BiosBardia

O país dos libros en galego

Francisco Gonzalez Ledesma: unha pequena lembranza e unha carta.

Francisco González Ledesma
Francisco González Ledesma

Xesús González Gómez.

A Agustín Fernández Paz, el sabe por que.

Como lembrarmos a alguén que se coñeceu, que se admirou, e que se perdeu de vista? Como falar del sen caermos en haxiografías inútiles, en loanzas de catecismo? Como falar desa persoa, e máis se esa persoa era un escritor que seguiamos a cada novela que publicaba? Talvez a única maneira de falar desta caste de persoas sexa a paixón, por iso as liñas que seguen queren ser apaixonadas.

Lin por primeira vez a Francisco González Ledesma (Francesc nas súas tarxetas: era catalán falante, e nesta lingua, que eu saiba, só publicou un pequeno folleto, editado por Editorial Bruguera dos seus desamores en 1969: El dret català actual), Paco para os amigos, en 1984 ou 1985. Era a novela Expediente Barcelona, que publicara a valenciana editorial Prometeo, que fundara a principios do século XX Vicente Blasco Ibáñez e que coa chegada da “democracia” en 1977 quixo revitalizarse: morreu no empeño. Só anos despois de ler esta novela, en 1987, cando volvín relela, na edición da colección Etiqueta Negra (talvez a mellor colección de novela policial que se deu no Estado Español nos últimos cincuenta anos), da asturiana Editorial Júcar, souben que a González Ledesma o lera había xa moitos anos, dos 11 ao 16, cando devoraba novelas de Marcial Lafuente Estefanía, Joe Mogar (José María Moreno García; nas “obras” deste autor sempre aparecían louras “despampanantes” e perigosas, lembro), Alf Manz (Alfredo Manzanares), Curtis Garland (Juan Gallardo Muñoz), Eduardo de Guzmán (Edward Goodman), etc. E, claro, Silver Kane, é dicir, González Ledesma. Algunhas delas eran novelas policiais, mais era eu máis amante da “novelas do oeste”.

En 1987, cando a nova publicación de Expediente Barcelona –da que fixera unha recensión para a ‘Táboa redonda’ de El Progreso–, coñecín, no meu emprego, a Francisco González Ledesma. Volvino ver noutras ocasións, e falamos, de novela policial, de política, de fútbol. Mais de 1998 ao 2000 trateino moito: dixitalizábanse as instalacións principais de RNE en Barcelona (sitas daquela no Passeig de Gràcia nº 1, nun edificio que era propiedade de Banesto, e no que hoxe está instalada a multinacional Apple, edificio cuxa fachada dá á Praza de Cataluña e que hoxe é propiedade de… Amancio Ortega). As obras de remodelación de RNE obrigaron a trasladar unha parte importante do persoal da empresa (o que facía programas en directo) ás instalacións da que fora Radio Juventud (Cadena Azul de Radiodifusión, é dicir, as emisoras do Movimiento Nacional, que, logo de tirarlles en 1977 a etiqueta de Radio Azul del Movimiento, en 1988 foron absorbidas por Radio Nacional de España). Radio Juventud estaba nun edificio da Via Augusta barcelonesa, ocupaban todo o entresollado. Os outros andares estaban ocupados por veciños, e no ático 1ª vivía Ledesma. Falamos daquela moitas veces: unhas porque o convidaba eu, ou o convidaban outros compañeiros, a participar en programas de radio, como personaxe único ou participante en tertulias; outras porque coincidiamos cando baixaba tomar un café.

En 1987, cando a nova publicación de Expediente Barcelona –da que fixera unha recensión para a ‘Táboa redonda’ de El Progreso–, coñecín, no meu emprego, a Francisco González Ledesma.

No 2000, RNE volveu á súa sede do Passeig de Gràcia, e a González Ledesma víao cando aparecía pola emisora co gallo da presentación dun libro seu ou calquera outro “acontecemento”.

Con el falaba de moitas cousas, e, por suposto, da súa obra literaria, que sempre me interesou, mesmo unha novela por entregas que publicou no verán de 1990 no medio en que traballou case toda a súa vida como xornalista, La Vanguardia; a novela por entregas titulábase El vampiro de la Sagrada Familia, que remodelou e publicou no 2007 a editorial Destino co título de La ciudad sin tiempo, co pseudónimo de Enrique Moriel (no “folletín”, o vampiro, que vive en Barcelona a través dos séculos, morre: ocorréuselle chuchar o sangue a un banqueiro). Da obra que asinou co seu nome, o de Francisco González Ledesma, obra que consta das tres ou catro (para min, só igualado polo case descoñecido Julián Ibáñez) mellores novelas policiais que se escribiron nos últimos 50 anos en español: Expediente Barcelona, Las Calles de nuestros padres (sempre lle critiquei o título), Unha novela de Barrio, sen esquecermos aquela pola que foi máis coñecido, ao ganar o premio Planeta en 1984: Crónica sentimental en Rojo, sen esquecermos as outras, como esa que alguén cualificou de furiosa: Peores maneras de morir, a última aventura de Méndez. Mais hoxe non quería falar das súas novelas. Nin, aínda que pagaría a pena, da súa posición política: anarco-libertaria, á tradición do seu barrio, o Poble Sec de Barcelona, a carón do Paral·lel, nun costado da montaña de Montjuïc (os últimos anos, descrido de todos os partidos políticos, votaba, proclamábao en voz alta, partidos animalistas: era un fervente detractor das touradas), hoxe queremos, simplemente, lembrar dous pasos do seu excelente (de lectura recomendada, ía a escribir obrigatoria, mais nas lecturas literarias non hai nada obrigatorio, xa que se deben moverse por paixóns) libro de “memorias”: Historia de mis calles (2006). Polo libro o lector talvez poida entender mellor as novelas de González Ledesma: a súa visión dunha cidade estragada pola burguesía e o franquismo; unha cidade esmagada, á que se lle quixo roubar a memoria (e se lle roubou). Unha cidade da que os seus máis nobres fillos foron tripados, encarcerados, fusilados, masacrados en nome da patria, da relixión, da propiedade, etc., e, finalmente, en nome da democracia e da modernidade, postergados, expulsados das súas casas e dos seus barrios, fosilizadas a súa memoria e as súas tradicións combativas e revolucionarias. Ao cabo, as novelas protagonizadas polo policía Méndez, e outras, como Soldados, Los Napoleones, etc., non son outra cousa máis que a reivindicación desa memoria, desa tradición. A tradición duns homes e dunhas mulleres, e dunha cidade, que nas súas memorias González Ledesma plasma en todas as páxinas, mais que alcanza o seu momento culminante nunha escena por el vivida, cando tiña 12 anos e estaban a entrar as tropas franquistas en Barcelona. O rapaz ía da man da súa nai. Escapaban dos mouros, que como escribe, segundo dicían, non só violaban as mulleres, senón que lles daban por atrás aos nenos. A cabalaría moura estivo a piques de esmagalos ao intentar agacharse dela. Non aconteceu nada, os mouros pasaron sen lles faceren caso, mais continuaba o tiroteo…

“E entón foi cando os vin.

”Eran só tres soldados do exército republicano, xeonllo en terra, os que continuaban a disparar contra a cabalaría moura. Tres homes sen bandeira, sen esperanza, sen apoios, sen unha música que cando menos dignificase o seu fin. Ningún oficial estaba xunto a eles, ninguén os obrigaba a permaneceren alá, mais eles mantiñan a súa posición, que aquel serán era a derradeira posición do pobo. Hai homes que levan dentro a súa propia música, a súa propia bandeira, e non necesitan outra cousa que a súa fe. Hai homes sós que manteñen nos seus peitos a fe que outros millóns de homes xa perderon. E grazas a eles, a fe existe, e dentro de cen anos outros homes volveran crer nela.

”Os homes grandes existen para que os homes pequenos poidamos encontrar un día, nas esquinas das nosas vidas, o sentido da dignidade, e para que nos decatemos que un día tivemos unha historia. Mais a historia, a bandeira, e talvez unha afastada música, xa só as volvemos atopar nos aniversarios” (p. 119-120).

Este parágrafo, para min, resume o que intentou, coa súa obra literaria, Francisco González Ledesma.

Mais hai outros parágrafos, anteriores que quero reproducir, por motivos sentimentais:

“A cidade estaba chea de pancartas enormes, que tapaban edificios enteiros: caras de líderes revolucionarios, consignas, invocacións á vitoria, botas obreiras que esmagaban a víbora fascista. Tamén foi a época dos grandes cartelistas (non superados ao longo dos tempos), e as paredes de Barcelona eran un auténtico aparador de arte e de fe. (…) Tamén había un cartel no que se vía un barbeiro, coa súa impoluta bata branca, rompendo unhas enormes cadeas que significaban a opresión. Ninguén acabou de entender por que, para simbolizar o sufrimento obreiro, se elixise os pulcros empregados das barberías.

”Se ese cartel tiña a súa parte cómica, había, en cambio, ilustracións que me chegaron ao máis profundo. Nunha esquecerei unha na que se vía un home fusilado xunto a unha tapia, co corpo ensanguentado e un neno a miralo. O texto da ilustración dicía “A derradeira lección do mestre” (pp. 99-10).

Despois de ler estes parágrafos (que lonxe estamos das parvadas dos Muñoz Molina, dos Trapiello, dos Savateres, etc., que predican o “xusto medio” e reivindican un Chaves Nogales que compara o bando franquista co bando republicano, como nos lembraba non hai moito Suso de Toro, botando pola xanela de atrás a xenerosidade que foi a paixón do antifascismo), envieille ao seu enderezo da Vía Augusta unha carta co álbum Galiza Mártir, asinada por toda a familia (a muller, o fillo e mais eu). Contestou : así:

“Muchísimas gracias por sus emotivas líneas y por la atención que han tenido conmigo.

Guardaré las estampas de Castelao como un tesoro sentimental, así como guardaré el mejor recuerdo de ustedes. Repito: muchas gracias.

Paco González Ledesma”.

Outro lector deste libro de memorias, Xan Carballa, chamoume aqueles días por teléfono: quería o enderezo de González Ledesma: quería enviarlle o libro de estampas de Castelao.

Despois de ler estes parágrafos envieille unha carta co álbum Galiza Mártir.

En fin, por este libro de memorias, o lector tamén saberá do seu enfrontamento co capitoste socialista Alfonso Guerra, ou de que escribiu (de maneira imparcial) sobre o caso Banca Catalana desde as páxinas de La Vanguardia: non era pujolista, nin nacionalista, nin converxente, defendeu a Jordi Pujol porque lle parecía que aquilo era unha montaxe. (Curiosamente, o seu fillo, o xornalista Enric González, con outros xornalistas, Xiscu Baiges, co que traballei catro ou cinco anos, e Jaume Reixach , publicou un libro: Banca Catalana: más que un banco, más que una crisis, que finalmente, despois de que a editorial, Plaza & Janés obrigara a suavizalo, viu lume. Con todo, a editorial non o promoveu nin de coña: o seu director xeral era, cando enviaron o orixinal, ou o fora até había pouco, Antoni Comas, daquela concelleiro por CiU no Concello de Barcelona e ao pouco tempo conselleiro de Benestar Social, consellaría desde a que se dedicou a comprar as casas rexionais e a financiar e promover a Feira de Abril de Cataluña, cuxo fundador e organizador, Francisco García Prieto, foi denunciado hai pouco pola fiscalía de Barcelona por apropiación indebida de case dous millóns de euros. O libro de González e demais levantou malestar e os tres xornalistas pasaron a ser consideralos “malos cataláns”. Mais González Ledesma, aínda sen estar de acordo con el, sempre defendeu o fillo.

Por certo, Reixach foi a voz máis valente que falou na comisión de investigación que actualmente se realiza, ás veces de maneira que semella unha patochada, no Parlament de Cataluña sobre a fortuna de Pujol e familia (o día que o expresident Pujol ten que comparecer diante da comisión, é convidado a comer pola presidenta do Parlament: esperemos, estamos seguros de que así foi, que a presidenta pagara coa súa tarxeta persoal).

Despois dese 2006, vin unha ou dúas veces a González Ledesma, sempre, curiosamente, cando tiña que ir ver o médico da empresa, que o colocaran en Via Augusta. A última conversa que tiven con el, xa pasaba case todo o seu tempo na casa que tiña no camp de Tarragona, fora, lémbroo ben, sobre o equipo de fútbol dos seus amores e pesares, o Espanyol.

González Ledesma xa non escribirá máis novelas, mais a súa “furia” talvez contaminou algo a súa cidade e por iso achamos que o seu epitafio deberían ser aqueles versos doutro “furioso”: William Blake: Os tigres da ira son máis sabios ca os cabalos da instrución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *