‘Etceteramente’, un libro xogo
César Lorenzo Gil.
É máis ou menos habitual que se publiquen libros infantís nos que a propia lingua ou a literatura sexan a materia prima coa que se compoñen diversas posibilidades lúdicas. A relación entre significado e significante, as historias dentro das historias ou os dobres sentidos de palabras e expresión, entre outras posibilidades, artellan tales volumes que serven para aproximar os primeiros lectores ao concepto máis amplo e talvez abstracto que se agocha detrás do obxecto libro.
É menos habitual que este modelo de libro como xogo apareza no formato de narrativa para público adulto e nun libro de 400 páxinas. Nese sentido, Etceteramente, de Xelís de Toro (Xerais) é unha obra moi orixinal. Quen entre nel non atopará nada parecido ao que adoita haber xa non só na novela galega, senón en calquera novela.
En certo sentido, Etceteramente recorda a exercicios de estilo innovadores xa practicados no pasado, caso da OuLiPo, e tamén nos comunica coa arte espontánea, efémera, da performance, disciplina que non lle é allea ao propio De Toro. Mais a referencia máis evidente e explícita desta obra é o ruso Daniil Kharms (1905-1942), escritor do absurdo que participou na fundación da OBERIU, grupo vangardista adscrito ao futurismo que eclosionou logo da revolución soviética.
Ese vencello coa vangarda revélase especialmente na reinterpretación-homenaxe que o autor lle fai a Manuel Antonio, un dos mellores momentos do libro, malia que fique case coma unha brincadeira oculta no medio e medio da obra. Ese tipo de transgresión (sutil e arriscada) é pena que non sexa o eixo deste libro.
Etceteramente, cos seus cambios de rexistro e fonte tipográfica, debe lerse como un experimento e como unha curiosidade na propia traxectoria de De Toro. Dá para pouco máis. Os recursos metaliterarios e metalingüísticos son case sempre puerís (hai un autor-personaxe chamado Alfa Beto que nomea os seus personaxes con nomes como Aparicio Aparecido e Mariña Sempar) e o tipo de humor que se cultiva no libro apenas ten brillo e enxeño.
A atmosfera xeral de pantomima non dá para tantas páxinas e moi pronto a estratexia de proba-erro deixa no lector a sensación de que por debaixo do xogo apenas hai nada e que, se cadra, Etceteramente conseguiría o mesmo, ou un mellor efecto, con maior contención, con menos páxinas e menos chistes evidentes. Di o propio De Toro: “Polo menos esta muller está a ler unha novela entretida, que non se queixe, morro de envexa” p. 43.
Xelís de Toro amosa, en troques, que segue a dominar o ritmo narrativo e descaro, dúas calidades que xa estaban nalgúns dos seus libros máis sonados, como Seis cordas e un corazón ou Non hai misericordia, libros que merecen seguir a lerse hoxe en día.
♦ Etceteramente, de Xelís de Toro. Xerais, 2022. 496 páxinas. ♠24,50€