BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Foodge’ vs ‘Das inconveniencias de estar morto’

TRACY BENJAMIN.

Xornada 2. Grupo D. Carlos Vega vs César Lorenzo Gil.

Foodge

César Lorenzo Gil.

Dúas cookies de chocolate con 70% de cacao, nata a medio bater, fariña centea e avea: 225 calorías, polo baixo. Supoñendo que o chocolate sexa dese e non un máis económico, con moito azucre e emulsionantes extraídos do millo.

Unha bóla de xeado de menta. Pura graxa mesturada con ar: 150 calorías baleiras.

Un chorro de xarope de amorodos, industrial. Máis glicosa e moito colorante para que todo brille. Din que ese colorante se fabrica coas cascas dos pementos podres: Non llo choraron, así que, como mínimo, 40 calorías.

190, 390, 300, 315.

Esta semana vai ben. Nada de hidratos desde o arroz fervido do sábado. Non. Para. O domingo, un donus. Ben, dous, pero eran pequenos. E onte? Onte, aquel lardo da costeleta, torrado. Foi un erro. Mais cantas xornadas levas de xexún, eh? Cóntao todo. O estómago en paz desde as tres da tarde até as tres da tarde do día seguinte. Mais xusto onte, dous iogures con doce de leite de cea. E a ensalada de vexetais baby alí quedou na bolsa, a bolsa aberta, aínda por riba.

315. Ponlle 300, as cifras están esaxeradas. Os comentarios gaban a liviá presenza da menta no xeado, unha bágoa de sabor intenso. Seguro que non leva moita nata. Os xeados de infusións levántanos con agar-agar. Mais as galletas… Déixaas… Non. Son o mellor do foodge. Tododiós vén aquí, á quinta cona, probar as galletas de chocolate e avea. Son moi dixestivas, e con moita fibra. Ou todo ou nada. Por algo a camiñada. Canto marca a aplicación? 139 calorías gastas. Non te fíes disto. Non contou aquela costa pina. Aí case botas os bofes. Seguro que entre iso e fregar a casa enteira esta mañá aló foron as 300. Que facer as cousas da casa non queima calorías! Depende. Se o fas moi rápido… o corazón apura, non si? Cardio.

Nada. Queda unha cousa por outra. Mañá e pasado, verdura ao vapor e dúas horiñas a paso rexo pola Senda do Colesterol. E pronto. Se a comes amodo, saboreando cada bocada un mínimo de vinte segundos dáslle tempo ao metabolismo a pórse a traballar. Mentres vas comendo vas gastando… A ver: unha cullerada de xeado e un anaco de gall… Boh, derreteu! E as cookies están enchoupadas…

……………………………………………….

Das inconveniencias de estar morto

Carlos Vega.

Tonaya Gonzalez sabía que morrera aquela mañá, pero non era festivo nin libraba, asi que se erguera. Vira como se lle acercaba a señora, despois de baixar do coche, coas mans na cabeza e berrándolle a Santo Antonio Bendito. El limitárase a buscar as lentes, sen facerlle mais caso ao circulo de espectadores que un aceno de tranquilidade. Atopounas algo lonxe,  do golpe que levara. Non escacharan, aínda que lle quedaban moi frouxas, tirou dunha orella para acomodalas e quedoulle na man, asi que procurou gardalas. A señora seguíao a uns cinco pasos, berrando algo que soaba a “el muerto!”. Volveu pedir calma cun xesto e axeonllouse sobre a beirarrúa. Viu, agora nitidamente, as chaves cerca do móbil. Contento de recuperar todo, botou unha ollada á pantalla esnafrada; ía xusto de tempo, pero se fichaba antes de cambiarse, cousa prohibidísima, podía salvar unha vez máis o pescozo. 

Era unha noite de semana, asi que non habían ter moito traballo. Limitaríase a deixar lista a sala e preparar as sobremesas do día seguinte. Coma todas as noites. Nos vestiarios deuse de conta de que manchara a camisa; por sorte, ao lado dos zapatos de reposto gardaba unha que lle roubara a un venezolano que non volvera. 

Quixo comezar por dobrar os manteis cando, amolado, notou que tiña a perna desfeita. Razoou que, co golpe, se lle comprimiran os ósos dunha forma na que non cedían por presión, pero ao sentar sentira como se lle desfacía nun cento de gumes afiados, que incluso lle atravesaran o pantalón, ao erguerse. Deses si que non tiña outros de reposto. Faríallos pagar a xerente?

Imaxinar a lea que ía montar púxoo dos nervios, e sempre que estaba nervioso entráballe antollo dos chocolatisimos, así que colleu un do conxelador, enterrouno en xeado de chocolate e buscou xarope de caramelo. Os rapaces da quenda do mediodía non deixaran ren. Xemeu esgotado, pois sentía que facía o traballo de vinte e marchou por máis, renxendo.

Quixo aproveitar que ía por máis e intentou cargar outro barril de cervexa. Sentiu os brazos afundírselle sobre os ombreiros e a pel fíxolle un ruído de tea vella que non lle gustou demasiado. Se se decatan mándanme á mutua de seguro, e danlle as corenta horas a outro rapaz que nin sabe cargar un menú —pensou, algo abafado da falta de liquidos que levaba encima. Pero repúxose, e resolveu, apertando os dentes, volver intentalo nunha rabecha de vello león ata que, cun tirón terrible, sentiu como lle caía case todo o corpo. 

No seu derradeiro momento, Tonaya alcanzou a verse as pernas, que seguían de pé, cortadas pola cintura. Cabezón,  aínda turraba do barril de cervexa no chan.

O ultimo que pensou, mentres intentaba botar fóra a camisa para non manchala do sangue que manaba do bandullo aberto, foi nas múltiples inconveniencias de estar morto e na necesidade de repasar as láminas de receitas pois o chocolatisimo non levaba xarope de caramelo senón salsa de froitos vermellos.

 

21 thoughts on “‘Foodge’ vs ‘Das inconveniencias de estar morto’

  1. Outro dos duelos que me prestaron nesta segunda xornada. Parabéns aos dous autores

    Foodge
    Paréceme un bo relato. Estanse vendo varios monólogos interiores neste torneo e penso que é unha técnica difícil de dominar. Non é doado atopar o equilibrio entre o literario e o natural. En moitas ocasións cáese no tremendismo. Penso que Foodge si que consegue ser natural sen perder calidade. É un texto que flúe moi ben. Non se fai nin pesado nin banal. Consigo empatizar perfectamente co personaxe. Tería votado por este relato en moitos dos duelos da xornada.

    Das inconveniencias de estar morto
    O que sucede é que Das inconveniencias de estar morto me pareceu aínda mellor. A frase coa que comeza é fantástica e todo ten un aire absurdo que a min acostuma cativarme. Gustoume especialmente a ironía coa que combina as reaccións da xente ante o aparecido cos pensamentos do morto sobre o seu traballo. “Volveu pedir calma cun xesto e axeonllouse sobre a beirarrúa (…) ía xusto de tempo, pero se fichaba antes de cambiarse, cousa prohibidísima, podía salvar unha vez máis o pescozo.” A relación coa foto é adecuada. Quizais non sexa a miña forma favorita de vincular imaxe e texto, mais vai na mesma dirección surreal do relato.
    É por iso que o meu voto vai para Das inconveniencias de estar morto

  2. “Foodge”
    A historia é o que hai, sinxela e cotiá. Non obstante, de tan sinxela que parece, serve á vez de espello e parábola acerca de cómo vivimos determinadas experiencias, non só as culinarias, sen resultar pretensioso. Ao ser un monólogo interno, fíxose ameno de ler.

    “Das inconveniencias de estar morto”
    Creo que o grito de “el muerto!” debería ir con cursiva, por estar en castelán, e tamén seguir as normas de puntuación española.
    O relato empeza moi ben, gústame o contraste entre o aberrante da situación e a indiferenza coa que o protagonista asume a súa condición de morto. Aínda así, non me convence o paso de estar traballando a “estou ansioso, necesito chocolate”, e tampouco que se vaia caendo a cachos cando acaba de morrer esa mañá (se estivera tan desfeito, non se tería levantado). A obsesión por seguir traballando tería máis graza se aparecese un xefe abusivo ao que non lle importe o estado dos empregados. O título non me acaba de cadrar, crin que iría máis polo feito de que xa non pode desfrutar da comida, porque un pode estragar a roupa e romper as costas sen necesidade de estar morto.

    O meu voto vai para “Foodge”.

  3. Ei xentiña! espero que esteades todos ben! estupendo poder refuxiarse un por aquí a ler as vosas historias.

    A foto: Pero iso que está aí na foto non é un cagallón!? ai dios. ou iso ou teño que graduar as gafas. Eu foi ver a foto e pensar que ía atopar un rollo pink flamingo…

    No primeiro (Foodge) a obsesión das calorías, cantos suman, cantas restan, etc… ten o seu punto pero queda todo demasiado apertado pola forma, por outra lado impecable. O que se narra creo que precisa pisar máis no terreo do absurdo. Vale, absurdo xa é estar todo o día contando e restando calorías, pero como nesa situación xa temos soportado a xente coñecida ou caemos nós mesmos algunha vez, igual o texto precisaba dun punch extra de mala baba ou de estrañamento. No segundo (Inconveniencias) aquí si que o absurdo ten dúas patas e anda. Moi ben levado ese tema do morto andante desde esa frase inicial que xa apuntaron que é moi boa. Moi ben encaixalo coa teima de ir a traballar e facer as cousas da súa quenda. Vivir para traballar levado ao extremo de traspasar a última fronteira. Quizais en Inconveniencias a inspiración na imaxe vai máis pillada polos pelos. Imos obviar esa falta, xa que postos na balanza eu creo que o segundo gaña en potencia e mesmo no redrobe final ten un chisco máis de chispa.

    Voto Inconveniencias.

  4. «Foodge»
    Gústame o xogo coas calorías, as xustificacións, as divagacións… axudan a formar un retrato verosímil nestes tempos. Faltoume un pouco de forza no remate.

    Non acabo de ver que achega o castelanismo tododiós respecto a todo cristo, porque non deixa de ser unha expresión coloquial. Si que lle atopo sentido aos anglicismos como foodge ou cookie, que casan moi ben coa estupidez dos contacalorías.

    «Das inconveniencias de estar morto»
    Semella que o protagonista xa era un morto en vida, así que a morte mudaba pouca cousa. A narración é moi gráfica: desagradábel e graciosa ao tempo. Moi cabaleiro negro dos Monty Python, mais no canto de ter unha vontade inquebrantábel, o traballo xa o fendera de tal maneira que nada o detiña para seguir adiante. Esta idea, como apunta Leticia, era a que había que potenciar para que o relato funcionase mellor (como si fixo no primeiro parágrafo «ía xusto de tempo, pero se fichaba antes de cambiarse, cousa prohibidísima, podía salvar unha vez máis o pescozo»). Habería que facer énfase nun alto ritmo de traballo e na rixidez das normas, todo o contrario ao que transmite que papase chocolatisimos cando estaba nervioso. Iso tamén fai que relación coa imaxe que debía inspirar o relato sexa feble. Con que o chocolatisimo fose unha das súas tarefas centrais no choio e requirise un proceso de montaxe estrito, a xustificación resultaría menos difusa. Coido que ao texto lle faltan algunhas voltas para arranxar esas cousas e facer algunha corrección, como arranxar esta cacofonía «pero ao sentar sentira». Gústame a orixinalidade e ese humorismo noxento levado á hipérbole.

    Se estivese un pouco mellor resolto, quedaríame con «Das inconveniencias de estar morto» porque gosto do estilo, mais ten varios problemas que non cómpre pasar por alto. Porén, «Foodge», que non me esperta tanto, leva o meu voto por escaso marxe porque formalmente é mellor e cumpre cos seus obxectivos.

  5. Antes de entrar nos relatos vou indicar que agradezo que non me tocara a min esta foto porque dubido moito que soubera cara onde tirar.

    Foodge
    Coido que está moi ben reflectida esa grao de obsesión polo control da alimentación. E, sen dúbida, é unha excelente idea vista a foto. Mais así como o comezo fáiseme interesante e ben levado vaime perdendo forza. Quizais agardaba algún tipo de evolución cara algo que nunca chegou.

    Das inconveniencias de estar morto
    Malia estar bastante máis collida polos pelos a súa relación coa foto apreciei bastante o seu humor. Coido que é estremademente complicado facer relatos que resulten graciosos (o humor é algo tan relativo). Ademais a súa lectura flue moi ben. E, como xa dixeron, ten un gran arranque. Aínda que, pola contra, un final máis frouxo.

    O meu voto vai para “Das incoveniencias de estar morto”

  6. Moi boas execucións as deste duelo. Ambas cheas de preparación e profesionalidade.
    Foodge foime directo ó bandullo. Quen non sen sentiu mal algunha vez por romper unha suposta dieta. Parabéns polo punto de vista escollido que lle dá unha forza inmensa ó relato.
    O problema é que “Das inconveniencias…” paréceme un relato maxistral. A primeira frase é diferencial, unha gostosísima mestura entre Gila e García Márquez que abre paso a un relato delirante. Encántame a mensaxe que transmite o traballo, por necesidade ou adicción, como algo máis importante que a propia vida.

    O meu voto vai para “Das inconveniencias…”. Parabéns a ambos autores.

  7. Foto moi difícil, ainda que bastante apetecible!!!!!!( dende o punto de vista culinario e vendo con bastante arrepio o estado dos supermercados)
    Espertoume a curiosidade o inicio de Foodge, e sentin una agradable sensación de sorpresa ata casi o final, que ainda que ten algún punto dende o me vista moi ocurrente ( a taxante autorresposta sobre o traballo doméstico a todo correr) penso que non acada no final, o desenlace merecido.

    Pola outra banda, Das inconveniencias de estar morto, paréceme surreal e realista ó mesmo tempo, cunha incapacidade paradoxica e verdadeira de priorizar tan á orde do día na raza humana.
    Non boto de menos o xefe abusador, tal como se comenta, a sua presenza,,a sua sombra e constante no medo do traballador morto que coma unha personaxe de Italo Calvino, vai traballar preocupándose da puntualidade.
    A relación da imaxe tampouco me preocupa demasiado, a creatividade e a inspiración son así . Un golpe e surxe a historia.

    Noraboa os dous!
    O menú voto e para Das inconveniencias de estar morto!!!!

  8. Eu tamén vin o cagallón, Marcos. Podedes alegrarvos de que non me tocase a min esa foto…

    “Foodge” moi boa a narración. Iso é moi malo de facer e que quede ben, intentas ata pensar algo así e xa non sae. Hai que ter ademais moita precisión co conteo de calorias, vaia mérito. O final é sinxelo, creo que lle acae, pero despois de todo o traxín mental é algo…bluff… creo que imos collendo inercia e despois custa dixerir algo tan… light?

    “Das inconveniencias de estar morto” hai que cambiar ese título! Calquera cousa lle iría mellor: “Morto por fichar”, “Necrolatte con pasas”, “Turno eslombante”… polo demais, pese a ter algún desaxuste interno, perfecto. A min paréceme ben que teña ansia por comer os chocolatisimos, cando colles unha carga de traballo denso e repetitivo (sobre todo na hostelería) esos pequenos praceres culpables son moi gratificantes e un tómaos como parte da recompensa do choio. Tampouco me fai falla o capataz, rompería a maxia do morto-currante (pensade que a xente que o viu dixo: “el muerto!”). Ademáis o xefe sí que está, ausente pero está.

    Creo que ten máis forza “Das inconveniencias…” e por iso leva o meu voto.

  9. Escacho a rir! Grazas ós meus predecesores. Estábame sentindo mal porque eu tamén vexo claramente dous zurullos. Menos mal que non me tocou a min esa imaxe!

    “Foodge”
    Pareceume non só un relato áxil, senón que me ten moitísimo mérito ir enlazando de maneira coherente todo ese fío de pensamentos. E todo iso sen resultar monótono, deslabazado ou aburrido. A sucesiva contabilización de calorías, é moi coherente co ritmo que leva todo o relato. É unha narración que ó mellor pode parecer simple, sen trasfondo, pero conta o que ten que contar, e non importa que sexa algo demasiado usual. O que importa é o ben relatado que está e o moito que rin co final. Parabéns!

    “Das inconveniencias de estar morto”
    O tema paréceme super orixinal, inda que me confeso fanática dos relatos de mortos (premortos ou pseudomortos, en este caso jaja). Unha mistura entre “Crónica dunha morte anunciada” e un capítulo de Black Mirror. En xeral desfrutei lendo este estupendo relato, inda que sí que é certo que houbo frases que me custou algo dixerilas (“sen facerlle mais caso ao circulo de espectadores que un aceno de tranquilidade” e ten outras brutales, como a primeira que xa a meirande parte nomearon. Esto de que o traballo nos faga estar mortos e desfeitos en vida, está moi ben plantexado no relato, pero sí que quizáis a un lle pide o corpo máis énfase en ese sentido. O empate coa foto con eses chocolatísimos dos que poderiamos prescindir (tamén pudera ser lacón con grelos), sí que resulta un pouco posto aí con calzador, pero xa que a ambientación do relato é nun restaurante, non o vexo para nada desvinculado. Por último, o título paréceme xenial!

    Difícil elección. Os dous relatos teñen cousas moi boas, pero entre que a nivel de escrita o vin un pouquichiño mellor e o final que me arrincou un sorriso, voto por “Foodge”

  10. Debo estar mal da vista porque eu vexo dúas cookies de chocolate. O que hai entre elas si que asemella ser os miolos esmagados do pobre homiño de “Das Inconveniencias de estar morto”.

    O meu voto vai para “Foodge”. É un relato ben contado e argallado. Escrita correcta. Adoro o chocolate , ía lendo e salivaba. Aínda que se conten tantas calorías, o texto non empacha.

    “Das inconveniencias de estar morto” está ben escrito e traballado. O primeiro parágrafo lémbrame a Juan Rulfo mais, como o título xa nos adianta de que vai o conto, non me impacta tanto o final.

  11. uppsss… dicía… por favor, señoras e señores, logo das votacións literarias, unha rolda de votos para saber quen ve cookies e quen ve cagallón

    1. Nisto podo comentar, que fun eu quen enviou esa foto. Prometo que na procura do flikr puxen “dessert”. Aínda que si, admito que a min tamén me chamou a atención o ambiguo das cookies esas. En parte foi por iso que a enviei.

  12. Para min son dous cagallóns. Falo da foto, non dos relatos. Malpensados.

    Foodge

    Gustoume o relato. Deume a impresion de lelo nun par de segundos, non sobra nada, nin as calorías. Así é como se debe usar a primeira persoa e o presente, a ver, cada un pode usala como e cando queira, experimentar é bo, pero este é o seu espazo natural.
    Para min o relato está perfecto (logo a cada un podo interesarlle mais ou menos a “storie” contada) agás o remate, que me parece buscar un chimpún final algo forzado. Aí o pensador abandonou o seu papel de monologista para facer de narrador ante o lector. A expresion idea teria sido un “Merda!”, que casaría perfectamente coa foto.

    Das inconveniencias de estar morto

    Nunca oira o nome de Tonaya.
    Este sería outro relato perfecto se durara a metade do que dura. O inicio está moi ben narrado e engacha. Que o morto vaia ó traballo tamen entra no guion. Pero a partir do do venezolano o chiste remata, ou mellor dito, simplemente se alarga ata diluirse nun final que puido vir moito antes. O que mais me confundiu é seguir a cadea de razoamentos do morto. Sabe ou non sabe que está morto? Na primeira frase dise que si, pero actua coma se todo lle dese igual. Como lector necesito unhas regras para saber a que aterme, e as continuas autoxustificacions do prota para non asumir nin o seu novo estado vital (inda que sexa consciente del) nin as mutilacions sufridas non me resultaron consistentes.
    Deixando iso a un lado, que ó mellor só me pasa a min que son un pouco petardo analizando cousas, o relato funciona moi ben como critica á explotacion laboral, ou mellor dito, como critica á mentalidade autoexplotadora dalguns traballadores que nos perxudican a todos aceptando como normais (e incluso levandoas a cabo por iniciativa propia) condicions laborais ilegais.

    Un gran duelo este.

  13. Nesta ocasión dous relatos moi diferenciados, cunha foto de partida cando menos “ambigua”. Eu tería feito un relato de diarreas ou algunha cousa polo estilo.
    Pola contra, os dous relatos prestáronme ben 😛
    E, malia que formalmente coido que “Foodge” está mellor escrito (en canto a coherencia e ritmo), a historia alucinante dun zombi leproso e alienado case que me solta o esfínter.
    O meu voto vai para “O descomedido de estar morto”.
    PD: para que esperar ao final. De primeiras, no móbil, vin uns miolos sangrando. Ao ver a foto en grande si que me semellou un xeado entre dúas bostas.

  14. Custou bastante decidir por un destes relatos. Teñen enfoques completamente diferentes, mais funcionan en ambos os dous. Mentres “Foodge” resulta un relatiño máis minimalista, cunha temática sinxela pero evocadora, “Das inconvniencias de estar morto” ten unha gran profundidade que o autor sabe desenvolver ben. Cústame unha barbaridade escoller neste caso.

    O meu voto vai para “Das inconveniencias de estar morto”.

  15. “Foodge” cústame entrar nestes monólogos se non acabo de entrar ben no tema e neste non entrei. Coido que a cinta de calorías ten unha cuestión patolóxica que non acabo de entender por iso aínda que vexo o oficio que hai a hora de narrar non me prestou.
    “Das inconveniencias…” Recoñezo que aquí non son obxectiva. Como camareira que fun sei o que é petiscar aquí e alí e non so é algo alimentario, esa dobre culpabilidade nutre moito.
    Ten os puntos para me gustar: humor, certa crítica e algún moto, por iso o meu voto vai para “As inconveniencias ..”

  16. Dous relatos e dúas formas moi diferentes de plasmar unha fotografía que non era sinxela. Por unha banda, “Foodge” pon o foco de atención nela desde o primeiro intre, e comeza a trazar unha historia do máis cotiá a base de frases curtas e silencios. Pero non por iso se fai aburrida, todo o contrario, a través deste método logra ir empurrando ao lector cara ao interior do relato máis e máis, ata tal punto que entran ganas de saborear o xeado. Por outra banda, “Das inconveniencias de estar morto” ten un comezo maxistral e inesperado, e o resto de historia continúa nesa mesma liña ata introducir a imaxe. O xeito tan natural do protagonista de asumir a súa morte e a rocambolesca historia que continua sorprendéronme bastante. O meu voto vai para esta última.

  17. Graciñas polos votos e polos comentarios. Sobre a polémica escatolóxica, para nada se me ocorreu que as galletas da imaxe puidesen ocultar feces. Non sei se ao Carlos Vega se lle pasou pola cabeza. Tampouco é que sexa eu un perito en bosteiras. O meu é nivel usuario.

    1. Pois a min tampouco é que se me ocorrera. Certo é que ao ensinarlle a foto a unha amigo si que salientou as posibilidades escatolóxicas do concepto. De todas formas, chegoume tarde 🙁 Moitas grazas polos comentarios e parabens polo bo relato¡

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *