‘Dona Orraca’, nova sección de Historia en ‘Biosbardia’
A semana que vén publicaremos os primeiros artigos da nova sección ‘Dona Orraca’, dedicada á historia. Actualidade sobre libros, estudos e historiadores; informes, análises e opinións sobre temas relacionados co estudo da Historia.
‘Dona Orraca’ nace co fin de darlle a importancia que ten ao estudo da Historia. A pesar da súa cada vez máis escasa presenza nos catálogos editoriais galegos e os redundantes debates sobre a súa utilidade, a rendibilidade de manter os seus estudos e a dúbida constante sobre a súa manipulación, o certo é que tanto en Galicia como fóra o nivel de estudo desta materia evolúe ano tras ano. Amais de crebarse antigos paradigmas e introducírense novos métodos de análise das fontes e dos contextos, os avances tecnolóxicos están a propiciar unha verdadeira revolución no campo da arqueoloxía. Esa vitalidade académica compaxínase ben co interese do público, que devora novelas e telenovelas históricas. Estas obras de ficción as máis das veces difunden unha historia popular falseada e romántica pero en moitos casos espertan interese por saber máis sobre o pasado, o que favorece tamén as voces máis rigorosas e independentes, que poñen en cuestión os vellos dogmas que todos tivemos que estudar na escola.
O nome de ‘Dona Orraca’ é unha homenaxe á raíña de Galicia do mesmo nome (tamén coñecida como Urraca, aínda que na toponimia galega prevaleceu a forma con o inicial), que gobernou no século XII. Cumpre, polo tanto, dous obxectivos na nosa intención de revelar a historia que até agora foi silenciada, esquecida, arrombada no faiado: as mulleres, os marxinados, as clases sen voz, os movementos rebeldes, o poder que se escureceu para pór a luz noutros poderes que servisen mellor para controlar o discurso histórico sobre o presente.