Georges Bessière: De Alxeria a París á procura do surrealismo (2)

Cen anos de surrealismo
Xesús González Gómez.
De Georges Bessière non se sabía máis nada até que se abriu o arquivo de André Breton. Neste había un texto inédito de Bessière, así como unha postal enviada por el desde Sidi-Bel-Abbes, Alxeria (A postal é a que ilustra este texto). A tarxeta foi enviada ao enderezo da revista, ao 15 rue de Grenelle, e o texto é sucinto: «a todos, saúdos do voso antigo amigo», e logo a firma. A postal non leva data, mais polo cuño pódese, con dificultades, deducir que quizais foi enviada en novembro de 1925.
O texto inédito enviárallo, supoño, Bessière a André Breton para que este o publicase en La Révolution surréaliste: Breton debeu considerar que non tiña moita calidade, ou tal vez que era algo confuso, e ficou inédito.
Unha solución que se impón: O ABORTO
Serie de artigos dedicados a ANDRE BRETON
Déixame, home fatal, soñar co teu rostro. Saído da sombra: azafrana:
Fixando as idas e vidas das longas pestanas, os conos de sombras e de luces cuxas bases teñen o fronte xigantesco, redondo, os ollos albiscan as torturas dos labios, brandos, fríos: o silencio orgulloso destila o desprezo, cuspe, disposto a asubiar entre os dentes grises.
Mais eu sei mirar cara a cara o sol e mais a MORTE.
É de noite.
Un estalo no cerebro;
Unha pelota rebota na lingua.
Unha sílaba:
NON!
O índice ergueuse: Para a Eternidade, o chorro de auga e de pedrarías do teu xenio fala, canto de brancuras: canto de mans, de auroras, de flores sen sono. Arredor, desvanecéronse por milleiros os teus fantasmas, follas a piques de caer. Porque, o brazo tendido cara ao horizonte de detrás do horizonte, vai emborrachalos da elocuencia do solitario, a gorxa cada vez máis maleábel ao delirio. Entón, todos se erguen; o cabelos arrepiados de loucura estoupan cun riso formidábel de campá arrogante: no infinito do espazo e do tempo, o riso rompe as estatuas, as cadeas de escravos.
. . . . . . . . . .
A pesar dos séculos, as carnes de nosos pais e nosas nais gozan en nós.
Atavismo de atavismo, impulso, quérenos máis intensos. Se os ecos do mundo cantasen todos xuntos, eses chamamentos dos machos e das femias afogarían o ouveo das tempestades. As virxes fráxiles para os días, os mitos da soidade! A adolescencia inclínaos cara ao abismo das súas pernas pródigas. Empurran á vertixe. Foxen do fogar, o fogar, sabes, en que o burgués vende a súa proxenitura aos osos de paso, cun premio amortizado de sogras, cuñadas, etc. Bela ou fea, sa ou enferma, óelas suplicar don Juan, guía dos cumes inaccesíbeis? O campo magnético dispón en liñas de debilidade a súa resistencia: contra un tronco de árbore, unha rocha, nun branco público, as mans quitan a roupa interior, separan os xeonllos, fregan os seos… Asaltos unha hora, os segredos entréganse.
A vergonza?
Para os prisioneiros de abaixo!
. . . . . . . . . . . .
A discordia corrompeu as miradas; a guerra fatigou os brazos; a nosa época precipítase, louca, porque quere ante da súa perda definitiva empregar algunhas da súas horas en satisfacer dúas tendencias inquebrantábeis: amor, cinismo. A nosa velocidade di á antiga lentitude: «Xa non serves». Violetas, os labios da elocuencia moral.
Surrealistas, deitádevos á sombra das derradeiras árbores, baixade as vosas pálpebras, soñade. E relatando os vosos soños, unha nova dignidade moral xurdirá da vosa lama: a impenetrabilidade! Respectádevos un ao outro, misterios. O esquecemento benevolente descende. Antes da súa morte, o ancián recae na infancia. Así, a historia, e vós, os seus derradeiros representantes.
Se non estades xa lonxe, oiredes os ouveos dos cans que vixían… a tradición, a lóxica, eses cadáveres.
– – – – – – – – –
A folga dos intelectuais ameázanos.
Outra se impuxo: o aborto.
Vencerá
– – – – – – – – –
A MISERIA!
A dos científicos, obreiros, artistas!
Non terán xa fillos, porque non poden, non deben xa ter. Homes, os creadores de anxos detéñenvos preto do crime! Se por unha inconsciencia inescusábel (relixión, poesía à la
Hugo, patriotismo) desexades unha descendencia, reflexionade no que vos di a máis alta consciencia: hai que vencer a desgraza e vós lle servide a súa presa!
Por outra parte:
Asustádesvos pola vosa palidez! Coñecedes as afrontas á vosa dignidade. Coñecedes a angustia da famosa frase: hai que comer! Queredes escoitar esta: Teño que dar de comer a meu fillo: non podo!
El, tampouco, se pode dar de comer! Se ti te humillas, el xa non se humilla! Se ti non devolves a labazada, el devólvea por ti e por el! Anatole[1] aldraxoute cuspe sobre o seu cadáver! Os monumentos enganarante: hai que derrubar os monumentos! O goberno róubache: el asasina os gobernos! A túa filla é Germaine Berton[2]. Teu fillo, aquel que se marca a tinta vermella, o que se persigue, o que se odia, o anarquista, o implacablemente cruel, o fumador de opio, o cadáver sen cerebro… a menos que se refuxie no soño: mais pode conseguilo enteiramente? O imbécil esfórzase nos insultos…
Os Curas, os Patriotas, as Mulleres de Francia, as Damas de Caridade, e as outras innumerábeis camarillas nacionais, non se coidarán tampouco de teu fillo. Adoran o país, pola facilidade con que o rouban, e o seu sangue sen sucesión faltaralles. Mais pensa que a pesar das condecoracións, as revistas, as consideracións locais, teu fillo é indigno de ti e del sen brazos, sen pernas, sen ollos. Barrès, France, son os loucos da retagarda; os trepanados, fórono no fronte; Montherlant en Verdun; Daudet[3] na súa graxa. A morte despreza a Joffre, Folch, Castelnau[4], satisfeita dos seus homes!
A guerra volverá. A pesar da lei do 17 de abril de 1919, a solidariedade, a igualdade dos franceses diante das cargas da guerra, serán a área luxosa dos voitres ou a man tendida dos anciáns sen apoio? A pedantería da doncela afeccionada á arte ou o escultor sen mans? O teu fillo sen situación ou Cachin orador? Herriot[5] idealista ou a fábrica de obuses? A condesa de… na ópera, ou a túa filla enferma dos pulmóns a suplicar o home, a noite, polas rúas!
Eu non terei fillos porque é o tempo de ser egoísta.
Suicídome mediante a suspensión da miña descendencia, pola práctica continúa do aborto
A idade de ouro acabouse: máis escravos!
Georges Bessière
Pouco máis se sabe de Georges Bessière, que pasou polo surrealismo con menos luz que unha estrela fugaz. E este pouco intentaremos dalo a coñecer en próximas entregas.
[1] Evidentemente: Anatole France.
[2] Germaine Berton, militante anarquista que disparou (e matou) ao membro da dirección do grupo ultradereitista l’Action Française, Marius Plateau. Foi loada polos surrealistas, que lle renderon diversas homnaxes.
[3] Henri de Montherlant, famoso escritor francés; Léon Daudet, dirixente de l’Action Française e escritor.
[4] Joffre, Folch, Castelnau, xenerais franceses durante a Primeira Guerra mundial.
[5] Marcel Cachin, político socialista que apoiou a Unión Sagrada durante a Primeira guerra mundial. En 1920 abandona o Partido socialista francés para ser un dos fundadores do Partido Comunista, sen que a súa posición pasada contase para nada tanto no Partido Comunista Francés como para a Internacional comunista. Edouard Herriot, político francés, radical-socialista, xefe do goberno en tres ocasións durante a III República e nove veces ministro.