BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Diario dun enterro’, o aburrimento dos velorios

Gonzalo Hermo.

César Lorenzo Gil.

Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) debuta na narrativa con Diario dun enterro, publicado por Galaxia, Premio Repsol de Narrativa Breve 2019. Até agora, o autor destacara (con moitos e prestixiosos premios) como poeta.

A novela, máis ben nouvelle, é un diario de catro xornadas dividido en 17 capítulos onde Xacobe, un trasunto do propio autor, conta, en primeira persoa e tempo verbal presente, as súas vivencias logo de saber que o seu avó materno morreu tras esvarar na bañeira. A viaxe de Barcelona á ficticia Eiradona, o contacto coa familia e a casa natal, os ritos da morte e o retorno a Catalunya son os tempos e espazos da obra.

A vella máxima di que unha novela é unha representación da vida sen as partes aburridas, algo que non tivo en conta Hermo na composición desta obra. A pesar das súas moitas calidades, das que logo falaremos, o libro faise pesado e intrascendente. Porque o autor, en efecto, quere contarnos esas seis xornadas cunha mestura de observador e microensaísta sobre a realidade. Mestura a descrición e a crónica (de aí o tempo verbal presente) coa digresión reflexiva, o xuízo de costumes e outras apreciacións subxectivas. A estratexia narrativa é un bo punto de partida pero a Hermo fáltalle brillantez. A súa narración é plana, ás veces anódina, ás veces académica: “Eu seguía patróns de conduta aprendidos no fogar e, en consecuencia, nunca problematizados” (p. 45). A lingua é estándar, expresivamente máis pobre ca un exame do CELGA, case sempre imprecisa. Sobran as frases feitas e os lugares comúns. Non hai unha mirada repousada senón unha falsa espontaneidade que pexa a narración até case desactivala. Ese lastre nótase especialmente nos diálogos. Son evidentes e redundantes. Enchen de palla unha novela de 124 páxinas e só en determinados momentos serven de motor para a narración. 

A excepción é a personaxe da nai do narrador. Hermo consegue iluminala, captar a súa esencia e complexidade. Cando ela aparece de repente a linguaxe se libera. Por traballo ou intuición, o autor logra facer dela unha personaxe literaria.

A pesar das eivas, debemos tomar este libro como un exercicio narrativo dun escritor que nos deixa percibir as súas potencialidades. Quizais a única maneira de desfrutar deste libro é comprendéndoo como un diario real no que o narrador foi deixando, en bruto, impresións que só deberían ver os seus propios ollos. Gonzalo Hermo ten sensibilidade na ollada para os detalles e facilidade para tirar do caos da realidade unha reconfortante harmonía.

Hai que agradecerlle a Hermo que nun tempo de narrativa prefabricada intente outro camiño: unha novela que non se autoimpón unha trama, que non se cinxe a ningún “tema candente”, que sae ao camiño para ver se encontra a maxia da arte. Mais a arte, por desgraza para o escritor, non se busca, aparece. E neste caso quedou porta fóra. Nas páxinas de Diario dun enterro polo menos séntese o seu recendo.

♦Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo, Galaxia, 2019. 128 páxinas. ♠14,70€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *