Elexía ao escultor Xoán Piñeiro
Francisco Álvarez «Koki».
Sulagouse a noite
cos teus ollos pechados.
Sulagouse…
Teu corpo espido
parece unha noite longa
pechada nun cadaleito.
As tebras volvéronse brétemas
a ilusión enfeitizouse pranto.
No intre dun silencio
pendura…
todo canto se pensa
todo canto se arela.
O derradeiro badelazo
crispa o silencio.
Cen olladas te miran
cinguidas ao tempo
unha campa verde acóllete no seu seo.
O murmurio do vento
chora polos penedos
e o sepultureiro
dáche o derradeiro adeus;
co mesmo martelo que un día
fixeches ti de canteiro.
Cen olladas te miran
cinguidas ao tempo
o murmurio do vento
chora polos penedos…