Dúas necrolóxicas de Castelao

Xesús González Gómez.
Como se sabe, o 7 de xaneiro cumpriuse o 75º cabodano de Castelao. Cando o seu pasamento, toda a prensa republicana no exilio deu a noticia e houbo necrolóxicas, lembremos, ser irmos máis lonxe, a de Carles Pi Sunyer, o derradeiro alcalde republicano de Barcelona.
Na prensa anarquista, que sempre tratou ben a Castelao —non en van foran eles quen publicaran Atila en Galicia e Galicia Mártir[1]—, deuse cumprida nota do seu pasamento. No semanario España libre. CNT-Órgano en Francia de la Confederación Nacional del Trabajo-AIT, nº 187, datado o 29 de xaneiro de 1950, García Durán, en portada, publica, en castelán, o necrolóxica de Castelao.
Como se sabe, Juan García Durán era o «pseudónimo» usado por Luís Costa, de quen no 2001 A Nosa Terra publicou a súa «autobiografía»: Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, libro amplamente recomendábel. Se non dá vostede con este libro para saber máis do seu autor, pode dirixirse aquí.
MORREU CASTELAO
O artista e o home
En Arxentina, que do exilio era o país que máis amaba porque os seus douscentos cincuenta mil galegos lle facían sentir un pouco en Galicia, morreu Castelao. Este home, que Bagaría pintou coma un corazón a sangrar bágoas, era a encarnación máis exacta de Galicia, era Galicia personificada. Cando falaba naquel galego tan doce, tan suave, tan musical, era a marabillosa paisaxe de Galicia quen falaba, era o «glu-glu» dos regatos unhas veces, outras a brisa que mece a cabeleira dos nosos venerábeis piñeiros e outras o triste cantar con ecos de lonxe dos nosos pastores e carreteiros.
O seu xesto característico na tribuna era o seu brazo dereito erguido, coa súa man sempre tremente coma unha folla de outono que sente a dor do esgazamento.
Os seus discursos eran case sempre dunha rebeldía mansa, dolorosa, amarga. E eran así, porque así é a alma da nosa Galicia. Dos nosos campesiños xordos de desconfianza, por un humillado resentimento secular, a causa de tanto engano político-caciquil. E, como dicía Ortega, a voluptuosidade galega é un gozar da dor, una compracencia querulante na propia tristura e un deleitoso morrerse esvaído na melancolía atlántica.
Esa melancolía atlántica, esa «morriña» tan nosa, debeu serlle dunha dor terríbel ao verse tan lonxe da «terriña mai».
En Ourense celebrouse a semana de Lamas Carvajal[2], conmemorando o centenario do seu nacemento. Con tal motivo falou no acto o catedrático Otero Pedrayo, facéndoo en galego, coa indignación de certos elementos, cuxa indignación subiu de punto cando Otero dixo en fermosas frases que Lamas Carvajal quedara cego da mesma maneira que outro grande exiliado (Castelao), que alén dos mares está a quedar cego chorando por Galicia, e que é o galego que máis amou a Galicia en todos os tempos. Neste momento do seu discurso, o gobernador mandou tocar o himno da Falange con brazo en alto, mais Otero quedou cos brazos tendidos cara abaixo, o que fixo que a maioría os baixase e non acompañase o himno. Este xesto magnífico, que deixou na máis ridícula impotencia a un gobernador estúpido, debeuse ao gran cariño que o pobo galego sente por Castelao e que aproveitou esta ocasión para manifestalo.
Deixa varios libros escritos, entre os cales, o mellor, sen dúbida é Sempre en Galiza, que tiven a sorte de poder ler clandestinamente en España.
O seu famoso «Álbum» de estampas e debuxos de guerra, é ben coñecido para que eu o lembre aquí.
Foi durante anos o debuxante de Faro de Vigo. E lembro, aínda que daquela era un neno, que, durante a ditadura, nun dos seus debuxos presentaba dous campesiños a esperar na porta da casa dun cacique que este os recibise, e, nun balcón superior da casa, había un neno, fillo do cacique, que estaba a mexar. E, un deles, co paraugas aberto lle di ao outros: «Mexan por nós que temos que dicir que chove»[3].
O día que os restos deste gran galego poidan volver a Galicia, esta faralle a máis impoñente homenaxe que xamais se fixera a ninguén e, entre tanto, a dor da súa perda será chorada en silencio, cos puños apertados, e cos ollos dirixidos cara ao Atlántico dos nosos mariñeiros e dos nosos emigrantes, esperarase a súa chegada coma un símbolo de liberdade.
GARCÍA DURÁN
Apéndice
Días despois da aparición desta necrolóxica de García Durán, no semanario (comunista) Les Lettres françaises, daquel dirixido aínda por Claude Morgan, mais controlado de perto por Pierre Daix. Morgan marcharía do Partido Comunista en 1958; Daix, en 1974, acabando este último en posición, digamos, centristas e sendo colaborador do conservador Le Figaro. Daix, durante moitos anos, foi o martelo de disidentes e levado en diversas ocasión perante os xuíces, perdeu todos os seus xuízos, porque, simplemente, seguía as consignas emanadas de Moscova e a verdade era o de menos. Finalmente dirixiuno Louis Aragon. Diciamos que no semanario Les Lettres françaises, nº 297, 2 de febreiro, na sección «Á tous… piques!» (máis ou menos: Para todos… dardos!), da páxina 2, dábase conta do pasamento do rianxeiro. Polo ton do escrito, dá a impresión de que o «solto» foi redactado en Buenos Aires, aínda que ao incorrer nun erro demasiado clamoroso, vaian saber vostedes quen, finalmente, redactou a nota.Velaí o que se escribía no semanario literario comunista:
A morte do célebre caricaturista e escritor español Castelao, provocou unha grande emoción en toda a emigración española, en particular entre os refuxiados antifranquistas de Buenos Aires, cidade en que o defunto pasou os seus últimos anos.
Castelao representara a Galicia, a súa rexión natal, nas Cortes Constituíntes da República Española. Pero máis que pola súa acción política, é polo seu talento de caricaturista que asestou golpes crueis á tiranía franquista. Durante a guerra civil fíxose célebre polo seu álbum de debuxos de guerra. Algúns deles non deixan de evocar as augafortes de Goya. Por outra parte, unha destas estampas, reproducida en numerosos países estranxeiros, quedou na memoria de todos os españois: representa un mestre de escola fusilado polos falanxista en presenza dos seus alumnos, coa lenda: «Non matan, sementan»[4].
Millares de refuxiados antifranquistaas que residen en Buenos Aires asistiron ás exequias de Castelao, cuxa obra máis importante: Sempre en Galiza, vai ser reeditada en edición de luxo por subscrición popular.
Non é necesario dicir que a prensa franquista pasou baixo silencio a morte de Castelao, cuxo talento –é verdade que os intereses de España sempre se opoñen aos do réxime– honraba a súa patria tanto como inquietaba aos posuidores actuais do poder.
[1] Por certo, no semanario Le Libertaire. Organe hebdomadaire de l’Union Anarchiste, en diversos números de 1937, recomendan libros sobre España, entre eles: Attila en Galicia e Galicia Martyre.
[2] Por erro (de imprenta?) é citado sempre como Damas Carvajal
[3] En galego no orixinal,. García Durán da a tradución ao castelán.
[4] Ou quen redactou a nota non coñecía os álbumes de Castelao, ou sufriu un laso máis que brutal.