‘Exteriores do paraíso’, Atxaga e o cárcere
César Lorenzo Gil.
Bernardo Atxaga é un dos escritores vascos que maior atención recibe das editoriais en lingua galega. Afortunadamente. Primeiro porque é un autor cunha moi interesante obra e segundo porque demostra que o contacto entre as linguas peninsulares periféricas está activo.
En Exteriores do paraiso, o autor guipuscoano propón un texto híbrido: Ten narracións curtas, crónicas e poemas. Aínda que todo o seu magma literario comparte esta fuxida das etiquetas e dos xéneros, neste volume esa falta de concreción é moi evidente. Tamén o é o xogo autorreferencial. Atxaga dialoga consigo mesmo, tanto nalgúns dos temas que lle interesan (o humor, a recreación da historia, o devir da literatura en éuscaro) coma no referente a antigos textos (principalmente poemas) que reaparecen neste volume.
Aínda que non todos os textos de Exteriores do paraíso xiran ao redor dos cárceres, a cerna, si. E a razón está en que Atxaga fai en “Pequeno tour por Francia” e “Charla no cárcere de Martutene sobre a historia da literatura vasca” crónicas sobre as súas visitas a diferentes centros penitenciarios. Non son crónicas, digamos, xornalísticas, senón literarias, pero o autor válese dos recursos do xénero para manter o distanciamento e a sensación de apuntamento ao natural. Esta presenza da cadea ten, para o lector, un interese máis antropolóxico ca literario neste caso. Polo seguinte: Atxaga intenta non só contar o que lle sucede dentro do cárcere (o de Martutene, en Euskadi, ou os de Mauzac e Neuvic sur l’Isle, ambos en Francia) senón, sobre todo, o que supón o contacto entre dous universos aparentemente tan afastados como os dos presidiarios e un intelectual, un escritor, un home que ten como misión “levar á cultura” a aquel espazo. Esa mutua descuberta, con elegancia e sutileza, aparece moi ben reflectida nestes textos. O escritor, destinado a estar por riba dos presos, sente a dúbida, a vergoña, o imperativo de facer ben as cousas, agradar o seu público cativo (nunca mellor dito). Un público que está máis próximo aos libros do que poida parecer, que recoñecen na literatura ese alimento da ánima que tanto lles cómpre alí entre aquelas catro paredes.
É certo que Exteriores do paraíso, polo seu contido e presentación, poida parecer algo así como un conxunto de retallos, a gabeta editorial onde Bernardo Atxaga gardou textos de difícil colocación e que así, todos xuntos, parecen formar parte dunha caixa de costura onde o lector ten que escoller entre agullas e botóns. Pero só é unha aparencia. Igual que o botón e a agulla están intimamente relacionados, estes textos si nos poden parecer cativos (nunca mellor dito), mais nunca accesorios ou pouco interesantes. Ben ao contrario, o pulso de Atxaga brilla en moitos momentos, en especial no conto titulado “Escoito o que di Pierre”, construído baixo as estritas regras do relato moderno, mais que aínda así nos cacha coa garda baixa, que estende niveis de lectura coma quen constrúe unha masa de follado.
En definitiva, este libro de Atxaga non só fará felices os seguidores do autor, que son moitos, senón que é lectura moi interesante para quen queira achegarse a unha literatura delicada, por momentos irónica, por momentos emotiva, pero sempre construída con gran rigor e unha férrea e fértil estrutura.
♦ Exteriores do paraíso, de Bernardo Atxaga. Tradución de Isaac Xubín, Kalandraka, 2023. 144 páxinas. ♠17€