Elexía dun tempo
Francisco Alvarez «Koki».
A Eliseo Alonso, in memoriam
Esta tarde que falo,
meu amigo compañeiro,
ti que estás aí tan cerca,
dentro do cemiterio.
Era lonxe aló moi lonxe
onde tamén se fala galego,
e ti, de súpeto, sentiches
que se achegaba o tempo.
Despedícheste do teu amigo
o que tiñas máis cerca,
e voaches a este curruncho
que tanto che pertence.
Cando traían o teu corpo
choraba tanto o ceo
que o Miño era unha bágoa
en pranto de cadaleito.
Pero no día do teu enterro
estaba todo tan quedo
que ata o po do camiño
gardaba por ti silencio.
Era o ceo unha nube branca
onde non collía o universo.
Agora eu sei que estás aquí,
aí enfronte, escoitando os meus versos.
Ti es agora auga e vento,
terra e ceo, es a pena que levo dentro;
ti es o cuco que canta ao lonxe
e o xílgaro, e o merlo,
e o peixe que suca o río,
ese Pai Miño dos teus segredos,
Ti es a palabra e dolor
con que escribo estes versos,
e son feliz porque por toda
esta dor que roxe aquí dentro
e por tódalas bágoas que hoxe verto
eu sei que tanto te quero,
amigo Eliseo, compañeiro.