BiosBardia

O país dos libros en galego

Galicia non é país para festivais de novela negra

Rosa Montero no Getafe Negro. UNIVERSIDAD CARLOS III/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

No episodio 2 do Podcast do Arrabaldo, Eva Moreda e Javier Nogueira coinciden en afirmar que determinados premios, principalmente de poesía, se converteron na ferramenta perfecta para aqueles Concellos que queren “gastar en cultura”, pero non moito. Coido que hai outra ferramenta para os Concellos (loxicamente máis grandes e, polo tanto, máis ricos) que queren investir en cultura, pero xa non tan pouco: os festivais literarios de novela negra.

Curiosamente, e dígoo como organizador dun festival literario, o FLAZ de Allariz, no Estado español non abundan as xornadas e encontros centrados unicamente no feito literario, algo que, por exemplo, si é bastante común en Portugal. O que hai son festivais de novela negra. Sinalo algúns: Febrer Negre (Palma de Mallorca), Vitoria-Negrasteiz (Gasteiz), Valencia Negra, BCNegra (Barcelona), Pamplona Negra, Alacant Noir, Vallekas Negra, Mazapanoir (Toledo), Semana Negra de Xixón, Granada Noir, Getafe Negro, AragóNegro, , Tenerife Noir…

Mais non só hai destas citas en cidades. En poboacións menos habitadas destacan, entre outros, as iniciativas Mairena Black (Mairena del Aljarafe, Andalucía), Sant Boi Negre (Sant Boi, Catalunya), Gata Negra (Sierra de Gata, Extremadura) e Aridane Criminal (Los Llanos de Aridane, La Palma).

Mais, polo momento, en Galicia non prendeu esta moda. Será que os Concellos galegos non queren gastar demasiado en “cultura”? Será que non hai ningunha iniciativa da sociedade civil capaz de replicar a organización de eventos deste tipo? Pode ser que o problema estea en que calquera iniciativa literaria deste tipo en Galicia conta, total ou parcialmente, con autores en lingua galega, e velaí pode atoparse o nó que impide a día de hoxe que frutifiquen este tipo de eventos. Mais, a realidade é que cada vez hai máis autores que escriben novela criminal e coido que hai vimbios para que se poida desenvolver unha cita deste tipo.

Porque un festival de novela negra non é estritamente un festival literario. Si, hai libros e escritores. Claro que hai ficción e diálogo sobre narración, pero os seus límites non son os da literatura, senón os da popularidade. Con honrosas excepcións, as figuras que aparecen nestes actos teñen máis méritos comerciais ca artísticos. Non se escollen polas súas achegas ao xénero. De feito, na maior parte dos casos, autores e títulos non pertencen tan sequera ao xénero negro, senón ao policial, que son cualificativos aparentemente próximos, pero moi distintos na súa feitura e obxectivos.

No mercado literario español (non confundir nunca con literatura en español), a novela policial converteuse no xénero por excelencia. Os autores máis vendidos e máis populares desenvolven argumentos que se encadran nos presupostos do xénero. É unha tendencia internacional, claro está, pero que conta con nomes moi destacables en todos os catálogos editoriais. Por suposto que dentro da novela non literaria tamén hai poderosos cultivadores de novela histórica ou novela romántica (tamén no subxénero da novela erótica feminina), pero as cifras realmente relevantes de venda en librarías manéxanas as intrigas de investigación criminal.

A novela policial española actual bebe con astucia de varias tendencias exitosas a nivel internacional. Toma da narrativa escandinava a fascinación pola sofisticación do criminal. Da francesa a súa admiración polos funcionarios dos corpos e forzas de seguridade do Estado (con gran protagonismo para a Garda Civil) e da anglosaxoa o ideal do investigador máis ou menos xenial. Con todos os matices e contaminacións doutros xéneros, como o puro costumismo ou a novela familiar, no que si coincide o ideal da narrativa de xénero detectivesco é na garantía da orde social. A investigación, máis individual ou colexiada segundo o autor, sempre restaura a harmonía, aínda que a súa atmosfera literaria, igual que ocorre coa atmosfera social global, é sempre inestable e ameazadora. Mais o policía e o seu equipo é unha maquinaria profesional, experimentada e cunha intelixencia pragmática sempre solvente que se converte no auténtico piar que salvagarda a convivencia. No fondo, esta tendencia da novela criminal favorece, máis ou menos implicitamente, unha ideoloxía estatalista: Todo pode fallar agás os nosos servidores (funcionarios) públicos.

De aí que coincidan virtuosamente arestora a súa popularidade (quen sabe se ten que ver a gran cantidade de funcionarios policiais que hai en España e que tamén son lectores) e o seu aplauso institucional, a través desa morea de festivais nos que se lles rende homenaxe a este tipo de libros.

Outro factor impulsa o fomento de festivais de novela negra. O autor deste xénero exitoso a todos os niveis é unha especie de galiña dos ovos de ouro, un perfil escaso nun mercado cada vez máis atomizado. No pasado, nomes como Domingo Villar  rompían os limiares habituais nun lanzamento editorial (tanto para Siruela en castelán coma para Galaxia en galego) e hoxe en día nomes como Arantza Portabales ou Pedro Feixoo son garantes de éxito, título tras título. Esta fidelidade a un autor é un aliciente máis para estas citas, onde o público non só ten a oportunidade de escoitar falar as súas plumas favoritas, senón interactuar con elas en actos de sinaturas, lecturas públicas…

Conseguir  un efecto semellante nun festival literario xeneralista é moito máis difícil. Ese “fenómeno fan” é moito máis escaso con autores literarios e case sempre estes perfís atractivos son foráneos, polo que os custos se multiplican e a sustentabilidade económica complícase.

2 thoughts on “Galicia non é país para festivais de novela negra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *