BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Elvira’ vs ‘Asasinas’

The O’Halloran girls.

Duelo de cuartos de final entre a gañadora do grupo A, Natalia Otero, e a subcampioa do grupo B, Álex Bayorti.

Asasinas

Álex Bayorti.

―Chamábannos as irlandesas aínda que o único remotamente irlandés que probaramos nas nosas vidas era o café. Simplemente eramos tres apencadas de menos de trinta anos que nos resistiamos ao éxodo rural e que por iso optamos polo único do que se podía vivir a comezos do século XXI na Guarda: o turismo. Durante uns anos funcionou. Sara e Aninha encargábanse de facer as excursións e eu levaba as contas. Neses felices anos pensamos que “Excursións O’Halloran” se acabaría convertendo na empresa que nos sustentaría o resto das nosas vidas. 

―E logo, chegou a crise? ―a xornalista mirou a anciá que estaba sentada fronte a ela antes de que esta continuase. Non aparentaba cento tres anos.

―Si… ―durante uns segundos produciuse un silencio semellante ao que se debe sentir cando remata a guerra e o armisticio se ergue sobre centos de milleiros de cadáveres amoreados. 

―Ben, segundo temos entendido, as súas irmás fixéronse famosas porque mataron dous axentes da lei en 2021 para evitar o desafiuzamento e logo aforcáronse. Por outra banda, vostede foi condenada a corenta anos de prisión por encubrimento con media ducia de agravantes ―Honoria asentiu coa cabeza e fixo un aceno de querer falar que a entrevistadora ignorou―. Daquela estamos a falar dun dos eventos sanguentos máis conmovedores que seguiron á crise. Así e todo, despois de máis de setenta anos aínda se seguen a escribir novelas baseadas na súa historia, aínda se producen filmes nos que vostede e as súas irmás son as protagonistas. O misterio segue vivo e vostede está aquí hoxe para nos revelar a verdade. Que é o que ocorreu aquel día, Honoria?

Os dos estudios pagáronlle dous mil cincocentos euros pola a entrevista e levárona á residencia. Con iso abondaría para pagar o mes. Chegou ao seu cuarto con bastante bo ánimo. Puxo a quentar o fervedor de auga para facer un té e sentou na antiga randeeira, a única herdanza que conservara ao longo das décadas. Sempre lle preguntaban sobre a verdade mais a ningún deles lle interesaba. A verdade non tiña importancia. O que lles interesaba era a historia de dúas psicópatas suicidas e unha irmá reconvertida en cidadá de proveito.

Mirou de esguello unha fotografía. Nela aparecían tres mozas, pero non eran elas. Non quería lembrar o que acontecera aquela xornada: o secuestro de tres días, as violacións reincidentes e os dous suicidios. Lembrouse dela mesma, cos seus pantalóns vaqueiros feitos cachizas pero a mirada desafiante, fronte a eles, sabéndose a piques de morrer ou correr a mesma sorte que as súas irmás. Daquela un estrondo. O teito caendo sobre as cabezas dos violadores. O fogar de tres xeracións do seu apelido negándose a quedar en mans dos bancos. Despois, unha sirena. 

O té xa estaba listo. Tomou un grolo mentres miraba fixamente a moza de ollada intensa da vella imaxe. E preguntouse por que non falara aquel día. Por que non tivera o valor para apertar o gatillo. Lembrou que ela non era irlandesa e, por desgraza, malia que se chama Honoria, o seu apelido non era O’Halloran.

………………………………….

Elvira

Natalia Otero.

Elvira marchou. Para sempre.

—Xa non me precisas –dixo cando lle anunciei a miña futura paternidade.

***

Acórdome ben do día que apareceu no meu cuarto, agardando por min cando voltabamos do enterro de meu pai. Eu tiña sete anos. 

—Mandoume túa abuela que viñera xogar contigo –dixo abaneando as pernas que lle colgaban da cama.

Namentres, perplexo, tentaba lembrar de que a coñecía, cacheina remexendo no baúl dos xoguetes coma un can desenterrando un óso. Corrín a protexer os meus pequenos tesouros.

—Que fas?! Deixa iso!

Tentaba sacarllos das mans e metelos no baúl de novo, pero era máis lixeira ca min. 

—Isto que é? —dixo premendo sen xeito os botóns da Game Boy

—Para! Valo romper!

—E isto? Oh, unha bola do mundo! Sabes onde queda Australia? Eu cando sexa grande vou a ir a Australia!

—Solta a esfera! Regalouma meu pai! 

—Meus pais son da Arxentina! Agarda, verás como consigo atopala!

—Que deixes iso, demo! Vaite de aquí! —sinalei a porta tolo de xenreira—.Non te preciso! Enténdelo?! Non quero xogar nin ver a ninguén! Vaite agora mesmo se non queres que te bote eu a patadas! Fóra!

—Vale, ata mañá! —e marchou pegando chimpos coma se nada. 

Malia aquela presentación, despois fomos moi amigos. Elvira tiña o don de aparecer coas súas parvadas nos días que me atopaba máis tristeiro. Pasamos moitas horas xuntos. Ás veces quedaba a durmir e xogabamos a atopar formas de animais nas sombras que proxectaba a fiestra e que tanto me atemorizaban cando estaba só.

Conforme a vida correu, fómonos vendo menos. Fixen novas amizades e coñecín a Icía. Tíñalle falado  de Elvira, pero cando lla presentei non o tomou nada ben. De feito, anoxouse de tal maneira que me puxo o ultimato de que, ou me esquecía de Elvira, ou dela.

Así foi como Elvi mais eu pactamos non vernos nunca máis, porén, non fun quen de ocultarlle que ía ser pai. Icía tiña que entendelo.

—Xa non me precisas…

Tan confuso coma decepcionado, sentín a necesidade de ir onda a sepultura de meu pai. O camiño levoume ao acougo de atopar a saída dun longo labirinto. O do meu propio dó.

***

Icía mais eu entramos na casa de miña nai coa ecografía agochada coma se fose un boleto premiado. 

Mentres falaban, dirixinme ó estante onde descansaban as fotos antigas. Mirei emocionado a de meu pai e collinna, deixando á vista outra fotografía en branco e negro que me causou un calafrío.

Eran tres mulleres novas. No centro puiden recoñecer a miña avoa paterna Lola, a cal finara sendo eu moi cativo. Á súa esquerda, a famosa tía Pura da Arxentina, e a da dereita era… 

—Claro… Elvira –marmurei algo mareado—. Mamá, esta foto?

—Que ten? Sempre estivo aí que eu saiba!  –dixo pousando a xerra do café na mesa—. E logo, ¿que me queriades contar?

17 thoughts on “‘Elvira’ vs ‘Asasinas’

  1. Antes de nada, un comentario xeral. Non sei se será o confinamento ou das fotos que tivemos, mais penso que os oito cuartofinalistas baixamos un nivel con respecto dos relatos da terceira xornada. Penso que non conseguimos o nivel de excelencia que si se viu nalgúns dos relatos pasados.

    Asasinas
    Gustoume moito o primeiro parágrafo. Fíxome ir a google procurar quen eran esas irmáns O´Halloran. Tamén me parece interesante a tentativa de combinar eses feitos do século XIX co trío de irmáns protagonistas no Século XXI. É un relato con potencial.
    Porén, o formato de falsa entrevista non me convenceu. Hai algunha cousa que me renxeu, como que se a da Guarda é unha historia que se fixo tan famosa na segunda metade do século XXI, a xornalista teña que explicarnos os feitos dese xeito (Ben, segundo temos entendido, as súas irmás fixéronse famosas…). Tampouco me parece que quede de todo claro o porqué da confusión sobre os motivos da morte dos violadores. Quizais son eu que non andei moi esperto. En todo caso, espero que a autora nolo clarifique.

    Elvira
    Se comprendín ben a historia, trátase dunha pantasma/amiga imaxinaria que o protagonista utiliza para sobrelevar a morte do pai. Se é así, penso que é un recurso algo visto xa, mais que funciona bastante ben neste caso. É unha historia menos ambiciosa que Asasinas, no que para min hai un exceso de diálogo que non aporta demasiado e que apenas nos retrasa a sorpresa final.
    Aínda así, creo que o resultado final é máis sólido que o de Asasinas polo que lle dou o meu voto a Elvira.

    1. Isto xa se viu noutros torneos. Os mellores relatos saen na terceira ou na segunda rolda. A primeira quita o ferruxe, na segunda practicas e na terceira das o golpe de graza. A partir de aí xa se acusa o cansazo. Parece que non pero isto é esixente.

  2. Eu creo que as dúas historias empezan forte, enganchan, e van perdendo algo de pulo segundo avanzan deixando algúns flocos sen cortar. Asasinas ten unha pequena ruptura do ritmo no medio da historia, cando pasamos da entrevista ao rememorar: preguntan Que pasou aquel día? e logo a historia segue e hai como dous anacos moi diferenciados quedando algo descolgada esa primeira parte e algo apertadiña a segunda como se a autora quedase sen espazo para escribir todo o que quixese. Elvira aguanta mellor. Esa pantasma nena e o encontro co rapaz está moi ben fiada cuns diálogos xeniais. A idea de cando o rapaz xa é adulto e ten unha filla a pantasma nena debe marchar tamén ten o seu punto e merecería un pouco máis de espazo. Tamén eu creo que neste caso a autora precisaba un chisco máis de espazo para darlle un mellor remate. Voto por Elvira.

  3. A Asasinas débolle agradecer que me fixera buscar o de O´Halloran, iso sí. A verdade é que da moito xogo e resulta interesante. O relato en si, paréceme que perde o ritmo cara o final, creo que quizais se lle quedan moi cortas as quiñentas palabras. Con espazo suficiente para cada escena seguro que ía despregarse moito mellor.
    É certo que o xiro de Elvira é moi trillado, pero eu non o vin ata a meta del, cousa que fala a favor do relato ou do parvo que me está a volver o confinamento. Será que me renxe un pouco o diálogo, pero se se lle dera un novo enfoque, quedaría moi ben, na miña opinión.
    O meu voto vai para Elvira, porque coido que traballa algo mais o tema da fotografía.

    1. Ningun dos dous apaixonoume demasiado, coido que como xa se dixo as historias comenzan ben , pero despois perden intensidades, dende o meu punto de vista.
      Non acabei de entender a necesidade da ambientación futura de Asasinas, e tal vez por iso non me gustou moito. En canto a Elvira fixose mais doado de ler, pero tamen mais simple.
      O meu voto e para Asasinas

  4. Coido que non vou engadir nada novo. En ‘Asasinas’ o comezo está moi ben pero despois hai efecto “infodump”, descarga moita información que o personaxe que fala/pensa coñece de sobra. A transición entre a entrevista e a volta á residencia precisaba máis traballo. ‘Elvira’ non me fixo sospeitar da sorpresa ata que apareceu. Teño a dúbida de se as frases “xa non me precisas”/”non te preciso” son correctas; co verbo “necesitar”, si, pero con “precisar” o que me soa natural e “precisar de alguén”. O diálogo que comeza con “—Que deixes iso, demo!” non me parece propio dun neno de 7 anos.

    Voto por ‘Elvira’.

  5. O meu voto vai para “Elvira”. Gústame moito o personaxe de Elvira, sexa unha pantasma ou un produto da imaxinación do prota.

    “Asasinas” é moi bo relato pero como xa comentaron, a min tamén me parece que vai de máis a menos.

    Fíxoseme moi difícil escoller ó gañador. Gustáronme moito os dous relatos, pra min son dos mellores dos cuartos. Parabéns as dúas autoras.

  6. Asasinas

    Extraño ambientar o relato no futuro. Se a muller tiña 30 a comezos dos 2000 (século XXI), e ten 103 agora, é que o relato se ambienta no 2100 e pico.

    O formato entrevista non funciona ben. Basta ver que a chicha a pon a xornalista en vez de a entrevistada. Xa sei que Honoria quería falar e non lle deixou (puido falar despois de todos modos), pero daquela, se a aposta era esa, enton era mellor manter o formato ata o final. Pero a aposto non era esa, aqui todo o desafio residía en ir tendo excusas para soltarlle ó lector a historia (entrevista + flashback). Cando hai que recurrir a iso é que algo non vai como debería.

    Non logro conectar con Honoria, paréceme unha persoa trastornada no sentido de que non rexe ben. Por que di que a ninguen lle interesa a verdade? Se lle estaban facendo unha entrevista!

    Se entendin ben uns tipos (os axentes?) violaronas a ela e ás irmáns durante 3 dias, as irmans suicidaronse e nalgun momento posterior caeulles o teito enriba a todos, matando ós axentes. Non lle fixeron unha autopsia a todos para saber por que e cando e como morreu cada un? Por que ela non dixo nada? Xa postos por que ela foi á cadea por encubrimento e non por asasinato (é dicir, como se determinou iso, se ela estaba alí tamen)?

    Paréceme un relato bastante mal feito e creo que é mellor dicirlle iso á autora que agradecerlle dar a coñecer o caso das O´Halloran.

    Elvira

    O relato lese ben, é axil (podia selo mais) e agradable. Pero é tan claro desde o inicio que Elvira é unha morta que un non espera mais que que remate para ver se hai algo mais ca iso.
    Admito que o relato non ten culpa de que o lector adivine que Elvira é unha pantasma. Do que si ten culpa é de estar deseñado de maneira que o texto o revele ó final cando non era necesario para a historia que se está contando (o dó pola morte do pai). De novo iso é só unha forma de buscar un xiro final, todo parece sacrificable por conseguir un xiro final. Alabemos o xiro final!
    Se o relato empezase coa ultima parte a autora non tería logo que facer malabarismos para alternar pistas con escenas surrealistas. Tería liberdade creativa para montar o relato, e co lector comprendendo o que sucede desde o inicio e mentres está inmerso na historia.

  7. Ámbolos dous relatos coido que teñen potencial mais, ó meu parecer, non acaban de funcionar completamente. No caso de “Asasinas”, como xa se dixo, o tema da entrevista non acaba de acaerlle. E en “Elvira” non me convencen esas elipses tan marcadas para un relato tan curto.

    O meu voto vai para “Asasinas”

  8. Coido que ambos relatos quedaron nunha fase primeira do traballo de escrita. Dáme a sensación de que as propias autoras non acabaron moi convencidas polo resultado final. Dito isto, penso que un relato está máis “acabado” ca outro.

    Asasinas

    O principal problema deste relato é que hai certo descontrol nos datos. Todo está algo borroso e inconexo. Paréceme que fallan todos os elementos porque ningún deles é o núcleo nin o esquelete. E todos parecen accesorios, unha especie de fantasía social-futurista sen ningún apego á verosimilitude.

    Elvira

    Estou de acordo con Lois en que o xiro final non é algo que funcione sempre. Nin que tampouco faga falta sempre. Concordo en que moitos dos grandes relatos que foron feitos na historia gañaron a inmortalidade mercé a esa sorpresa do último parágrafo pero hai outros moitos que asentan a súa valía noutros elementos. O que ocorre é que o relato de fantasmas parece que pide eses caneos argumentais e entendo que a autora se deixase levar por esa tentación clasicista. Este é un relato no bo camiño pero ao que lle faltan etapas para facelo máis atractivo.

    Voto por ‘Elvira’.

  9. Pouco máis podo aportar. Decir que de “Asasinas” coido que ten unha boa historia detrás pero e certo que o marco temporal desubicoume e en canto a personaxe, creo que se empregou para a autora dar o seu punto de vista, de aí algunhas incoherencias.
    “Elvira” gustoume a historia de fondo pero as partes de Icía non están moi ben encaixadas. Aínda así os primeiros diálogos paréceme que retratan ben o comportamento infantil e non agardaba a pantasma, co cal fai que teña outro aquel.
    O meu voto para “Elvira’

  10. “Asasinas”. Aquí hai unha ensaladiña de cousas soltas que poderían funcionar se o esquelete aguantase. A estructura non está ben e a información chéganos por vías algo forzadas. Ao ter a imaxe como potente foco (a foto é boísima) o cambio de marco temporal axuda a crear confusión. Nos formatos de entrevista hai que intentar darlle á voz ao protagonista, penso que intercalar esa voz con pensamentos e breves preguntas do entrevistador podía facilitar a narración moito.

    “Elvira”. O certo é que, pese a ser unha historia moi vista xa (se falas de pantasmas…), o relato é sólido na súa narrativa. Tamén (salvo nalgunha liña de diálogo que xa apuntou Leticia) representa ben aos cativos a falar. Un traballo solvente e con moito encanto.

    VOTO por Elvira.

  11. ‘Asasinas’, foi entretido de ler, pero a parte do asasinato é bastante confuso, se acontecese hai cen ou douscentos anos, entendo que puidese existir certa confunsión polos feitos, pero moi mal ten que ir a cousa para que daquí a un ano na Guarda se faga tal chapuza nunha investigación. Penso que cun crime mellor ideado a historia sería moito máis guai.

    ‘Elvira’ gustoume moito, foi, de feito, o relato desta rolda que máis desfrutei, estou contenta, pareceume bonito. O ultimato da Icía despois de coñecer á súa amiga imaxinaria tivo que ser como mínimo peculiar. Para ‘Elvira’ o meu voto.

  12. Parabéns ás escritoras por ambos relatos. Parabéns tamén a quen escolleu a fotografía. Encántame. Creo a literatura se debe a si mesma moitas máis historias de bandoleiras.

