BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Doce lúas’, ollada poética sobre unha vila mariñeira

Eva Moreda.

Entre as editoras galegas, Axóuxere é se cadra a que mellor cabida lles dá a proxectos de narrativa, ensaio e tradución que se apartan un pouco do convencional. Este é o caso de Doce lúas, con textos de Héctor Pose e fotografías de Alberto Rodríguez Fariña. O libro vén estruturarse en forma de diario ou breviario de entradas mínimas, sendo a voz narrativa a dun home que habita nunha vila mariñeira galega. A trama ou personaxes non resultan de importancia, senón que o fío condutor é a observación do contorno e as reflexións sobre el durante un ano (as “doce lúas” do título veñen sendo os doce meses).

Capa de ‘Doce lúas’.

Con estes vimbios, resulta case inevitable pensar na etiqueta “prosa poética”, que non sei tampouco ata que punto é algo máis ca un tópico. Talvez sexa máis axeitado dicir que o proxecto que Pose pretende sacar aquí adiante require, ao meu ver, rigor lingüístico, contención e capacidade de expoñer sen querer tampouco pontificar. Pose, aínda que non de todo, si que o consegue en boa medida.

Vou primeiro a aqueles elementos que me renxeron máis. Primeiro, un certo abuso ocasional de certas palabras “poéticas” (lembranza, ollar, melancolía, orballo, esborranchado, etc.). Segundo, un afán, tamén ocasional, por buscar o aforismo ou a metáfora arriscada e orixinal sen chegar a conseguilo de todo (“Ignorante do combustible vital que me resta, perdo os días”, “algúns días a tona do mar padece acné (sic)”). Hai que ter en conta tamén que isto último é case un problema intrínseco ao formato: nunha colección de textos mínimos nos que hai que dicilo todo nunha liña ou dúas, é case imposible que todos estean igualmente inspirados.

En troques, Pose déixanos outros fragmentos máis conseguidos, con máis ritmo e máis pegada (“Catorce pasos lévanme e devólvenme da orixe á diáspora doméstica, fronteira da dor”). Os máis destacables, porén, son aqueles nos que Pose renuncia ao decorado xenérico e bucólico de vila mariñeira e nos dá máis detalles do personaxe e do seu contorno. Vemos así un narrador que escoita a Van Morrison (“Eu esquivo o duelo e a desapracible intemperie arroupado con Van Morrison”) e le a Iris Murdoch (“Mergullado entre sabas, outro mar, o mar de Iris Murdoch, reaviva a dor da perda”), nunha vila na que xa non se dá a taberna na que botan a partida os catro vellos mariñeiros (“Atardezo pedindo un café no bar pasarela, lareira, disco-forum e muro de atraque”) e na que a xente usa unha lingua ás veces vulgar (“Dóeme todo menos a cona”), ás veces tocada polos castelanismos (“A calle, para nós, non só é un dispositivo para ir dun lado a outro”).

Non penso que Pose pretenda facer aquí socioloxía ou política, e os comentarios explícitos nese sentido son mínimos (“A virulencia da desfeita socioeconómica e a globalización esquilman o padrón e as rúas, nomeadamente de xente nova”). Tampouco vin un exceso de nostalxia. Non sei se Pose nos estará a dicir nada novo sobre o esmorecemento das vilas mariñeiras ou a súa reconversión en destinos de turismo masificado. O que si se pode dicir, porén, é que nos particulariza estes procesos nun espazo concreto a través dunha mirada máis inquisitiva ca condenatoria; isto, ao meu ver, e as fotografías de Rodríguez Fariña, fan que pague a pena achegarse a este volume.

♦ Doce lúas, de Héctor Pose e Alberto Rodríguez Fariña, Axóuxere, 2015. 108 páxinas. ♠15€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *