François Nyssen, a ministra de Cultura de Francia que editou autores galegos
Françoise Nyssen (Etterbeek, Bélxica, 1951) é desde o 17 de maio ministra de Cultura en Francia, no goberno do primeiro ministro Édouard Philippe, tras a escolla de Emmanuel Macron como presidente da República. A nova responsable máxima da cultura gala ten relación coas letras galegas, polo que a data do seu nomeamento pasa a ter un simbolismo especial.
Nyssen é dona de Actes Sud Editions, que publicou tres libros de Álvaro Cunqueiro: Galiciens, Courbeaux et paraplueis; Les chroniques du sous-chantre e L’année du comète ou La bataille des quatre rois. Os tres son libros de alta calidade estética, publicados na década do 1990. Courbeaux…foi traducido, por certo, polo mítico François Maspéro, libreiro, editor e escritor de gran prestixio na segunda metade do século XX.
Actes du Sud tamén publicou unha boa parte da obra do galego de expresión castelá Gonzalo Torrente Ballester, incluída a súa fundamental La saga/fuga de J. B.
O interese pola cultura galega de Nyssen e a súa editorial vai máis alá das lindes do seu propio proxecto empresarial. Actes Sud é a matriz editorial e distribuidora principal de Éditions Jacqueline Chambon, o primeiro selo que publicou a obra de Manuel Rivas en francés (En sauvage compagnie) e que tamén editou Le trezième coup de minuit, de Suso de Toro.
A presenza de alguén sensible ás letras galegas no goberno de Francia está visto por algunhas fontes da cultura galega como unha excelente oportunidade de subir un nivel as relacións entre a Xunta e París, en temas relacionados coa difusión das letras propias no exterior.
Actes Sud é unha editorial de tamaño medio situada en Arlès, na Provenza, fóra dos mecanismos de concentración cultural de París, mais que malia iso conseguiu acumular nos últimos tempos prestixio e vendas.
Nyssen, aínda que nunca participara até agora en política, xa asinara hai unha década un manifesto de apoio á candidatura da entón socialista Ségolène Royal. A editora de orixe belga, que herdou do seu pai, Hubert Nyssen, a dirección de Actes Sud, forma parte tamén do modelo de ensino alternativo Waldorf, tamén coñecido como Antroposofía, o que lle valeu críticas logo do seu nomeamento pola esquerda, que considera este sistema educativo unha seita destrutiva.