BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Diáspora do amor balea’, a metade do ceo da boca

María Rosendo (esquerda) e Andrea Nunes Brións.

César Lorenzo Gil.

Este libro gañou o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas 2017, convocado polo Concello de Malpica e publicado por Caldeirón.

Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego propóñennos en Diáspora do amor balea unha confrontación poética en formato epistolar. As amantes que se evocan no silencio da soidade, que se chaman, que se imaxinan e se confesan: excitadas, “famélicas” (este adxectivo úsase moito no libro), carnais. Neste libro onde parece claro que as autoras asumen a súa individualidade dentro do proxecto en mancomún (a diferenza de normativas ortográficas que podemos facer corresponder con cada autora logo de ler en que ortografía presentaron cadanseu perfil biográfico na lapela). No xogo de aparencia literaria (que pode non ter nada a ver coa verdadeira feitura do texto) procúrase crear un diálogo/duelo entre dúas maneiras de entender o erotismo literario.

O libro ten varias calidades e algúns defectos. Polo xeral, as poetas conseguen un ritmo moi interesante. Os versos conectan ben entre si e logran acompasarse cos ritmos respiratorios propios da excitación sexual ou nas pausas do recordo da persoa que desexamos, afastada, imaxinada non só co entendemento, tamén co corpo. Ese é outro dos acertos. Nunes e Rosendo crean un universo erótico real, sen medo ao vocabulario sexual pero claramente enfocado a captar a atención do cerebro, non só das terminacións nerviosas eróxenas. O campo léxico primordial, no entanto, é completamente corpóreo. Hai unha exploración anatómica da lírica empregada. As linguas e os beizos percorren os corpos femininos, detéñense, degustan, observan. Esa exploración cotiá do detalle brilla a gran nivel grazas ao distanciamento que esixe a fórmula de cartas entre as amantes.

Diáspora do amor balea, non obstante, ten carencias. As imaxes deberían estar máis traballadas. Hai como un arrouto das autoras por escribiren o primeiro que lles pasa pola cabeza. E en troques de naturalidade atopamos redundancia, imprecisión, comodidade. Atopamos présa. E para expresar esa obvia ansia que derrete as xemas dos dedos de quen espera pola amante non era preciso sacrificar a procura da excelencia e da beleza. Sobran algunhas frases feitas e perífrases que mancan a solidez dos poemas. Tamén se abusan de determinadas metáforas xa moi utilizadas na literatura erótica (demasiado mel, por exemplo).

O galego culto ten unha relación incompleta co erotismo. A pesar da gran tradición medieval, a sociedade na que se desenvolveu a literatura moderna non permitiu precisamente a edificación dunha lingua de suficiente altura expresiva ao redor do desexo e o corpo. Se ademais asumimos que a muller non tivo posibilidade de contarse a si mesma durante moito tempo, podemos considerar que calquera texto erótico escrito por mulleres en galego parte con esa desvantaxe de saída e amais de converter as palabras e frases en versos e estrofas están construíndo un novo corpus lingüístico. Conta Ursula Heinze que para escribir a súa última novela erótica, Delirios de pracer, ela, cuxa lingua nativa é o alemán, tivo que recorrer a unha amiga galega pero que aínda así non tiña libros literarios de onde tirar vocabulario e expresións. Recoméndolle que lea este Diáspora do amor balea e que esta e outra obra sirvan para constituír unha lingua erótica de altas capacidades. Sempre se di que a Xeración do 1980 logrou confirmar un galego culto autosuficiente para falar de todo. Agora é a vez das mulleres, de falaren daquela parte de si mesmas que se gardaba de ollos, boca e sexo para adentro.

♦ Diáspora do amor balea, de Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego. Caldeirón, 2017. 45 páxinas. ♠10€

One thought on “‘Diáspora do amor balea’, a metade do ceo da boca

  1. Excelente recensión. Ás veces é difícil conxugar inmediatez, éxtase e pulsión sexual cunha labra perfecta das imaxes, mais (polo que se di na crítica) o risco asumido produciu un poemario que ben paga a pena. Achegareime a el.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *