BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Domus’ vs ‘Ancora’

Xornada 3 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre María Pais e Fran Fernández Davila.

Domus

Agora a miña casa está dentro do ollo polo que vexo. Abro e fecho. Abro e fecho. Todo é escuridade fóra e eu son a que pon a luz co único ollo. Desde hai días non veñen nin a miña filla nin a neta. Cando me visitaban podía atrapar as súas caras e encaixábaas noutras imaxes que teño na cabeza. Chiscaba o ollo e lanzaba luz, sacaba como unha foto. Arrastrábaas para dentro, que é o único fogar que me queda: Elas sentadas á beira da cama. Lucía achegando un vaso de auga con palliña. Falándome: “mamá… aquí estás ben, as coidadoras son moi amables”. Elas colléndome as mans. Peiteándome o cabelo. Eu dígolles que quero ir para a casa, que vamos, que me leven, que vou. Intento erguer unha perna e non podo. Nunca me regresaron para casa e cando viñan abría o ollo para telas comigo o tempo que non me visitaban. Abro e fecho o ollo e nese golpe de luz no que vexo as súas caras podía lembrar con claridade cousas de antes: O parto de Lucía. Cando Alfonso levaba un ano sen traballo e o chamaron para Citroën, el poucas veces choraba. Ou o día que collín a miña neta en brazos que cheiraba a boliño de pan quente.

Sen elas os recordos vanse desfacendo no negro que está fóra. Intento lembrar. Desaparecen. O parto. Alfonso. A neta. Abro e fecho o ollo e vexo homes e mulleres protexidos con máscaras. Danme volta na cama. Poñen os tubos no brazo. Abro e fecho o ollo e vexo que veñen con traxes de plásticos. Abro e fecho e non hai ninguén que é como dicir que a luz do meu ollo non pode iluminar nada. Escoito un “axuda, por favor, non hai piedade”. Abro e fecho coa esperanza de ver a miña filla e non está. Nin ela nin ninguén e dóeme o corpo de estar na mesma postura durante horas, días. Non sei canto. Sinto tanta sede por dentro que se me quita da memoria todo. Fago por lembrar. Abro e fecho. O negro está a derruír o único fogar que xa me queda, como se as paredes do corazón se viñesen abaixo: Rompo augas para parir. Un teléfono non para de soar. Alfonso achégase a min, chora e as bágoas desfanlle a cara, di “axuda, por favor, non hai piedade”. Ergue as mans para entregarme o monstro que parín que é a miña neta de carne descomposta. Alguén abre o meu ollo para que bote a miña luz fóra. Non quero abrilo. Ábreno á forza. “Esa leva morta un par de días”. A que di así é unha voz de muller que se pon diante. Intentámonos ver entre a negrura. Eu a ela e ela o meu interior. A muller fala de novo: “Dios mío, está esta viva pero só ten pelello”. Digo que me envíen á casa. “Tranquila, tranquila” di esta voz de muller: “Cando mellore irá para a casa, agora vén unha ambulancia”.

……………………………………………………..

Ancora

Amador éche alto, así nervioso, e para min que non chega aos setenta. Sempre nos trata de «señoritas» e «porfavores»  con ese acento de Buenos Aires que lle acae tan ben. Ninguén diría que é un vello da residencia, coma nós. A primeira vez que o vin ata o confundín cun médico. Andaba rápido e a pasos grosos. Zapatos brillantes, pantalón de pinzas e camisa ben pasada polo ferro. Parecía o único con algo que facer. Saudaba en alto a todo o mundo e preguntaba sempre pola súa muller.

―Si la ven, díganle por favor que aquí la espero. No, señorita, ruego me disculpe, pero no me puedo entretener, que en un rato vendrá mi esposa a recogerme.

E así todos os días cada cuarto de hora. Pero ningunha lle soubemos da visita dun familiar. E menos despois de que entrase o bicho pola porta e nos fechase a todos. Cantos quedaron no sitio, meu Deus. O cuarto da tele quedou sen ollos e a nosa mesa das cartas foi perdendo mans. Faltounos Marita na brisca e logo Lucinda para a escoba. O día que non vin a Socorro no almorzo pensei que sería solitario.

―Eche cartas, Sabela, que hoy se retrasa mi mujer.

―E a que imos xogar agora, amigo? Dous velliños coma nós!

E o día seguinte xa non saín do cuarto, nin o seguinte nin o de despois. Oía choros e carreiras no corredor, pero ninguén entrou a axudarme. Perdín o alento e as ganas de comer. Sooume o móbil un día enteiro e non fun quen de collelo. Marchoume o sentido varias veces. Medroume moco no peito e pechóuseme gorxa. Non lembro se algunha vez me lavaron. Afoguei.

―Diga?

―…

―No, señorita, no se puede poner. Está en su hora de la siesta.

―…

―Si, señorita, se encuentra muy bien. Es que aquí las siestas son muy largas.

―…

―No se preocupe, yo se lo digo.

―…

―Si, señorita. Yo me encargo. Descuide, señorita. Buenas tardes a usted también.

Colleume da man e quedou ao meu carón.

―Vai de aquí, Amador, que che vou pasar o mal.

Non sei cantos días estivo así.

E hoxe é festa. Viñeron unhas mozas altas, preciosas, vestidas de branco. Trouxeron unhas caixas de polispán que cando as abren fumegan frío. Montaron o telderete na sala das curas e están a pasar a todos para picalos no ombreiro. A min dixéronme que sacase fotos.

―Y usted, Sabela, no se vacuna?

―Ti tranquilo, Amador, atende a xiringa, que eu xa estou ben coidada.

Poño ollo o no buratiño e reparo na súa estampa. Ducha recente, pelo perfecto, ben afeitado. En canto acabe imos tomar un chocolate.

8 thoughts on “‘Domus’ vs ‘Ancora’

  1. Que difícil, que difícil é desta vez a decisión. As dúas caras da moeda dunha mesma realidade, e as dúas historias encantáronme.

    ‘Domus’: Nesta o sentido da cámara é máis metafórico, e o enfoque, máis deprimente. Moi real e desacougante, quedamos sen saber o final, pero si se pode intuír.

    ‘Ancora’: Aquí gústame a presentación do personaxe, e a relación coa narradora. Tamén é máis lixeiro, malia tratar tamén a presenza da enfermidade na residencia. Gústame que transmita optimismo sen deixar de lado o lado máis triste da pandemia (coa mención aos que non sobreviviron).

    Custoume moito decidirme, pero o meu voto é para ‘Ancora’ polo traballo cos personaxes e ese espazo para a esperanza, e o amor.

  2. E deixo para o final o duelo, pois resúltame ben complicado decidir. Penso que, sen sabelo, ambos autores coincidiron no sentido do titulo. Quizais á foto está tan ben feita que se toma da mesma forma, porque eu pensei algo parecido ao vela.
    Domus encantoume co titulo, aínda que tardei en poder cólleo. é un relato complicado, polo menos para min, pero recompensa moi ben seguir a historia e volver unha e outra vez as frases. esta moi ben construído, o monologo interior reflexa o barullo que se debe ter na cabeza. Condénsao moi ben. Chega a ser desgarrador. A personaxe e o sentimento están retratados case de forma autobiográfica. Da algo de medo a capacidade de abstracción.
    Ancora tamén tira pola vea lacrimóxena. E ojallá se lle dese peor. Enxerta moi ben a situación actual, porque ao principio pareceume unha chiscadela e xa, pero dálle razón de ser ao final.As dúas personaxes introdúcense moi ben e funcionan perfectamente. Fíxome sentir mal nalgún momento. Como unidade pecha perfectamente e o dialogo é natural. Non ten unha palabra innecesaria. Teño una relación de amor odio coas frases da sala de televisión e a mesa de xogos, aínda me teño que aclarar sobre elas.
    O meu voto vai para Domus. Custoume, pero foi un pracer mergullarme nel.

  3. Dous relatos con dureza e profundidade, dous tons distintos e dúas historias moooi ben levadas. Dificilísima decisión.
    ‘Domus’: Custoume un par de lecturas pero sobre todo porque apuraba para rematalo e saír del. Non agardaba esta dureza da imaxe (que, de feito, creo que mandei eu), e púxome mal corpo. Creo que isto que tan mal soa é algo bon para o relato: un relato bo é o que nos fai sentir, aínda que sexa o que non queremos. Hai algunha parte algo confusa para min, pero paréceme que esa é a cuestión…
    ‘Ancora’: Encántame o ton natural da narradora e a súa picardía. Tamén cun anaco duro, pero con final feliz. Custoume un par de lecturas entender en que momento Amador senta ao seu carón.
    Vai o meu voto para “Ancora”.

  4. Outro duelo dificilísimo. Os dous autores demostran dominio do terreo en forma e fondo.

    Domus: a idea do corpo como unha casa que nos pecha e nos mantén atados é algo que me fascina e, neste caso, o autor ou autora úsaa con proveito para contarnos unha historia humana sobre a velliz, a enfermidade e a disolución da memoria.

    Ancora: desta historia destaco a viveza dos personaxes, especialmente de Amador (nomen omen), que case o podo ver entrar pola porta e saudar con ese aire inmaculado. Os diálogos son totalmente naturais e, como xa notaron os compañeiros, o final lanza unha mensaxe positiva que se agradece.

    O meu voto vai para Ancora.

  5. Moi difícil para min valorar este duelo. Os dous contos teñen un nivel alto, e sendo distintos comparten tema, e sobre todo están tamén moi apegados ao agora. Sinto que as dúas autoras tiveron versións da mesma inspiración, o que me fai difícil mirar para eles con distancia e máis aínda poñer un por riba do outro. Imos aló.

    Domus
    Concordo coas compañeiras, fixóseme moi duro, sabe golpear e non dubida, pega duro. A idea da foto imaxinaria quizais é un chisco “peliculera” de máis (perdón), pero si conecta ben co tema da memoria e mete a foto na imaxe con elegancia, así que nada grave. É evidente que se quere a través da lingua desimbricada xerar a confusión que nos faga empatizar coa enfermidade e creo que está ben medida, nucna chega a botarte fóra do relato, pero é abondo como para que te sintas incómodo. Normalmente este tipo de recursos fan que se o relato é bo pida segunda lectura, para ver se comprendes máis. Neste caso non, eu non quixen volver lelo a verdade, asumo a incomprensión como parte da experiencia. Un bo relato, poderían mirarse algúns detalles pero intentou algo arriscado con boa nota e consigue emocionar, aínda que sexa traendo fonda tristura.

    Ancora
    O ton é moi distinto ao de Domus, e aínda que non agocha as partes duras e a emoción, o final síntese como un sopro fresco e unha luz que precisabamos. Hai detalles ben coidados aquí: gústame como se constrúe a figura de Amador, da descrición física ao seu pasado só albiscado, o seu sotaque e os manierismos que case podes rozar. Tamén se fai un bo traballo no diálogo telefónico, que ten certa dificultade para que non pareza unha cousa ortopédica e falsa, pero non resulte tampouco críptico e faga avanzar a trama. O final quizais é un pouco frouxo desde a perspectiva narrativa, máis ten un aquel sinxelo que lle acae ben.

    Non sei, custoume moito decidirme, están moi parellos nos seus puntos fortes. Vou votar por “Domus”.

  6. grazas polas vosas valoracións. Non levei a vitoria pero quedei contenta co resultado e dar a talla contra o bo relato de Francsco. TEño que confesar que logo de escribir o relato quedei pensandoo en el e se cadra suavizalo un chisco…

  7. Grazas a todas e todos polos vosos votos. Despois do relato da xornada anterior (tipo peli de Nolan e ao que Moe Szyslak lle chamaría cousa rara porque si), quixen facer algo máis lixeiro, máis por min que vós.

    Cando se publicaron os textos, estaba seguro de que non gañaba. O relato de María paréceme sublime e doloroso, coma unha navallada no peito. Parabéns, María.

    Por certo, Amador, existe, aínda que non é arxentino, nin sei o seu verdadeiro nome. So espero que estea ben.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *