‘El ogro patriótico’, así se configurou a España moderna
César Lorenzo Gil.
Que relación ten o deseño territorial, político e económico da España actual co seu exército? En que momento o militarismo español pasou a ser decisivo para entender o devir histórico do Estado? É quen o exército español de manter a súa neutralidade partidaria? Estas preguntas obteñen resposta no libro El ogro patriótico. Los militares contra el pueblo en la España del siglo XX, publicado polo historiador compostelán Xoán Carlos Losada na editorial Pasado & Presente hai pouco máis dun ano.
A obra, que poderiamos definir como un ensaio divulgativo de tese, non se conforma simplemente con facer un percorrido polo comportamento do estamento militar na época moderna en España senón que establece unha correlación de acontecementos e decisións políticas para explicar determinadas características da milia española actual que a fan peculiar no contexto europeo e que esixen dos analistas e actores políticos dunha atención constante, non só para entender o seu comportamento diante da evolución dos acontecementos senón tamén como prever os seus tics autoritarios para que non acaben volvendo ser un axente de inestabilidade e ameaza contra a democracia.
Losada considera que o xerme dunha ideoloxía que poderiamos definir como militarismo moderno hai que buscala en dous elementos da historia española de finais do século XIX que foron fundamentais no evoluír do Estado posteriormente: a Restauración borbónica e a perda das colonias, o chamado “Desastre do 1898”.
Por unha banda, España entrou no século XX maniatado por un réxime borbónico, personalista e ultraconservador amedoñado por todos os avances políticos que puñan en cuestión o statu quo do século XIX. Alfonso XIII foi un monarca temeroso, desconfiado do seu pobo e incapaz de propoñer unha lectura política complexa a un Estado que viña de deixar de ser ultramarino e onde abrochaban as primeiras reclamacións nacionalistas, especialmente en Catalunya, en convivencia coa extensión das ideas socialistas e anarquistas nun contexto global de revolución das clases proletarias contra os abusos dun capitalismo que acumulara excedente durante décadas sen permitir un mínimo de dignidade laboral, xustiza social ou eliminación da miseria.
Nunha xogada de consecuencias históricas quizais imprevisibles, Alfonso XIII pactou unha alianza a longo prazo co estamento militar para utilizalo como “ogro patriótico”, forza de asalto contra calquera posibilidade de cambio sociopolítico en España. Losada explica que o momento concreto haino que buscar na historia do Dereito, xusto cando o Estado mirou para outro lado cando o exército esixiu ter xurisdición sobre informacións, caricaturas ou bromas publicadas contra a milicia, especialmente en publicacións catalás, a conta do ridículo da alta oficialidade durante a derrota da Guerra de Cuba. No momento no que o Estado deixou que os militares “axustasen as súas propias contas” contra o catalanismo e o marxismo que lles facía burla, considera Losada, o seu protagonismo como forza reaccionaria privilexiada polo monopolio da violencia foi facéndose imparable.
O exército español foi acomodándose na España moderna en base a ideoloxemas que hoxe seguen a ser fundamentais na filosofía colectiva do Estado: a unidade da patria, a nostalxia imperial, a uniformidade en base ao herdo “común” castelán, como cultura peninsular superior que se foi impoñendo ás outras.
Esa construción ideolóxica plasmouse no práctico sobre dous elementos que tamén hoxe seguen vixentes: a inestabilidade de Catalunya e o labor do exército non como profiláctico fronte a ameazas exteriores senón como vixilante dos valores patrios fronte á propia poboación. O catalanismo foi visto nos cuarteis como a pinga que sobordaba o vaso, logo da perda das colonias. A resposta militar para frear a ameaza da secesión era implacable e ultraviolenta e o seu alento de forza decisiva foi aproveitado pola alta burguesía catalá cando precisou combater a outra revolución que viviu Barcelona, a das folgas e reivindicacións esquerdistas, punta de lanza das mobilizacións contra as inxustizas laborais en España que o exército asumiu como un movemento tamén antipatriótico, por ir en contra da monarquía e, polo tanto, do sistema establecido.
Losada asegura que a violencia sobre Catalunya non foi maior grazas a que España atopou en Marrocos un campo de “desestrés” para ese exército, pouco preparado no técnico, preguiceiro no militar, pero sumamente inflamado no emocional. Marrocos e os periódicos desastres militares foi válvula de escape, mais tamén experiencia de adestramento para os militares africanistas que máis tarde asumirían a responsabilidade práctica da “salvación de España” ao planificaren o golpe de Estado do 18 de xullo do 1936.
O franquismo foi, en palabras de Losada, a culminación do militarismo español e gran parte do libro expón como esa ideoloxía: reaccionaria, ultraconservadora, violenta… foi arraigando nos cuarteis até facerse imposible diferenciar do propio oficio militar. Se identificamos franquismo con militarismo, non hai hoxe estamento armado, por moi moderno que nos puidese parecer desde fóra, por moita insignia da OTAN e misións internacionais de paz das tropas españolas, que estea a salvo do verniz nacionalcatólico. Desde os principais símbolos ás homenaxes que se prodigan en academias, cuarteis e destacamentos. O exército do século XXI segue infectado por esas ínfulas de salvapatrias, de aí que non sexan exóticas as declaracións de ex militares sobre o número de españois que convén fusilar, a forza electoral de Vox entre a Garda Civil ou certa connivencia tácita e perversa que se asume case como natural entre ideas de ultradereitas e membros das forzas armadas.
Losada, no entanto, tamén percorre os intentos que houbo, desde a época de Alfonso XIII por crear un exército diferente, xustamente enfocado a servir de elemento de defensa da maioría da poboación. Amais de sinalar experiencias coma a Unión Militar Democrática, recorda que, tradicionalmente, foron as áreas máis técnicas da milicia (artillaría, aviación) as máis “progresistas”, con capacidade para xerar discursos alternativos ao oficialista e incluso acumular mártires (hoxe esquecidos na súa gran maioría) que caeron por defender a democracia.
Este libro debera ser de obrigada lectura para politicólogos, historiadores e políticos, sobre todo de esquerda e con vontade de coñecer as engrenaxes do poder real en España, sometido a pesar de todos os avances e cambios, a esquemas férreos con moitos anos de experiencia no control dos mecanismos e alicerces do Estado.