BiosBardia

O país dos libros en galego

Edelmiro López Iglesias: “Vivimos nunha Galicia máis próspera pero tamén máis pequena”

Edelmiro López Iglesias. SABELA VÁZQUEZ DÍAZ

César Lorenzo Gil.

Profesor de Estrutura Económica de Galicia na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago e ex director xeral de Agricultura (2005-2009), Edelmiro López Iglesias (Bilbao, 1960) é autor dun dos máis interesantes textos que recolle o libro Historia das historias de Galicia (Xerais, 2016), “Do atraso ao progreso económico de Galiza? Un proceso histórico á espera dun relato”, onde reflexiona sobre o cambio socioeconómico nun país contraditorio e aínda hoxe incapaz de reflexionar dunha forma realista sobre a súa identidade actual, lonxe das referencias que tradicionalmente a definiron. López Iglesias explica nesta entrevista como algúns tópicos sobre a nosa economía e demografía non resisten unha análise rigorosa.

É Galicia un país pobre?

Galicia é un país europeo de renda media-baixa. Nos últimos tempos superamos o atraso que definiu tan ben Xosé Manuel Beiras nos anos 70 mais seguimos suxeitos a moitas contradicións. Somos un país onde case todos os adultos somos propietarios de terras ao tempo que deixamos de ser un país pesqueiro e rural. A lista das persoas máis ricas do mundo está encabezada por galegos pero en cambio temos un alto índice de paro. Hai galegos que son penalizados por vivir no rural e non teñen igualdade en servizos e oportunidades ao tempo que se dan iniciativas tecnolóxicas e empresariais con éxito global. En definitiva, hoxe somos un país máis próspero pero tamén máis pequena. O peso demográfico no Estado descendeu notablemente en cen anos. Hoxe só representamos o 6% da poboación de España.

Ten Galicia un problema demográfico?

Galicia ten un problema socioecónomico coa taxa de ocupación. Hoxe hai máis ou menos a mesma cantidade de galegos traballando ca no 1950. É dicir, o que explica a nosa pirámide demográfica é a dificultade para crear os postos de traballo necesarios para aumentar a poboación. Entre o 1850 e o 1975, Galicia tiña un problema de emprego pero non de fecundidade. É dicir, a taxa de fillos por muller era moi alta pero como eses fillos non tiñan sustento na terra, marchaban; primeiro para América e logo para Europa e, en menor medida, para outras partes do Estado. Esta tendencia muda na época contemporánea. A emigración deixa de ser masiva pero xa nunca se recupera a taxa de natalidade daqueles tempos. Isto débese, naturalmente, a que a muller consegue autonomía na decisión de cando ser nai pero o factor importante segue a ser a dificultade para sustentar a poboación galega. Nese sentido, tal e como están as cousas, é preferible termos unha poboación estable, que nos axuda a repartir mellor os recursos. Mais as previsións non son alentadoras. Contan con que Galicia perda 1 millón de habitantes de aquí ao 2051.

O Goberno insiste en promover a natalidade.

O investimento en publicidade ou incentivos para que as familias opten por ter fillos é inservible. Entra nunha lóxica errada de considerar que os fenómenos socioeconómicos dependen da vontade da cidadanía e non de fluxos máis complexos. Imaxinemos por un momento que o PP consegue que de repente as mulleres galegas teñan máis fillos. Sen unha base produtiva distinta e con maior riqueza e emprego, de que serviría? Eses fillos, ao se faceren adultos, terían que emigrar para non morrer de fame. Así que seguiriamos tendo unha falta de poboación. Isto vese cando as institucións se conforman con conseguiren cifras de nacementos en zonas rurais deprimidas. A curto prazo conseguen que en efecto en tal ou cal lugar haxa máis nenos pero se logo non hai traballo e acceso a servizos e infraestruturas en igualdade de condicións coas zonas urbanas, a fin de contas, eses espazos han quedar baleiros igualmente.

Sen recambio xeracional, amais de sermos menos, seremos máis vellos.

O envellecemento da poboación é un éxito. Eu recordo persoas de 60 ou 70 anos que estaban ben desgastadiñas, moito máis do que están hoxe as persoas desa idade. A mellora sanitaria e na alimentación notouse e debemos alegrarnos de que aumentasen os anos nos que unha persoa vive en boas condicións. O que ocorre é que aínda non estamos, como sociedade, adaptados ao desafío que supón que unha gran parte da poboación teña eses rangos de idade. Debemos reflexionar sobre o modelo de pensións, encarar desde posturas de esquerda e con valentía a idade de xubilación para profesións sen carga física e pensarmos que o modelo de sociedade non envellecida é o de moitos países de África, onde apenas hai persoas de máis de 40 anos.

Moitas voces consideran que para solucionar o descenso de poboación, a muller debe voltar á casa.

Ese é un argumento reaccionario que en efecto se está a estender e que debemos combater con argumentos. A muller lexitimamente ocupa o seu posto na sociedade e non ten por que renunciar nin a cumprir os seus obxectivos profesionais nin á maternidade, se lle apetece. Igual ca os homes que queiran ser pais. Neste sentido debemos aprender das sociedades avanzadas neste ámbito, como Suecia. Alí conseguiron aumentar a taxa de natalidade grazas a dous conceptos nada “natalistas”: garantía de estabilidade laboral e flexibilidade na conciliación. As parellas non teñen fillos mentres a situación económica non estea clara e se non teñen claro que poidan cumprir coas necesidades da crianza.

Unha sociedade cun terzo da poboación maior de 65 anos, como se prevé, non obriga a repensar tamén o modelo económico dos coidados. Que opina de voces coma a de Vicenç Navarro, que propoñen un gran plan de investimento público en atención a dependentes?

Esa liña era a que marcaba a Lei de Dependencia do PSOE e que quedou derramada. Si é certo que Galicia podería ser un excelente campo de probas onde testar ese novo modelo económico porque amais de ter moita xente maior, caracterízase por un modelo de espallamento da poboación que obriga a medidas imaxinativas para garantir a súa atención. Eu estou de acordo en que se as institucións fosen ambiciosas poderiamos converter a Galicia en vangarda dun sistema que ao final se ha espallar por todos os países desenvolvidos. O coidado aos maiores é e será aínda máis unha fonte de negocio e de emprego. Negocio xa o está a ser. Hai moitas empresas enfocadas a cubrir as necesidades da terceira idade naqueles casos onde as persoas de máis idade o poden pagar. Mais como ocorre na sanidade, debe ser a Administración pública a que complemente e universalice a oferta. E nese ámbito hai unha enorme bolsa de traballo. E insisto, se hai postos de traballo, xérase riqueza, recupérase poboación, ben a través da inmigración ou do retorno dos galegos emigrados, aumenta a cotización social e garántese o sistema de pensións. E velaí remata o problema, o falso problema demográfico.

Vostede comenta que desde o 1975 deixamos de ser un país emigrante. Mais a sensación é que gran parte da mocidade galega está saíndo traballar fóra.

Hai que distinguir a evolución 1975-2008 do que pasou logo. Nese primeiro período estabilizouse a poboación e incluso chegou a medrar timidamente no período expansivo da década do 2000. Era o tempo do retorno dos emigrantes e a chegada de inmigrantes, principalmente africanos e latinoamericanos. Mais ese engadido poboacional non foi relevante para modificar a estrutura demográfica. Explícome: os retornados pertencían a un rango de idade alto, xa non fértil. E os inmigrantes foron os primeiros en marchar cando chegou a crise do 2008. Amais, desde ese ano asistimos á marcha de xente nova, como dicías. Cal é o problema? Que a estatística só recolle migracións referidas nos padróns e, sinceramente, cantas das persoas mozas que están marchando realmente mudan de domicilio oficialmente?

No artigo publicado en Historias da historia de Galicia, vostede repara tamén no efecto das infraestruturas sobre o territorio. Influíu a AP-9 na división, case simbólica entre o Atlántico e as provincias do interior?

As infraestruturas, por si soas, non condicionan procesos económicos. Pero si os afianzan ou, pola contra, poden reenfocalos. A AP-9 claro que marca esas dúas Galicias pero a realidade é que a fachada atlántica xa levaba tempo recollendo poboación e gañando en dinamismo. Ten lóxica e responde a un proceso peninsular. Se nos fixamos, tanto España como Portugal están a xirar sobre os seus espazos litorais. A cuestión é investir en infraestruturas con intelixencia para integrar territorios e facilitar fluxos. Se mañá hai unha liña de tren con moitas frecuencias entre Pontevedra e Vigo iso vai crear dinámicas imprevisibles entre ambos espazos. Xa o tren rápido entre A Coruña-Santiago-Ourense está a posibilitar cambios visibles, a pesar de levar tan pouco tempo en marcha.

Que opina vostede do proxecto do AVE en xeral?

O deseño radial das infraestruturas do Estado español prexudica a economía galega. En Catalunya e Levante téñeno claro. Non necesitan chegar a Madrid, necesitan comunicarse con Europa mediante o Corredor do Mediterráneo. Aquí, a patronal aínda non se decatou de que o importante é favorecer que o dinamismo da costa portuguesa entre o Porto e Lisboa chegue a Francia a través do Eixo Atlántico-Cantábrico, que é a vía máis rápida e na que se debería estar a investir máis diñeiro. E insisto, non para construír vías e poñer estacións baleiras senón para dotalas de moita frecuencia que favoreza a exportación de mercadorías e o transporte de persoas.

Mais electoralmente, a infraestrutura puntúa. Velaí os tres aeroportos.

En efecto, o localismo e a falta do compromiso cun proxecto propiamente galego motiva que teñamos tres aeroportos modernos e cun alto nivel mais que en realidade non son autónomos de Madrid. Ao final, o aeroporto dos galegos é o do Porto. Poucos investimentos máis ineficientes houbo ca eses.

Vostede sinala que Galicia non é periferia, que está no centro das grandes rutas marítimas, polas que circula a meirande parte do comercio internacional.

E non estamos aproveitando a nosa posición xeográfica para nada. Outravolta preocúpanos que se Ferrol vai ter un porto, que na Coruña non sexan menos. Proxectos como a Autroestrada do Mar non se aproveitaron e apenas se explota a oportunidade económica de sermos zona de paso dos grandes mercantes. Mais insisto, para iso cómpren dúas cousas que sufrimos: decisións que se toman no Estado e que ignoran as potencialidade galegas e a falta dunha visión galega en conxunto na acción política.

No seu texto incide en que Galicia xa non é un país rural mais que a nosa identidade segue ancorada nese mito.

Coido que os procesos de cambio social que se deron en Galicia foron tan rápidos e profundos que non fomos quen, como sociedade, de asimilalos na consciencia colectiva. Pensemos que o proceso de cambio de actividade económica no sector primario en 50 anos foi en Galicia tan profundo como en países como Francia ou Alemaña en 150 anos. De aí que ás veces a imaxe que miramos no espello non sexa real. Non somos o país do home da caxata e a muller do pano negro no medio da aldea nin tampouco o da paisaxe bucólica onde non pasa nada. Os galegos acabamos por crer a imaxe que proxectan os medios de comunicación masivos, deseñada en Madrid, sobre nós. Incluso na literatura, coa excepción de Suso de Toro ou Manuel Rivas, foi a cultura galega valente para superar o que “queremos ser” polo que realmente somos. A min gustábame moito aquela estampa de De Toro na que se facía “apoteose do churrasco” e se vía a xente do rural de hoxe facendo cousas reais e non aquelas que supúñamos que facían porque eran as que transmitira Xosé Neira Vilas en Memorias dun neno labrego.

Antes falabamos de que a solución demográfica é en realidade unha solución económica. Que sectores poderían axudar a gañar en emprego?

Tradicionalmente, Galicia é un país rico en materia prima alimentaria. Eramos o país da pesca e do agro. Hoxe non chega con producir peixe ou carne ou leite. O rendible é controlar todo o proceso de transformación, que é onde se pode gañar valor engadido. A industria alimentaria debería ser estratéxica, igual que o é nos Países Baixos, por exemplo. Hai que aproveitar o enorme impulso investidor dos gandeiros nestes anos. Tamén sigo pensando que Galicia debe seguir a ser punteira na industria do transporte: automóbil e naval. No primeiro caso, o problema é que a propiedade de PSA é de fóra e sempre a fábrica de Vigo vai depender dos movementos da compañía a nivel global. No segundo, coido que faltou un proceso de apropiación de todo o sistema produtivo. Os estaleiros galegos especializáronse na montaxe de barcos, sen crearen industria auxiliar, como ocorreu co automóbil. E é por iso que ao único que aspiran esas industrias é a que “caia do ceo” algunha oferta para construír un buque militar ou un barco de Pemex. E competir nese papel con países con Corea é, francamente, imposible.

Por suposto, o futuro de Galicia como economía ten moito a ver co que pase no resto do mundo. Mais parece que a cousa está moi confusa na UE, que non ten claro que modelo de sociedade quere.

Europa foi durante moitas décadas unha referencia socioeconómica. Propuxo o Estado do benestar como pacto social mais non conseguiu en todo este tempo estendelo máis alá. Se miramos hoxe o mundo, o noso modelo social é minoritario, non se dá nin en Asia nin en Rusia nin en América; moitos menos en África. Polo tanto, para moitos, o noso foi un soño e debemos abandonalo. E van intentar que a UE o abandone. Mais Europa tamén tivo certa culpa. Porque durante esas décadas tamén considerou que a industria xa non debía ser o piar da economía, así que a deslocalizaron e dedicáronse ao sector terciario. Mais sen industria á que servir, para que os servizos? Hoxe sabemos que a industria debe voltar a Europa mais tamén queremos industrias limpas, modernas e baseadas na tecnoloxía. É factible isto nun contexto no que Asia reclama tamén un cambio económico? Onde a China ten pendente un fabuloso proceso de cambio? E cuns EUA que seguen a reclamar a súa posición como gran potencia militar. Non é doado o papel que vai xogar o noso continente.

Levamos case unha década de Goberno Feixoo. Pensa que xa hai elementos dabondo para considerar os danos da súa xestión? Estou a pensar, principalmente, na desaparición das caixas e, polo tanto, a dependencia financeira na que quedou Galicia.

Hai xa elementos que podemos considerar definitivos, si. Por suposto a economía non depende unicamente da acción política dun goberno pero ten influencia. O balance dos anos 10 ha ser penoso, en varios ámbitos. O actual panorama financeiro si, por suposto. A venda do que eran Caixanova e Caixa Galicia motiva, por un lado, que gran parte do noso capital financeiro xa dependa dun banqueiro venezolano, sen vínculos reais nin permanentes co territorio. E tamén explica a creba de moitas empresas ou a frustración de moitas iniciativas que se fincaban nese trato preferencial coas caixas para o acceso ao crédito. Feixoo, en realidade, non ten política económica. Ou imos considerar facer política ir de comercial dalgunhas empresas para conseguir contratos a México?

No 2009 o PIB galego equivalía ao 93% do PIB medio da UE. Hoxe estamos, no mellor dos casos, no 85%. Esa perda de riqueza é enorme. Hoxe a Xunta está gobernada coma unha deputación, sen máis función ca repartir recursos para manter o sistema político a salvo. Os conselleiros son simplemente xefes de servizo ascendidos sen capacidade política e o presidente, que asume toda esa responsabilidade, aférrase unicamente á fama de bo xestor, de bo contable. E incluso podo darlle a razón. En San Caetano conseguiuse un xeito solvente de levar as contas pero para iso non fai falta un gobernante, chéganos cunha xestoría. U-la política industrial? U-la imaxinación para mellorar a capacidade produtiva da economía e evitar a emigración e o paro?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *