Esta semana comeza a I Copa Biosbardia
Dous equipos, tres xornadas, un título por conseguir, o da I Copa Biosbardia de relatos, unha nova modalidade de torneo que lle dá outra volta á competición de duelos narrativos, xa unha tradición na revista.
A Copa Biosbardia enfronta dous equipos de tres participantes cada un. O sistema de competición é o tradicional: duelos de relatos de non máis de 500 palabras, mais neste caso non o avaliarán os propios duelistas senón un xurado composto por cinco persoas moi próximas á literatura.
Nesta primeira edición, que se publicará entre os días 13 e 27 de xaneiro, en tres xornadas nas que irán competindo entre si os tres membros de cada equipo. Conseguirá o título copeiro o equipo que obteña máis vitorias nos nove duelos.
O equipo Botánica Aplicada está formada por David Botana (capitán), Fran Fernández Davila (subtenente) e César Lorenzo Gil (recruta). O equipo O Teamdalos está composto por Lois Z (capitán), Carlos Vega (subtenente) e Raúl Pérez (recruta).
Os relatos serán avaliados e votados por un xurado composto por Érica Couto, Tensi Gesteira, Sabela González, Eva Moreda e Guillermo Rodicio.
O equipo perdedor terá que convidar a algo, preferentemente sólido e rico, ao equipo gañador.