BiosBardia

O país dos libros en galego

George Eliot, algunhas débedas pendentes

Clásicos en galego

George Eliot.

Marcos Taracido.

Non me deas máis luz, Señor, ca aquela

que se transforma en fraternidade;

nin poderes alén do herdo que ao medrar

perfecciona a humanidade.[1]

 

De escribires con intencións artísticas, estéticas ou de ficcionista, ler a escritora británica George Eliot pode resultar unha experiencia frustrante e contraproducente, porque no momento advertirás que a súa habelencia narrativa non é imitábel e podes mancarte —no orgullo cando menos— se tentas reproducir a súa prosa longa e subordinada e elegante e cunha cadencia de mansío para construír personaxes inesquecíbeis e reflectir unha condición humana chea de sutilezas.

Mary Ann Evans (o nome real de Eliot) naceu nunha granxa na periferia de Nuneaton, vila do condado de Warwickshire, en 1819, no rural das midlands británicas e, por tanto, destinada a ser unha muller do seu tempo, dona da casa, casada e con fillos. Desde os cinco anos estivo en internados cunha educación moi estrita, dirixida á modestia, á decencia e á obediencia, e profundamente relixiosa. Esa educación dotouna dunha vastísima cultura bíblica e dun potente vocabulario, e aprendeu unha prosa complexa e alambicada, mais co freo temático e moral propio do doutrinario. Cando a súa nai caeu enferma, en 1835, Mary Evans voltou á casa para coidala. Morreulle un ano máis tarde. Coñeceu entón unha tía que fora predicadora metodista e que lle deu unha visión diferente do que podía ser unha muller, máis independente e intelectual. Aínda que é a que coidaba a casa, cociñaba, limpaba e atendía os animais, non deixou de estudar latín, italiano e alemán. En 1841 trasladáronse a Coventry e alí atopou un ambiente intelectual moi distinto, e as lecturas e as relacións descubríronlle unha cultura riquísima fóra da doutrina relixiosa. Traduciu A vida de Xesús, de David Friedrich Strauss (publicouse sen o nome da tradutora e tivo un enorme éxito).

O pai mórrelle en 1849 e en 1851 decidiu vender todas as súas posesións e marchar a Londres onde a recibiu o editor d’A Vida de Xesús, que lle encargou a dirección da revista Westminster Review, que dirixira John Stuart Mill, coa idea de relanzala; efectivamente, a revista converteuse nunha das máis afamadas de Londres e permitiulle a Mary Ann coñecer e alternar con intelectuais como o propio Stuart Mill, Herbert Spencer, Karl Marx, Harriet Martineau ou Ralph Waldo Emerson. É neste ambiente onde ela se arredou definitivamente da relixión e forxa unha ética librepensadora. Coñeceu a George Henry Lewes, filósofo e científico co que iniciou unha relación amorosa peculiar e difícil: Lewes estaba casado, aínda que non vivía coa súa muller, que tiña fillos con outro home. Marcharon de viaxe xuntos, o que foi un escándalo. Regresaron en 1855 e viviron en parella. Perderon moitas das súas vellas amizades e Mary foi rexeitada polo seu irmán. Publicou o seu primeiro relato, Amos Barton, no Blackwood Magazine (o que lían as irmás Brönte) anonimamente; a recepción deu por feito que era obra dun home, e así naceu o pseudónimo de George Eliot. Coa publicación de Adam Bede, o seu nome comezou a ser coñecido, pois foi un best-seller. Pouco despois coñeceuse a súa identidade e comezaron os ataques machistas. Cando publicou Middlemarch (1871), George Eliot era xa unha escritora prestixiosa e venerada que recibiu na súa casa a visita dos máis sobranceiros intelectuais da época. Nunha sociedade na que as autoridades médicas máis prestixiosas auguraban para as mulleres que desenvolveran as súas capacidades intelectuais a atrofia dos ovarios, a esterilidade e outros moitos males, Evans logrou labrarse un respecto e un prestixio entre os seus contemporáneos que moi poucas escritoras acadaron.

Lewes morreu de cancro en 1878 e Evans ficou desolada. Mais en 1880 casou co seu admirador John Cross, matrimonio que durou ben pouco, pois Mary Ann Evans morreu en decembro de 1880 após coller un arrefriado que empeorou a súa enfermidade renal.

Paréceme que George Eliot non foi nin é todo o valorada que merece, polo menos nestes lares peninsulares; talvez se pode afirmar que foi recoñecida, mais non querida. A súa obra está traducida ás principais linguas, mais o seu nome apenas se escoita. De certo, a Eliot non ten a forza desenfreada de Emily Brönte, nin o morbo sentimental e social da tradición victoriana, mais a súa obra é monumental e a súa prosa das máis elaboradas e coidadas da historia da literatura, cunha profundidade no estudo das personaxes que poucos lle poden igualar. Ese desinterese explica que a edición galega, que ten traducido aos principais clásicos da literatura, só recentemente se ocupara de Eliot, e dende editoriais novas e pequenas, e sen abordar as grandes novelas da autora. Así temos:

 

  • Silas Marner. O tecelán de Raveloe, George Eliot, Irmás Cartoné, 2016, tradución de Celia Recarey Rendo.
  • O veo alzado, George Eliot, Hugin e Munin, 2019, tradución de Alejandro Tobar.

 

O veo alzado (publicado anonimamente na revista Blackwood’s Magazine en 1859), novela curta ou relato extenso, é unha das súas primeiras narracións e sen dúbida a máis estraña ao estilo realista, cerebral e compasivo da autora, cun elemento fantástico como leitmotiv, unha estrutura irregular e pouco definida e un escaso afondamento nas personaxes. Xaora, a obriña paga moito a pena porque alén de ser entretida de seu xa se pode albiscar nela a prosa requintada da súa obra posterior. Un narrador algo nebuloso conta desde a vellez moribunda como tiña a capacidade de ler as mentes das outras persoas agás a da prometida do seu irmán, excepción que lle obsesiona. Alejandro Tobar é tradutor de longa experiencia, tanto en castelán como en galego e a tradución paréceme solvente e axeitada.

Silas Marner. O tecelán de Rabeloe (1861) é a terceira novela de George Eliot e aquí si está xa toda ela: a creación devagar de personaxes aos que coñecemos tanto polas súas accións como polas reflexións do narrador omnisciente; o interese polo funcionamento social das pequenas comunidades, entre o rural e a vila de provincias; a relixión; a bondade e a compaixón como modo de redención, a prosa exquisita, elegante e precisa na descrición de sentimentos e pensamentos. A novela conta a historia dun home solitario e avaro ao que un acontecemento fortuíto e un acto de bondade lle cambian a vida. Boa tradución de Celia Recarey Rendo, tradutora con varias decenas de libros ás costas, varios con Irmás Cartoné, algúns de autoras coetáneas de Eliot como Anne Brönte (Agnes Grey). Curiosamente, Silas Marner tivo cinco adaptacións ao cinema entre 1911 e 1922, e en 1985 a BBC fixo un filme con Ben Kingsley de protagonista que adapta con fidelidade o argumento da novela.

Chega o momento en que, nesta serie de artigos sobre os clásicos en galego, lle suxiro ao mundo editorial a tradución dalgunha obra da autora tratada. Até agora estas peticións foron sempre de obras menores, ou menos coñecidas, o menos “clásicas”, pois o artigo versaba sobre a obra máis importante do autor ou autora. Con George Eliot acontece o contrario: Middlemarch, a obra da que pido, prego, suplico unha tradución ao galego é a obra mestra da autora. Publicada por entregas entre 1871 e 1872, o seu subtítulo sintetiza moi atinadamente a novela: un estudo da vida de provincias. Mais é un estudo tan sensíbel, tan intelixente, tan harmónico, tan erudito e tan marabillosamente escrito que se le degustando cada un dos longos parágrafos como montado nunha onda que non queres que se esfarele nunca na beiramar.

Hai certo consenso en que Mary Ann Evans era de ideoloxía conservadora. É certo que as súas novelas non cuestionan o statu quo nin avogan por cambios radicais ou revolucións sociais; porén, no seu profundo estudo da sociedade contemporánea é moi consciente das inxustizas e desigualdades e todas as personaxes son abordadas con grande respecto. Algo semellante sucede co seu feminismo; se ben cando foi rexeitada e arredada por vivir cun home casado tivo o apoio dos grupos feministas, algunhas das súas opinións sobre a muller serían hoxe vistas como patriarcais. No entanto, case todas as súas novelas sono de e para mulleres, e moi en concreto Middlemarch, onde non só as mulleres son as protagonistas, senón que en xeral sosteñen a sociedade provinciana e se amosan como máis cabais, responsábeis e cunha intelixencia máis humana e compasiva; é a terceira vez que utilizo un derivado de «compaixón» para referirme á obra de Eliot porque me parece a palabra clave: os seus narradores son por riba de todo compasivos, achéganse ás personaxes con comprensión e empatía, e é a compaixón o motor e a cerna de Middlemarch. A trama segue a unha serie de familias burguesas máis ou menos acomodadas da vila ficticia e a súa comarca das terras medias inglesas, os negocios, os amores, as relacións sociais, co tema da vocación a abranguelos a todos, e a salientar a importancia e a dificultade das nosas eleccións morais. Ademais da fermosísima prosa, é unha novela conmovedora, admirada por Emily Dickinson (que tiña un retrato de Evans na súa habitación) ou por Virginia Woolf, que dixo de Middlemarch: «magnífico libro que con todas as súas imperfeccións é unha das poucas novelas inglesas escritas para adultos».

Paradoxalmente, só hai dúas adaptacións da novela, ambas en formato serie e ambas da BBC: unha de 1964, inatopábel, e outra de 1994 que eu só conseguín en DVD en cunha calidade de imaxe abondo precaria; polo demais, e tendo a calidade das series de época da BBC, é moi difícil ir máis aló da trama máis básica e captar no audiovisual a sutileza e habelencia do narrador e as súas análises e consideracións.

Non é doado traducir Middlemarch: case 320.000 palabras, 900 páxinas na edición castelá de Cátedra, 800 na recente tradución ao portugués de Miguel Serres Pereira. Sen os apoios institucionais imprescindíbeis nunha lingua minorizada (axudas volatilizadas ou reducidas ao ridículo) a empresa é maiúscula intelectual e economicamente. Porén, a cuestión é, pode unha lingua viva, dinámica e rica literariamente prescindir de Middelmarch? Querémola en galego.

[1]Este poema encabeza O veo alzado e foi engadido por George Eliot quince anos após a publicación orixinal.

2 thoughts on “George Eliot, algunhas débedas pendentes”

  1. Moi bo traballo, Marcos, e estou de acordo contigo: traducir «Middelmarch» sería un “puntazo”, mais como non haxa unha forte subvención, penso que ninguénse atrevera a publicar esa tradución, se alguén a fai. (En catalán, a Fundació Bernat Metge publicou no2024 unha excelente versión de Xavier Pàmies desta novela.) Entre tanto, algunha editorial podía encargar a tradución e publicar o “panfleto” de Eliot «Silly Novels by Lady Novelists» (existe versión española, Impedimenta: «Las novelas tontas de ciertas damas». E, aproveitando a ocasión, e como na voz Maria Luz Morales da Wikipedia non se di, fagamos constar que a escritora galega traduciu «El molino junto al Floss».alá polo 1943. a obra foi reedita varias veces por diversas editoriais: Planeta, Círculos de lectores, etc.

    1. Graciñas. Esa obra (Silly Novels… Non a lin…) tróuxolle non poucas críticas das organizacións feministas que estaban a medrar nesa época; foi parte da fama de antifeminista que se lle apuxo, por criticar a mulleres escritoras nun contexto en que xa as mulleres tiñan críticas abondo do sector masculino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *