BiosBardia

O país dos libros en galego

Fernando Cimadevila: “O sistema editorial galego non buscou novos lectores”

1404705_10202182550636153_1999656731_oCésar Lorenzo Gil.

A saga do Mundo Secreto de Basilius Hoffman (publicada por Urco) é unha das máis exitosas da narrativa xuvenil dos últimos anos. Arestora convive no andel de novidades a terceira aventura, A batalla por Avalon, coa versión castelá das dúas primeiras, publicadas por Sushi Books. Conversamos co seu autor, Fernando Cimadevila (Santiago de Compostela, 1977) sobre a serie, o oficio de escritor e o seu labor como editor do selo Contos Estraños.

Non sei como enfoca un escritor a creación dunha serie de novelas cun protagonista tan marcado como son as de Basilius Hoffman. Que nace primeiro, un proxecto de novela ou un personaxe que se vaia desenvolvendo sen unha medida prevista?

A xénese desta historia foi, en efecto, Basilius Hoffman. Eu tiña claro que quería escribir unha serie con el de protagonista pero tamén sabía que a saga ía limitarse a cinco títulos. Nas aventuras de Basilius están depositados todos os meus desexos literarios, é dicir, aquelas cousas que o meu eu lector de cando era mozo gustaría de ver reflectidas en libros. Pensar nunha pentaloxía permíteme incluír todas as cousas que me apetecen, todas as referencias que fun gañando co tempo. Durante catro anos fun dono dunha libraría especializada en cómic e en literatura fantástica. Foron tempos de moita aprendizaxe. Moito do que absorbín daquela aparece logo na saga do Basilius.

Por que un personaxe coma el?

Hai unha parte autobiográfica. Cando era neno, meu pai estaba embarcado e miña nai traballaba fóra. Convivín moito cos meus tíos. Vivían en parella sen casaren, eran máis novos ca os meus pais, tiñan unha vida máis libre. Iamos ao cine, conversabamos de cousas ben diferentes ás que se falaban na miña casa. Ese ambiente familiar alternativo está na historia do Basilius e do seu sobriño Peter. Outra parte casa coas miñas referencias literarias e culturais, sempre cun obxectivo de vivir aventuras fascinantes máis alá do cotián. Eu necesitaba que o Basilius tivese esa fascinación porque logo de tanto tempo de vivir canda el, xa forma parte da miña vida. Ás veces sorpréndome falando coa miña muller do Basilius coma se fose alguén material. En realidade, cando escribes, pasas moito tempo cun personaxe; son anos nos que tes que acompañar a súa existencia.

Vostede encaixa no perfil de escritor que primeiro foi lector, moi lector. De que lecturas provén a saga?

Hai tres referencias principais, dúas son literarias: Michael Ende e J. R. R. Tolkien e outra provén do cinema de animación: Hayao Miyakazi. Pero estas serían, por así dicilo, as columnas da miña motivación por escribir pero hai moito máis. Eu xa formo parte dunha xeración que se criou con moitas referencias diferentes. Liamos moito pero tamén viamos moita televisión e cinema. A linguaxe audiovisual ten moita importancia na miña maneira de narrar. Teño un amigo que me di que as historias do Basilius non son novelas senón storyboards. E si recoñezo que teño moi presentes as estratexias do guión audiovisual na estrutura. Eu estudei Guión con Afonso Zarauza e intento que nas novelas se dean esas regras habituais na televisión e no cinema que buscan fixar a atención do lector: xiros, clímax, suspense…

Tamén coido que influíu moito na miña aprendizaxe como creador o rol. Des que me regalaron o xogo d’O Señor dos Aneis case sempre fun director de partida. Isto, para que non saiba en que consiste o rol, significaba que tiña que inventar cada día unha historia, construír personaxes e situacións que fosen divertidas para que os demais xogadores, os que asumían o rol dun personaxe, non se aburrisen. Esas leccións sígoas tendo presentes.

Estimúlase o interese dos docentes para que recomenden tal ou cal libro só cun interese comercial: a tantos libros por aula, tantas aulas, tantas vendas. Moitos deses títulos caen mal entre os rapaces, lenos por obriga e aborrécenos ou no mellor dos casos, esquécenos.

Esa dimensión lúdica da narrativa de xénero fantástico aínda segue atraendo os lectores?

Penso que si. Quizais hoxe a rapazada le menos porque ten máis oferta de lecer. E o que non é lecer porque teño varias amizades que me din que pasan ao redor de dúas horas no facebook cada día. Mais a pesar de todo, o libro é unha porta á imaxinación máis ampla ca un videoxogo, por exemplo. O problema, moitas veces, é que hai determinados perfís de lector que teñen a sensación de que non hai historias que lles vaian gustar en galego. Durante anos, sentín dicir que a literatura galega é aburrida, que está desactualizada, que non propón historias deste ou daqueloutro xénero… Para superar este preconcepto, entre outras cousas, naceu Urco. Primeiro para demostrar que hai unha literatura popular, de xénero, na nosa propia tradición. E logo para facilitar a publicación doutro tipo de historias, narrativa que talvez non encaixa nas liñas editoriais do resto de selos en galego.

Quen non encaixa no habitual circuíto que segue o escritor galego é vostede. Fundamentalmente, na literatura actual hai dous tipos: o escritor para adultos que consegue publicar, mediante un premio case sempre e vai construíndo o seu discurso narrativo novela a novela. E, por outra banda, o escritor para crianzas ou mocidade que encontra o seu público nas recomendacións do ensino amparado en máis ou menos potentes aparatos comerciais das editoras. Vostede non foi por ningún destes camiños.

Vou falar da escrita para a mozada, que é onde teño máis experiencia. Ese modelo do que falas e que de feito existe, coido que non está pensado para os lectores senón para os profesores. É dicir, estimúlase o interese dos docentes para que recomenden tal ou cal libro só cun interese comercial: a tantos libros por aula, tantas aulas, tantas vendas. Moitos deses títulos caen mal entre os rapaces, lenos por obriga e aborrécenos ou no mellor dos casos, esquécenos. Coido que, sen menosprezar o valor comercial da recomendación docente (e de feito hai institutos que recomendan as aventuras de Basilius Hoffman), o importante é atinxir os lectores directamente, provocar que teñan ganas de ler por si propios, que sexan eles quen busquen lecturas que lles presten. Esa é a mellor maneira de crear lectores para sempre. É nesas idades adolescentes onde se fixa o hábito da lectura. Só con lecturas obrigadas ou pensadas para difundir determinados valores non se consegue. Hai que conseguir que o mozo vaia por vontade propia á libraría e compre libros en galego, igual que fai cos libros en castelán.

Pensa vostede que a literatura galega non pensa nos lectores?

O sistema editorial en galego non buscou novos lectores durante moito tempo. Viviu pensando na venda institucional e deixou sen labrar nin sementar a renovación do seu lectorado. Non hai literatura no mundo que non atenda os seus diversos públicos. A sociedade galega é xa ampla abondo e tamén madura en moitos casos como para saber escoller aquilo que máis lle interesa. Insisto: non se combateu o preconcepto sobre as letras galegas, deixou que se espallase nas novas xeracións, que xa foron alfabetizadas na nosa lingua, que non había propostas que encaixasen cos seus gustos e intereses. Tamén penso que estas eivas, quizais por culpa da crise, se están a intentar corrixir.

Neste tempo de crise, xa non só as editoriais teñen que traballar na difusión dos libros que publican. Os autores teñen que ter moitas máis capacidades alén da de saberen escribir.

Con certeza. Hoxe o labor de escrita é, no mellor dos casos, só a metade do traballo dun escritor que queira publicar e gañar lectores. Hai que achegarse á xente, contactar con blogs de lectura, visitar clubs, facer presentacións… Manexar e manter a atención nas redes sociais… É un traballo cansado e, sinceramente, non sei até que punto compensa. Quero dicir, pasar horas e horas no facebook facendo promoción en que se concreta? Cantos lectores se gañan? Hai outras vías, como ter axente literaria (no meu caso aínda non me conseguiu ningunha nova publicación) pero ao final sen un gran selo detrás, o fomento esixe moito do autor e réstalle tempo e folgos para o principal, que é escribir.

Sin título-1Non se queixe, a saga do Basilius estase a publicar en castelán. E con certo éxito de difusión. A versión d’Un faro na escuridade recomendouna o programa Página 2, da TVE, no primeiro programa do 2016.

Ese si que foi un caso inexplicable para min. Sempre pensei que o acceso a ese tipo de contidos tan masivos estaba vetado a pequenos proxectos, dígoo por min e tamén por Sushi Books. Sempre coidei que estaba controlado polas grandes editoras todo o que aí se recomendaba. Así que foi unha gran sorpresa. Aínda é hoxe que non sei como se conseguiu. Pero hai que ser realista, iso foi unha anécdota. A realidade é que para a industria editorial e os medios de comunicación españois, a literatura galega non existe. Aínda máis, resta. É dicir, para publicar en castelán hai que “vender” o teu libro como unha “creación” en castelán, non como unha tradución para ter algunha oportunidade. No meu caso, teño a sorte de contar con Sushi, un selo filial de Rinoceronte, é dicir, pensado en Galicia. Só con ferramentas así é posible espallar a literatura galega fóra das nosas fronteiras.

A tradución, en ambos os sentidos, é a engrenaxe básica de calquera literatura.

É. Pero as letras galegas teñen o camiño practicamente pechado. Cando creamos a editorial Contos Estraños, a identidade que lle queriamos dar era sinxela: se ti es escritor galego e queres publicar, vas poder publicar. Se queres medrar, vas poder facelo. Terás o teu libro publicado e servirache como pasaporte para presentalo noutros mercados e conseguir espallar a túa obra noutros idiomas. Despois da nosa experiencia, esa segunda parte é improbable. Non vou dicir imposible porque hai casos pero só vou poñer un exemplo: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, foi un libro que gañou o Premio Merlín que outorga Xerais, vendeu varias edicións en galego, conseguiu boísimas críticas, publicouse nun selo que é filial doutros que publican en castelán amais doutros idiomas. Pois ben, tivo que gañar o Premio de Literatura Infantil do Ministerio de Cultura para conseguir a tradución. Gañar ese premio é dificilísimo. Para que mires onde está colocado o listón.

“En Contos Estraños buscamos novos valores”

Levamos un cacho roldando o seu traballo como editor. Fáleme como xorde Contos Estraños e que ten a ver con Urco.

En efecto, Contos Estraños e Urco son proxectos irmáns porque naceron ao redor do mesmo grupo de persoas, principalmente Tomás González Ahola, David Cortizo e mais eu. Xa expliquei as motivacións de ambos os proxectos. No caso de Urco, o programa é máis tradicional: publicar libros de literatura fantástica, ciencia ficción e outros xéneros populares en galego, tanto clásicos universais como antoloxías propias e novos títulos. Contos Estraños funciona máis como canteira. Nace como revista trimestral de novos valores. O que dicía antes: se queres escribir, vas ter onde publicar. Buscamos constantemente novas voces. A revista tivo algúns cambios na súa traxectoria pero agora volve ser trimestral. No tempo de publicación axuntamos 50 ou 60 autores e pensamos que xa é hora de que algúns deles dean o salto a textos máis longos e complexos. A editorial non quere ser unicamente un lugar onde publicar senón un motor. Propoñémoslles aos autores textos e seguimos a evolución dos seus proxectos. Consideramos que editar vai máis alá de maquetar e vender; cómpre corrixir, orientar, aprendermos entre todos e conseguirmos unha historia moito máis potente. A nosa intención sería avaliar capítulo a capítulo cada proxecto pero a saúde económica da editora non é tan boa como para que poidamos dedicarlle tanto tempo.

Ese modelo de edición máis anglosaxón coido que non existe en Galicia. Estarán os autores encantados!

O mundo dos escritores é peculiar. A min, o que máis me sorprende é que hai xente que disque está desexando publicar e cando lle dás a oportunidade, empeza a recuar. Dinche: “É que non teño tempo, é que son moitas horas…”, vaia, e logo non sabías que escribir é un oficio sacrificado?

É vostede un escritor metódico? Senta cada día as súas horas diante do ordenador? Corrixe moito?

Non. Teño un perfil máis volcánico. A historia paira o día todo na miña cabeza pero non sempre consigo ter o corpo para poñerme a escribir. Hai períodos nos que a narración me domina e é entón cando paso semanas escribindo moitas horas. Pero intento sempre controlar o instinto porque escribir non é unha tarefa calquera. Aínda logo de deixar a pantalla, a historia quédache na tona da cabeza e acabas con insomnio ou sen sosego e tes que tomar aspirinas. Corrixo, si, pero non quero obsesionarme. Escribir é como debuxar. Vou cambiando cousas a medida que escribo, parágrafo a parágrafo.

Na literatura popular ás veces é común ter moi planificada a historia. Hai quen escribe, denantes de nada, o final.

Eu son un moderado da planificación. Non me poño a escribir até ter a historia ben definida e si necesito saber ben como vai acabar pero non a redacto definitivamente até que lle toca. Son moi liñal. Empezo en A e acabo en Z. Hai quen crea fichas, borradores, vai construíndo a novela con saltos entre capítulos intermedios. Eu non. Sei a onde vai chegar o río pero polo medio todo pode cambiar; necesito que cambie, sentirme tamén lector, algo ignorante do que vai suceder na seguinte páxina.

Non ven factible seguir en Contos Estraños o modelo de Rinoceronte, que publica en castelán desde Galicia, ben sexa a través de Sushi ou de Pulp?

O gran problema é a distribución. Sen un programa de distribución profesional non hai posibilidade de chegar ao mercado español. En xeral, para quen estea interesado, cando analice o mercado do libro en Galicia que non se fixe nin na parte da creación nin na editorial, que estude o capítulo da distribución. Os custos e estratexias das distribuidoras son realmente quen marcan os ritmos e posibilidades do noso mercado. Hai moi boas ideas, incluso algunhas que serían rendibles e conseguirían lectores, que quedan descartadas por non teren en conta a influencia do modelo de distribución.

Hai anos afirmábase que o principal beneficiario da transición dixital ía ser a literatura popular, que a xente lería máis e en calquera parte.

Os primeiros aparellos lectores dixitais deben ser do 2004. Estamos no 2016 e seguen sen controlar máis ca unha ínfima porción do mercado editorial. Para dar o contraexemplo, a expansión do teléfono móbil a nivel mundial e masivo non durou máis de dous anos. Eu son informático e considero que un kindle non é máis ca un antigo telesketch magnetizado. E as demais pantallas, dos móbiles ás tablets, seguen a cansar demasiado a vista. Son incómodas para a lectura continuada. O libro de papel aínda non foi superado.

No caso da lectura por pracer, o formato dixital só favoreceu a autoedición. Hai plataformas coma a de Amazon nas que subir os teus títulos e probar se consegues a túa comunidade de lectores. Coido que de non existir Urco, eu tería autoeditado os meus libros. E aínda non descarto facer algún experimento: publicar ao tempo en castelán e en galego un libro dixital e ofrecelo de balde, para ver que pasa.

Que libros está a ler arestora?

Dous clásicos: Por quen baten as campás, de Ernest Hemingway e A sangue frío, de Truman Capote. A Capote cheguei logo de ver as dúas películas sobre o escritor.

Para que logo digan, un autor de fantasía lendo un libro de non ficción.

E logo? O bo da literatura é que é tan extensa como a propia vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *