Emma Pedreira: “Non me gusta contaminar a auga potable con malas obras”
Visita a ‘Biblioteca íntima’ Emma Pedreira, unha das escritoras galegas con maior traxectoria e prestixio. As súas obras máis recentes son o libro de poesía As voces ágrafas, Premio Fiz Vergara Vilariño (Espiral Maior), a novela curta As fauces feroces (Baía) e a novela xuvenil, Premio Jules Verne 2019, Os corpos invisibles (Xerais).
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
A pequena bruxa, de Otfried Preussler.
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
Antoloxía de Spoon River, de Edgar Lee Masters e Written on the body, de Jeannette Winterson (escollo este en inglés a falla dunha boa tradución que conserve os trazos de xénero que emprega a autora no orixinal).
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
O Quixote.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a
Faría unha manda con Angela Carter, Patricia Esteban Erlés, Pilar Pedraza e Uxía Casal e veña viño.
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o
Coido que calquera señoro petulante, machoexplicativo, bigotudo e pirolón que escribise, que son moitos. Non me agradaría en absoluto.
Un libro recente que lle gustase moito…
Linea Nigra, de Jazmina Barrera
Unha novela que non puido terminar…
O último día de Terranova, de Manuel Rivas.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Gustaríame descubrir Fisteus era un mundo cos mesmos ollos cos que a escribiu –e viviu— Lupe Gómez.
Que novela a reconciliou coa literatura?
Nunca me enfadei con ela, así que non nos reconciliamos. O que si, podemos entrar ás veces no acomodo e na morneza e daquela hai que darlle paixón e é cando leo o novo de Winterson ou de Sánchez Andrade e recupero as taquicardias.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Pois nin idea, iso de estar pendente será que non o lin, así que o máis que podo dicir a isto é que dos que teño aí tenme moi boa pinta Contos completos, de Florbela Espanca.
Que libro lle gustaría ter escrito?
Dous: A cámara do sangue, de Angela Carter e O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)
Das librarías non me preocupa, coa escasa vida que teñen as novidades en galego. Tampouco crea que sexa bo facer desaparecer os erros nin lles temo ás hemerotecas habendo coherencia.
Leva vostede un diario ou un dietario?
Non.
Escribirá as súas memorias?
Escribo poesía e a poesía é un pouco iso e un pouco o da pregunta anterior.
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Diría que Shakespeare. Logo lin a Virginia Woolf e xa sempre digo que a irmá de Shakespeare é a culpable.
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Unha vez caeume un pero foi un accidente. Non me gusta contaminar a auga potable con malas obras. Afundilo no fondo esquecido da biblioteca ou usalo para collage sería máis útil.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
Calquera novela negra canónica.
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo.
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.
Scórpio, de Carvalho Calero.
E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
Non é (aínda) un clásico pero Papagaio, de Luísa Villalta, coas fabulosas fotos de Maribel Longueira, resúltame unha xoia que agasallar.
Unha boa escritora que hai que seguir.