Doce libros recomendables do 2016
César Lorenzo Gil.
Co final do ano chega a época das listaxes. Tamén Biosbardia confecciona unha ducia, subxectiva e persoal, de títulos que nutrirían con gusto calquera biblioteca. Doce libros cos que paga a pena ocupar espazo no andel.
12. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Esta obra gañou o Premio Lazarillo 2015 e supón a volta da autora viguesa ao tipo de narrativa no que está máis cómoda: unha historia de corte fantástico con personaxes de ton novelesco clásico. Desta volta, Costas recrea o Vigo de finais do século XIX a través dunha estilización do escritor Jules Verne. Misterio, imaxinación e divulgación histórica nunha novela xuvenil na que a cidade viguesa se converte no gran protagonista. Edita Xerais.
11. Diario de Crosses Green, de Martín Veiga. Como un paciente debuxante que senta para contemplar a mecánica da natureza; como un científico encargado de mesurar os pasos da beleza. Así toma o seu labor de poeta o noiés, que neste libro publicado na colección ‘Tambo’ de Faktoría K inmortaliza non só a paisaxe irlandesa que apalpa cos ollos senón que crea un vínculo moi interesante coa propia realidade galega, tanto nun plano real coma simbólico. Paga a pena deixarse levar pola harmonía e o esforzo lírico da literatura de Veiga.
10. Crónica Córnica, de Francisco Coimbra. Primeira novela deste escritor que decidiu converterse en galego por vontade, non por nacenza. Mediante a anécdota imposible da resurrección esporádeca da lingua da Cornualla, constrúe unha metáfora sobre os pés de barro do imperialismo, cuxa metáfora quizais máis perfecta sexa a unidade lingüística. A novela é moi didáctica, redescobre a diversidade cultural da actual Gran Bretaña pero sobre todo destaca pola fidelidade de Coimbra ao seu estilo, baseado en certa solemnidade irónica e completo dominio do ritmo sintáctico. Foi finalista do Premio Xerais.
9. Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove, de Pasi Ilmari Jääskeläinen. Urco acerta ao publicar este libro, de grande repercusión en Finlandia. Primeiro porque eleva considerablemente o nivel do seu catálogo e segundo porque reconcilia a quen o le coa literatura que pescuda nese estraño instinto por coñecer historias. Cunha trama ben elaborada e divertida, o escritor finés proponnos unha viaxe ao cerne da creatividade, ao mecanismo (fantástico) de onde xorde un universo literario. A tradución é de Tuula Ahola e Tomás González Ahola.
8. Non hai outro camiño, de Isaac Xubín. Stara Selo é unha cidade marítima onde os seus habitantes teñen a falsa certeza de seren anónimos. É esta cidade, trasunto de todas as cidades, o protagonista dun cruzamento de historias cotiás, aparentemente anódinas, coas que o coruñés tece un universo orixinal e profundamente literario. Unha primeira novela que vai contracorrente, que inventa un mundo cun leve sabor iugoslavo con evocación en troques atlántica. A capacidade de imaxinar desde o palpable, a liberdade de non buscar efectos extraliterarios en cada unha das “escenas” que compoñen o libro e a “vontade arquitectónica” de Xubín fan obrigatoria a parada nesta historia sen historia que publica Xerais.
7. As almas grises, de Philippe Claudel. Publicada orixinalmente en francés no 2003, Rinoceronte publica esta novela (traducida por Moisés Barcia) que atravesa os xéneros policial, costumista e incluso histórico con gran solvencia. Claudel viaxa até o 1917, a unha Francia adoecida pola Gran Guerra que debe dixerir a morte dunha rapaza. O autor edifica un retrato moral sobre unha sociedade obrigada a cambiar ás présas e tamén a amosar as súas miserias e inxustizas. No literario, trazo áxil, economía de efectos e unha gran capacidade de combinar lingua accesible con algunhas imaxes poderosas.
6. Os fillos da fame, de Ismael Ramos. Con 22 anos, o poeta de Mazaricos convértese nunha das grandes promesas da literatura galega mercé a este libro que enche de luz e de potencia o salón algo acomodado da poesía propia. Este libro gañou o Premio Johán Carballeira de Bueu e está publicado por Xerais. Ramos ten dito deste libro que é o resultado da ollada dun neno da montaña que ve o mar, mais non un mar afastado, non, o mar que estaba xusto lambéndolle os pés á montaña. Mediante imaxes moi concretas, algo así como fotografías de hábitos diarios, sen importancia, rutineiros, o poeta vai confeccionando versos que conseguen evocar e estremecer a un tempo.
5. Elexías a Lola, de Xohana Torres. Aínda que este libro é só novidade en parte xa que parte do texto xa fora publicado noutros formatos, a aparición deste libro, editado por Engaiolarte e deseñado deste xeito, obriga a consideralo unha novidade, unha das grandes achegas á nosa literatura dunha das nosas grandes autoras. Xohana Torres fai un maxistral xogo co tempo, converte o pasado en presente e traspasa os límites do íntimo cara ao nacional sen perder a familiaridade. Poesía precisa que debera servir de ensino para todos os aspirantes a poeta.
4. De camiños, viaxeiros e camiñantes, de Santiago Lamas e Afonso Mato. Galaxia publica este texto, gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2015. Tomando como punto de partida (nunca mellor dito) a viaxe que en xullo do 1927 iniciaron os escritores ourensáns Ben-Cho-Shey, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo desde a Alameda do Cruceiro de Auria até Santo André de Teixido, os dous autores van elaborando un ameno e documentado percorrido sobre diferentes aspectos filosóficos, históricos e literarios ao redor do feito de camiñar, viaxar e peregrinar. Con este libro apréndese moito, non só do valor da viaxe en todo o seu contexto senón tamén das propias personalidades e obxectivos dos galeguistas do século XX.
3. O verán sen homes, de Siri Hustvedt. Traducida por Alexandre Tobar e editada por Hugin e Munin, esta novela do 2011 descóbrelle ao público galego a obra dunha das autoras estadounidenses máis interesantes das que permanecen en activo. A través do retrato dun fracaso matrimonial, a narradora da obra, unha poeta duns 50 anos cuxo marido inicia un namoro cunha moza, trascende as continxencias da súa relación para abrir as veas da súa personalidade, da súa visión do mundo e incluso das súas teorías sobre un mundo de temas. Mais a escritora nunca perde de vista a coherencia do estilo narrativo e o dominio do ton humorístico para relativizar a magnitude da traxedia. Imprescindible.
2. A candidata, de Miguel Sande. Relato por veces sombrío por veces esperanzado dos efectos da crise económica sobre unha familia. O escritor constrúe unha quebra persoal e colectiva mediante técnicas narrativas pouco convencionais e unha profunda pescuda nos interiores máis inaccesibles e menos racionais da mente humana. Ollada sobre os desexos e as frustracións, especialmente de dúas mulleres, nai e filla, ás que primeiro a miseria e logo a violencia lles vai cambiar a vida. Tamén é quizais a primeira obra narrativa que analiza os cambios políticos que supuxo a crise do 2008. Esta novela, publicada por Galaxia, gañou o Premio García Barros.
1. O ouro de Ourense, de Bieito Iglesias. Este libro, que se completa coas fotografías de Xulio Gil, é o mellor do ano porque consegue chegar con éxito e coherencia a un obxectivo múltiplo e complexo: ser a un tempo libro de viaxes e guía de Ourense, libro de lembranzas, libro de recompilación histórica, homenaxe a unha cidade que xa non existe… E en todas as facetas, Iglesias sae ben parado. A obra, publicada por Engaiolarte, xa queda como achegamento canónico ás tripas de Ourense para quen queira coñecela de verdade, por dentro, mais non co cheiro aséptico da mirada distante senón a través do estilo de ebanista do escritor ourensán.
One thought on “Doce libros recomendables do 2016”