BiosBardia

O país dos libros en galego

Fran Alonso: “Hoxe hai espazo para unha nova editorial de narrativa galega”

Fran Alonso. MANUEL G. VICENTE
Fran Alonso. MANUEL G. VICENTE

César Lorenzo Gil.

Xerais reedita a novela curta para público xuvenil Silencio, de Fran Alonso (Vigo, 1963). O escritor móvese ben entre xéneros: novela, relato, poesía. Aproveito para entrevistar o seu autor e cumpro a promesa feita en Biosbardia hai xusto un ano, cando publicamos o primeiro artigo da revista.

Por que decidiu reeditar Silencio? Fixo cambios no texto?

É un libro no que teño moita confianza. Penso que conecta moi ben co público xuvenil e de aí que considerase interesante incluílo na colección ‘Fóra de xogo’, pensado para eses lectores. O texto está traballado de novo. Revisei e actualicei varias cousas porque quería que a acción pasase no tempo actual e algunhas cousas, por exemplo as tecnoloxías, mudaron substancialmente desde o tempo da primeira publicación en Nigra.

Silencio conta a historia dun xornalista galego que perde o seu traballo porque incomodou o poder. Na rutina de desempregado no seu piso de Madrid empeza a vivir uns sucesos estraños que ao lector nunca lle queda claro se son reais ou produto da súa fantasía. Que quería vostede escribir, unha historia sobre a depresión, sobre a situación do desemprego…?

A historia nace dunha anécdota. Hai anos, logo dunha viaxe por África, parei unha noite na casa do meu irmán en Madrid. Eu estaba baldado e funme deitar. Espertoume o ring-ring dun teléfono. Erguinme somnolento. Non había ninguén na casa. O teléfono seguía a tocar. Mais ao chegar ao moble do aparello decateime de que non era alí que soaba senón noutro piso. Ese intre pareceume moi interesante desde o punto literario.

En canto ao obxectivo, hai que lembrar que a difícil situación dos xornalistas é algo consubstancial á crise do 2008; cando escribín tiña máis na mente a dificultade de exercer a profesión nun ambiente onde os poderosos controlan os medios de comunicación; a obriga do autoexilio con todo o que supón. Ese podemos dicir que é a ponla social do libro. A ponla máis literaria pasaba por construír unha historia de terror cotián. Hoxe en día xa non podemos escribir sobre terror irracional porque os lectores xa non cren en cousas que teñen unha explicación científica. Mais si que segue a inquietar o terror doméstico, o que non precisa nin de fantasmas nin de psicofonías para atormentarnos. O terror que hoxe dá realmente medo é o que somete o lector aos impulsos psicópatas da cotidianidade; o medo que todos temos a que alguén nos queira facer a vida imposible.

Unha constante da súa obra (tamén está en Silencio) é a paisaxe urbana, moitas veces nocturna, nun aparente silencio, con personaxes solitarios, desvalidos. Sérvelle de denuncia social ou utilízao como excelente marco para crear interese literario?

Coido que é unha combinación de ambos factores. A miña escrita nace da observación da realidade. Todo o que hai ao meu redor interésame, acaba por darme xogo literario. É certo que eses temas, eses ambientes, están en libros como Cemiterio de elefantes ou Males de cabeza, quizais porque forman parte da nosa identidade colectiva e pescudar neles, desentrañar como funciona o noso tempo, é unha das bases do meu interese literario.

O terror que hoxe dá realmente medo é o que somete o lector aos impulsos psicópatas da cotidianidade; o medo que todos temos a que alguén nos queira facer a vida imposible.

 

A súa primeira novela, Tráiler, foi un traballo narrativo con moitos elos no xornalismo. Do meu punto de vista, vostede é un dos escritores de ficción galegos que mellor emprega as ferramentas narrativas do periodismo.

O xornalismo ofrece recursos moi interesantes para a narrativa. Cada vez penso máis en que non existen fórmulas inamovibles para conseguir obxectivos literarios. Cada meta require o seu camiño. A min o xornalismo ofréceme mecanismos para acadar aquilo que quero acadar. Penso que na novela contemporánea se usan habitualmente ferramentas da narración periodística. Quizais o que cómpre agora é coller a vía contraria: a escrita xornalística necesita incorporar puntos de vista máis relacionados coa ficción para recuperar credibilidade e conexión co público.

Para min, Tráiler é un dos nosos grandes clásicos contemporáneos. Para vostede supuxo o debú literario por todo o grande: Premio Blanco Amor. Que recorda do tempo dese libro?

O primeiro libro, igual que a primeira vez de calquera outra cousa que ten importancia vida, ten unha dimensión especial, non penso que mellor pero si única. Pasados os anos, o que máis me quedou como pouso –e é algo que ratifico día a día no meu traballo de editor– foi o cambio que se produce na mente dun escritor antes e despois de publicar a súa primeira obra. Todos os medos, inseguridades e dificultades para “defender” un traballo literario danlle paso a certo alivio, a autoconfianza por ter levado até o final ese proxecto que soñabas con culminar desde os 13 anos, como era o meu caso. Un autor inédito vive das súas propias expectativas persoais. O que escribo interésalle a alguén? Cando publicas e o libro toma unha dimensión social, entre os lectores, os mediadores (incluídos os críticos) libéraste desas expectativas. Incluso se as vendas ou as críticas son malas (e con Tráiler recibín malas críticas) ti como autor xa tes a seguridade de que a partir dese momento podes chegar ao final, volver publicar.

“É inxusto equiparar “literatura por entregas” e baixa calidade”

En que modalidade se sente máis cómodo: novela, relato, poesía?

Gústame escribir en todos os casos. Si recoñezo que o máis difícil para min é facer poesía pero non por iso deixo de sentir pracer cando a escribo. De todos os xeitos, intento desfrutar con todo o relacionado co acto de crear, non só co exclusivamente literario.

É vostede un escritor metódico ou crea por impulsos?

Son moi caótico e case sempre traballo en varios proxectos a un tempo. Só cando estou nunha fase avanzada dun texto, concentro toda a miña atención nel. O escritor necesita contar con moito tempo neste oficio, mais non só para escribir senón para aqueles labores relacionados pero non propiamente literarios: preparar entrevistas, conversas, presentacións… Cando un pensa –desde fóra– no traballo de escribir non imaxina as horas que consomen estoutras tarefas.

Na súa bibliografía non hai moitas novelas. Garda os temas máis gorentosos para ese xénero, é por esa falta de tempo da que me falaba?

Algo inflúe o tempo. Unha novela é un proxecto que te obriga a seguir o fío máis tempo. O relato é máis fragmentario; tamén o poema. Permiten unha estratexia creativa diferente, quizais máis adecuada para encontrar tempo.

En canto aos temas, realmente a importancia argumental é maior nos relatos. Eu non escribo relatos soltos senón que cada libro de narrativa curta nace dunha idea ao redor da cal vou construíndo diferentes relatos ao servizo desa idea, diferentes visións do mesmo tema.

Coa súa novela A punta de pistola (Xerais) gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Os autores que gañaron ese certame falan del como dun concurso diferente, con dúas vidas: unha durante a publicación de cada capítulo no xornal e outra cando o texto se publica por enteiro en formato libro.

A ese nivel, coido que o premio en efecto ten unha relevancia especial. Consegue chegar a lectores menos tradicionais das letras galegas e ese logro é algo que hai que gabar dos convocantes. A min sorpréndeme que haxa lectores que consigan seguir a trama día a día, capítulo a capítulo porque eu mesmo son incapaz de esperar pola seguinte entrega como lector. O problema é que en determinados ambientes, quizais aqueles máis achegados ás nosas letras, pesa un preconcepto sobre os libros premiados neste certame. Identifican “por entregas” con baixa calidade. E coido que é inxusto. No meu caso, podo dicir que levei o mesmo traballo e puxen o mesmo esforzo e atención ca en calquera dos meus outros libros. O formato de edición é secundario, incluso certas limitacións, como o tamaño dos capítulos, favorece a contención e iso penso que é algo moi bo para un escritor.

“O papel non desaparecerá pero será minoritario”

Vivimos nun momento de suposto cambio de paradigma literario. Mais as profecías que falaban do final do libro en papel non acaban de cumprirse. Cal é a súa opinión a este respecto?

Con certeza, o cambio é máis lento do que quizais pensabamos hai anos. Mais penso que gran parte da culpa desa ralentización nace da crise. Primeiro porque se hai menos diñeiro lese menos e segundo porque os aparellos de lectura electrónica non son baratos. Mais con todas as reservas, penso que o cambio é inevitable. No futuro (e non vou dar prazos porque sería inxenuo) a maioría do que leamos estará en soporte dixital. E iso non significa nada en canto aos textos, xa que o importante é o contido, non o recipiente. Non penso en que o papel desapareza. Sobrevivirá e especializarase. Quizais para textos onde o soporte teña importancia ou parte do seu valor estea na artesanía da confección do propio obxecto.

Vostede é editor literario en Xerais. Pregúntollo como editor amais de como autor: Hai anos falábase moito do texto dixital enriquecido, con vídeos, con enlaces, con recursos que ían máis alá do móbil ou a tableta. Mais os custos deses contidos transmedia quizais fan imposible a súa xeneralización, especialmente en mercados cativos coma o galego.

Como editor, os contidos transmedia son custosos e de momento a tecnoloxía do libro dixital está noutras coordenadas. O formato epub, que é o estándar máis utilizado no libro electrónico, é moi versátil mais só para o texto plano. Como autor transmedia, hoxe por hoxe o formato máis interesante é a web. Dentro dunhas semanas publicarei o meu proxecto transmedia dixital Poétic@, un libro de poesía no que inclúo máis contidos ca os propios textos. O formato é o dunha web. Que rendibilidade se pode obter? Se pechase o acceso mediante un portal de pagamento, canto podería gañar? 150 euros? Como autor tiven uns custos, uns gastos na creación pero buscas que no formato dixital cho compensen outros valores alén do económico: a difusión, a posibilidade de experimentar, de ampliar os límites do que até agora considerabamos creación literaria.

“Hai máis xente ca nunca dedicándose á literatura de xeito profesional”

A crise económica foi virulenta coa industria editorial galega. Publícase menos, pecharon editoriais, hai tiraxes máis baixas… Baixou tamén a produción. Vostedes en Xerais reciben menos orixinais?

Ao contrario. Aumentou o número de orixinais. E só porque houbo ese aumento hai maior restrición no publicado, é dicir, vai ao prelo menor porcentaxe do escrito. Porque en realidade a nosa produción de ficción non descendeu. Si o fixo noutras áreas, máis específicas, poño por caso a colección Universitaria. Mais a colección de Narrativa segue a ser un dos puntos fortes, cunha dedicación profunda aos títulos –variedade entre autores veteranos e noveis, formatos narrativos, tipos de público…– e un grande esforzo na promoción para que cada obra obteña a meirande difusión.

Se aumentou o número de orixinais pero non o de títulos publicados, pódese dicir que hai stock de narrativa?

Digo máis. Arestora hai espazo (falando desde un punto de vista editorial) para o nacemento dun novo selo especializado nunha colección de narrativa galega potente. Do meu punto de vista, é máis apetecible ese tipo de libros ca seguir insistindo en libros para público infantil e xuvenil e traducións. O espazo está aí, se se traballa en serio e se aproveita o magma creativo que existe.

Magma creativo?

Exacto. Pensemos que a crise deixou sen traballo unha gran cantidade de xente, moita dela procedente de traballos creativos, xeracións de galegos moi esixentes consigo mesmo, moi preparados, condenados quizais a un desemprego permanente que tomaron unha decisión quizais inédita nas letras galegas: converterse en profesionais da literatura galega. Non para gañar diñeiro porque escribindo non se fan cartos senón como xeito de autoafirmación. A min dáme enorme pena que o noso mercado de traballo non atenda o talento destas persoas pero para a literatura galega futura pode ser unha excelente noticia que haxa tantas persoas escribindo neste momento.

E todas as persoas que escriben, pensa vostede, saben realmente cales son as cifras de vendas do libro en galego?

Non se sabe. E quizais faría falta que se dese máis información. Coido que non somos os editores os menos interesados en que se saiba canto se vende; hai outros sectores implicados na industria do libro que talvez teña medo a que se digan as verdades. O certo é que si hai certa inconsciencia entre os autores novos. E de aí que logo da euforia da primeira publicación veña unha fase de frustración, negación e silencio: a decepción pola diferenza entre as expectativas de difusión e a resposta real da sociedade. Para que isto mude teñen que mudar as condicións nas que vive a cultura galega en Galicia. Non hai unha única causa que explica as nosas dificultades e polo tanto non hai unha soa resposta, unha receita. Todos temos que reflexionar e dar o mellor na nosa parcela e esperar que o público, que le e polo tanto compra, reaccione e vaia mudando a súa percepción.

3 thoughts on “Fran Alonso: “Hoxe hai espazo para unha nova editorial de narrativa galega”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *