BiosBardia

O país dos libros en galego

Esta semana empeza a publicarse por entregas ‘A gran novela galega’

Billetes. ÉRIC CABALLERO/FLICKR.

A gran novela galega, de César Lorenzo Gil, conta como revoluciona o panorama literario galego a convocatoria dun premio de novela dotado con un millón de euros. Unha obra lixeira e humorística cuxa semellanza coa realidade é pura coincidencia.

Imaxinemos que ocorrería se de repente se convocase un premio literario cuxo premio é de un millón de euros libre de impostos. Ese é o punto de partida imaxinario desta novela que se publicará por entregas nas próximas semanas en Biosbardia. A primeira entrega estará dispoñible mañá, 21 de xullo do 2020.

Este ano, por primeira vez desde a súa creación, no outono do 2013, Biosbardia segue actualizándose nos meses do verán. Aínda que baixamos o ritmo de publicacións, nas próximas semanas seguiremos publicando críticas literarias, reportaxes ou artigos de opinión mais quixemos aproveitar esta prórroga para fortalecer a sección de Creación. Durante os meses de xullo e agosto oito duelistas compiten polo triunfo na I Liga Maruxairas de relatos, unha experiencia piloto na que autoras e autores están publicando historias logo de que fosen revisadas e comentadas por “lectores e lectoras beta”, primeiras opinións que axudan a fixar a calidade do texto final.

A gran novela galega súmase a esa aposta pola ficción. Desde o seu inicio, Biosbardia quixo ser unha revista dixital que utilizase principalmente os recursos do xornalismo para falar de libros mais que servise tamén como laboratorio de ideas literarias. En todos estes anos tivemos a fortuna de publicar traballos de Manuel Veiga Taboada, Jacobo Fernández Serrano, Xoán-Manuel Casado, Xabier López López, Xerardo Méndez, María do Cebreiro, Ana Lorenzo Blanco, Eladio Bernabé, Bieito Iglesias e Eva Moreda. Xa celebramos tres torneos de relatos (gañados por Pablo Fernández Barba, Érica Couto e David Botana e nos que participaron ducias de autores e autoras). A intención de Biosbardia é organizar novos torneos literarios e servir de plataforma editorial para a creatividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *