BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Electrosó’ vs ‘Ensináronnos a terlle medo á liberdade’

Soidade. CEYHUN JAY ISIK/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo C. Carlos Vega contra Natalia Lema. Tema: A soidade no século XXI

Electrosó

Carlos Vega.

Asunto: Nom de plume

Data: 17/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

Boas, Huesos, encántame o feito de que te publicases aos 19 anos. Encargareime de pedir unha copia. Podo axudarche dalgunha outra forma? Non falo español nin galego pero teño lido os teus relatos desde, creo, maio de 2015 e estou fascinado do teu talento, intelixencia, orixinalidade e conciencia cultural. Encantaríame saber máis da túa historia e filosofía. Creo que algún día chegarás a ser un dos grandes escritores ibéricos. A nota do teu libro suxire que vives nun mundo máis de libros que de persoas, eu son similar excepto que o meu mundo é pintar e debuxar, vivindo só nunha gran casa cerca de Oxford, Inglaterra. Pero cando un familiar íntimo morreu tras cinco horribles semanas no hospital escribín o bosquexo para a historia “Sala de morte” pero foi demasiado depresiva, non gótica, senón macabra. A morte e o suicidio teñen un gran papel no teu traballo. Todos compartimos brevemente a mesma conciencia pero o escritor ou o artista poden convertelo nunha obra de arte, literalmente no teu caso, e incluso a súa morte chega a ser unha mestría.

Deséxoche boa fortuna nos teus futuros esforzos e gustaríame ter noticias túas algunha vez,  o meu correo electrónico alasdairporter@gmail.com.

De feito o meu nome é Julian, A.Porter só é un nom de plume para a internet, A…. era un amigo  que morreu polo mar, de forma romántica, sen comprender o poder da Natureza.

Best Wishes Boa sorte. Julian.

 

Asunto: Tecnoloxía¡

Data: 20/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

Mon cher Valmont, alégrome moito de que a entrevista fose ben, celebrareino con champaña e porto! Só podo desexar que estiveses aquí comigo.

Non es o único que se sente en 1924 coa tecnoloxía, eu estou en 1724, tamén teño plumas, tinta e cera para selar. Por exemplo o meu escritorio ten 200 anos e un dos meus coches xa anda polos 30 (Pasatempos, xa o sei). Agardo non estar a desperdiciar o teu valioso tempo alí onde vives.

Estou encantado de que che vaia ben meu querido amigo.

Os meus mellores desexos. Julian.

 

Asunto: Tecnoloxía¡

Data: 27/03/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

[…]

Cando me preguntan pola miña sexualidade intento evitar contestar. Intentei amar a mulleres pero non foi bo.

Estou máis atraído a homes pero o sexo con eles é imposible, non podo nin mirar.

Así que non son nada. Que se fodan todos.

Como Frankenstein sento só nun bloque de xeo. Busco un compañeiro amable que non me desaprobe.

Ou se ría.

 

Asunto: Sobre ti

Data: 10/04/2017

Destinatario: caloshvega@gmail.com

Autor: alasdairpotrer@gmail.com

O teu inglés é precioso, escoitarte falar español debe ser como mel quente. Copiei todos os nosos correos electrónicos nun pequeno caderno polo moito que me gustan.

Cando estiven na libraría intentando comprar Aldea sentíame orgulloso de dicir “É de Carlos Vega Pérez”.

Quero que teñas a vida que mereces con libros, escribindo, unha libraría e familia encantadoras.

Es único.

Sinto se isto é difícil de traducir.

Os meus mellores desexos. J.

…………………………………………….

Ensináronnos a terlle medo á liberdade

“Ensináronnos a terlle medo á liberdade, medo a tomar decisións, medo á soidade.

Vas quedar soíña? Por que tan soíñas rapazas? (…) “

Marcela Lagarde, A soidade e a desolación

 

Natalia Lema.

Chegou a casa e pousou as chaves no recibidor, o único son notorio que se escoitou foi o suave contacto do metal co recipiente. Todo estaba en silencio, nun silencio atronador que facía que as paredes se tornasen opresivas para ela. Paula recostouse na parede e exhalou un trémulo suspiro. As mañás na oficina eran igual de asfixiantes. O son dos teléfonos bruando antes de seren descolgados, os compañeiros bulindo e as triviais conversas que se estendían pola sala de telefonistas daquela tan coñecida marca estatal. A vida é así, tanta xente podes ter ao redor e sénteste soa e desolada por antonomasia.

Agora entra na ducha. Enche a bañeira sentíndose unha pinga de auga doutra cor no medio dun océano inmenso que ningunha relación garda con ela. A auga non é nada máis que unha metáfora da súa vida. A soidade é algo intrínseco na súa persoa, algo co que naceu e unha forte carga que leva sobre os ombreiros. Pésalle na alma que sempre lle digan se ten mozo ou onde van os seus fillos coma se os trinta xa fosen unha idade provecta. Pésalle querer estar soa e vivir rodeada de xente que só é ruído. Tan fonda é a incomprensión.

Agora saca de vagar a roupa. Primeiro o groso xersei de la, o pantalón, o suxeitador e acaba deslizando as súas bragas até caeren aos seus pés. Como cada tarde, somerxe o seu pé na auga e proba a súa quentura. Está fervendo, como a ela lle gusta. Somérxese enteira na auga con présa e o calor, mesturado co vapor, envólvea. Esa era a soidade, espallada polos corazóns de tantos e tantos humanos ao longo da historia, en tan variadas épocas.

Logo, cos ollos pechados acercou a súa man á entreperna e empezou a masturbarse lentamente. Nunca a soidade lle pareceu tan atractiva.

18 thoughts on “‘Electrosó’ vs ‘Ensináronnos a terlle medo á liberdade’

  1. Vai o meu voto para “Ensináronnos…”. E non vai contento, pero “Electrosó” non o entendín, non vexo historia ningunha, só un personaxe que se define nun par de correos. E iso que en “Ensináronnos…” hai incongruencias verbais, moito clixé e imaxes moi manidas. Pero mira, polo menos acaba estupendamente 😀

  2. Eu tamén voto por “Ensináronnos”. O reto de contar unha historia cun cruce de correos electrónicos, paréceme moi ambicioso, pero non o vexo para un relato de 500 palabras. Non lle chega o espazo para contar a historia que, supoño, quere contar. Pode que se lle dá unhas voltas poida aproveitalo para unha historia máis longa…

  3. Ambos relatos dejan en mi boca un sabor que no acaba de llenar mi estómago. Siento que les falta algo, quizá un punto fuerte, quizá se deba a la forma de expresión, lo desconozco.
    ‘Electrosó’ me transmite una idea más cercana a nuestro ‘siglo de la comunicación/globalización’. La idea de dos personas, cada uno en un extremo del mundo, que vagan por internet en busca de algo o alguien que les escuche, algo que sea capaz de despertárlos. Se nota el miedo que Julian tiene a molestar a la única persona por la que ha sentido curiosidad en mucho tiempo. Doy por hecho que ha perdido un tanto de esencia al ser traducido. Me encantaría poder tener acceso al original.
    Por otro lado, ‘Ensináronnos …’ me transmite un tipo diferente de soledad, una soledad elegida, incluso dulce. Me muestra a alguien fuerte, que resiste los embates de lo cotidiano con una salida sexual. Paula me hace sentir, me transmite calor y rebelión, pero me deja a medias.
    En resumen, mi voto va para ‘Electrosó’. Muchas gracias a ambos regalarme estos deliciosos minutos de lectura y reflexión 🙂

  4. Coido que non acabo de entender o que nos quere contar “Electrosó”; a soidade das personaxes, mañia estaren teóricamente en contacto grazas ao correo electrónico? Se ese é o tema do relato, gústame, mais o tratamento non é nada efectivo, quedo cunha sensación de desconcerto, e de que algo falta no texto.
    “Ensináronnos” fala da soidade indo máis alá: da presión social se, pola razón que sexa (ou sen ningunha en concreto) unha muller decide non ter fillos. A idea desa soidade buscada, na que a protagonista se sinte ben, é orixinal. Por iso, o meu voto vai para “Ensináronnos”.

  5. Penso que «Ensináronnos a terlle medo á liberdade» reflicte, en certos momentos da narración, exactamente o que pensaba a persoa que propuxo o tema que tocou, por sorteo, para estes dous relatos. A soidade, entendida ou non. O relato é sinxelo, curto e referencial. E digo referencial porque vén precedido dunha cita que tamén di moito dalgunhas partes do texto. Por outra banda, penso que o título está ben escollido con respecto ao final do relato. O meu voto vai para este título, sen dúbida.
    Con respecto a «Electrosó», valoro o intento do formato e tamén a escolla do tipo de tratamento que se fai do tema. Se ben é certo que hai moitas relacións (de todo tipo, ata laborais desde que Adobe permite asinar contratos) que no século XXI circulan vía electrónica, tamén é certo que o achegamento para amosar isto debería ser moito máis enfocado a un tema concreto porque, aínda que se podería ter feito (respondo con isto á ambición á que alude Amador Castro), creo que non se fixo en absoluto.

    1. Tamén vexo problemas serios de ortotipografía en «Electrosó», por se isto serve de algo á persoa que o escribiu. Se cadra por iso a xente non o está a entender, como vexo nos comentarios?

  6. Aínda que “Ensináronnos” é unha boa mostra respecto ao tema proposto, xa que a situación pode facer a moita xente sentirse identificado, penso que lle falta algo. Dame a sensación de que é unha caída nunha sucesión de clichés, moi útiles para a ambientar o momento, pero que fan perder o interese no relato. Ten grande potencialidade, pero non chega ao obxectivo.
    Pola outra banda, “Electrosó” paréceme un bó exercicio tanto na forma como no tema. Atopo moitos fallos xa comentados, que poden levar moi sinxelamente a non comprender o relato. Aínda así dirixo o meu voto a este (“Electrosó”), pero con moita dificultade na elección.

  7. Moi difícil este voto. “Ensináronnos” é correcto, pero poñéndonos chirimiqueiros, penso que non toca o tema. O da soidade desde logo, pero non o do século XXI, podería estar ambientado en 1986. O de “Electrosó” é moi ambicioso, máis do que parece, pero quen arrisca moito pode gañar e perder, e témome que aconteceu o último. Queda moi difícil de ler, e dá a sensación de que non vai a ningures.
    Con todo, valoro o risco que tomou o autor. Non creo, en serio, que un relato sexa mellor que o outro, pero voto a “Electrosó”.

  8. Electrosó

    Curioso título.

    Gústame que os autores exploren novas formas de contar unha historia, como p.e., en forma de correos.

    Unha serie de 4 correos de Julian a Carlos Vega. Un dos duelistas chámase así, e suponse que os relatos deben ser anónimos.

    Os correos forman un conxunto que, na miña opinión, vai ben co tema do duelo. Por outra banda tamén teño que dicir que non me interesou moito a súa lectura. A imaxe mental que teño do relato é moi difusa. Dito de outro modo, aquí medio relato teno que poñer o lector.
    Os erros neste relato (refírome ás maiúsculas e cousas así) non me importan. Paréceme aceptable que no contexto dun correo electrónico poidamos atopar erros (sexan ou non estes premeditados).

    Ensináronnos a terlle medo á liberdade

    “un trémulo suspiro”
    algúns adxectivos e fórmulas usadas no relato están demasiado pisadas xa.

    “Agora entra na ducha.”
    O relato empezou en pasado e segue en presente. Por que? O narrador sitúase nun momento determinado, é raro. Penso que tería sido mellor fixar o punto de vista do narrador no presente desde o inicio. “Chega a casa e pousa…”. Non aporta nada aquilo en pasado e isto en presente. Así tamén poderia aforrar os “agora” (nun relato en presente sempre e “agora”).

    “cos ollos pechados acercou a súa man á entreperna”
    Aquí volvemos ó pasado. De novo non atopo unha boa explicación. O narrador divaga,

    O final tampouco me casa ben co que levaba lido. Fáltame unha asa emocional á que agarrarme para empatizar co que estou lendo. Polo menos o seu rival mostra os feitos en cru. Les os mails e sacas o que podes. Aquí o narrador elixe darnos certa información por algún motivo, cunha intención determinada. Se lle fago caso ó título parece que o relato quere incitarnos á rebelión contra un mundo que nos oprime e nos fai terlle medo a todo, incluso á soidade, que é como dicir que nos temos medo a nós mesmos. A mensaxe está guay, pero non a vexo ben reflexada no relato.

    O meu voto vai para “Electrosó”. Ese relato é o que é. O seu rival apuntaba máis alto e non chegou alí, quedou, na miña opinión, a medio cocer. E iso sempre pesa.

  9. Electrosó. É de alabar o arriscado do formato, como xa teñen comentado máis arriba. Contar unha historia por correos con tan pouco espazo é atrevido. Gustoume a idea tamén de que os correos sexa unidireccionais, que só podamos ler os de Julian aínda que os de Carlos tamén existan, só aparecen referenciados (unha versión electrónica da conversa co xuíz na Esmorga hehe). O punto débil do conto quizais é unha consecuencia deste mesmo risco. As ideas que se prentenden transmitir quedan un pouco esvaídas porque non aparecen engarzadas nunha trama coa que acompañemos aos personaxes. Entendo que quizais esa era a idea, mostrar unha relación entre dúas persoas un pouco rotas de xeito cru. Pero tamén creo que o oficio do escritor é precisamente usar esa técnica para que creamos ser testemuñas dunha relación, pero introducindo elementos de maneira sutil para que sigamos interesados no que acontecerá. Aínda así, gustáronme as intencións.

    Ensináronnos a terlle medo á liberdade. Gustoume a cita do inicio, é evocadora. Nun conto deste tamaño vólvese un recurso perigoso porque ocupa unha porcentaxe alta do total do texto, pero acho que aquí funciona ben, coloca un ton e sintetiza a idea central. Porén, o relato segue camiños que sinto que xa visitei antes, con palabras que teño a sensación de xa ter lido (en particular, recordei unha escena da película Babel, non sei se a coñecedes). Determinados adxectivos que xa sabes que van aparecer, molestoume en particular a frase “A auga non é nada máis que unha metáfora da súa vida”, como unha explicación que non era necesaria. Non sei, creo que se tomou o tema dun xeito moi literal e as ideas que o autor podía engadir a maiores quedaron moi diluídas. O final podería ser moito máis poderoso se se invertise en chegar a el, se o resto do conto crecera como un clímax cara esa masturbación de rebelión. É unha idea moi interesante, pero non se constrúe o suficiente ao meu parecer.

    Os dous son relatos moi eivados, o que se se pensa está relacionado tamén co tema do duelo hehehe. Costoume un pouco decidirme, pero voto por “Electrosó”

  10. O meu voto vai para “Ensináronnos a terlle medo á liberdade”. É certo que está cheo de “lugares comúns” pero, para min, describe mellor a soidade que o outro relato. Recoñezo que é un tema moi difícil e moi subxectivo; hai xente que se sente soa nunha cidade e rodeada de persoas e estímulos e outra xente que, vivindo nunha aldea, “sociabiliza” con todo aquel co que se cruza nunha corredoira ou a través de internet.

    “Electrosó” é un relato moi orixinal e moi valente pero pouco máis me di.

  11. Foi difícil valorar este duelo. Para min o que máis. No primeiro caso podería parecer que só hai forma e experimentación, pero segundo o meu punto de vista hai máis e afóndase bastante no tema proposto resaltado pola ocultación das réplicas do destinario.

    En “ensináronnos” o achegamento á soidade buscada ou liberadora (como xeito de vivir como che pete) tamén me pareceu moi acertado, unha forma orixinal de verlle a cara b) ó tema, que por inercia lévanos á tristeza, a nostalxia, etc…

    Quizais polo atrevemento de tirarse ao monte experimentando con eses anacos soltos de correos sen saír mal parado, VOTO por Electrosó

  12. ‘Ensinnáronnos …’ paréceme correcto, quizá demasiado ‘visto’. Ao ler o relato non puiden evitar recordar filmes como Shame, ou incluso a A Flor do Meu Segredo de Almodóvar. A saída sexual á soidade é un tema moi utilizado, de alí que faga que perda o interese. A sexualidade xa non é algo que poda ser coma unha cereixa o final do relato,perdeu isa forza. Non sei, non me gustou, creo que ata estragou a historia.

    En canto a ‘Electrosó’, primeiro, amei o título, en segundo lugar, o formato (moi interesante). Tiven que comezar o texto dúas veces porque pensei que era un erro, encantoume! Non sei ata qué punto pódese considerar isto un relato, pero por suposto que conta unha historia, unha de distancia, de amizade, e de medo, que para min é a base da soledade. Estou ansioso por ler a túa seguinte proposta.
    O meu VOTO vai para ‘Electrosó’.

  13. Con “Electrosó” monteime unha película de agárrate que hai curvas. Entendo que Julian / Alasdair é un tipo que sinte unha fixación morbosa polo Carlos Vega do relato, e o feito de que soamente poidamos ler os correos do tal Julian fanme pensar que Carlos non respondeu nin ó primeiro. Nesta interpretación miña, Julian finxiría en todo momento de manter unha relación na distancia co obxecto de desexo. Claro que tamén cabe a posibilidade de que este elemento (que só poidamos ler unha parte deses correos intercambiados) sexa unha estratexia narrativa para tratar o tema do duelo: cando escribimos e recibimos correos electrónicos estamos, basicamente, sos. A interacción entre individuos dáse en diferido, e cada mensaxe que se escribe é. en realidade, unha arroutada narcisista. Si, seguramente é o relato que máis arrisca e non acabe de ser redondo, mais a min prestoume (moito, de feito) esa complexidade.
    “Ensináronnos” é unha historia máis lineal, máis recoñecible, coa que resulta fácil identificarse. Para min fáltalle un algo, un pouco de risco, quizais.
    Voto por “Electrosó”.

  14. Comento:

    ‘Electrosó’: O primeiro que non me gusta é que vexamos na conta de correo o nome dun dos participantes no duelo. O anonimato é fundamental nas regras deste xogo e coido que só hai que extremar esa interpretación en casos de forza maior, non coma neste relato, onde dá o mesmo a quen se lle manden os correos. En segundo lugar, non estou de acordo en que este sexa un formato orixinal. A estas alturas xa é case un clásico. Se queredes ler unha obra mestra composta a base de correos, lede ‘Contra o vento do norte’ e a súa secuela ‘Cada sete ondas’, de Daniel Glattauer. Indo ao cerne do relato, penso que hai imaxes poderosas, autenticidade e que se consegue en efecto esa idea da soidade dunha maneira moi sutil e natural. Comparto a idea de que todo forma parte dun fluxo comunicativo unidireccional, correos sen resposta que quedarán perdidos no hiperespazo.

    ‘Ensináronnos…’: Está sen desbravar. Sobra palla e certo efectismo. Estou seguro de que unha segunda redacción do texto conseguirá facelo brillar.

    O meu voto vai para ‘Ensináronnos…’ non tanto por méritos propios senón polo que comentei sobre o necesario anonimato.

  15. “Electrosó”. O título ben se merece un voto. Gústame do relato todo o que me imaxinei, todo o que non está contado. Esa sensación de soidade do que fala só. “Ensináronme” pareceume unha chisca máis soso, o dos tempos sacoume bastante da lectura. Unha palla lánguida podía dar algo máis de si.

    O meu VOTO vai para o “Electroshoso”… sintoo, tiña que facelo.

  16. Non me convenceu de todo ningún dos dous. O primeiro probou a traernos un formato distinto ó que agardamos (que non novo, ollo), e o segundo recreou o tema nunha historia sinxela, lineal e cun final de bo gusto.

    Voto por “Ensináronnos a terlle medo á liberdade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *