‘Finximentos’, unha ‘nouvelle’ teatral

César Lorenzo Gil.
Finximentos, de Mariña Pérez Rei, gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no 2023. Podemos definir o seu formato como de novela curta. O seu punto máis orixinal é a estrutura. A obra divídese en catro actos e cada un destes subdivídese en escenas. Estas células textuais adoitan ocupar entre unha e tres páxinas. Ao carón de cada acto reprodúcese unha fotografía de Martín Lagoa. Suponse que son imaxes inspiradas polo texto. Case todas son anódinas ou prescindibles. Reforzan os puntos febles do libro. Pero antes falemos dos fortes:
O libro utiliza esa fasquía de obra teatral con tres obxectivos que se demostran acertados: A división en actos e escenas favorece a fragmentación dos espazos e tempos e axuda a espallar a acción narrativa ao gusto da autora e da trama que confecciona. O xogo enténdeo rapidamente o lector e participar nel é un dos engados da novela. Asemade, a estrutura fortalece os personaxes —Nené e Heinrich—, unha parella que se encontra en Santiago e logo dunha noite de sexo, viaxa cara ao mar, primeiro no Barbanza, logo en Fisterra. E, por último, os diálogos. Brillan cando non son funcionais, senón contrapunto lírico á descrición case costumista dos usos cotiáns dos personaxes.
Tamén logra o que se propón Pérez Rei no seu proceso de dosificación da información. A autora é moi hábil crebando as expectativas do lector. Con moi poucos recursos, pero moi ben colocados, xera unha intriga moi gorentosa que, ademais, pon en cuestión a forma xeral desta novela. Acaso non nos parecería, polo xeito de narrar, que Finximentos é unha novela máis ben poética onde importa máis a ollada ca os feitos? Pode ser que si ou pode que non. É o lector quen ten a posibilidade de inclinar a balanza cara a onde máis lle interese. Polo tanto, esta obra explica moi ben como o experimentaismo pode render froitos útiles ao propósito da creación literaria.
Mais en Finximentos tamén hai varios elementos que non funcionan. Principalmente eses que empatan coas fotos: En demasiados momentos temos a sensación de que sobra texto —a pesar da brevidade da novela—. Parece como que os vimbios da historia tivesen previsto un peso diferente, máis lixeiro, quizais os dun relato que ocupase cincuenta ou sesenta páxinas. Hai partes que non casan co resto, que intentan aproveitarse dese fragmentarismo estrutural para coar de matute mercadoría de inferior calidade literaria.
Outro problema é a calidade da redacción. Hai unha vontade de estilo, como dixemos. Unha inercia cara ao poético que pelexa con certo abuso dos xerundios, con parágrafos ás veces tediosos ou faltos de ritmo.
Gabamos os diálogos cando saen do convencional e temos que deostalos cando intentan xustamente o contrario. Soan artificiais e son contraproducentes porque poñen en cuestión, xustamente, a manipulación literaria daqueloutros máis crípticos.
Quizais a necesidade de pechar ben a trama, ou certo imperativo por levar a novela a un carreiro sociolóxico balsámico con determinados asuntos espiñentos que trata, pexan demasiado esa levidade entre surrealista e ordinaria que é o mellor da novela.
En definitiva, Finximentos é unha obra que ten un deseño apropiado e que en bastantes momentos funciona, mais que precisaría de certos axustes para evitar inercias que lle fan perder potencia literaria. Se cadra, igual que pasa cunha representación teatral, esteamos diante dun ensaio xeral e todo mellore na súa estrea definitiva.
♦ Finximentos, de Mariña Pérez Rei, Xerais, 2024. 152 páxinas. ♠17,95€