BiosBardia

O país dos libros en galego

Emma Pedreira: “A xeración do 1990 democratizou a poesía”

Emma Pedreira. JOSÉ GORÍS

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) foi a protagonista da novena entrega de ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, espazo de entrevista en profundidade patrocinado pola libraría Cartabón, en cuxo espazo se gravan mensualmente estes encontros.

Pedreira, que é poeta, narradora e ensaísta, percorreu gran parte da súa traxectoria literaria. Autora da denominada xeración do 1990, considera que aquel movemento, encabezado por poetas moi novos, por unha banda, supuxo unha gran renovación creativa. “Estábanse facendo fanzines, recitais, era un bule-bule constante, sobre todo de poesía. Houbo un momento no que incluso se lles chegou a prohibir a entrada nos círculos poéticos a quen se dedicase á narrativa”. A escritora lembrou que aquela xeración foi unha manta literaria da que cada grupo ía tirando dun fío. “Estabamos moi cohesionados, tanto pola cuestión xeracional coma grupal”. Pedreira destacou que aquel traballo colectivo axudou a romper certos clixés relacionados coa práctica literaria.

Tamén recordou como aquela xeración se enfrontou á xeración anterior (a dos 80). “O cambio xeracional se non chega por desgaste, ten que chegar por decapitación. E así o entendemos nós naquela altura”. “A partir deses sucesos que desencadeou que xente moi nova empezase a publicar nos lugares das ‘vacas sagradas’, créaronse ferramentas moi democráticas; non só se vai recitar nos grandes centros culturais, nos teatros, senón que imos recitar nos bares, no mercado de abastos… Se non nos deixan publicar nas editoriais, creamos as nosas propias editoriais”.

Emma Pedreira lembrou a súa transición da poesía para a narrativa, práctica literaria que cultivou con grande éxito. Gañou, entre outros, o Premio Xerais, cunha obra sobre Romasanta, Besta do seu sangue. “Eu quería coñecer as historias das vítimas. Por aí empezo a investigación e estiven case vinte anos moi pendente de todo o que se publicaba. Mais o cambio deumo o estudo de Mariño Ferro, quen descubriu que Manuel Romasanta nacera Manuela e a partir púxenme a escribir e saíume esa novela”.

Tamén tivo tempo para falar da situación da poesía actual, pola súa experiencia formando parte de xurados. “Agora mesmo estamos nun momento evolutivo a pesar de que hai xente moi optimista que di que estamos nun momento bo. Estanse presentando aos certames, en vez de xente nova, xente con idade xa importante e que esa xente opta por volver ao balbinismo”. “Cando un premio leva moitos anos vai creando un perfil e iso dificulta o paso de novas obras. Cada premio ten un perfil e isto convértese nun scalextric poético no que non podes saír do carril”.

A entrevista pódese ver e oír no Youtube, en iVoox e no Spotify.

https://open.spotify.com/episode/1dKsqFGSMBDNpuB4gwReXN?si=c7ff387c96604f47

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *