BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Extraordinario’, unha novela esteticista cunha nai malvada

Antón Lopo.

Manuel Veiga Taboada.

“Unha verdade en arte é aquela cuxa proposición contraditoria é tamén verdadeira”, escribiu o moi citado Oscar Wilde. Ocorre tamén no caso da novela. Son moitos os libros que nos describen o que debe ser unha boa narración, pero despois encontramos facilmente novelas que non cumpren un, ou incluso varios, deses requisitos teoricamente imprescindíbeis, e que, a pesar de todo, resultan ser obras valiosas.

Sirva de exemplo un libro pouco coñecido e pouco lido do pintor surrealista Eugenio Granell: La novela del indio Tupinamba. Os seus capítulos son como estampas un tanto illadas, das que se podería dicir que non fan avanzar a narración, condición, en principio, necesaria para que unha novela sexa considerada boa. E, non obstante, a forza de cada texto é tanta que a obra avanza sen que o lector saiba moi ben como.

Outro exemplo sería o de Pedro Páramo. Por moito que se trate dunha obra consagrada, a súa lectura permite ver que contén algúns saltos narrativos e incoherencias, consecuencia, sen dúbida, como deixou ver Reina Roffé en Las mañas del zorro, do seu proceso de “construción”. Un amigo foi recollendo e unindo, segundo o seu propio criterio, textos soltos que Rulfo, moi afeccionado á bebida, fora depositando por diversos recantos da casa.

De todo isto cabe deducir que as convencións non deben ser deixadas de lado, igual que un condutor sensato non debe ignorar as normas de tránsito, sobre todo se circula por unha estrada con curvas e con pouca visibilidade, pero iso non quere dicir que un condutor atrevido e incluso borracho se teña que despenar necesariamente se conduce nesas condicións. Rulfo non se despenou e o texto “final” de Pedro Páramo mantén a súa poética excelente. A súa capacidade suxestiva apenas sofre pola existencia de certas incoherencias narrativas.

A propia novela do coruñés Eugenio Granell, que non debe a súa fama á súa obra escrita, érguese cunha forza inusitada que xa quererían para si as tres cuartas partes dos narradores españois.

Pois ben, a última novela de Antón Lopo, Extraordinario (Premio Repsol 2018 de narrativa breve), incumpre, como as citadas, varias convencións estilísticas. A parte na que o narrador fala da súa vida, de forma sempre esteticista e sofisticada, pouco ten que ver co argumento central da novela, de gran verismo e bastante dureza, e esta, que podía ser unha contradición incluso moi útil desde o punto de vista narrativo, non o é porque ambas partes non se enlazan do modo esteticamente adecuado para que o encontro resulte frutífero.

A novela trata dun varón que deixa o seu mundo habitual para atender a súa nai hospitalizada. Os outros dous personaxes son a súa irmá, coa que se leva ben, e o seu irmán (e a súa muller) cos que apenas ten trato. Pero o verdadeiro centro da novela é a nai, un ser egocéntrico que tratou moi mal o protagonista cando era neno. Esta muller, na súa carnalidade e nas súas ideas, arrastra todo o libro tras si e mantén o lector concentrado.

Esta nai é o personaxe que vale por toda a obra. Aínda que tamén asome nel un defecto, se queremos volver ás convencións: o narrador non lle outorga ningunha virtude, apenas ten compaixón del. Ese defecto é aínda máis grave no caso do irmán e da cuñada do protagonista que, de maos que son, xustificarían case calquera castigo.

Con todo, Antón Lopo soubo manter o pulso da narración, que mellora a medida que avanzan as páxinas, confiou en si mesmo, seguro quizais da forza do personaxe central da nai, e arrincou unha novela que resulta de grata e enriquecedora lectura. Incluso poderiamos dicir que os anticonvencionalismos citados, e outros que non se mencionan, contribúen a facer deste libro unha obra singular. Visto o cadro completo, talvez as súas asimetrías constitúan o outro centro virtuoso de Extraordinario. E, se pensan que dicir isto agora é incoherente, volvan ao comezo e relean a cita de Oscar Wilde.

♦ Extraordinario, de Antón Lopo, Galaxia, 2018. 160 páxinas. ♠14,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *