BiosBardia

O país dos libros en galego

Fran Fernández Davila: “Preséntome ao torneo para aprender a reescribir”

Fran Fernández Davila.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Fran Fernández Davila

Fran Fernández Davila —Davila palabra grave e sen acento— (San Miguel de Oia, Vigo, 1974) é o fillo de seu pai, mecánico engraxador nun barco de pesca de altura, e de súa nai, ama de casa, labrega e obreira nunha fábrica de conservas. Grazas ao duro esforzo de súa familia estudou Enxeñaría, profesión que vén exercendo desde o ano 2000. Deseña e constrúe máquinas e instalacións que conxelan e conservan cousas. Gústalle viaxar, o café con natas, e bota de menos xogar ao fútbol cos amigos. Tocou o bombardino na banda da súa vila durante dez anos e comezou a escribir no 2016 para combater o estrés. Dende entón e até agora gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e a metade de narrativa. Ningún deles foi nun torneo en Biosbardia. Obras súas son A senda de sal (Galaxia, 2017), Alana (Toxosoutos, 2018), O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch (Galaxia, 2022), Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (Dr. Alveiros, 2023) e Groenlandia (Galaxia, 2023); e os seus dous poemarios en solitario: Mover os Marcos (Instituto de Estudos Miñoráns, 2019) e koиpostєla (Concello de Padrón, 2023).

Para o Torneo Aira de Novelas optou por retomar un proxecto previo:

A contrapel é unha novela fracasada, un experimento de principiante sen solución posible. Lérona varias persoas ás que considero sabias en literatura e todas me dixeron que non tiña solución, que a deixase na gaveta e queimase a casa con ela dentro”.

Por iso define o seu papel no torneo dun xeito peculiar:

“Obviamente, con estes vimbios, a miña intención non é competir por gañar a liga, nin tentar quitarlle a ningún dos outros participantes a oportunidade de conseguir o que, nalgún dos casos, sería a súa primeira publicación. O que quero é experimentar con ela, medir a miña capacidade para entender os comentarios que se fagan sobre ela e facerlle cambios. Aprendín nos últimos anos que teño moitas dificultades para reescribir o xa rematado. Éme case imposible. Iso é o que quero mellorar a nivel persoal. Así que me presento á liga cun texto inzado de defectos, moitos deles estruturais e irresolubles, e só agardo que a liga me proporcione comentarios construtivos e leccións que poida logo utilizar para futuros proxectos”. 

Así resume o seu argumento:

“Na novela, o personaxe protagonista é unha eminencia mundial en Dermatoloxía cunha deformidade non especificada na pel que fai que non teña moito contacto con ninguén. Todo comeza cando descobre nun primeiro plano dunha película porno que a súa actriz favorita pode sufrir un principio de melanoma e non dubida en coller un avión a San Francisco para tentar atopala. Unha ver alí, reunirase co seu amigo G, un colega dermatólogo estadounidense que lle servirá de axuda nunha aventura dunha dimensión totalmente inesperada. Xa desde o primeiro capítulo gustaríame comezar a resolver dúbidas como: é necesario que sexa unha película X? Ou que a ambientación sexa en San Francisco? Pode traspasarse a acción a unha cidade galega como por exemplo Vigo? Todo é subsceptible de tocarse”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *