio da biblioteca da vila onde pasei eses días e, fóra dalgúns autores que tiña a curiosidade de ler ou follear, a orde de lecturas non foi sistemática, non seguiu ningún plano preconcibido.

Para tal cousa, fíxenme socio da biblioteca da vila onde pasei eses días.

Os primeiros dous libros foron Adral IX (Ediciós do Castro, 1996), de Xosé Filgueira Valverde e Un rabaño de ovellas brancas (Galaxia, 2001), de Xerardo Quintiá: unha colección de relatos de diferente feitura e extensión. De Quintiá lera, até o momento, dous libros: Finísimo po nas ás (Galaxia, 1998), a súa primeira novela, e, curiosamente, o último, que lin a salto de mata e do que gustara moito: Hotel Cidade Sur (Galaxia, 2012), outro libro de relatos.

A novela Finísimo po…, no seu día, pareceume que estaba influída por dous escritores galegos ben diferentes entre si: Xosé Neira Vilas e Suso de Toro. En realidade podería afirmarse que a influencia de Neira Vilas era só temática e de “trama”: rapaz na aldea. A outra influencia percibida por min –o que non quere dicir que non me equivoque– era máis fonda e formal, ou se se prefire dicilo doutra maneira, de “visión” e de “expresión”, que diría Luis Cernuda. Non obstante, e volvendo a Neira Vilas, digamos que a novela de Quintiá, salvando todas as distancias que se queiran, era, ou é, mellor e máis progresista que a do afamado narrador: é dicir, non é tan maniquea. Era, en certa maneira, unha novela que, aínda que era primeiriza, renovaba o “tema”, penso. Un rabaño…, ao lelo despois do último libro do autor, deume a impresión de ser un libro de “transición”: non quere dicir que sexa de pouca ou baixa calidade, senón que a escrita deste volume propiciou que o seu autor enterrase, por así dicilo, unha temática e ousase dar un salto formal, ao tempo que se liberaba de influencias que se ben puideron ser beneficiosas, podían estancalo, afincalo, consumilo e, finalmente, virar sempre arredor dos mesmos temas e das mesmas expresións. Con este libro Quintiá, acho, tomou definitivamente o seu propio camiño, a súa propia voz, fechou un ciclo e no seu seguinte libro, Hotel Cidade Sur, deixaría estourar, pletoricamente, a súa propia voz, completamente persoal, cos préstamos que ten todo escritor. Hotel Cidade Sur –non sei como foi recibido pola crítica galega– é un libro de relatos cuxa calidade, penso, talvez estea aínda por descubrir. No entanto, e a pesar de ser un libro de “transición”, Un rabaño… contén excelentes relatos e algúns prescindíbeis “microrrelatos”. Recoméndase a visita, mentres esperamos o próximo libro de Xerardo Quintiá.

Filgueira Valverde

O Adral IX foi póstumo. Cando me dedicaba á recensión fixen a de dous destes adrais, e sempre os puxen ben. Filgueira posúe erudición, un certo sentido da lingua, etc. Libros, os adrais, agradábeis de ler, aínda que neste último volume se abusa de textos un pouco longos, como se o autor quixese recoller todo canto escribira, que o lector non amante da “erudición”, ou que non guste do tema tratado, achará, ás veces, un pouco aborrecidos. Con todo, sempre deben lerse: outro problema é o do Día das Letras e Filgueira: debe unha institución democrática homenaxear un alcalde franquista (falanxista? Non sei se tiña carné, pero ao ser alcalde era Xefe Local do Movimiento e, xa que logo, dirixía a Falanxe local), a un deputado –familiar– a Cortes (franquistas), etcétera, etcétera. Manuel Veiga Taboada falou, ao tratar o tema, de Céline e K. Hamsum, grandes escritores e malísimas persoas: as institucións, democráticas, estatais, de Noruega e Francia nunca os homenaxearon (e tardarán en facelo) A situación política en ambos países é difícil, forzas de extrema dereita civilizada (?) son as máis votadas ou teñen a perspectiva de selo nos próximos comicios que se realicen: sería insultar a memoria dos que morreron loitando contra o nazismo, a memoria do mellor que houbo en Europa entre o 1939 e o 1945. ¿Homenaxear a Filgueira, como no seu día homenaxeamos a Cunqueiro (maior escritor que Filgueira) ou a Risco (tamén maior escritor que o pontevedrés), insulta as vítimas do franquismo? Non diría que non, e todos caemos na trampa, a pesar de todos os pesares. Porque Cunqueiro, como Risco ou Filgueira (e tantos outros, de Xosé María Castroviejo a Gonzalo Torrente Ballester, pasando por algunha cousa de Celso Emilio Ferreiro, Xulio Sigüenza, Ánxel Sevillano, etc.) foron autores de textos “infames” escritos “al paso alegre de la paz” e sobre a tumba, ás veces, dos seus mellores amigos.

♦ Un rabaño de ovellas brancas, de Xerardo Quintiá, Galaxia, 2001. 164 páxinas. ♠13,30€

♦ Adral IX, de Xosé Filgueira Valverde, Ediciós do Castro, 1996. 252 páxinas. ♠Descatalogado.

Xesús González Gómez.

One thought on “Diario dun crítico resucitado: Quintiá e Filgueira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *