BiosBardia

O país dos libros en galego

Fina Casalderrey: “A infancia é unha tatuaxe na pel da alma que queda para sempre”

Fina Casalderrey. JOSÉ GORÍS.

A protagonista do episodio de decembro de ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’ foi Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951). Na conversa, a escritora e académica debullou moitas facetas da súa vida e obra.

Casalderrey é unha das figuras máis relevantes da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, pioneira na escrita para os e as máis novas, con gran recoñecemento de parte do público e da crítica, e cunha morea de premios e homenaxes pola súa capacidade de imaxinar universos literarios.

A autora comezou a escribir no limiar dos corenta anos, cando xa acumulara unha grande experiencia como docente. Iniciou a súa carreira como mestra a finais do franquismo, pero desde o principio buscou renovar o ensino, incorporar a aprendizaxe da lingua galega e involucrar o alumnado no propio proceso educativo.

Ela mesma lembrou como pasou de sentir “vergonza” a “orgullo” pola lingua galega, sobre todo cando coñeceu a literatura. “Considero fundamental favorecer esa transmisión e noto que aínda hoxe non conseguimos facelo ben, para que a xente nova perciba a riqueza que posuímos”.

Fina Casalderrey lembrou que no momento no que ela empezou a traballar, mercé ao tempo histórico no que se produciu  (o cambio de réxime e o nacemento da autonomía) posibilitou que houbese moito eido no que desenvolver novas ideas. “Non é casualidade que moitos dos escritores do meu tempo que se dedicaron á literatura infantil e xuvenil fosen mestres: Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz…”.

“Lembro as primeiras mesas redondas nas que se debatía se existía ou non a literatura infantil e xuvenil. E daquela falábase de que a única literatura infantil real é a que escriben os nenos. Pero concluímos que a literatura infantil é aquela que tamén lles gusta ás nenas e aos nenos”.

“Non espertei un día e decidín dedicarme a ser escritora. Iso é como namorarse de verdade. Veume pouco a pouco. Penso que até ver o meu nome seguido de ‘escritora’ nos xornais despois dos primeiros premios non foi que me sentín realmente escritora”.

A escritora lembrou a importancia dos relatos orais dos seus pais, sobre todo do seu pai. “Durante moito tempo el foi o meu primeiro lector e axudábame a que as historias fosen verosímiles e encaixasen coa nosa tradición literaria”.

Amais da ficción, a literatura gastronómica forma parte da súa traxectoria. As súas obras, feitas a catro mans con Mariano García, o seu home, escribiu sobre a empanada e a repostaría. “O culpable de que eu me dedicase foi Vítor Freixanes, que daquela era o director de Xerais, e probou na miña casa unha empanada e animounos a escribir un libro. Percorremos Galicia cunha pregunta na boca: ‘Onde fan por aquí as mellores empanadas’?”.

 

 

One thought on “Fina Casalderrey: “A infancia é unha tatuaxe na pel da alma que queda para sempre”

  1. Este comentario é de Antonio Yáñez Casal: Quixera matizar o que di Casalderrey a partir do minuto 54, sobre a perda da pensión por ingresos derivados da súa actividade literaria. Unha persoa que cobre unha pensión de xubilación pode ter ingresos por realizar unha actividade creativa, a escrita no seu caso, non só por dereitos de autor, senón tamén polo que leve aparellado, como premios, charlas, presentacións etc. Real Decreto 302/2019 e Real Decreto 1/2023. Se o que percibe en cómputo anual, excluída a pensión, non supera o Salario Mínimo Interprofesional, só ten que incluír eses ingresos, como actividades económicas, na súa declaración anual á Facenda, como se fai antes da xubilación. Se o supera, entón si terá que solicitarlle á Seguridade Social a alta no réxime especial de compatibilidade, coa que non hai límite de ingresos. E iso non afecta en nada á súa pensión. Hai casos particulares que impiden a inclusión neste réxime, pero hai un que supón unha auténtica discriminación, que é cando se percibe unha pensión que provén dunha incapacidade laboral. Nese caso, o límite establéceo o SMI. Se non se sobrepasa, decláranse os ingresos como actividades económicas, como con calquera outra pensión. Se se sobrepasa, é cando se perde o dereito a cobrar a pensión durante o ano ou anos en que se dea esa circunstancia. Cando os ingresos non chegan ó SMI recupérase o dereito a percibir a pensión. Entidades de xestión de dereitos e asociacións levan anos reclamando que se protexan tamén estas pensións. Diversos estudos de especialistas neste ámbito advirten de que, debido á complexidade deste tema, non sempre o INSS ofrece unha información fiable, como puiden comprobar recentemente (de non facer outras consultas, a información que recibín sería para min claramente perxudicial). Non sei se a entrevistada quería referirse a outra cousa e non entendín as súas palabras ou que se encontra nalgún deses casos particulares e non o matizou, co cal este comentario sobraría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *