BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Fago o que podo’, a derrota da síndrome da impostora

Afra Torrado.

César Lorenzo Gil.

Fago o que podo, de Afra Torrado (Bamio, Vilagarcía, 1997) é un cómic dos que non abundan en galego, por desgraza. Unha obra de grande altura literaria, moi consciente das posibilidades expresivas do noso tempo, que dá combinado con acerto a autoficción, o humor e a crítica social.

Segundo di a propia autora no prefacio do libro, este volume reúne varios dos seus traballos, por iniciativa da editorial Rodolfo e Priscila. Ese carácter recompilatorio nótase especialmente na parte na que aparecen as historias de “Muller barbuda”, que rompen un pouco a dinámica xeral do volume e que talvez merecesen un libro á parte. Pero é posible entender que este Fago o que podo funcione como arcaz no que Torrado pretende gardar todo o material que responde a unha determinada época creativa.

Con este cómic, Afra Torrado amosa un camiño semellante, corenta anos despois, ao que supuxo para a literatura galega Polaroid, de Suso de Toro. A autora rompe os límites do que se espera nun libro en galego (máis aínda no cómic) e non ten medo a mesturar xéneros como o diario, a poesía e o gag. E en cada faceta do libro, a autora consegue esa “invisibilidade da posta en escena” que abraia, porque Fago o que podo preséntase como algo case improvisado, un exercicio ás veces de desafogo ás veces de carraxe. E por suposto iso está aí, pero tan ben equilibrado, tan eficaz e con tantos matices que supera os límites do azaroso. Hai un gran traballo detrás, de síntese, de xerarquización, de expresión visual e textual. Cos elementos imprescindibles, o libro transmite un retrato único da Galicia de hoxe igual que o libro de De Toro deseñaba os cambios culturais da primeira Galicia autonómica.

Pero tanto nun caso coma noutro, estas obras non só se conforman con plasmar o experimentado, senón que propoñen unha vía de expresión. Fago o que podo amosa un camiño creativo para quen queira tamén orientarse no labirinto complexo do tempo no que vivimos. Torrado non necesita nin reflexionar nin edulcorar temas tan profundos como a identidade sexual, a incapacidade dunha vida estable, a diglosia, os roles de xénero e as súas consecuencias, o amor, o sexo… Consegue, na meirande parte dos casos, definilos dun xeito brillante: con economía de medios e unha visión subxectiva e moi orixinal. Torrado non fala das mulleres con clixés como, por exemplo, Moderna de Pueblo, nin se deixa querer polo que se espera dunha artista da súa idade no sistema cultural galego. Vai ao seu aire, é irreverente, ácida, pero tamén tenra e sincera. En galego seguramente só é comparable con Ana Moreiras, que tamén amosou gran capacidade para mirarnos (como país) con esa humanidade.

É un grande achado que a autora apareza sempre acompañada por unha figura en sombra, a síndrome da impostora, que se converte nun contrapunto cómico. Seguro que esa idea non é a máis orixinal do libro, pero funciona, permite sintonizar co ton da obra. Permite que o lector se sinta partícipe dese microuniverso que Torrado crea.

Ante tanto libro (tamén de banda deseñada) que escolle o artificio e a afectación, incluso cando ten que tocar temas tan próximos, o camiño de Fago o que podo é unha especie de GPS, non para imitalo, pero si para liberar de certa solemnidade e pedagoxía a mirada sobre o eu e o nós na nosa época.

Fago o que podo, de Afra Torrado, Rodolfo e Priscila, 2023. 134 páxinas. ♠21

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *