BiosBardia

O país dos libros en galego

Falsos, falsarios, mistificacións, curiosidades… (I)

Tizona falsa propiedade da Junta de Castilla y León, exposta no Museo de Burgos.

Xesús González Gómez.

Collo na biblioteca do barrio o libro de José Luis Hernando Garrido, De falsos, falsarios y otras apostillas sobre Patrimonio histórico-artistico, publicado por Ediciones Trea no 2018 na súa xa máis que importante colección Biblioteconomía y Administración cultural. O libro céntrase, sobre todo, nos falsos na historia da arte, escultura e pintura, con incursións (ou excursións) a pezas pre-históricas, pre-incaicas, romanas, gregas, exipcias, etcétera etcétera; e algúns apuntamentos sobre falsificacións da historia, a invención dos denominados traxes rexionais, falsificacións literarias que se descubriron a posteriori, sobre falsificadores de pasaportes, moedas e documentación, ou a falsificación de sinaturas de escritores para subir o prezo do libro a vender. Neste apartado, digamos que hai anos unha libraría de Buenos Aires vendía a primeira edición de Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca, que apareceu postumamente en 1940, en México, na editorial Séneca, da man de José Bergamín, digo, esa libraría ofrecía esa edición do libro lorquiano con dedicatoria do poeta. (Isto non o explica Hernando Garrido, pero é sabido no mundo dos libros de vello; coma o caso daquel libreiro mallorquino que afanou uns documentos medievais dunha institución catalá e ao cabo duns anos intentou venderllos á mesma institución.) Segundo Hernando Garrido, entre as sinaturas falsificadas de escritores está a de Álvaro Cunqueiro, entre outros.

Mais o traballo, como avanzabamos, estuda sobre todo as falsificacións no mundo da arte. Falsificacións infinitas, e moitas delas expostas en museos de «alto copete». Despois de lermos este libro, un teme que cando vaia a un museo vexa pouca cousa orixinal e moita falsificación. Porque a historia da falsificación no mundo da arte nace, pódese dicir, despois de ler a Hernando Garrido, no primeiro momento en que a arte comeza a ser valorizada. E non acabou o «tema». Son coñecidos os casos de grandes falsificadores, como Elmyr de Hory. Ou como, para poder sobrevivir, pintores logo de «fama» mundial dedicáronse ás falsificacións. Velaí o caso do canario Óscar Domínguez, que falsificou —sobre todo durante a ocupación alemá de Francia de 1940 a 1944— cantidades de Giorgio de Chirico e de Picassos (segundo a lenda, o malagueño, ao ver a calidade das copias de Domínguez, chegou a asinar algunhas delas). Tamén por este libro saberemos do falsificador neerlandés que en 1945 fora condenado pola xustiza. Logo de que se soubese, durante a revisión do xuízo, que case todos os cadros que lles vendera aos nazis cando ocupaban os Países Baixos eran falsos, pasou a ser un heroe nacional[1].

Acabado de ler o libro, que se le coma unha novela de misterio e tamén de aventuras, malia a cantidade de notas que inzan o texto, lectora e lector decátanse de que as falsificacións na arte son case superiores ás falsificacións históricas, e estas últimas… Falando de falsificacións históricas, digamos que se intentou vender unha espada medieval como se fose a famosa Tizona de El Cid Campeador, por unha manchea de millóns de euros. O ministerio español do ramo tomou cartas no asunto, e demostrou que se ben a espada era do século XI (época na que viviu o tal Campeador), non era a espada deste, e rebaixou o prezo a 300.000 euros. Finalmente, os propietarios de tal artefacto conseguiron venderlla á Junta de Castela-León, que pagou millón e medio de euros. A tal Junta expón a espada nun dos seus museos. Imaxinan vostedes que o Museu Nacional de Catalunya comprase o escudo dourado de Guifré el Pilós (Wifredo o Peludo) no que o rei dos francos Carlos o Calvo (segundo outros Luís o Piadoso), mollando os seus dedos nas feridas do conde catalán pasounos polo devandito escudo formando así as catro barras sobre fondo dourado, que daría lugar á que sería a bandeira de Cataluña? Se algún museo catalán o comprase (sabendo que é máis falso ca un antigo peso de chumbo) e o expuxese… a que armaría a prensa española… E é que, como escribe Hernando Garrido, que non quere meterse meses enxames político-identitarios: «aínda que os fillos de Aitor, remences, segadors, carlistones e proletarios dan moito xogo; aínda que contan con poderosos inimigos de orde nacional, igual de obtusos, pero con máis poder e mellor organizados» [o subliñado é noso, XGG].

Lendo De falsos, falsarios…, percíbese que os falsos literarios son miudalla, xa que poucos cartos producen comparados cos falsos artísticos. O falso literario (sic) polo que máis se pagou, que se saiba, foi o dos diarios de Hitler. A revista alemá Stern, que esperaba facer un gran negocio vendéndoos a outras revistas e xornais do mundo enteiro, pagou, en 1983, uns catro millóns de dólares. Calculen vostedes (tendo en conta a inflación) os cartos que serían hoxe en euros eses millóns de dólares. Os falsos literarios, en realidade, non adoitan producir moitos cartos pero producen, iso si, debates, polémicas, algún libro e mantén divertido o mundo literario. Ás veces, eses falsos literarios producen obras mestras, como a Antología traducida ou Jusep Torres Campalans, de Max Aub. Outras veces serven para demostrar que a crítica é capaz de meter a pata até o fondo: La chasse spirituelle, de Rimbaud, un falso que publicou en 1949 Mercure de France: «grandes críticos» franceses do momento (Maurice Nadeau, Pascal Pia, Maurice Saillet) defenderon a morte a suposta autoría do autor das Iluminacións. Outros foron máis reticentes, como o católico Luc Stang, que falou da pouca calidade do texto; Jean Paulhan, Roland de Renéville ou Jean Cocteau non acababan de acreditar que fose de Rimbaud. André Breton desde o primeiro momento negou que ese texto do autor ao que llo apuñan. Véxase Flagrant délit[2].

Outro falso (falso?) francés foi unha gran broma (ou canular[3], como adoitan chamarlle os galos). Nos anos 1960 e 1970, nas Éditions du Seuil publicouse a colección «Écrivains de toujours». A colección alcanzou o número que se propuxera o seu director: cen. Nesta colección apareceron títulos como Barthes par Barthes, cuxo autor é o propio Barthes, Shakespeare par, lui-même, de Jean París, Lautréamont par lui-même, de Marceline Pleynet, Sartre par lui-même, de Francis Jeanson, Rimbaud par lui-même, de Yves Bonnefoy, etc. etc., até chegar ao número 100, que está ocupado polo título Ronceraille, de Claude Bonnefoy. Os libros estes (diversos deles traducidos ao español, entre outros os dedicados a Breton, Saint-Exupéry, Apollinaire, Lautréamont, Voltaire, Diderot, etc.) consisten nunha biografía e un estudo sobre o autor a quen se lle dedica o tomo, ás veces engádese unha pequena escolma de textos deste escritor ou escritora e unha pequena bibliografía do autor biografado e sobre el; e todo vai acompañado cun importante aparello iconográfico. Digamos que na maioría das versións españolas dalgúns destes libros se lles eliminou tal aparato.

Mencionamos o número 100 da colección, Ronceraille, escrito por Claude Bonnefoy que, á vez, era o director de «Écrivains de toujours». Á parte do escrito deste, outros colaboraron no volume: Jacques Lebourg, que fala da cristalización dun mito (é dicir, de Ronceraille), Achille Enquetard escribe sobre «A desaparición do libro ou a traxectoria de Marc Ronceraille»; Alexandre Bareuil explica que o escritor tiña dúas mulleres na súa vida; Simón Baracchini analiza (sic) un poema e unha obra do autor; Philippe Morand, en dúas partes informa de «Os centrípetos. Roceraille e a súa escola poética», Marie Françoise Dublin fala de «O Espazo e a Memoria en L’architaupe», a única novela de tal autor; outros estudos informan sobre a caverna no imaxinario mítico e sexual do autor, etc. A obra completase cun aparato iconográfico no que se reproducen fotos da nenez e mocidade de Ronceraille, foto dos lugares en que viviu o autor, das montañas que escalou e fotos del con escritores como Philippe Sollers, Gilles Lapouge, coa actriz Fabianne Corot, diversos retratos do autor cando a publicación dos seus libros, así como a reprodución de diversos manuscritos e das portadas das súas obras. Completa o volume unha cronoloxía, e unha bibliografía de e sobre Ronceraille, sobre o que escribiron críticos e investigadores da categoría de Françis Caradec (autor das mellores biografías de Isidore Ducasse e de Raymond Roussel), Mathieu Bénezet, André Laude, Alain Bosquet ou Jean Rodaut, por só citar uns poucos. A obra de Ronceraille foi case mínima: tres libros de poemas e unha novela, cuxo título xa se deu liñas atrás. E é que a súa vida foi curta: naceu en 1941 e morreu en 1973, o 19 de abril, cando estaba a escalar o Mont-Blanc: ao non haber testemuñas, non se saben as causas do accidente; un estraño accidente, porque Ronceraille era un alpinista experimentado.

Como poden imaxinar, lectores e lectoras que chegaron até aquí, Ronceraille foi un escritor imaxinado por Claude Bonnefoy. Todo o que sereproduce no libro é unha broma literaria e iconográfica. Curiosamente, as Éditions de Seuil, daquela aínda en mans dos católicos (dos dominicos, se as miñas informacións non fallan) aceptaron a broma, o canular de Bonnefoy. Brincadeira usada para dar remate a unha colección que marcara, en certo modo, época. A maioría dos títulos da colección «Écrivains de toujours» foron ou están a ser reeditados na colección (de peto) Points, da mesma editorial.

Non obstante, o que si hai que dicir é que esta brincadeira, este canular, ao contrario do que pasou con La chasse spirituelle, non tivo consecuencias.


[1] Supoño que moitas lectoras e lectores lembraran a exposición de Maruja Mallo e Luís Seoane que se fixo hai uns anos en Lalín; exposición que estaba inzada de falsos Mallos e falsos Seoanes.

[2] Escrito recollido en André Breton, La llave de los campos, Madrid, Editorial Ayuso 1976.

[3] Velaí a definición de canular segundo a Académie Française – traducimos: Canular. s. m. Etimoloxía: século XX. Variante de canularium (século XIX), palabra de creación rexoubeira, derivada, co sufixo -arium, de canuler. 1. Argot da École normale superiéure. Mistificación coidadosamente organizada polos alumnos cuxo propósito é divertirse a expensas dun profesor, dun supervisor ou dun dos seus camaradas. 2. Farsa, noticia falsa, escrito satírico que se espalla para rirse da credulidade dos outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *