BiosBardia

O país dos libros en galego

Evidencias e lagoas no estudo da distopía galega

Eva Moreda.

Chama a atención que nun espazo de pouco máis dun ano (desde finais do 2018 ata principios de 2020) fosen aparecendo no noso sistema literario unha serie de novelas distópicas: Dx, de Eli Ríos (Urco, 2018), Natura, de Iolanda Zúñiga (Galaxia, 2019), As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey (Xerais, 2019, Fuxir de Proxeria, de Manuel Blanco Desar (Fervenza, 2019), Be water, de Antía Yáñez (Cuarto de Inverno, 2020). Todas elas caen dentro da distopía que podemos chamar clásica, a que ten en Aldous Huxley e George Orwell os seus modelos inmediatos (hai un precursor menos coñecido, Evgenii Zamiatin, que traduciu ao galego Hugin e Munin). Este tipo de distopía adoita cumprir unha serie de características ben coñecidas: ditadura globalista (se existe algún perfil de estados ou cidades autónomas, estes están subordinados a un poder central); uso de tecnoloxías avanzadas, incluídas certas drogas, como modo de control; pronunciada estratificación social (mesmo física) e poucas ou nulas posibilidades de mobilidade entre unhas clases e outras; disolución de lazos familiares e afectivos; conformidade xeral da poboación, acadada por medio de violencia ou manipulación; trama fiada á rebelión dun individuo ou un grupo deles contra o sistema opresor.

Poderíase argumentar que non é este o único modo de escribir unha distopía: é xusto isto o que di Xosé Manuel Eyré nunha recente entrada no seu blog, un dos poucos traballos en aparecer ata agora sobre a distopía galega que vai máis aló de facer unha lista de obras e autores. Aínda que Eyré non proporciona unha definición do que entende el por distopía, é obvio que está a mirar máis aló dos modelos de Huxley e Orwell. Lémbrame nese sentido ao investigador Gregory Claeys en Dystopia. A Natural History (2016). Claeys non se limita a estudar a distopía como un subxénero da ficción científica e non se centra tampouco en distopías literarias, senón que entende a distopía como un relato que pode ser político, relixioso, científico, etc. Di Claeys que as distopías se caracterizan polo predominio das categorías emocionais de alienación, medo e inimizade nas relacións persoais; a utopía, por outra banda, viría estar caracterizada polo predominio dunha sociabilidade mellorada (enhanced sociability). Xa no terreo da distopía literaria, houbo investigadores –sobre todo centrados en ámbitos que non fosen o angloamericano— que tamén estenderon a definición de distopía máis aló dos modelos de Huxley e Orwell e que se centran xustamente en como os novelistas distópicos de diferentes tradicións literarias, aínda partindo dalgúns dos tropos máis comúns, reinventaron a fórmula de acordo co clima intelectual e cultural ao que pertencían. Por exemplo, M. Keith Booker, ao falar de distopías na literatura africana nun artigo en Research in African Literatures publicado en 1995, defende que o modelo de distopía occidental, centrado na liberación no individuo fronte á sociedade opresora, non lles remataba de funcionar a certos autores africanos que escribía nun contexto de colonización e descolonización e optaban por unha óptica máis colectivista. 

Certamente, dalgunhas das obras das que fala Booker non se nos ocorrería pensar que son distopías se non fose porque así as analisa el, como é o caso da excelente The beautyful ones are not yet born, do ghanés Ayi Kwei Armah. Aquí viría ao caso outra vez Claeys, quen di que á hora de clasificar unha obra como distopía ou non facelo non podemos fiarnos exclusivamente da intención do autor nin do que nos conta no libro, senón que tamén debemos mirar á súa recepción e dilucidar se a súa comunidade lectora interpretou o libro como se fose unha distopía. O mesmo que pasa co libro de Kwei Armah sucede con algúns dos textos que menciona Eyré, a quen non lles acabo de ver moita relación co xénero distópico máis aló dun ton un tanto distanciado e un setting un tanto desolador pero en esencia non diferente ao noso. Porén, sería cuestión de que os nosos investigadores literarios fixesen lecturas detalladas na liña de M. Keith Booker, ou de Daniele Fioretti no caso italiano, para dilucidar ata que punto estas novelas e outras poderían inserirse na xínea da distopía.

Este sería un proxecto ben interesante e necesario, penso eu, porque se cadra aí si que poderiamos atopar os vimbios dunha tradición distópica galega orixinal que dialogue e reinvente a distopía xa máis como tropo filosófico e político que como subxénero puramente literario. E digo isto porque as distopías clásicas existentes ata agora en galego, as que seguen os modelos de Orwell e Huxley xa desde Soños eléctricos (1992) ata os últimos exemplos que apuntei antes, non me parece, en xeral, que lles apuxesen a estes modelos unha visión particularmente nosa nin tampouco particularmente orixinal. Hai algunha excepción, pero nestas a innovación tende a estar nos detalles da ambientación máis ca na estrutura ou a lóxica, na forma máis que no fondo. Chamoume a atención, por exemplo, o xeito en que Xesús Constela presenta en 15.724 un rexime totalitario no que as convencións do xénero se intercalan de xeito moi habilidoso cunha serie de tropos identitarios galegos tomados fundamentalmente da nosa literatura clásica (Obediencia, de Antón Lopo, ten tamén algún que outro achado interesante neste sentido). Negruña, de Xosé Duncan, e Despois do cataclismo, de María Alonso Alonso, fan algo semellante nun ton máis de serie B (se cadra aquí puidese estar o segredo da popularidade que ten a distopía como xénero no noso sistema literario: podes combinar nunha mesma novela o culto e o popular, Huxley e Mad Max, propoñer unha reflexión moral ao tempo que entretés; este e non outro semella ser o Grial dos nosos días nas nosas letras). En xeral tamén me parece que os autores e autoras que se toman menos en serio a si mesmos e as súas distopías conseguen ao final ter máis éxito, ou polo menos facer a lectura máis amena, como é o caso de Moncho Mariño no seu relato en Plug&Play, unha antoloxía na que a maior parte dos relatos beben da distopía clásica. 

Se cadra é que a tarefa de darlle unha volta ao subxénero dentro dos parámetros clásicos non é doada medíndose con Huxley, Orwell e máis recentemente con Margaret Attwood (e, polo medio, cunha chea de epígonos). E logo está o problema de que Orwell e Huxley escribían na era dos totalitarismos, que, queirámolo ou non, é diferente á nosa. Algunhas das novelas distópicas galegas semellan ver a grande ameaza nun retorno do neofascismo ou do fundamentalismo cristián: sen quitarlles importancia a estas lacras, eu persoalmente vexo máis distópica e máis plausible no noso contexto (e máis interesante literariamente tamén) a psicopolítica de Byung-Chul Han, a que no sistema capitalista serodio nos leva a explotar o noso propio eu cal medio de produción (por exemplo, “vendéndonos” nas redes sociais e si, tamén cando falamos dos nosos libros ou cando escribimos nunha páxina coma esta). Tamén me chama a atención que en moitas destas novelas se faga unha especie de apoloxía libertaria do individuo fronte ao estado opresor, cando o libertarianismo non é unha opción que campe moito no sistema literario galego e que mesmo moitos verían como de todo antitética á súa ideoloxía. 

No fondo, porén, pode estar o problema da verosimilitude. Sen que este sexa un problema exclusivamente noso, lendo moitas destas novelas distópicas en galego queda unha sensación de: hai que ver que xente máis parva, que tragan con todo o que lles boten. Non se intenta, en xeral, darnos unha idea de como estes totalitarismos reconfiguran o modo de pensar das persoas non (ou non só) a través de mensaxes de propaganda simplistas ou de violencia declarada, senón de toda unha serie de mecanismos máis sutís dos que moitas veces podemos mesmo ser conscientes pero contra os que non nos animamos a facer nada. (Xa fóra do terreo distópico, é interesante, por exemplo, o traballo que fan neste sentido Rafael Chirbes ou Agustín Gómez-Arcos á hora de explicar como estes mecanismos funcionan no franquismo).  E neste panorama o protagonista ou protagonistas rebeldes acaban perdendo tamén bastante efecto: non é que sexan figuras tráxicas, son simplemente individuos cun algo de complexidade rodeados de ovellas sen entidade nin personalidade ningunha, o que non resulta demasiado atractivo literariamente.

3 thoughts on “Evidencias e lagoas no estudo da distopía galega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *