BiosBardia

O país dos libros en galego

Fin do Ano (clandestino) Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde, no centro, entre Francisco Franco (esquerda) e Alfredo García Alén, colaborador de Filgueira no Museo de Pontevedra. O encontro fotagrafouse en Pontevedra, no 1967.
Xosé Filgueira Valverde, no centro, entre Francisco Franco (esquerda) e Alfredo García Alén, colaborador de Filgueira no Museo de Pontevedra. O encontro fotagrafouse en Pontevedra, no 1967.

César Lorenzo Gil.

O 2015 pasará á historia das Letras Galegas como o primeiro des que se celebra unha data específica para celebrar, reivindicar e comemorar a nosa creación literaria no que o cerne estivo no xulgamento ao nome escollido e non na súa homenaxe. Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) converteuse nunha sombra, nunha pantasma, na vítima quizais da crise dunha festa que está por ver se perdeu o seu valor de consenso entre as institucións e colectivos dedicados á cultura en Galicia.

No Ano Filgueira déronse moitas cousas que nunca se deran. Segue na gabeta do autor (ou da editorial que se negou a publicala) unha biografía por encarga do polígrafo. A Academia Galega foi acusada, por primeira vez desde a constitución da Autonomía, de estar ao servizo dos intereses políticos da Xunta de Galicia, gobernada polo PP. Acabado o 2015, o coñecemento teórico sobre a obra do pontevedrés non medrou gran cousa. Agás traballos de grande interese, como Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero (Xerais) ou A poesía oculta de Filgueira Valverde. Literatura franquista e Galeguismo n’O Gaiteiro de Lugo, de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Baía), non se publicaron traballos realmente relevantes e a grande obra de Filgueira volverá seguramente ao esquecemento.

Afortunadamente, a excepción a ese ostracismo previsible é a nova publicación da serie dos Adral, dentro da Biblioteca Filgueira de Galaxia. Os Adral son pezas de xoiaría cultural, de enorme vixencia para interesados nos fundamentos da nosa tradición histórica, antropolóxica e cultural.

Indignados coa historia

Nunca antes, explica Xesús Alonso Montero, houbera unha repulsa coma a que sufriu Filgueira Valverde desde o día do seu nomeamento como autor homenaxeado o 17 de maio. A explicación máis estendida desta indignación compartida por determinados sectores do estudo da lingua e tamén do activismo cultural e político galeguista atribúeselle ao seu pasado franquista. Para Montero, a explicación renxe xa que ese pasado franquista non foi atranco para festexar as obras de Cunqueiro, Risco, Otero Pedrayo, Francisca Herrera Garrido, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Díaz Castro ou Ramón Cabanillas. Tamén se pregunta o biógrafo se ese protagonismo político sobre o cultural non debería ser cuestinado nos casos de destacados esquerdistas que foron recordados no Día das Letras, desde Castelao a Lourenzo Varela pasando por Luís Seoane. Ou se non merecía críticas a escolla de Afonso X (IX na conta galega) de Borgoña, rei de Castela, polas súas políticas contrarias á lingua galega ou á autonomía institucional do reino de Galicia, á persecución dalgunhas destacadas casas nobres galaicas, caso dos Castro, ou o seu desexo de reducir o peso específico do arcebispado de Santiago.

Filgueira pagou non estar considerado polo canon cultural e literario popular, é dicir, o que se estuda na escola, unha figura relevante.

A reacción contra Filgueira é claro que tivo orixes extraculturais. Por unha banda pesou certa patrimonialización do galeguismo institucionalizado no século XXI e as forzas sociopolíticas que se identifican con esta ideoloxía, sobre o Día das Letras. Quizais en casos de persoeiros con pasado político, para determinadas siglas son só reivindicables nomes próximos ao nacionalismo. Isto explicaría o esquecemento, ano tras ano, da figura de Carlos Casares, que foi deputado socialista no Parlamento, por exemplo. Por outra, Filgueira pagou non estar considerado polo canon cultural e literario popular, é dicir, o que se estuda na escola, unha figura relevante. Non pasou á historia como autor senón como xestor cultural e político. Cando eu estudaba ninguén me contou que Celso Emilio ou Aquilino Iglesia Alvariño apoiaran o franquismo, iso non era importante; o importante é que eran poetas. Pola contra, no caso de Filgueira, o máis importante acabou sendo que fora alcalde de Pontevedra na época de Franco.

Unha biografía imprescindible

Á espera de ver como resiste a festa do Día das Letras no ano posterior a Filgueira, bo é recoller eses bos froitos que deixa o 2015 para os interesados na historia cultural galega e galeguista.

O libro do que falabamos antes de Freixeiro Mato entra no andel das curiosidades literarias ou filolóxicas. A poesía laudatoria a Franco en galego xa deu para antoloxías e estudos e de seguro que nos próximos anos aparecerán novos resultados desas pesquisas nos arquivos. Como ben explica Henrique Monteagudo, o franquismo buscou desde o primeiro momento en Galicia apropiarse do galeguismo, deformalo e poñelo ao seu servizo. A división previa á Guerra do 36 entre galeguistas católicos de dereitas e galeguistas federalistas marxistas xunto co clima xeneralizado de terror na zona ocupada polos fascistas fixo máis doado que galeguistas demócratas favorables á reivindicación dos dereitos nacionais de Galicia acabasen co fociño deitado en gabanzas ao ditador.

A necesidade defensiva de explicar a figura de Filgueira nun ambiente hostil condiciona a biografía de Alonso Montero.

Un dos investigadores máis interesados nesa relación literaria en idioma galego co franquismo foi Xesús Alonso Montero, cuxa biografía intelectual ten un valor imprescindible para coñecer as luces e as sombras de Filgueira. De seguro que Montero contaba co amparo doutros traballos biográficos máis pendentes da vida que da obra do profesor e ao non haber ese complemento editorial, o seu traballo máis centrado na parcela intelectual parece algo coxo.

Outro dos condicionantes da obra é esa necesidade defensiva de explicar a figura do homenaxeado nun ambiente hostil. Acaba pasando Montero por un defensor do seu biografado, coido que máis dun xeito involuntario, obrigado polo sentido da xustiza histórica, que por unha proximidade ideolóxica aos aspectos máis sombrizos da súa actividade e pensamento.

Alonso Montero perfila unha traxectoria de Filgueira baseada en tres aspectos fundamentais: a dedicación case exclusiva á cultura galega desde parámetros humanísticos que o profesor mantivo desde moi novo; o compromiso co galeguismo desde a maduración do proxecto político nacionalista após a creación das Irmandades da Fala no 1916 e a conseguinte fundación do Partido Galeguista no 1931. Na constitución do partido foi nomeado secretario técnico; máis adiante, tras a escisión, estivo no grupo dirixente de Dereita Galeguista e durante a campaña do Estatuto de Autonomía do 1936 apoiou activamente o voto polo Si. Por último, a ideoloxía católica e conservadora (desde a óptica presentista claramente integrista e ultraconservadora) que marcou as decisións da súa vida incluso por razóns familiares (a súa nai fora monxa e o seu pai formara parte dun mosteiro).

Quedan, tras este 2015, algúns misterios ou lendas urbanas por dilucidar: que papel xogou Filgueira no proxecto de Ence na ría de Pontevedra, especificamente se desde o seu posto de alcalde puido evitar a súa consolidación; que influencia posuía durante a redacción das leis lingüísticas da Autonomía para marcar a tendencia ortográfica da norma que gobernou até o 2002 ou como actuou durante o proceso a Alexandre Bóveda e se tivo reais posibilidades de evitar o seu fusilamento.

Perdeuse a oportunidade para facelo, quizabes, agás que no futuro novos investigadores actualicen a vida e obra dun dos grandes nomes da cultura galeguista institucional do século XX que parece destinado a ocupar un lugar velado no andel das “vergoñas” da nación.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *