‘Fanzines en Galiza’, un primeiro paso no estudo da autoedición
Edu Maroño.
A aparición do fanzine é un fenómeno relativamente recente que vai parello ao acceso dos particulares a ferramentas de reprodución masiva de documentos (fotocopiadoras, vietnamitas, ciclostilos…). No ensaio Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega (Laiovento), Ramón Mariño Fernández sitúa as primeiras mostras en Galicia a finais dos anos 60 do pasado século e algunhas décadas antes no contexto internacional. A pesar de ter unha historia máis curta que outras disciplinas, a autoedición conforma un campo de estudo sumamente complexo, pola enorme variedade formal e temática destas publicacións pero tamén, e sobre todo, polo seu carácter efémero e fuxidío. Os fanzines carecen de depósito legal, as súas tiraxes adoitan ser reducidas e a súa distribución elude as canles convencionais, o que dificulta enormemente algo tan elemental coma reunir os exemplares que poidan formar o corpo dunha investigación; a procura de títulos dunha certa antigüidade pode considerarse auténtica arqueoloxía. Con bo criterio, Mariño evita acometer unha (imposible?) investigación exhaustiva da produción galega e prefire consagrar o seu ensaio a fixar un marco teórico arredor do fenómeno da autoedición que poida servir de alicerce para estudos máis específicos.
A fonte principal deste traballo é a tese de doutoramento que o autor defendeu en 2015, centrada nos fanzines de resposta política á pax fraguiana, da que toma o aparello teórico que expón nos primeiros capítulos. A partir das conclusións da investigación académica dos últimos anos, a maioría de orixe anglosaxoa, Martínez achega unha definición de fanzine, debulla as súas características principais e propón algúns dos tipos máis frecuentes, ao tempo que deixa constancia das mutacións que a autoedición foi experimentando co paso das décadas. Unha perspectiva histórica permite constatar que estes artefactos foron empregados por colectivos dispares (o fandom da ciencia ficción, os afeccionados a correntes musicais novidosas ou minoritarias, colectivos políticos contestatarios…) e con intencións diversas (como medio de expresión artística, nexo de unión para xente con intereses comúns, instrumento de mobilización política…), mais gozaron sempre da liberdade de quen habita nas marxes. Sen depender orgánica ou economicamente de ninguén, protexidos polo seu alcance minoritario, os seus creadores poden expresar as súas ideas sen máis límites que os que eles mesmos queiran impoñerse. Do inxenuo ao subversivo, nas publicacións autoeditadas atopamos as mensaxes que non teñen cabida na edición convencional.
Malia a súa concisión, o capítulo adicado á historia do fanzine en Galicia permite comprobar como as revistas autoeditadas galegas foron evolucionando conforme o facía a propia sociedade. As primeiras iniciativas, aparecidas entre os 60 e os 70, estaban significativamente vinculadas á resistencia antifranquista e non só polas publicacións difundidas por partidos e sindicatos na clandestinidade; artefactos coma A Cova das Choias, cabeceira precursora da banda deseñada galega, nacían tamén marcados por unha clara vocación de denuncia política. Coa chegada do réxime constitucional, o activismo comeza a segmentarse, vinculándose ás reivindicacións de colectivos específicos (defensa dos dereitos dos homosexuais, movementos antiautoritarios, grupos ecoloxistas, etc.), ao tempo que xorden publicacións de vocación artística ou simplemente lúdicas. A entrada no novo século vén marcada polo cambio tecnolóxico: a aparición da internet e a popularización de ferramentas dixitais de edición dan lugar aos chamados e-zines (fanzines dixitais) mentres as publicacións en papel acadan un grao de sofisticación formal que en moitas ocasións iguala a das revistas convencionais. Bótase en falta unha exposición máis detallada, ou cando menos máis sistemática, das diferentes feiras de autoedición xurdidas en varias vilas galegas a partir de 2012. É certo que estes eventos se centran maioritariamente nun tipo particular de fanzines (os de banda deseñada, ilustración e, máis xenericamente, expresión artística), mais non deixa de ser un fenómeno novidoso, fortemente consolidado xa nalgunhas cidades, que mostra a vitalidade das iniciativas da autoedición na Galicia actual.
O volume péchase cunha entrevista a Stephen Duncombe, profesor da Universidade de Nova York, e cunha listaxe dos fanzines que conforman os tres fondos consultados polo autor. A brevidade da lista (menos de 80 títulos) pode resultar aceptable pola seu carácter simplemente orientativo. Máis discutible resulta que parte da información recollida estea incompleta ou sexa inexacta e poida ser corrixida consultando as bases de datos de bibliotecas públicas galegas ou o excelente (aínda que hai anos que non se actualiza) arquivo online da web culturagalega.gal. A modo de exemplo, respecto d’O Fanzine das Xornadas, recolle Mariño que consultou “en total cinco números, pero deberan existir máis, pois é o fanzine que se editaba logo das xornadas de banda deseñada de Ourense”. Unha simple pescuda na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia permite comprobar que realmente se publicaron vinte números, existindo copias dixitalizadas descargables dalgúns exemplares en culturagalega.gal. Non é o único caso de información incompleta ou inexacta na listaxe. Malia que o interese institucional cara ao fanzine foi escaso ou nulo durante décadas, hai xa uns anos que distintas entidades galegas, principalmente bibliotecas, están a levar a cabo un labor de recolección e arquivo de exemplares autoeditados. Comeza a coller forma un corpo bibliográfico que pode e merece ser estudado a partir dos alicerces teóricos de estudos coma este.