‘Ego’ vs ‘O pozo’
Duelo final do Torneo Punto e Coma de Narrativa. Érica Couto fronte a Marcos López Concepción. Tema: ‘Seca’.
O pozo
Cando dividiran o soar entre os dous irmáns, Amador quedara co anaco no que estaba o pozo. Leonora, por ser a menor, escollera primeiro. Preferira o cacho máis grande porque, tendo auga corrente, quen ía precisar dun pozo? Os irmáns fixeron cadansúa casa. Leonora casou primeiro e tivo tres fillos. Amador tardou algo máis. Emparellou con Severina e non xerou. Morreu novo, e terreo, casa e pozo pasaron a mans da muller. E logo, chovidos uns anos, houbo unha seca como non se recordaba na aldea. Enxugáronse as pozas, retearon a auga e empezaron os lumes.
Co nariz pegado á regaña que quedaba entre a persiana baixada e a soleira, Leonora non lle tiraba ollo á cuñada. Severina pasaba as tardes na eira espantando moscas coa man. Seica lle gustaba papar daquel sol que queimaba. «Coma as lagartas», pensou Leonora.
Mentres andaba nestas xeiras, o Tobi achegóuselle picando coas unllas nas baldosas.
–Porco, limpa as patas! Non hai auga para fregar e ti énchesme a casa de terra!
O can rabuñoulle a perna co fociño seco e Leonora apartouno co pé.
–Co ben que nos viña a auga do pozo para regar! Pero mira se ela nos di algo! E usar, non a usa, que a teño de ollo todo o día. Ha de lle chegar co balde que enche pola mañá coa auga da traída. Como non ten fillos! Esta vaime oír!
Leonora saíu e achegouse ó muro que fixera construir para separar o seu do da cuñada. Antes que muro fora cercado de rede, e antes diso, unha liña de aire entre dous marcos de pedra.
–Está todo seco –dixo.
Severina rengueou coa cabeza como dicindo si.
–Temos toda a horta queimada. Isto é un desastre –seguiu.
–Din que vai chover dentro de pouco –terzou a outra.
–E a ti non se che secou a cortiña?
–Non. Queres vela? –e Severina acenou ó único tramo de espazo que o muro non cubría, enriba da arqueta da auga, como invitándoa a pasar.
«Ti tes ganas de me vir foder, cuñadita», pensou Leonora.
–Has de ter pementos, leitugas, tomates –continuou.
–Claro, muller.
–Regas coa auga do pozo, ou?
–Rego, rego.
Severina respondía aos piques da outra co primeiro que lle viña a boca e Leonora, vendo que pouco lle ía tirar do bico, rematou:
–Bueno, déixote que sigas a tomar o sol.
Pasaron os días e a seca púxose brava. Leonora fervía cunha única idea: «Eu éntrolle no eido e voulle ao pozo, que o pozo era do meu pai!». Na noite na que os lumes abateron a primeira das aldeas circundantes colleu un caldeiro cunha corda e pasou pola fenda do muro. Ergueu a tapa e botou o balde, que bateu no cu de pedra. Tirouno cara a arriba: nin pinga. Cando o botou por terceira vez empurrárona dentro. Desde o fondo seco viu a cara de lúa de Severina que tapaba a abertura.
–Dixeches que o pozo tiña auga –dixo Leonora, aparvada.
–Tamén che dixen que ía chover.
…………………………………………….
Ego
Coa man na mingarola e a foto de Rosalía dediante, Chiarroni puía cada frase das súas novelas igual que se lle quitan os cantos aos caramelos no ceo da boca. Había un cento de autores, clásicos e contemporáneos, cos que lle funcionaba poñerse quente para que a inspiración prendese na páxina en branco. A habelencia de escribir cunha soa man lle deixaba a outra libre para fretarse e acabar iluminado como un lucecú. Empregando eses modos publicara con Xeraxia. Cando lle rexeitaron o segundo manuscrito chamou o seu editor.
–Non… non… non –O repenico das negativas de Xavier, desde o outro lado da liña, deixaba alongado o eco dos enes–… É unha historia moi bruta.
–É orixinal, non hai cousa así nas librerías –replicou Chiarroni.
–Por algo será –Xavier xa se fatigara da insistencia do escritor–… Mira. Con sinceridade, eh? A outra novela caducou nos palés. Tes que te saber vender, machiño. Ser menos troglodita. Amosarte nas redes para gañar lectores.
–O que tiven foi mala sorte coa crítica –Chiarroni recordaba como en Biosbarnia recalcaran que o seu estilo era de mix de reguetón–. Esta é mellor.
–Claro, e a seguinte será superlativa. Considera o mandado que che fixen. Avísame se tes algo antes do quince.
Colgou enrabechado cavilando no encargo de escribir, para a colección infantil, as aventuras na escola dun Cthulhuiño pequeniño. Cando chegou o día da entrega cativárase no openoffice aberto en canal. Tiña unha seca de ideas. Non fora capaz. Non atopaba o texto. Tampouco lle axudaba imaxinar que a súa novela anterior estaría no Alcampo (oferta 0,50) xunto cos cadernos de colorear para matar o estrés. Coa lentitude dun cascarolo meneaba a pixa repasando retratos de escritores (T. Feixon, Emma Caneiro, Ken Fole…) ata que o gobernou unha sensación de culpabilidade que cheiraba, sen saber por que, a polo con curry. Nunca lle pasara o de quedar sen escribir. O rabo acurrunchouse na palma como un molusco.
Logo dun mes aluado polo problema apareceu a Luísa na porta. Coñecéraa na presentación do seu primeiro libro e a visita colleuno fóra de xogo porque xa había que non falaban. Deulle vergoña que advertise o abandono do piso e entornou a entrada. Ela quería deixarlle un ficus para que o regase porque blablabla… unha chispa barrenou no pozo seco mentres a escoitaba falar dunha viaxe de última hora. Marchou apurada e Chiarroni meteu a planta na biblioteca. Pescou unha fotografía dentro dun álbum. Luísa mais el, xuntos. Daquela estaba namoradísima. O pasado troulaba na memoria. Dobrou a imaxe ocultando un dos dous e comezou o meneo de pirola. Borboriñou a auga na tripa. Sentiu o gozo do nacemento dun conto. Unha idea, aínda pequerrecha, que o enchía. Fitar para si mesmo naquela foto era como enfrontar dous espellos. Escoitou a voz propia. Lembrando o que lle recomendara o seu editor para gañar lectores, asomou en directo a unha xanela de internet amosando o seu quefacer creativo nun vídeo que se espallou entre o gran público.
O pozo
“Cando dividiran o soar entre os dous irmáns, Amador quedara co anaco no que estaba o pozo.”
É curioso o caso de “soar”, na RAG dao por bo pero no Estraviz non. Busqueino porque nunca o oíra.
O inicio do relato está realmente ben. No primeiro parágrafo partimos de 0 e rematamos con toda unha historia familar sabida e listos para entrar no corpo do relato. Coa informacion xusta e perfectamente estruturada.
Tamén me parece moi boa a forma de contarnos que as duas mulleres non se levan moi alá, e como a seca se sente en cada liña do texto de maneira natural (gracias a Tobi).
O diálogo entre as 2 está ben, pero véxolle un problema. É accesorio. Ó final todo está igual que no principio. Se o autor/a quería apostar por este dialogo como prato forte, entón debeu borrar isto:
“–Co ben que nos viña a auga do pozo para regar! Pero mira se ela nos di algo! E usar, non a usa, que a teño de ollo todo o día. Ha de lle chegar co balde que enche pola mañá coa auga da traída. Como non ten fillos! Esta vaime oír!”
Por que é a mesma informacion. Severina ten auga, sabe que Leonora non, e pasa olmpicamente de axudala. Eu optaría por eliminar este ultimo “monologo” de Leonora.
“Pasaron os días e a seca púxose brava.”
O de que “pasaron os días” era prescindible. Por que non ese mesmo día, coa mala hostia inda recente?
Gustoume o final de que o pozo estaba baleiro. En cambio, non comprendo por que Severina tira a Leonora dentro do pozo. Paréceme que non ven a conto. É buscarse problemas de forma absurda. Que sentido ten iso? Se se nos dixera que se levaban a matar, ou que Severina estaba tola ou que tiñan contas pendentes… pero non, tirouna ó pozo. Puido darlle co sacho o día antes ou afogala na cama a noite seguinte. Deixar o pozo sen auga e meter logo o dialogo final era un moito mellor remate, cun xiro argumental natural. É que ata me ten mais sentido que Leo tirara é pozo a Seve, porque Leo lle ten ganas e sabémolo. É a enganada. Pero Seve a Leo, por que, por entrarlle na finca?
Ego
“A habelencia de escribir cunha soa man lle deixaba a outra libre”
o seu era un “deixáballe”
Ainda me falta por ler o final, pero xa vin algunha cousa interesante. Pensei que o inicio ía ser anecdotico, pero por sorte non foi así. Primeiro móstrasenos o seu método creativo e logo vemos como fracasa por causa/consecuencia da seca que está a sufrir. A chamada ó editor ven reforzar esta idea, danos info nova e mételle máis presion á personaxe. Quedou bastante redondo.
“Logo dun mes aluado polo problema apareceu a Luísa na porta.”
E por que non ese mesmo día? Que nos aporta ese mes se a fin de contas nos ves dicir que está cabo dese mes igual que agora?
Vaia. Quedei coa mesma sensacion que co anterior relato. Por que é necesario axigantar tanto as cousas? Por que todo ten que rematar sempre cun gran estourido? Tiñas a imaxe perfecta, autor/a. A tua personaxe, falta de inspiracion, “autoestimulandose” cunha foto súa. Quedara unha imaxe estupenda e orixinal, cargada de significado. Eu deixaríao aí. Pero vale, entendo que talvez ti querías contar algo máis. Poida que quixeras falar tamén do exhibicionismo dos escritores nas redes. Eu que sei, está ben. Para min unha idea mata á outra e gústame máis a primeira. A segunda paréceme só un chiste forzado. Inlcuso o de que “se espallou entre o gran público” soa rancio.
O meu voto vai para “Ego”, gustoume máis. Baixar ás catacumbas da mente dun ser apoucado sempre ten premio, e se é un escritor torturado, inda máis.
«O pozo»
A primeira frase non me gusta nada. E penso que quedaría moito mellor pór: «Cando dividiron». Adoro Amador. 😆 Leonora e Severina non están mal tampouco, sobre todo tendo en conta o significado que ten con respecto á historia; pero claro, Amador… ❤ Se cadra é máis cousa miña que nada, pero penso que os nomes están ben escritos. Tamén o Tobi, nome tan de can, está moi ben escollido. Gústame moito que escollan ben os nomes. Gústame o Tobi con esa bondade de seu, inocente, resolutiva e necesaria. ❤ Lembro un Tobías tamén noutro relato deste torneo (ou non? Si, creo que si😏😏😏). Porén, o primeiro parágrafo paréceme que sufriu poda da gorda. Grosa do mal. Penso que houbo problemas aquí serios de pasarse de 500 palabras e nótase. Sen contar, dígoo. Hai machadazos potentes que fan minguar considerabelmente a calidade das oracións e da escolla léxica (moi rica e que se perde ao comezo tamén na voz narradora, innecesariamente). Ademais, non só nun conto pequeno, senón nun primeiro parágrafo…!
Gústame a inserción de frases feitas, pero se cadra abúsase de que sexan con ollo («tiraba ollo á cuñada», «que a teño de ollo todo o día»). Como sempre, tendo en conta que é un conto de 500 palabras e que unha delas non a di unha personaxe e non está, neste sentido, xustificada. Sóbrame algo.
Fáltalle o til ao infinitivo construír. Despois, hai tamén algunha vírgula mal posta…, pero non incido máis sobre isto. Atopo no texto achegas novas para o meu vocabulario, como renguear de algo que non sexa unha perna (bonita imaxe mental e con potencia narrativa, abofé) ou o verbo «retear», que me gusta moito e anoto. Grazas.
O final apetece. Estaba rosmando no caletre desde a entrada inicial un final do estilo. Pouca orixinalidade, para o meu ver, pero se cadra porque estaba condicionada de saber como podía estar construído o conto. Mais creo, sinceramente, que houbo unha carencia na administración de palabras. Non as contei, pero teño a sensación esa da tala en varios puntos. O relato non é, para nada, dos mellores que escribiu esta persoa no torneo (sexa quen sexa, porque ambos os dous merecidos finalistas escribiron cousas mellores). Haille que dar voltiñas, na miña opinión. Así, o conto non funciona. Pódenme gustar ideas que aparecen ou cousas puntuais, que si; pero non funciona.
«Ego»
Que guai «mingarola», por favor. 😆Como me gusta. Hahahaha. E vaia imaxe para comezar, con esa sensación pegañenta no ceo do padal (cambiaría «boca» por «padal», por certo).
Neste relato, os nomes non me parecen tan ben acaídos, pero si que entendo certos xogos fonéticos con eles. Eu preferiría outros nomes, pero vale. No que ten que ver coa puntuación, fáltame algunha vírgula nalgunha frase para descansar a respiración, problema que penso que se resolvería cun par de días de repouso do relato e volvendo a el cos ollos descontaminados de telo escrito. Noutras ocasións, sobra vírgula (antes de «e»). Tamén penso que «curry» debería ir en cursiva. Basicamente, polo y grego. A pesar destas cousiñas, considero que o conto non sufriu tanto como o outro na poda para meterse nas 500 palabras. Dígoo sen contalas, pero flúe sen atropelarse, para min. Non vexo a ferramenta de corte dun xeito tan claro.
Penso, por unha banda, que o feito de como se trata o tema nesta historia vai ser polémico nos comentarios: o tema podería ser seca ou baleiro ou ou ou… A min váleme a seca de ideas, pero si que penso que o conto podería estar pensado antes de saber o tema perfectisimamente.
Penso, por outra banda, que a forma de levar a historia da inspiración e do proceso creativo é un prato forte que adoita funcionar. Boa escolla neste sentido. Sempre é bonito, para persoas que escriben, saber que lle pasa a outros escritores ou de onde tiran a auga para saciar á seca de ideas, mesmo cando eses escritores son ficción. Tamén houbo relatos mellores pola parte desta persoa, sexa quen sexa.
O meu voto vai para «Ego».
O último duelo! Dous combatentes perigosos, hábiles e moi talentosos. Parabéns a ambos.
O Pozo:
-Drama interfamiliar en menos de 500 palabras. Guai!
-Lois ten razón, o xiro sinistro do final, aínda que mola, non parece xustificado no propio relato.
Ego:
-Divertida reconstrucción do proceso creativo, das manías dos escritores, a dicotomía o que vende/o que quero escribir, e algunha cousa máis.
-A crise creativa, o inimigo silencioso.
Ambos relatos creo que teñen un problema: por mor do espazo, paréceme que os seus finais son demasiado acelerados. En ningún dos dous casos estraga o conxunto, pero hai que telo en conta.
Voto por ‘Ego’. Grazas ós dous polo espectáculo. Sexa quen sexa, este ano o premio cae en boas mans.
Unha reflexión xeral: Este duelo final foi de alta calidade. Parabéns a Erica e a Marcos. Demostrastes todo o torneo a vosa habelencia e esforzástesvos por facer unha final moi interesante e competida. Grazas!
O pozo: É un relato moi ben construído. O autor/a demostra que ten un dominio absoluto sobre o ritmo e a construción das atmosferas. É un relato moi orixinal e cheo de pregas narrativas. Houbo quen se queixou dun final “abrupto”. Eu non o vexo por ningún lado. Hai relatos costumistas, hai relatos evidencialistas, hai relatos polaroid. Este é un relato de final aberto e inquietante. A ninguén o pode tomar de novas logo de ler o texto. Todo conduce cara a un desenlace “estraño”. Os relatos de sorpresa final poden ser circulares pero tamén son interesantes estes outros. Por poñer unha pega, os diálogos merecían máis traballo e algúns parágrafos precisan reescritura para que quede todo a grande altura.
Ego: A autora ou autor tamén é un virtuoso do dominio da linguaxe narrativa. Está todo calculado e funciona a nivel rítmico de maneira excelente. Tamén demostra ironía e hai algunha imaxe moi lograda, como o dos caramelos no ceo da boca. Pero, na miña opinión, aí acaban os éxitos. Interesoume pouco a trama. Primeiro por vista: o bloqueo creativo, o escritor anguriado porque non vende, o editor que pon prazos… tamén me resulta algo obvio tecer esa liña entre a incomprensión da literatura e o suceso frugal da internet. Queda todo demasiado superficial, demasiado esquemático.
Voto por ‘O pozo’.
Parabéns aos dous autores polo camiño feito e por esta final tan interesante.
“O pozo” é un relato tirando a clásico, tanto nas maneiras coma nas formas. Acerta de pleno coa galeguidade das personaxes (envexa, marcos e certo surrealismo). Tamén está moi ben montado o ambiente xeral. Faltan un par de cousas ao meu ver, algo máis de brillo nos diálogos, algo máis de envexa e xenreira no dialogo interior da protagonista e algo máis de excentricidade previa na cuñada. Así é todo algo sutil… A frase do final é moi boa.
“Ego” paréceme máis sólido. Conta moitas cousas acerca do que supón escribir para moita xente e faino cunha gracia tirando a triste. O patetismo do protagonista está moi ben debuxado. Ese concepto de que toda obra é unha palla tinguida por un gran autor e de que comezas a ter realmente peso como escritor cando a palla xa vai sobre ti mesmo é desternillante (e terriblemente certo). Aparte de que o texto está adobiado con varias metáforas moi conseguidas e efectistas.
Eu son máis de pallas. O meu voto vai para “Ego”.
Graciñas pola final!
“O pozo” gustoume moito, véxolle un ritmo moi axeitado, incluíndo o final, aínda que moitos de vós non o vedes así. Tamén o dominio da linguaxe e vocabulario, sen caer na pedantería. Encantoume “cara de lúa”, xa que Severina estaba a ver a súa cuñada desde abaixo. Xenreiras familiares, unha persoa sen moita bondade (Seve) e a súa cuñada, que sofre as súas xenreiras pero que é unha psicópata de carallo. Intúese unha historia previa de ofensas e odio.
Tamén me agradou “Ego”, por motivos distintos. Tira polo humor, e tócanos a fibra a todos nós (escritores, escribentes, escribidores) falando de egos de escritores e secas creativas (si, para min axústase ao tema de “seca”). O ritmo é correcto, pero non me encaixa a aparición da “ex” nin sei que aporta á trama. E final por todo o alto, “mingarola” (encantoume a palabra, anoto) en man.
Dito aquí, vimos grandes relatos e grandes duelos neste concurso e pagou a pena lervos a todas/os. Esta é a final, e en canto a nivel, non decepcionou para nada, ao contrario. Se volvemos ao boxeo, non hai KO posible e o gañador será aos puntos, e será axustado. Parabéns aos autores, para min gañaron os dous e levan un carreirón neste concurso, de menos a máis. Como sigan así, verémolos publicados en Xeraxia 😉
E como hai que votar, para min está mellor “O pozo”. Pareceume máis redondo e interesoume máis a historia, a que conta e a que está por contar. Sen desmerecer ao outro, moi bo tamén.
Voto por “O pozo”, que me parece que non o formulei claramente 😛
«O pozo»
Xa na primeira liña, dúas na fronte: soar e Amador. Ao Amador rénxelle soar e ver o seu nome escrito. Nunca ouvira soar. Pode que se empregue nas cidades. Pero a min sóame mellor leira, predio, eido… E por riba emparéllasme con Severina? Nome de mandona? Normal que morrese novo! Ben, xa me tes matado. Xa vin que non me chiscas o ollo para gañar un voto. Agora podo seguir co relato. Retear, outra palabra que non coñecía e que non aparece (como tantas outras) no dicionario da RAG. Pero ben polo primeiro parágrafo: xa temos introducida a historia en ben pouco espazo.
Ha
delle chegar, eu diría Halle chegar, pero é cousa miña. Fermoso: unha liña de aire entre dous marcos de pedra. Lévanos ao tempo en que chegaba con iso. E a ti non chesesecou a cortiña? Para min que sobra o reflexivo. Non che secou…? Pero tamén son cousas miñas. Hasdeter pementos…. Máis cousas miñas.A historia, malia esas cousas miñas, flúe con axilidade até o final. Pero eu tería deixado o relato na palabra abertura . Está ben que a miña viúva diga que ía chover como resposta á frase da Leonora que é pouco críbel. A min non me tiraron nunca nun pozo, pero non creo que as miñas derradeiras palabras fosen esas.
«Ego»
Grande relato tamén. Cincocentas palabras ben aproveitadas. Neste non hai cousas miñas que comentar. Non tiven que me deter porque me renxesen os dentes simplemente porque eu tería dito ou escrito as cousas doutra maneira. Gustoume o das aventuras na escola dun Cthulhuiño pequeniño. Se non é un proxecto da (persoa) autora, anímoa a convertelo nunha realidade.
O caso é que coido que lle daba o espazo para afundir algo máis no dualismo entre narcisismo do Chiarroni e narcisismo nas redes. Quero dicir que semella que a autora confórmase co golpe de efecto da palla pública (e non está mal como acto supremo do narcisismo: facer público algo privado) pero demórase demasiado polo medio do relato na autocompracencia do Chiarroni que xa tiñamos comprendida ao chegar ao Cthulhuiño. E isto si que son cousas miñas porque eu non son ninguén para lle dicir a outro ninguén o que ten que contar nos seus contos.
O meu voto vai para «O pozo» (e non ten nada que ver que a autora me dese un papel sen frase) 😉
Parabéns ás dúas. Moi bo traballo.
E como estas son as miñas derradeiras palabras en Biosbardia, quero aproveitar para felicitar ás que non chegaron aquí pero déronme o agasallo dunhas historias coas que desfrutei. Tamén ás que escribiron relatos que non me chegaron tanto (pero débolles, que menos, o esforzo por intentalo e recibinos tamén como un agasallo).
Para rematar, agradecer tamén o esforzo nos comentarios. Incluídos os de Sheldon Cooper. Por veces cabreáronme moito, pero rematei por concluír que non están feitos con maldade (iso si, tivo que pasar bastante tempo até decatarme… é que o roce fai o agarimo). Penso que os comentarios son, moitas veces, máis nutritivos que os propios relatos. Aprendín moito de vós. Sodes collonudas. Agardo a vos ler na próxima edición.
Graciñas polas palabras, sobre os relatos e comentarios, Amador.
En canto ao de que os comentarios ás veces cabrean… Usar a sinceridade para tallar un texto é o que ten. É coma o ácido, proe. Outras veces tampouco escollemos demasiado ben as palabras e podemos ferir sen pensalo sequera. Imaxina que a min, de me chegas a chamar Sheldon Cooper, igual ata me parece mal e todo (non sei se mo chamaches a min, vamos). Espero que ese agarimo do falas prenda dabondo para o abandono desos motes tan innecesarios e, por outra banda, infantiles. Saúdos.
Non te deas por aludido David. Non quixen ferir ninguén. Xa só faltaba que as miñas derradeiras palabras vaian facer que alguén se sinta mal. E non, David, a sinceridade non proe. Proen outras cousas…
O dito, gocei e aprendín moito nesta aventura e só teño palabras de agradecemento para todas.
Interesante e reñida final! Pido desculpas pola demora en votar, pero… non teño excusa, ando a mil e, polo tanto, na póla completely 🙂
Parabéns aos dous, moi bos relatos!
–O pozo–
Encantoume o comezo, só lle cambiaría unha coma (concretamente, a de despois de “Morreu novo”). Tan pouco texto ten unha cantidade de historia e de ambientación brutal. Encántame a expresión “chovidos uns anos”.
Estou de acordo en que na parte de diálogo sobra algunha cousiña ou falta algunha outra; xa sabemos que non dá a vida para aquelar os textos ao 100%. De Leonora sóbrame e de Severina fáltame. Pero penso que a historia continúa moi ben, complementando a posta en escea, se ben se podería traballar máis.
Quedo coa dúbida de se onde se di do muro non faltará algo:
“achegouse ó muro que fixera construír para separar o seu do da cuñada”
Aí hai 3 muros. Se falta “terreo” só hai un muro 🙂
Que significa “retear”? E “renguear”? Non atopei (busquei pouco, iso si).
A min gustoume o final. É sorprendente, pero é que a prosa curta adoita estar definida por finais sorprendentes, ou iso cría eu! 🙂
Con algunha peguiña, pero gustoume moito.
–Ego–
Outro bo texto que, por desgraza, non me entra por tema e non mo amaña co desenvolvemento. Ten frases preciosas e moi traballadas. A introdución está ben construída e queda redonda co final. O que me parece despois é abrupto, en varias cousas. Mesmo se a introdución é boa, para chegar ao enfado paréceme que a conversa co editor se precipita. Gustoume o uso de nomes reais modificados 🙂 E o Cthulhuiño, estouno vendo. Pero non entendo que llo encarguen se a anterior non foi boa… Meh. Tampouco sei por que ten que pasar un mes nin o por que da historia de Luísa. Paréceme que está pouco traballada e para estar así, mellor non estar (opinión moi persoal, eh). O de saír en internet tampouco o vexo necesario, como lle pasou a outra xente: mesmo se entendo a procura do xiro apoteósico final, abondo me parece o peche da idea do inicio (onanismo inspirado por escritores, pasar a ser o autor que o excita a el mesmo).
Creo que se nota que vou votar por “O pozo” e así é 🙂 Pero moi bos relatos!
Parabéns! Hala que non queda nadiña 🙂 :*
O meu voto vai para “Ego”, os dous son relatos con moita honra. Gracias aos autores polo esforzo¡
Gustoume como trata o tema e o formato. É A chamada resultoume ben escrita e en ningún momento me pareceu algo forzado. En conxunto é unha marabilla. Moi redondo cun primeiro parágrafo que me gustou e dende logo un relato digno.
“O pozo” é outro relato que lin con moito gusto. Ten un estilo limpo pero noteille algunhas frases que me sobraban. O final encantoume aínda que non acabo por pillalo de todo. En cambio, o comezo está bordado e os diálogos moi traballados. Agradezo moito ás horas que se notan detrás de cada obra.
Como resumo, foi unha oportunidade enorme e alégrome moitísimo de tela compartido con vos. Un saúdo¡
O meu voto vai para “O pozo”. Encantoume a historia que conta, ese odio que se lle ten ó veciño (e se é da familia aínda máis). Agroterror en estado puro. Mi ben escrito e narrado, estiven pegado á pantalla do ordenador case sen respirar agardando o final. E que final! Moi bo.
“Ego” é moi bo relato tamén. Escachaba a rir con cada frase pero faltoume algo ó final. Moi interesante o xeito de inspirarse do protagonista, non descarto polo en práctica cando pase por una seca de ideas. O relato lembroume por momentos a “A conxura dos necios”.
Moi bo duelo, digno dunha final. Parabéns á/ó campioa/ón porque o mereceu.
Xa na final! Gústame ler o contos o primeiro día e deixar uns días antes de votar. Desta non tivemos tanto tempo, pero xa onte o lin en canto puiden para deixalos repousar algo. Antes de nada, parabéns aos dous finalistas, dando dura batalla ata o final.
O pozo.
Na primeira frase tamén me chama a atención “soar”, non porque non coñeza a palabra, senón porque a asocio a unha linguaxe administrativa, de rexistro civil, que non sei se se axeita ao ton xeral do relato. No tema de forma, suscribo todas as “cousas súas de Amador”, eses pequenos detalles de verbos non pronominais, ou non colocar a preposición, restan un pouco de forza ao rexistro coloquial das personaxes, que se chega a notar aínda máis nos diálogos, quizais a parte que menos funciona do conto, como xa comentaron algúns compañeiros. Tamén quero destacar as dúas frases de ollos: “Leonora non lle tiraba ollo á cuñada” pareceume unha frase xenial, moi descritiva e unha expresión que nunca escoitara. Porén, despois úsase ” que a teño de ollo todo o día”, onde xa non só non sorprende, senón que se fai reiterativa. Quitaría unha das dúas, probablemente a segunda. Isto xa o comentou Clara.
Creo que o conto ten moito mérito a nivel estrutural, o primeiro parágrafo en particular, onde se consegue sintetizar moita información en moi pouco espazo, colocar a atmosfera e o ritmo que vai seguir o relato. Quizais no último parágrafo como dicía Lois, non faría falta que pasen días, colócase un periodo de tempo baleiro que non engade, se tal quizais réstalle forza aos ímpetus de Leonora.
En canto ao desenvolvemento de personaxes, gustoume moito como se caracteriza a Leonora, sobre todo por medio do seu diálogo interior. Comentan algúns compañeiros que quererían saber máis de Severina, pero eu creo que quizais a maior virtude do conto é precisamente negarnos esa información, desequilibrar o que sabemos das dúas, pero deixando oco para a imaxinación. Eu creo coñecer moito de Severina, sei o que pensa Leonora dela, e son consciente de que é unha esaxeración. Esa maneira de debuxar de xeito desigual ás dúas protagonistas é un recurso que acho bastante orixinal, e que dota ao conto dun ton inquietante, que vai máis alá do que podería ser un costumismo puramente clásico.
Como comentario ao fío dese costumismo. Probablemente sexa polas miñas propias lectura e proxectos persoais, pero quero ver no conto un punto de ciencia ficción. Esa seca e eses incendios constantes, teño a sensación de que Amador, Severina e Leonora non viven na Galicia do pasado, senón da dun futuro escuro e un tanto apocalíptico. Se non era a intención da autora/autor, a min váleme hehe.
Sobre o final. Ao principio deixoume un pouco frío, antes que nada por unha cousa de verosimilitude. Se te tiran a un pozo, o golpe que levas é moi gordo. Podes non quedar inconsciente, pero quedarás parvo uns minutos, iso seguro. Tal como está narrado, parece que a caída e o diálogo final pasan sen pausa, e iso sacoume un pouco da historia. O meu instinto inicial era tamén que Severina non a tire ao pozo, mantendo o diálogo final, como comentaba Lois. En todo caso parabéns por esas dúas frases finais, son moi boas e evocadoras. Cunha segunda lectura porén, creo que estou máis con César e vexo con mellores ollos o final tal como está. Esa violencia que non acabamos de entender, cadra co ton inquietante do conxunto, enlaza con todo o que non sabemos desas dúas mulleres e dese mundo.
Ego
A nivel de forma Ego paréceme un relato cunha cantidade de ideas impresionante. Moitas metáforas e imaxes potentísimas, comezando por eses caramelos na frase inicial que xa deixan coa boca aberta. “Unha chispa barrenou no pozo seco”, despois de ler o conto anterior, que gusto cando un conto ecoa de xeito sutil noutro. Gran dominio da lingua. Ai, a mingarola hehehe
Tamén no xeito en que constrúe o seu mundo a través de detalles. A idea do pequeno Ctuliño na escola, os detalles dos nomes modificados de editoriais, escritores ou Biosbardia, a imaxe dos libros no Alcampo. Era importante esta construcción para que puidesemos sentir o drama do personaxe de Chiarroni puidese golpearnos. Faise moi ben tamén.
Porén, creo que o conto constrúe uns vimbios xeniais, tanto na lingua como de ambiente, pero para min non acaba de conquistarme a cerna da trama. Entendo por onde quere ir, a contradicción entre o que queres ser e o que debes ser, as loitas para crear, as cuestión de para que creamos. Pero ao final todo o conto queda nunha sensación de amargura e cinismo que non me molesta, pero na que non vexo arco, non vexo evolución, nin caída nin alzamiento cara a esperanza. Precisamente por iso non me acaba de convencer o final. Gustoume moito a idea de que o escritor se excitaba coa súa propia fotografía, pero a palla online ao final, non engade nada e síntoa como un pouco efectista. O detalle das redes anteriormente non ten máis peso que calquera outro dos que constrúen o mundo pero ao final é decisivo. Destrúe a un personaxe que no fondo desde a primeira liña xa estaba destruído. A propia palabra “espallar” que podería ser un bo chiste, fáiseme ao final desagradable, porque non sinto que o relato debese rematar así e aí. É unha magoa porque reitero, había moitas feituras no relato para algo moi moi bo, pero non remata de dirixir cara unha mesma dirección todo o que constrúe.
Voto por O pozo, e agora xa rematado, quero dar as grazas a todos, polos contos escritos e os comentados feitos. Eu aprendín moito e paseino xenial. A ver cando ven a seguinte.
Acabada a votación, a gañadora do II Torneo de Duelistas Biosbardia-Punto e Coma é Erica Couto, por 6 votos a 5. Parabéns á autora, pola súa brillante traxectoria. Oxalá, se hai futuras edicións do torneo, o seu exemplo sirva para convocar un maior número de escritoras. Neste punto tamén quero agradecerlles ás outras autoras o seu compromiso co torneo. Natalia, Ana, Clara, Sabela, moitas grazas!
Tamén quero felicitar a Marcos moi especialmente por ter chegado á final e mostrar desde o inicio unha altísima ambición literaria. Esta ambición foi compartida por todos os demais: Lois, Amador, Adrián, Carlos, Guillermo, David, César, Fran e Gabriel.
Moitas moitas grazas!
Grazas a ti polo currazo que te pegaches!!!
Parabéns a gañadora, Érica, mestra de atmosferas e gran narradora. Grazas tamén a César pola organización e a todos vós polas críticas que levo para mellorar, e os afagos para os contiños que quedaron atrás. Son consciente que gañar cun relato sobre pallas sería a repera (je! chistaco), pero vou contento con este segundo posto nun concurso no que a calidade de todos os participantes fai moi difícil pasar de fase e chegar á final xa é un premio. Un pracer ler os vosos relatos, e compartir paixón polas letras e pola escrita. Aperta!
Buf, xustiño, xustiño! Non vos queixaredes do espectáculo que montamos Marcos e máis eu para a final!
Agora en serio, hai que agradecervos a todas e todos o tempo e a atención que adicastes a ler, escribir e comentar. Isto é, máis que un torneo duelístico, unha escola de escrita. Aprendín moito de vós. Tanto é así que agora vén a parte difícil: recoller todas as suxerencias e revisar os textos para tirar deles o mellor. Teño a sensación de que xa somos todas amigas!
Se me dades uns días de tempo hei responder os comentarios desta última fase con calma, que hoxe teño a tarde e a noite enleada e aínda non rematei de preparar o temario de sumerio (que diredes vós: “E para que mo contas?”, e teredes razón).
Marcos, hai que patentar e “espallar” o método Chiarroni por eses mundos! Ou igual xa é de dominio popular e eu non me enterei, hahaha. Un relatazo, compañeiro. Hai moito que aprender de ti!
Bicos para todos e todas!
Parabéns á gañadora! Menudos relatazos! Apertas a todos e todas :*