BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Espiñas que se cravan’ vs ‘Un novo horizonte’

Balea. JOSÉ ANTONIO NAVAS/FLICKR.

No grupo A nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Ana Vigo e Xosé Duncan sobre o tema: “Balea”.

Espiñas que se cravan

 

—Balea, balea!

Aí están doutra volta. As voces mesturadas crávanse na súa alma coma espiñas na pel; semella que non doen; unha, dúas, até tres, son soportables. Pero, que facer cando tes cada recuncho do teu ser ferido por esa arma punzante?

 

—Coidado, é a balea! Aparta ou hate papar.

—Mira como camiña!

—Mira como viste!

—Mira como mira!

—Uh, está a fitar para aquí! Que noxo, espero non gostarlle.

—Que dis? Seguro que é lesbiana. Tede coidado, rapazas!

 

As espiñas cravadas non doen tanto; só o fan se as sofres día tras día, se as removes para afondar na ferida, se ao longo da túa existencia non fas máis que sangrar.

 

—Escoitei que a balea te insultou por redes.

—Esa gorda envexosa! Vaise enterar

—Pero estas seguro?

—Claro, díxomo o amigo dun amigo…

—Mira para ela, que cara de puta que ten. É unha envexosa.

—É bollera, seguro que lle gustas.

—Quererá chamar a atención… Menuda porca. Vouna matar.

 

As espiñas, ás veces, poden semellar espadas. Entón as feridas son tan fondas que tocan as túas entrañas. Atravésante sen piedade, fan que te retorzas de dor. Cando non hai axuda posible, e todo o mundo semella inimigo, as espiñas son máis letais que a morte.

 

—Xa está a balea de volta. Seica non aprendeu a lección.

—Teremos que repetirlla, entón.

—Imos agora, antes da clase.

—Mirade, vén canda nós. Seica é masoca, e mólalle que batan nela.

—Que leva na man?

—Un vibrador, seguro, co porca que é…

—En serio, leva algo na man. Semella unha…

—Meu Deus! Correde, é unha…

 

Cando as espiñas son fondas de verdade, poden xerminar no teu corazón. Neses casos, o teu interior magoado vese alimentado polas súas enredadeiras, a ramaxe recobre o teu interior e aniquila o teu ser. Non serás o mesmo nunca máis, tras esa muralla de medo e dor. Unha muralla que, ás veces, pode devolver o dano recibido. Ata a espiña máis pequena pode crecer e formar unha selva de destrución.


Un novo horizonte

 

Os tres cativos empurraban a cría de balea con todas as súas forzas. Fincaban as dedas na area e cravaban as mans na dura pel do animal, mais, aínda así, non conseguían achegalo á auga.

A desgraciada levaba varada dúas noites, agonizando pola seca e pola falta de alimento. Eles descubrírano nun dos seus paseos ao solpor. Ao principio non o distinguiran ben e discutiran un bo anaco sobre que podería ser aquel vulto deitado na praia. Mais alí estaba ela, cos ollos a esbagoar a través da area que se lle apegaba e a bufar por aquel furado no cumio da testa como se fose un fol estragado.

Correran, case voaran, a chamar pola xente. Petaran nas portas e berraran baixo as ventás. Porén, despois dun día e unha noite, só as súas propias familias lles abriran. Ignorando as protestas dos rapaces, pedíranlles que deixasen de molestar os veciños, que xa abondaba de dar aquel espectáculo histérico e desmedido.

A avoa dun deles saíra a falar cos cativos. Dixéralles que así era a vida, que non había quedar o mar sen baleas por deixar que unha morrese na costa. Eles romperan a chorar de impotencia. Emocionada polos seus prantos, a vella axeonllárase e colléraos polos ombreiros. Apertáraos contra ela e bisbáralles que acougasen, que de nada valería botala ás ondas da ría, que iso non evitaría que outra volvese varar, que había cousas que eran invariábeis e que as debían aceptar por moita dor que lles puidesen causar.

Arrastraran os pés, afundidos polo peso da derrota, de volta á praia. Fitaran os enormes ollos do animal, aqueles dous pozos cheos de bondade e inocencia que, sen dicir ren, dicíano todo. Antes de se decataren, botáranse sobre el, entregándolle a incombustíbel enerxía da nenez.

E alí seguían. Empuxados pola apatía dos seus, empurraban a cría de balea, coméndolle centímetros á area con cada alento que entregaban a aquela causa que os demais daban por perdida.

E alí venceron. Despois de máis de media noite a queimaren a súa xenreira, o animal aboiaba na beira, feble e desorientado por estar cravado durante dous días nun mundo que non lle correspondía.

Metéronse na auga, abrazándose ás súas aletas, e igual que loitaran pola balea na terra, así o fixeron no mar. A cría liberada contaxiouse dos seus azos e bateu con forza a cola. En pouco tempo, os tres pasaron de puxar a se abrazar e suxeitáronse á criatura que se afastaba da costa. Un deles volveu a vista para se despedir das luces das casas, porén, arrolados polos cantos da súa compañeira, axiña os tres cravaron a mirada naquel novo horizonte que cortaba o albor en dous.

12 thoughts on “‘Espiñas que se cravan’ vs ‘Un novo horizonte’

  1. Dous relatos con moi boas intencións e cunha mensaxe de denuncia social. Ademais, con dous finais de caracter moi distinto, o tráxico e o feliz.

    Espiñas que se cravan

    Este era o que o tiña mais dificil. Polo tema tratado, digo. Darlle visibilidade ó acoso escolar é boa cousa.

    No primeiro páragrafo crin ver arpóns sobre a pel da balea. Digo que os crin ver porque me parece (outra sensacion) que foi mais cousa miña que do autor. El chámalle espiñas e usa logo esta palabra para falar dunha selva.
    Non me presta cando o narrador omnisciente fai preguntas retóricas. Tampouco me presta moito cando non dou enfocado ó susodito narrador. Está claro que non é un ente neutral, está contando a historia dunha inxustiza tomando partido. Se a historia a contase un ser querido da rapaza ou mesmo calquera personaxe de carne e óso dixeriría mellor esa implicación persoal.
    Penso, p.e., en “Conservación”. A denuncia dese relato non precisou dun narrador emocionalmente implicado coa historia contada. O narrador de “conservacion” faloume da víctima sen melodramatismo, dignificandoa.

    Os diálogos cumplen coa súa función. Forman un crescendo de hostilidades mentres a narración nos prepara para aceptar a resolución do conflicto (que ata creo que non era necesaria, porque é xustificativa e non hai por que xustificalo, simplemente bastaba con presentalo).

    No final o relato expón un dilema moral. Como debo sentirme ó ver que a rapaza pretende devolver o dano recibido? Ben? Mal? O destino dos abusóns non me preocupa, pero non creo que o que fixo lle vaia prestar á rapaza no seu futuro inmediato. Pero iso é o de menos. O que me perturba é a mensaxe de fondo do relato, que eu entendín tal que así: escolle ben de quen fas burla, porque che pode sair mal o invento. Claro, eses nenos deberon elexir unha víctima mais feble, alguén con tendencias suicidas e non homicidas. Cóstame ver unha crítica efectiva ó feito do acoso mais aló da historia dunha vinganza.

    Un novo horizonte

    O que di este relato era máis sinxelo de contar.

    “A desgraciada levaba varada dúas noites”
    non sei se “desgraciada” foi a mellor eleccion inda que o diccionario lle de a razón.

    “agonizando pola seca e pola falta de alimento”
    soen morrer por deshidratación (supoño que a iso se refire co da seca) e porque o seu propio peso lles aplasta os pulmóns.

    “Eles descubrírano”
    antes o narrador referiuse á balea en feminino.

    “Dixéralles que así era a vida, que non había quedar o mar sen baleas por deixar que unha morrese na costa.”
    a ver, entendo que isto forma parte do que o narrador quere contar, pero as baleas varadas soen atraer mais atención humana que moitos outros animais en situacion de perigo. Non logrei conectar con esta parte. Hai asociacions e mesmo institucions publicas que podían ser avisadas. Creo que non se expuxo ben este punto do relato. P.e., se uns dos rapaces pasasen do tema e outros tentasen convencelos, sería mais crible e a proposta do relato estaría sobre a mesa de igual maneira. Ademais asi non se usaría “ós nenos” coma un só personaxe que se move, pensa e actua de forma identica pero en plural, cousa que tampouco lle axuda nada ó relato.

    O final, a pesar de ser esperanzador non me gustou. Igual que o do seu rival, ten unha lectura tenebrosa: “non fai falla que te movas do sitio para axudar ós animais, xa o fan outros”. Iso é o que eu entendín. Os do pobo tiñan razón, todo se solucionou sen a súa intervención, era todo cousa de nenos. Fixeron ben non darlle importancia. Pois non, non é un final que me preste.

  2. É moi complicado comentar este duelo despois de Lois Z, que tan ben fai as diseccións das partes fortes e febles dos textos. Estou de acordo con el en case todo o que dixo.

    De Espiñas que se cravan destaco o ben recreado que están os insultos e o acoso. Introduce elementos como o propio nome de “balea” (ridiculizando posiblemente un problema de peso ou incluso de obesidade), o prexuízo homofóbico de que unha muller pouco atractiva ten que ser lesbiana (e viceversa ), cos que a persoa atacada se converte nun ser de terceira, por debaixo do estándar social de persoa con dereitos. Como a Lois non me gustou tanto a reacción dela, de confrontación, de pagarlles cunha resposta violenta. Non digo que non sexa moi real, mais creo que había mellores saídas literarias, máis orixinais.

    De Un novo horizonte gustoume a súa sinceridade e a inocencia que destila. A prosa é fluída (aínda que podería ter sido máis virtuosa) e efectiva. Quizais bote en falta como noutros casos neste Torneo un pouquiño desa concreción que dan os nomes propios e que axudan ao lector a identificarse coa historia. Creo que o éxito dos nenos é un acerto e aínda que o final queda un pouco aberto eu quedo coa mensaxe de “por pequeno que sexas sempre hai algo que podes facer para mellorar as cousas”. Deixoume un bo sabor de boca.

    Despois dun par de días de reflexión dende a primeira lectura dos dous relatos, o meu voto va para Un novo horizonte.

  3. O meu voto vai para “Un novo horizonte”
    Os dous relatos son bos. Pero “Espiñas…” chegoume algo menos. O final tampouco acaba de convenverme, para o meu gusto pasouse de explícito. O final de “Un novo…” aínda que se trate dun final desacougante, conseguiu transmitirme calma e placidez.

  4. Pois ten toda a razón Raúl no seu comentario sobre Un novo horizonte. A pesar de lelo varias veces non caín na conta do que realmente pasou nese final.

    “os tres pasaron de puxar a se abrazar e suxeitáronse á criatura que se afastaba da costa.”

    Abrazáronse á balea e marcharon con ela!

  5. Voto por Un novo horizonte.

    Parecéume moi LIX do noso señor (e síntoo moito porque eu non son de LIX, e para mais arestora considéroa un cancro para a nosa literatura), pero en fin, como adulto foi quen de me espertar un par de imaxes positivas (os nenos a salvar o que os grandes esquenceron hai anos, os nenos desertando collidos dunha balea), e iso ben vale o meu punto.

    Espiñas que se cravan non me prestou. Non tanto pola miña proverbial querencia polo micromachismo e a gordofobia, como polo arrecendo a deja vue que transpira. Síntoo.

  6. De “Espiñas”, ao contrario doutros comentarios, gustoume que conteña unha historia de vinganza (dálle un punto de mala hostia) e non tanto as frases sucesivas, soltas, que quedan segundo o meu punto de vista, algo artificiosas. Tamén é meritorio que trate o tema proposto lonxe da primeira imaxe que transmite que é a que escolleu “Un Novo Horizonte”

    Deste relato como xa se apuntou, non me parece crible que a xente adulta pase de todo. Se transcorrese nunha época actual baixarían polo menos a sacarse selfies. Gustoume algo máis a loita dos tres rapaces por desvarar a balea.

    Porén creo que aínda así voume quedar con este último (Novo Horizonte). Xa que logo dunha nova lectura dos dous, esas frases soltas do primeiro como recompilación de maledicencias e maltrato, non acaban de meterme na historia.

  7. Voto por “Espiñas”.

    Ningún dos 2 me gustou, pero este relato fíxome pensar en diversas cousas sobre o tema que abordou, sobre todo en relación á vinganza da rapaza.
    A mensaxe do seu rival non deu collido forma na miña mente, nin antes nin despois de “descubrir” o seu verdadeiro final. Desta maneira os pais parecen ser os verdadeiros receptores da mensaxe neste conto de Hamelin acuático. Pero pola mañá, serán capaces de relacionar a desaparición dos nenos co feito de non axudarlles ou simplemente as autoridades lle porán unha bandeira vermella á praia (supoño que aparecerán os corpos aboiando dalí a uns días)?

  8. Vaia decisión difícil. Tamén eu coincido co que xa dixeron xs compañeirxs. Voto por “Un novo horizonte” xustamente por ese final positivo e esperanzador (uns meniños que deixan atrás ese mundo no que as baleas só poden aspirar a morrer varadas na costa), aínda que admirei o ton realista e feroz de “Espiñas”.

  9. Espiñas que se cravan.

    Este duelo foi o que máis se me complicou. Os dous relatos están moi parellos ao meu ver.
    Neste primeiro cabe destacar o afondamento na tristura que fai ese bulling. Tamén me presta o final con vinganza, inda que penso que gañaría se o narrador fose máis neutro. De feito penso que todo o relato gañaría cun ton máis real e cru. Ten, pola forma de estar narrado, un aire a conto, a relato simbólico, e iso non lle presta respecto ao que está a contar.

    Un novo horizonte.

    É curioso que o seu rival falle precisamente en presentar un ton máis realista. Aquí si que facía falla simbolismo, aire de conto, de narración fabulada. Porque aquí si que hai moralexa, unha moralexa que eu, na miña primeira lectura (como lle pasou a Lois), non vin. Porque para min os nenos quedaban na praia… porque se van coa balea morren e tal… a non ser que isto sexa unha fábula, claro.

    O certo é que me parece máis redondo e desacougante “Un novo horizonte”. Así que leva o meu VOTO por iso.

  10. Comento:

    ‘Espiñas’: coido que é un relato demasiado esquemático. A idea é boa e o ritmo é o axeitado á fórmula escollida pero hai dous niveis na súa manufactura que me parecen deficientes: a listaxe de agravios, que non consegue imaxes sorprendentes nin frases orixinais. E a resolución (a lo Carrie) é unha saída demasiado obvia. Coido que, en casos coma o desta historia, é mellor evocar, insinuar, para que interveñan os propios elementos cognitivos do lector na trama.

    ‘Un novo…’: Hai moitos defectos, como xa constataron os comentaristas que me precederon, nos planos da verosimilitude, da trama e do obxecto da narración. Tamén sobran adxectivos (especialmente dos que carecen de contido, enorme, por exemplo). Contodo, coido que a autora/autor si acertou ao evocar unha aventura infantil, con todo o que iso supón, que polo menos agarra o lector e crea unha atmosfera cálida.

    Voto por ‘Un novo horizonte’.

  11. Ámbolos dous relatos parecéronme moi emotivos. Acuden directamente aos sentimientos. Un deles dende a escuridade dunha tristura moi fonda, un alma ferida, e o otro dende a esperanza.
    Un novo horizonte é fermoso por esa inocencia que comparten os seus protagonistas, tanto os humanos como o animal, arrecende ternura e trasportar a un ao doce mundo da infancia.Pareceume un canto fermoso á vida, a un novo comezo.
    En Espiñas que se clavan acudimos á dor que provoca o impacto da opinión social nunha persoa, e a conversión desta. A escuridade e a dor que se transmite nas partes narradas, pensamentos desa moza cunha alma xa infectada de calumnias inmerecidas. Esa transmutación pareceume moi interesante, así como a escolla da trama con respecto á premisa temática.
    Voto para: Espiñas que se cravan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *