‘Entre a vontade e o destino’, a consolidación de Banu Marwan

Héitor Mera.
Vén de saír o esperado segundo libro da saga de ‘Banu Marwán: a estirpe do galego’. No seu momento falamos arredor da primeira entrega: Ao sur da liberdade, que foi unha agradabilísima sorpresa non só polo seu contido senón que tamén polo tratamento deste. Lembremos que daquela falabamos sobre a importancia de levar adiante novela histórica polo carácter non só estético e lúdico propio da literatura, porén tamén polo carácter didáctico, moi necesario nun país coma o noso, farto de que se lle oculte a súa verdadeira historia cun pano de cores con non se sabe cantas falsidades asumidas acriticamente por un pobo que precisa novos referentes. Nese mesmo texto, faciamos mención ao esforzo filolóxico e investigador que hai detrás da lingua empregada, aspecto este que pode terse como un dos elementos máis diferenciadores e mesmo orixinais da saga pois, lonxe, moi lonxe de acougar no papanatismo do galego “fácil para que se entenda”, Costas convida o lector a facer un esforzo que o leva a aprender e, así as cousas, gozar máis dunha lectura que se fai máis activa que calquera outro subproduto que non nos levaría ao dicionario nin de casualidade.
Todo isto que rememoramos forma parte das moitas razóns polas cales Ao sur da liberdade supuxo que Costas se presentase como o escritor revelación deste ano pasado. Agora ben, despois desta presentación por todo o alto sabemos que vén a continuación. O efecto sorpresa en Ao sur da liberdade está perdido. É o momento da consolidación. Enfrontámonos a esta nova novela con todos aqueles datos, aquelas novidades narratolóxicas implementadas no noso horizonte de expectativas. O lector e lectora que xa sabe cal é a canle pode esperar algo máis e, desde o meu punto de vista, atópao. Costas consegue que a súa prosa, dende a perspectiva puramente literaria, sexa mellor.
Nesta nova entrega de Banu Marwán a narración é máis fresca, flúe mellor. O autor domina con solvencia a historia e mellora o discurso empregado para amosárnola. Isto percíbese na aparente sinxeleza estrutural na que o personaxe vai evolucionando mesmo ata niveis insospeitados. Esta é a situación ideal para abrir a porta e poder tocar moitos aspectos, non só históricos, senón que tamén sociolóxicos, da época. Vaise conformando unha visión da relación entre as diferentes relixións monoteístas e os problemas derivados dos diferentes equilibrios de poder. Reconstrúe unha maneira de proceder dende o punto de vista social que os prexuízos derivados da nefanda historiografía española ocultou e trocou por outros ben distintos
Os diálogos axudan neste proxecto de narración gozosa e recreación da sociedade da época. Hai unha manchea de situacións nas que se ve metido o noso protagonista: conversións relixiosas, a relación con mulleres amadas ou non tanto, o saber desenvolverse con intelixencia entre os distintos estratos da sociedade de Mérida… que contribúen notablemente, non só ao entretemento, senón que á reconstrución dese pasado e as súas características que provocan que o lector aprenda moitas cousas sen nin sequera darse conta.
Esta saga que nos ofrece Xosé-Henrique Costas é un puzzle que vai amosando aos poucos a imaxe real que aparecen nas fontes primarias das que bebe. Na primeira entrega tivemos a ben ler as andanzas de Ianes O Galego, nesta segunda é tempo de Marwán. Sabéndomos polos datos históricos o que nos espera na terceira entrega. Ben se ve que o autor está xogando cos tempos e os ritmos, estanos preparando para o mellor: o período de esplendor da estirpe.
Conectando con todo aquilo que diciamos de que se nos ocultou/oculta a nosa historia, paréceme moi significativo que, se queres conseguir información sobre o que aconteceu con esta saga familiar desde unha ferramenta tan empregada como a Internet, a páxina que atoparás é elaborada por cataláns. De aí que a relevancia desta triloxía non sexa só literaria, que tamén, senón que é a fonte máis rigorosa, desde esa perspectiva divulgativa, que podemos atopar.
Para finalizar dicir que, moitas chaves foron postas enriba da mesa, agora só queda esperar o desenlace dunha historia que é de interese sumo para as galegas e galegos que devezan saber máis sobre a historia e importancia de nós. E todo isto, baixo as pautas da manifestación literaria de calidade. Os creadores tamén teñen moito que dicir na comprensión do que foi o noso pasado. Benzóns, pois para Entre a vontade e o destino.
♦ Banu Marwan. A estirpe do galego 2. Entre a vontade e o destino, de Xosé-Henrique Costas. Morgante, 2024. 344 páxinas. ♠22€