    Gustoume Asasinas. Gustoume a referencia á violencia de xénero, ós desafiuzamentos e á soidade das residencias -tocoume isto último-. Paréceme un bo percorrido polas miserias de hoxe en día. Gustoume o estilo e a limpeza na escritura da que eu sempre adoezo. Admirable.

    Tamén me gustou Elvira. Unha nena pantasma sempre estremece. A estrutura confundiume un pouco, pero creo que é defecto do animal lector máis que da privilexiada pluma. De feito este relato espertou moito a miña creatividade. Enseguida imaxinei un final con el Elvira peiteando a filla da protagonista cando ambas tivesen a mesma idade aparente. Parabéns.

    O meu voto vai para Asasinas. Tocoume máis.

  13. «Asasinas»
    Non creo que aquí haxa un problema concreto, co desenvolvemento axeitado todo podería funcionar ben. O gran problema é o conxunto, dá a sensación de ser un primeirísimo borrador, non ten estrutura, salta dunha cousa a outra, non acaba de agarrar, aínda que comeza moi ben. Polos textos anteriores da autora no torneo, sexa cal sexa das dúas, coido que con máis traballo podería sacar adiante con éxito o relato; pola razón que fose, non tivo o tempo ou azos abondos para facelo tan ben como podería. É unha mágoa, porque estaba a facer un bo torneo.

    «Elvira»

    O da pantasma cadra, mais na miña lectura o que vin (ou o que quixen ver) é unha amiga imaxinaria que creou após morrerlle o pai como forma de evasión, inspirada por aquela moza/cativa que non coñecía da fotografía do estante xunto á súa avoa e tía. Pero ao mesmo tempo sentía algo de culpa nese encontro inicial, por procurar compaña no canto de centrarse na dor, por iso esa presentación complicada. A fotografía do pai finado tapou a outra no estante; aínda que Elvira seguiu aí como o seu abeiradoiro, cos anos esqueceu a orixe, pensou que era unha completa invención do seu caletre. O conflito con Icía ao principio parécenos que foi por celos, mais podería ser que o que a súa moza quería era que madurase, que deixase atrás as fantasías infantís. Foi á tumba do pai para fechar esa etapa, ía formar unha familia de seu. Ao final, cando volve ver a fotografía xa esquecida despois de tantos anos, descobre que o aspecto de Elvira sempre estivo inspirado naquela rapaza que xa esquecera.

    Gústame bastante máis esta versión que a de que fose unha pantasma. En calquera caso, tamén coa outra lectura paréceme unha narración mellor estruturada e máis traballada. O meu voto vai para «Elvira».

  14. Pois moitas grazas a tod@s. Xa non pola vitoria, que eso xa sabemos que depende de moitos factores, senón unha vez máis por adicarlle o tempo de analizar o texto e aportar esas melloras das que tanto estou aprendendo. Grazas especiales en este caso e Miguel, porque a súa análise é a máis próxima á idea que tiña eu, ca diferenza de que eu non o sabería poñer tan bonito e depurado.
    Son partidaria dos xiros finais, como sabedes, inda que teño que dicir que o obxetivo deste relato non era precisamente o final. Realmente para min non importaba se Elvira era unha pantasma (que non era a idea, pero preferín tamén deixar esa dúbida ó lector) ou unha amiga imaxinaria que o protagonista usou para eludir a dor da morte de seu pai. O tema é que el sabe e comprende a orixe da súa “fantasía” unha vez que logra rematar un dó prolongado no tempo, cousa que só consegue ao ser el mesmo pai. O obxetivo para min estaba en abordar as cinco fases do dó (shock, ira, depresión, negociación e aceptación) en paralelo á aparición de Elvira, e así quedarían plasmadas ó longo do relato.
    Pensei en fraccionalo en “capítulos” acordes con cada unha das fases, pero a lectura non quedaba tan fluida e perdía moita elegancia, ademáis de distraernos da gran protagonista desta historia, Elvira. Arrisqueime a que non se captara e claramente non me saiu ben, pero é un relato que tiven que acurtar á metade, co que non me daba moita máis marxe.

    Noraboa por suposto á miña gran rival, que fixo un relato espectacular, que de seguro que con un par de voltas máis tivese ganado o terreo de sobra, porque o fondo das asasinas violadas, á par que a soidade das verbas dos maiores, son temas gañadores de por si (polo menos para min).

    Seguímonos vendo! Graciñas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *