‘En canto agonizo’, a semente

César Lorenzo Gil.
Xa expostas no pasado as dúbidas da crítica literaria xornalística actual ao se enfrontar a un clásico moderno indiscutible, subamos un chanzo:
Esta novela de Faulkner, por mor da súa estrutura (quince voces narrativas compoñen, coma un mosaico, o relato do traslado do cadaleito de Addie Bruden, unha granxeira no mítico condado de Yoknapatawpha, Mississippi, onde se desenvolve gran parte da obra do escritor) e a súa técnica narrativa (monólogo interior) podemos considerala hoxe unha das obras máis influentes na literatura posterior. Evidente e explícito foi o maxisterio desta novela na posterior novelística estadounidense e europea, no Boom latinoamericano e en autores posteriores, desde Jorge Ibargüengoitia e Roberto Bolaño a Fernanda Melchor e Guillermo Arriaga… As súas pegadas nótanse incluso en autores, tamén galegos, nos que o rastro lles chegou, aínda que fose só a través de ecos. A partir de agora, esta tradución de Moisés Barcia ha valerlle a toda a comunidade literaria en lingua galega para achegarse dun xeito máis orgánico á obra, unha maneira de comprensión lingüística da complexidade e obxectivos da novela. Por iso é tan relevante, e isto é tópico, pero certo, que as grandes obras da literatura estean accesibles no noso idioma, porque á parte de normalizar o galego como lingua de acceso á cultura universal, favorece a transmisión da innovación literaria mercé á proximidade léxica, sintáctica e gramática.
Porque máis alá do pracer estético que obteña quen lea esta novela, En canto agonizo é unha desas obras fundamentais que calquera persoa que teña intencións de escribir literatura debería intentar ler, especialmente para aprender. Porque a novela de Faulkner logrou converterse nunha especie de semente literaria, unha cápsula tan sofisticada e perfecta que é, parafraseando a Ricardo Piglia, un mecanismo que serve para crear novelas.
Neste libro o importante non é nin o tema nin tan sequera a atmosfera, porque case cen anos despois as condicións vitais dos personaxes mudaron tanto (polo menos no noso ámbito) que a pegada que deixan os seus personaxes é máis esencial, aquilo que caracteriza o ser humano máis alá das súas circunstancias. Faulkner extrae o ADN emocional e converte unha humildísima familia do sur dos EUA na materia prima dun mito, un mito realista e que falaba do presente da época de publicación, mais que procura emparentarse cos grandes relatos épicos da humanidade. Este contraste está moi presente no ton da novela, que toma como base a lingua oral do Mississippi de hai cen anos, mais que en realidade ofrece (e máis no caso dunha tradución feita hoxe en día á nosa lingua) un colorido mapa de rexistros que enriquecen a expresión poética.
Chama moito a atención como a pesar do ambiente por veces triste por veces sórdido que nos presenta nesta obra, Faulkner procura, dun xeito consciente e rigoroso, a beleza. Non só nesa capacidade de inmortalizar as vidas da xente do común coas súas propias voces, senón na vontade do autor de facelos partícipes da beleza do mundo, aínda que sexa esquiva e resida en pequenos detalles. Nesta novela, esas “voces baixas” non están excluídas do instrumento da palabra como instrumento para captar, expresar e fixar a beleza.
Todo aquilo de fascinio que desenvolveron con habelencia os moitos e virtuosos discípulos de Faulkner está aquí. Por suposto, o estadounidense tamén é discípulo doutros mestres, pero é conveniente deleitarnos nesta imprescindible parada.
♦ En canto agonizo, de William Faulkner. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte, 2025. 232 páxinas. ♠20€






