BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Faco’ vs ‘A rapa da besta’

Rapa das bestas. ALBERTO BOTANA.

Xornada 3. Duelo especial: Xosé Duncan vs o Invitado Enmascarado.

Faco

César Lorenzo Gil.

O sitio ficaba na saída do vilarello, onde a estrada se convertía en po. Fóra, onda a porta, brillaba ao sol unha panoplia de coitelos.

Cando meteu os dedos na boca para asubiar, o exclaustrado decatouse de que quedara sen saliva e non daba emitido son ningún. Non fixo falta; sen chamalo, o azougueiro asomou. Eu a ti coñézote, cago na altura, dixo. O exclaustrado tirou o sombreiro e axustou o nó da lazada do pescozo. A min a túa cara quéreme soar, respondeulle. Si, home, si, servimos xuntos no Vinte e Tres. O azougueiro estaba fanado e había meses que non domeaba os catro peleiros que lle percorrían o cranio de atrás para adiante coma unha praga de malas herbas. Non sei, explicouse o exclaustrado, pasou tanto tempo… Non cho creo, compadre, insistiu o azougueiro, como te puideches esquecer de min! Entramos man con man polo Rego de Auga sabre no alto. 

Eramos novos. Ao exclaustrado custáballe falar sen unha chisca de saliva sobre a lingua. Non terás por aí un tarro de auga, non si? O azougueiro entrou na casa e voltou saír cun caldeiro de auga. O exclaustrado bebeu a morro. É do pozo, fría coma as cachas dunha beata, riu o azougueiro. Que fixeches logo daquilo?, continuou. Dicían que volveras ao mosteiro. E volvín, contestou o exclaustrado, recuperando os folgos. Até o Trinta e tres, que acabou todo. Xa, dixo o azougueiro. Logo calou.

Faláronme de ti, dixo o exclaustrado logo dun cacho, ollando para o Faco; que te farías cargo… Todo se pode falar, respondeu o azougueiro, achegándose ao Faco. Tiñas algo pensado?, preguntou. Ando a xuntar para o embarque. Aquí xa non me queda nada. Teño o xusto para chegar ao porto. Nos enxeños admiten galegos. 

Cago na altura, para tanto non vai dar, meu home. O azougueiro aproximouse ao Faco, fitou para el achinando moito os ollos. Mira para aquí, é todo moscas. 

Con aquela proximidade, o Faco alterouse, un nada, dabondo para o exclaustrado decatarse. Podo chegar a trinta, proclamou o azougueiro, xa serio. Poden ser corenta?, pregou o exclaustrado. O azougueiro cofeou coa palma da man a penuxe da queixada. Tu soñas, compadre, volveu falar. Trinta e catro. E pérdolle diñeiro. O exclaustrado asentiu sen dar fala, baixando a cabeza.

O azougueiro entrou de novo na casa. O Faco empezou a moverse áxil, tensando a corda. Desprendeu tanta enerxía que o enxamio lle fuxiu enteiro do corpo. O exclaustrado esquivoulle a mirada. Tapou as orellas cos guichos da melena para non oílo bufar, para non sentir as súas ferraduras sobre a laxa.

Aquí tes, dixo o azougueiro, estendendo unha presada de billetes graxentos. Non hai trato, respondeulle nun arrauto o exclaustrado. Coa mesma, desatou a corda e subiu ao lombo do Faco. Que vas facer, compadre, pénsao ben, díxolle o azougueiro. Que vai ser de vós. O exclaustrado non contestou. Puxou das rédeas e o Faco trotou, señorito, onde acababa a estrada, onde comezaba o ermo.

………………………………..

A rapa da besta

Xosé Duncan.

A moza sentaba na cadeira, inmóbil, agarrada con forza aos bordos. O ris-ris da navalla facíaa estremecer. A cada suco do metal, a cada arco trazado polo pai, caía unha guedella de cabelo. Ela mirábaas xirar, coma paracaidistas sen control, e divagaba sobre como o destino conseguía que ningunha delas lle aterrase enriba das botas. Outra viaxe máis da folla por riba da cabeza arrincoulle un calafrío co que, sen querer, axitou a cadeira.

–Non te movas –a medio camiño entre orde e rogo, as palabras chegáronlle flotando nun mesto bafo de alcol.

–Para que todo isto? É outro dos teus castigos?

O pai ficou mudo, concentrado ao máximo en manter o pulso firme, en non distraerse da tarefa que se encomendara.

–É ridículo. Pensas que mudarás algo con raparme a cabeza? Iso si, se tiña complicado que me volvesen admitir na escola, con isto xa me estás a converter nunha paria.

O home foi até o lavabo, abriu a billa e limpou o xabón que se acumulara na navalla. Viuna brillar, e mesmo pareceulle distinguir a súa propia silueta ondeando na superficie curvada do gume. Agradeceu que só fose unha sombra esvaecida, que non se puidese recoñecer e admitir o que estaba a facer. Achegouse á súa filla e separoulle a melena para poder afeitarlle un dos lados sen que a orella correse perigo.

–Non o entendo, en serio. Por que non me levas a un barbeiro e xa está? É necesario tanto drama?

De novo, o silencio. Aínda que para ela non era nada novo. Había ben de tempo que o máximo que recibía del eran frases curtas, asépticas e carentes de emocións. O mínimo imprescindible, nada máis aló do estritamente necesario entre dúas persoas que conviven baixo o mesmo teito.

–Se mamá vivise, non te atreverías a facelo. Se ela estivese aquí…

Un movemento involuntario do pulso e o metal deixou de deslizarse para quedar atascado na carne.

–Au! Que fas? Non che chega con isto, que agora queres ferirme? Ou é o que querías facer desde o principio?

O pai pousou a navalla no lavabo e abriu o moble onde gardaban os medicamentos.

–É o que precisas para sentirte alguén? O control, o dominio…

El seguiu sen responderlle e remexeu na caixa até que deu coas gasas.

–Pensaches que, ao faltar mamá, poderías impor as túas normas?

 Custoulle atopar o betadine, pero achouno debaixo dunhas bolsas de algodóns. Dobrou unha gasa e enchoupouna co líquido vermello.

–Mudar o seu control enfermizo e asfixiante polo teu dominio? Se é que a isto lle chamas dominar, claro…

O betadine mollou de máis a gasa e pingou sobre o chan, manchándoo coa cor do sangue.

–Mais penso que para ter o control, para dominar, é necesario ter un mínimo de carácter. Cousa que a ti sempre che faltou.

Preparou unha nova gasa, dosificando o líquido que lle botaba.

–Carácter e, por suposto, contar coas ferramentas axeitadas.

Cando o pai se deu a volta, a navalla xa non estaba alí.

Xosé Duncan.

11 thoughts on “‘Faco’ vs ‘A rapa da besta’

  1. Boa tarde. Primeiro desexarlle unha pronta recuperación a Breogán e que mellore de saúde. Benvido invitado enmascarado!!
    Faco. Pareceume precioso o ritmo trepidante e intrigante en que nos envolve desde o principio, sen saber que vai pasar ata o final. Parabéns polo léxico tan culto. Tiven que mirar azougueiro e non aparece nos dicionarios que usei, entendo que é un traballador do azougue, do metal, pero non estou segura.

    A rapa da besta ten que competir con Faco, que me encantou. Hai pouca vinculación coa imaxe, salvo no título e non me acabou de convencer a trama. O final é xeitoso, pero prefiro o seu contrincante.

    O meu voto para Faco.

  2. Boas!! Menudo duelo.
    Aínda os teño reler varias veces para decidir un voto. Só me gustaría comentar por este e outros duelos anteriores que quizais deberíamos dar o voto de confianza a relación relato-foto. Dicir que o relato A rapa das bestas e a foto non teñen relación e faltar a metáfora principal, valente e fermosa do relato, opinión persoal por suposto, pero coido que bastante obxectiva.

  3. Moi bo duelo. Aquí hai nivel.

    Faco

    Pareceume un relato de turrón duro. Difícil de meterlle o dente pero de bo sabor. Ten unha ambientación histórica ben construída. De feito, creo que daría para un bo primeiro episodio dunha novela histórica. Por deixar un pero, creo que habería que buscar a forma de non repetir tantas veces “azougueiro” e “exclaustrado”, 13 veces cada unha. De todas formas, parabéns ao autor ou autora, porque o final me pareceu moi tenro.

    A rapa da besta

    Este relato foime máis doado de ler. Meteume moi rápido na escena e fíxome sentir o inevitable arreguizo que xorde sempre que alguén pon unha navalla no pescozo de alguén. Aínda así teño que dicir que me gustou menos na segunda lectura. Custoume crer nas palabras, demasiado cultas para alguén que está anoxado ou ten medo. A frase final tróuxome un dinosauro á mente.

    A decisión é difícil, pero creo que me vou decantar por Faco, pola ambientación.

  4. Boas, paso a comentar este duelo que, polo que vexo, tocoulle a foto máis bonita da xornada¡
    Non sei que podo engadir sobre Faco. Tanto a linguaxe que ten coma o ritmo están moi ben atopados. É unha delicia. O final, dende logo, quédalle redondo. A min tamén me pasa o de caer pesada tanta repetición dos nomes, pero, pasa ter un uso tan esaxerado dos dous nomes, case nin me din conta do absorbido que estaba. Un dos relatos da xornada sen dúbida.
    O xogo que fai coa imaxe A rapa da besta gustoume moito. Aínda lendo o título non esperaba por onde me ía tirar e iso gustoume moito. Unha decisión enxeñosa. A personaxe do pai está ben feita en dúas liñas pero a nena, non sei moi ben a conto de qué, caeume moi repelente. O final é literalmente un xiro de navalla e non me cadrou moito. Supoño que ao ter un rival que se centra tanto na ambientación, a acción deste relato non me acabou de chegar de todo. Aínda así, ten moi bo acabado. Supoño que o problema téñoo eu co final.
    O meu voto, pola boa ambientación, vai para Faco.

  5. Moi bo traballo con este fotón do meu irmán (que eu convertín en horizontal co paint). Dous puntos de vista moi distintos sobre o tema eqüestre. Un fala sobre a especulación e a dignidade e outro sobre a doma.

    Faco. O relato aborda moitas cousas sen contalas realmente. Fala dunha época, de necesidade pero tamén de dignidade. É certo que o azougueiro e exclaustrado se repite moito, pero penso se non será adrede para imprimir certo ton de cansanzo e pesadez, que consegue. O ambiente é moi bo, hai algunha imaxe moi fermosa. Gustoume moito, parabén ao autor.

    En “A rapa da besta” o ambiente tamén está moi ben conseguido, a elaborada rapa do pai, funciona moi ben narrativamente e, como xa se apuntou, fala moi elocuentemente da taciturna persoaxe. O monólogo da rapaza é o punto feble do relato, non acabo de encadralo. Creo que debía ser máis salvaxe, máis adolescente. Penso que o contraste lle ía ir ben.

    O meu VOTO vai por Faco.

    Pd: Mellórate Breogán. Benvido autor enmascarado.

  6. Moi bo duelo e unha foto complexa ao meu ver.
    “Faco” Está moi ben montado e as descripcións son xeniais pero pareceume unha historia contada mil veces e as mil veces non me sentín identificada. É un problema meu, non do relato.
    “A rapa da besta” Dende o párrafo inicial estaba metida no relato, non sei se porque afeitei media cabeza varias veces ou porque teñen tentado amestrarme pero case me sentía nese sillón vendo como os adultos fan cousas irracionais só porque son adultos. Certo que lle falta carraxe pero esta prota ante todo ten carácter e as cousas claras, e ese final encantoume dio todo dicindo moi pouco. Para min sen ser un relato perfecto é o que máis me gustou da xornada, mágoa que pasase tan desapercibido.

    Voto por A rapa da besta

  7. Este é o duelo no que máis me custou decidir nesta xornada, parabéns a ambos!

    “Faco” custa ao principio, pero en canto se lle colle o ton, é marabilloso. A ambientación, a historia e a linguaxe utilizada parécenme inmellorables.

    “A rapa da besta” gustoume máis polo que cala que pola que non para de falar, esa nena deslinguada que, entendo, é a besta que se está a rapar. Desfruteina, pero tiña un duro oponente, e tamén pesa a pouca relación coa imaxe.

    O meu voto é para “Faco”.

  8. Faco

    joder, despois de lelo deronme ganas de entrar na miña carpeta de relatos e empezar a borrar arquivos. Azougueiro debe ser unha forma pija de dicir carniceiro. Eu tamen creo que a repeticion é voluntaria, igual que a escolla deses nomes de 4 silabas. Ademais dame doble rabia porque unha vez escribin un relato cuns elementos semellantes (cura, cabalo e carniceiro) e agora cada vez que o relea voume acordar deste e enton que faco?

    A rapa da besta

    É un relato estraño. Mandame sinais contradictorias. O inicio está moi ben, describe o que sucede sen entrar de forma neutra. Pero despois o dialogo confundeme. A moza non sabe se está sendo castigada? Son castigos aleatorios? Sabe que fixo algo que merece un castigo pero non sabe se o corte de pelo o é, ou da por feito que si pero pregunta de forma sarcástica? Queda aí, en interrogante, e sigo. A moza parece uqe quere que a readmitan na escola, iso significa, polo menos, que a expulsaron. Iso cadra co tema castigo, pero sigo sen entender a actitude dela. A ela dalle un pouco igual que lle corten o pelo. Como castigo non parece que vaia funcionar. A mencion da nai fai que o pai se altere. Debe ser unha morte recente, o caso é que a moza tampouco parecia estar moi unida á nai.
    O final parece indicar que a moza se fai coa navalla. Con iso tería o caracter e a ferramenta para, segun ela, ter o dominio da situacion. Vai ameazar ó pai? Vai ir inda mais aló? Non me gusta analizar os relatos en base ó seu argumento, pero se non entendo o que leo non podo ir máis aló. Se me centro no que pasa, no ton da narracion, vexo unha cousa; se me centro no que di a nena, vexo outra distinta. Un dos dous elementos, falla. É como tentar ver unha imaxe 3D sen as gafas apropiadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *