BiosBardia

O país dos libros en galego

Eva Moreda: “Para min a literatura ten que ir máis alá de contar historias”

Eva Moreda. JOSÉ GORÍS.

Eva Moreda (A Veiga, 1981) é unha das voces máis orixinais e innovadoras da literatura galega actual. En febreiro visitou a libraría Cartabón para protagonizar unha nova sesión de ‘Conversas Biosbardia’ onde debullou, canda o editor da revista dixital, César Lorenzo Gil, a súa traxectoria artística e tamén outras cuestións derivadas da súa práctica como crítica literaria e musicóloga.

Moreda explicou máis sobre o seu magno proxecto literario, a tetraloxía narrativa da que xa se publicaron as novelas Hortensias, camelias e palmeirasConventículo. A escritora contou que se inspirou na obra de Dorothy Richardson, escritora británica adscrita ao modernismo (quizais non tan recoñecida coma Virginia Woolf, pero cada vez máis reivindicada pola crítica e por novas xeracións lectoras), que foi pioneira na introdución de novas técnicas narrativas, e que tamén deixou unha serie de obras que cubrían diferentes etapas vitais da autora, algo que tamén fai Moreda na súa serie. “Interésame moito a distancia entre o momento da experiencia e o da narración. Eu agora teño distancia para contar o que me pasou na adolescencia ou cando tiña vinte anos. Arestora non teño esa distancia para contar o que ocorre agora, pero si igual podo facelo cando teña sesenta anos”.

A escritora tamén intentou definir a súa poética actual: “O meu xeito de ver actualmente a literatura fraguouse hai uns dez ou doce anos. Tiven unha etapa de reflexionar moito, de intentar moitas cousas diferentes, tratar de ler dun xeito moi crítico, non simplemente centrándome na historia… Naquela época decateime de que hoxe en día, se queremos contar unha historia, temos moitos medios, e Netflix está contando historias todo o tempo. Pero é que a través do Instagram ou o TikTok tamén se poden contar historias. Se cadra, á literatura chegoulle o momento de ir máis alá, de ofrecer algo máis”.

Moreda defendeu que a súa obra non é experimental ou rupturista, “cunha novela podes facer cousas como xogar coa percepción do tempo, por exemplo, nunha escena podes acelerar ou expandir un recordo ou unha descrición”.

A escritora reflexionou sobre o feito de que escriba en lingua galega vivindo en Escocia, onde é profesora de Musicoloxía na Universidade de Glasgow. “A min chámame a atención de que, por exemplo, organízase unha mesa sobre literatura e emigración, e a min non me chaman. Pero non creo que sexa un problema unicamente galego, coido que é algo universal. O que está máis lonxe, cústanos máis telo presente.

Moreda, de feito, escribiu en inglés. “Nun momento dado, eu estaba lendo tanta literatura galega actual con sintaxe plana e trama previsible que empezaba a imitar ese estilo. A min iso non me gustaba, pero víame facéndoo, igual que todos sabemos que a comida do McDonald’s é unha trapallada, pero é adictiva. A mala literatura é adictiva. Eu podo ler a Faulkner e non empezo a escribir coma el, pero leo malas novelas e pégaseme. Entón pensei, se me poño a escribir en inglés, veremos que pasa. Interesáronme autores alófonos, coma Conrad ou Beckett. E tamén en galego hai autores de fóra que o fixeron en lingua galega. Cando escribes nunha lingua estranxeira, estás moi pendente da expresión porque tes medo a facelo mal”.

Entre outros temas, Moreda tivo tempo tamén de falar da súa faceta de crítica literaria, que desenvolve tamén en Biosbardia. “Eu son moi partidaria da técnica do sándwich, é dicir, colocar a crítica negativa entre dous comentarios máis positivos sobre o libro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *