BiosBardia

O país dos libros en galego

Estíbaliz Espinosa: “Algún día veremos esta sobredose de publicacións como un esforzo anti-sostible”

rpt

Estíbaliz Espinosa é unha das voces poéticas máis sofisticadas e orixinais. Os seus libros procuran novas canles para a linguaxe e novos espazos de curiosidade para a expresión literaria, especialmente a relación entre o ser humano e o universo a través do coñecemento científico. Entramos na súa ‘Biblioteca Íntima’ ao tempo que recomendamos o seu último libro, As neuronas irmás (PEN Club).

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Non lembro o primeiro libro-libro. Se descontamos contos infantís e cómics que devorei, por aí andan Alicia para los pequeños [versión de Alicia no País das Marabillas], Jim Botón y Lucas el maquinista, Mulleriñas ou Puck triunfa. 

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Moitos de mulleres. Moitos tamén de literatura científica.

Pilgrim at Tinker Creek, de Annie Dillard. Sen traducir ao galego. 

Silent Spring, de Rachel Carson [esta última traduciuse ao galego como Primavera silenciosa]. Quizais non é unha obra mestra estilística, pero un must de lectura. Da mesma autora O sentido do abraio, que publicou Catro Ventos.

Huellas de escarabajo, haikus de Susana Benet.

Obra mestra de estilo: La haine de la musique, de Pascal Quignard. Tampouco ten tradución a galego.

Cosmos, de Carl Sagan, é ben coñecida pero non como libro. E é unha peza mestra que levo, dende hai anos, querendo que se verta á nosa lingua [comezara a traducila así, nesa fantasía]

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

É san tomar o canónico con escepticismo. Agora xa sabemos que un canon se fai desde posturas e contextos e é, por iso mesmo, máis voluble ca o patrón de mutación dun virus. Haiche algunhas obras, pero agora lembro que de García Márquez hai relatos que me gustan ben máis que Cien años de soledad. E El Lazarillo de Tormes sempre me deu baixonazo.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.

Con Sei Shonagon, a cortesá xaponesa do século X, con Emily Dickinson, por raro que poida soar, Emily e as súas andrómenas; e sumaría a Oliver Sacks, con toda a fasquía de saber vivir. E do reino das vivas: Déborah García Bello, Xurxo Mariño e Samuel L. París. Noites de festa «de libro».

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o. 

Coetzee é hipnótico na súas tramas, pero penso que desacougante en vivo. Atraente, con todo. E, por outras razóns, pasei tempo con escritores que me poden agradar entre liñas pero fanme sentir incómoda. En xeral porque ou paternalizan ou ningunean, presupóñenme o superpoder da invisibilidade, magnífica para esculcar egos e miserias pero unha desvantaxe cando se vive disto. Lembro un, non direi o nome, do que ata presentei libros e nin me recoñece a día de hoxe.[…] O cal confirma que para moitos escritores [homes, si, pero hai de todo], hai outras escritoras ás que ven [non-ven] como servas.  Recoñezo que hai anos me afectou. E que nunca me deixei asoballar por iso.

 Un libro recente que lle gustase moito.

Atlas, de Alba Cid; 

Robinson contado polas alimarias, de Marilar Aleixandre,

A torre, de Antonio Sandoval e Bajo tierra, de Robert McFarlane.

Unha novela que non puido terminar.

Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño

Que novela lle gustaría protagonizar?

Interésanme cada vez menos as tramas só interpersoais e, en cambio, si me enganchan as urdas ensaísticas que mesturan ficción, natureza e ciencia. Pero direi ciencia-ficción: Contact, de Carl Sagan.

Que novela a reconciliou coa literatura?

Non me tiven que reconciliar nunca coa literatura; co sistema literario e editorial algunha que outra vez. O curioso é que non foi unha novela, senón o ensaio e de trazos científicos, naturalistas e líricos. Aposto polo ensaio poético como forma sagaz, futurible, que me fai feliz cultivar e me encantaría que sementase noutras [e reconciliase, se houber que tal].

Que libro, da súa pila de obras pendentes, é o seu favorito?

Curiosa pregunta! Un favorito entre os non-lidos. Diría que encabezan o tsundoku de favoritos para deixar de non-ler Black hole blues and other songs from outer space, de Janna Levin; Flota, de Anne Carson; Soviet Space Graphics, de Alexandra Sankova; El gran salto al abismo, en Next Door Publishers; A pel do mundo, de Berta Dávila; e os contos de Ursula K. Le Guin e Cristina Sánchez Andrade.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Calquera de Clarice Lispector. O seu estilo é un escándalo a voces. Tamén me conformaría cun só poema de Wislawa Szymborska ou Kobayashi Issa ou cunha soa páxina de Tolstoi. Co Soño dunha noite de San Xoán ou Macbeth de Shakespeare. Cunha pétala de Fleur Jaeggy. Con En concreto, de Luísa Villalta. 

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Durante moitos anos respondería que desaparecesen case todos. Logo comprobo que algúns dos meus libros máis antigos nin sequera chegaron propiamente ás librarías, co cal xa viñan «desaparecidos»-de-casa. Xa non son tan drástica comigo mesma. Aprendín a estimar e defender o que escribo, o que ideo. Hai que esmelgar e antoloxizar un pouco, iso si.  Porén, chéganme lecturas sagaces e xenerosas dalgunha xente, mesmo de libros pouco espallados en bibliotecas.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Non.

Escribirá as súas memorias?

Ditareinas. Será un audiolibro e musical, algo que polo que devezo hai anos [pero non coas miñas memorias, nin que estivese empoleiradamente tola]. 

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Virginia Woolf vén por aí con pinta de sospeitosa. 

Borges faise o sueco. Cortázar asubía unha de Ella Fitzgerald.

Walt Whitman fai que corta un tronco de costas a nós.

O que nos fai burla é Shakespeare. Protagonizara Domando a furia no cole aos 9 anos e deixoume cicatriz na lingua.

Na infancia, Gloria Fuertes e Joan Manuel Gisbert. Logo veu Carmen Martín Gaite.

E de que escriba en galego, Cunqueiro e Pilar Pallarés. 

Hai esa cousa tan cunqueirá de traer os clásicos -Hamlets, Ofelias, Merlíns, Wagners- e poñelos a pasear por rías e carballeiras, mais tamén é inspiradora a idea do galego na Lúa. Da galega, en concreto. 

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Co que me gusta nadar e mergullarme? Non. Eis a utilidade dos malos libros: les o que nunca quererías escribir ti, fas recortables, chilindradas, dás vida a eses bichiños [tisanuros] que os devoran con máis paixón ca nós…

Vale. Xogo: tiraría libros de prosa inerte, de redacción escolar clónica e publicados só co fin de facer soar o axóuxere dos autores, ás veces aproveitando tiróns mediáticos. Respecto moito o papel, o ventre das árbores e o recendo da química entre tinta e sapiens. Arriscándome a botar unha casandrada: algún día veremos esta sobredose de publicacións como un esforzo anti-sostible. A relación sapiens-libro é marabillosa, necesitámola. Pero movendo os marcos.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Os que non apelan á intelixencia ou sagacidade das lectoras, os que buscan unha posteridade ridícula, non poucos de crimes por resolver, os de erotismo forzado e mal escrito. Ai, se fose un só!

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Cativa en su lughar, de Luz Pichel

Hordas de escritura, de Chus Pato.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Cústame moito elixir un, explícome: moitos autores que consideramos clásicos o son porque case non había ninguén escribindo en galego. Hoxe, no feroz mercado editorial, resistirían a metade. Pero non todos están sobrevalorados: dignificaron algo que ninguén consideraba. Abriron un río, un universo.

Por outro lado… en xeral, en galego prima a infravaloración por riba da sobrevaloración. Salvo algunha cousa. 

Pero vou xogar: Curros Enríquez non é para tanto?

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Estou segura de que o meu irmán agasallaría o facsímil do caderno de debuxos de Castelao para Nós, un dos seus predilectos. Guiada polo seu amor ao talento e á hibridación [da literatura e a pintura, no seu caso] detéñome en libros como pezas de arte, que son xa un feito: agasallaría algún dos clásicos como libro ilustrado, divulgación de ciencia ou en banda deseñada. Uxío Novoneyra por David Rubín, por exemplo. Ou Risco e o seu Dédalus en Compostela. 

Pasaxeiras é un libro de fotografía, microrrelato e pintura no que escriben varias  autoras galegas. Non é un clásico pero si un belo experimento. Ao igual que Palabras de luz para o coro Cantabile, cos poemas de varios autores musicados e nunha edición exquisita que inclúe as partituras.

Astronomía a ollo ceibe, de Ramón María Aller, en versión divulgación actualizada e ilustrada. Ou un clásico divulgado como Rosalía vista a través das plantas, estrelas e elementos da natureza que cantou. Estes dous aínda están por escribirse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *