BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Fontán’, unha biografía novelada sen riscos

9788498656466Fontán, de Marcos Calveiro, novela editada por Galaxia, publicouse tras conseguir o Premio Repsol de Narrativa Breve 2015. É, en resumo, unha biografía novelada de Domingos Fontán, un dos personaxes principais da historia de Galicia. Unha das mellores descricións da súa figura escribiuna Miguel Anxo Murado en Outra idea de Galicia: “Fontán non era en absoluto un louco, senón probablemente a persoa máis perfeccionista que deu Galicia. Tan en serio tomou o seu traballo que o grao de detalle que alcanzou no seu mapa só puido ser superado hai uns poucos anos, e iso coa cartografía feita por satélite. Cando á fin o rematou no 1834, pódese dicir que concluíra algo máis ca unha proeza cartográfica (o resto de España non contará cun mapa así até 130 anos despois), Non, o de Fontán raiou entre o mítico e o poético, porque ao longo dos seus 17 anos de percorridos solitarios a pé e a cabalo chegou a coñecer persoalmente case todos os galegos vivos naquel momento, ademais de todas e cada unha das súas poboacións, vales, ríos e montañas. Raramente houbo unha comuñón máis complexa entre unha persoa e un territorio, entre un estudoso e o seu obxecto de estudo, entre un habitante e o seu país. Máis aínda: a todos eses lugares que visitou, Fontán tomoulles a medida, literalmente, póndoos (tamén literalmente) no mapa, compondo deste xeito o que Álvaro Cunqueiro chamou, en tons líricos, o rostro do país“.

Non é de estrañar que Calveiro quedara fascinado por unha persoa así. Esta novela é, ante todo, unha homenaxe ao matemático e xeógrafo. E ese enfoque narrativo ten as súas virtudes e os seus defectos.

O escritor arousán propón neste libro unha estrutura moi moderna, de capítulos moi breves e intercalación entre momentos destacados da vida de Fontán e diferentes capsuliñas narrativas que serven, sobre todo, para entendermos o contexto histórico e científico no que o catedrático exerceu o seu labor. A mellora tecnolóxica e a necesidade política de comprender mellor o mundo para poder abarcalo, exploralo e explotalo, cobran segundo avanza a novela menor protagonismo. E é unha pena porque ese contrapunto creaba unha tensión moi atractiva que acaba superada por un retrato un tanto haxiográfico do científico galego.

Estamos diante dunha biografía pero unha biografía novelada onde, como é lóxico, o literario debe importar máis ca o histórico. Fontán é neste libro un personaxe de ficción e xustamente brilla cando o autor se libera do peso da documentación e deixa traballar a súa mente. O Fontán imaxinado é máis potente ca o rigorosamente histórico non porque o personaxe non teña substancia, todo o contrario, senón porque cando Calveiro se cinxe aos acontecementos destacados da súa vida: as mortes, os nomeamentos, os reveses e os triunfos; digamos as vivencias canónicas, cae nun certo enciclopedismo plano que fai máis aburrido e convencional o texto. Fáltalle á novela máis risco, máis aventura. As costuras desa homenaxe é certo que fixan a imaxe de Fontán entre o público xeral. E seguramente é necesario que figuras do seu calibre teñan unha novela popular e correcta coma esta pero tamén é xusto dicir que o novelista, neste caso, non atou para sempre a súa literatura ao personaxe. Aínda queda por escribir, polo tanto, a gran novela de Fontán e o seu mapa.

O outro defecto do libro é certa preguiza técnica. Ao libro faríalle falta un bo cepillado para libralo de cacofonías, adxectivos baleiros e frases feitas. “…grosas pingas de suor esvarábanlle pola fronte e as roibas fazulas” (p, 47). “O 30 de setembro de 1824 resultou un día ben triste para Domingo Fontán. O seu benquerido mestre viña de morrer en Santiago, na casa do seu bo amigo e catedrático de Farmacia, Suárez Freire” (p. 128). “Fontán sumiuse nun fondo abatemento que se incrementou ao coñecer o vil fusilamento…” (p. 197).

Con todo, Calveiro abre un camiño moi interesante para a novela popular en galego. Sería unha gran noticia que el mesmo ou outros autores seguisen a compoñer retratos traballados e eficaces de personaxes chave na nosa historia pero que, ben por non seren escritores, non participaren en movementos políticos nun primeiro plano ou simplemente non encaixaren en calquera das mitoloxías historiográficas, apenas se coñecen. Fontán era un destes. Agora xa ten a súa novela. Esperemos que pronto teña tamén a súa serie de televisión ou a súa película.

♦Fontán, de Marcos Calveiro, Galaxia, 2015. 243 páxinas. ♠17€

César Lorenzo Gil.

 

3 thoughts on “‘Fontán’, unha biografía novelada sen riscos

  1. Estimado Sr. Lorenzo, Mucho me temo que en esa hipotética película sobre Domingo Fontán, éste aparezca portando la estelada. Marcos Calveiro ya ha escrito las primeras frases del guión en su biografía novelada “Fontán”, objeto de su crítica. La imaginación es el vehículo de la narrativa, pero cuando ésta es biográfica tiene el límite de la velocidad que aconseja la prudencia de la realidad histórica, que se sobrepasa cuando la narrativa se pone al servicio del activismo político. Atentamente. César Camargo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *