Georges Bessière: De Alxeria a París á procura do surrealismo (3)

Cen anos de surrealismo
Xesús González Gómez.
Procurando na prensa francesa dos anos que van de 1924 a 1945, dei con diversos Georges Bessière: avogados, políticos, albaneis, etc. Ora, un deles, penso, debe ser o noso Georges Bessière, xa que publica diversos textos no semanario (en realidade unha folla impresa polas dúas caras) Le Progrès de Sidi-Bel-Abbes, é dicir, a localidade (en realidade barrio de Alxer) dende onde enviou a postal a La Révolution surréaliste. Os textos son os seguintes: un é un poema: «Aux Reines du Printemps», publicado baixo a rúbrica de «Actualidade rimada» e aparecido o 30 de abril de 1924, é dicir, meses antes de coñecer aos surrealistas. Os outros son posteriores a 1926. Velaí a súa relación: «La Fête Franco-Arabe. Impressions libres» (6 de xullo de 1926), «Avertissement au siècle» (20 de xullo de 1926), «Ce Monsieur Paul Bourget…» (27 de xullo de 1926), «Où allons nous?… Les Constitutions écrites et coûtumières» e «Les Soirs» (7 de setembro de 1926) e «La chaise-longue de la fin» (5 de maio de 1933). Na revista, publicada el Alxeria, Annales africaines. Revue hebdomadaire de l’Afrique du Nord, no número datado o 1 de marzo de 1936 demos cun poema deste Georges Bessière, supomos, titulado, simplemente «Poésie». Na mesma páxina en que se inclúe este poema, remata a recensión dun libro dun tal François Kormandi realizada por Robert Randau, quen, en L’Écho d’Alger. Journal republicaine do 12 de marzo de 1937 comenta o libro de poemas S.O.S., de Georges Bessière.
Como dixemos, un tal Georges Besière publicou diversos textos ao longo dos anos no xornal Le Progrès de Sidi-Bel-Abbès. Nós pensamos, tendo en conta o envío dende esta localidade dunha postal dirixida a La Révlution surréaliste, que estes textos, así como un poema que apareceu no semanario Annales africaines, son do Bessière que durante uns meses, de novembro de 1924 a febreiro, aproximadamente, de 1926, pertenceu ao grupo surrealista de París, de aí que, como curiosidade, entreguemos estes textos e o poema, así como unha recensión dun libro que, seguimos coas suposicións, xulgamos que é da súa autoría.
Mais antes de dar esas traducións, fagamos un pouco de especulación. En Le Progrès, de Sidi-Bel-Abbès, o nome de Georges Bessière –que polas noticias dadas neste xornal xulgamos que pertenceu a unha familia de xuristas e funcionarios públicos, sen esquecermos a profesión de militar colonial– desaparece despois de 1933. A partir de 1935 aparece en anuncios como avogado e administrador xudicial o nome de Georges Bessière na cidade de Alxer, no xornal L’Écho d’Alger. E en 1936 aparece o seu nome como candidato ás eleccións lexislativas que, en última instancia, lle darían o trunfo á Frente Popular. Georges Bessière, que consideramos é o «noso» Georges Bessière (e se non o é estamos a argallar unha bonita historia), presentábase como candidato «independente» de partidos. Velaí as noticias que sobre a súa candidatura apareceron no devandito xornal, así como diversos comunicados de Bessière a respecto da súa candidatura. Entregamos tamén outras noticias e anuncios sobre Georges Bessière que chegan a 1942. As noticias, os comunicados e os anuncios van por orde cronolóxica.
L’Écho d’Alger, 19 de abril de 1936
Candidatura Bessière
Velaí un novo candidato, o Sr. Georges Bessière, que non se colga a mínima etiqueta, mais que se mostra decididamente hostil a todos os partidos. Unicamente é indulxente con Hitler, Stalin e Mussolini. Obedecendo os seus desexos publicamos aquí debaixo a súa profesión de fe:
«Preséntome inopinadamente ás eleccións lexislativas. Onte aínda non pensara en deber solicitar os seus sufraxios, mais a vertixe fíxome considerar o abismo cara ao que camiñamos…
»Non acreditado por ningún partido, non dispondo de ningún axente electoral, non tendo nin o tempo, nin o gusto, nin os medios financeiros e materiais para realizar unha campaña metódica, só podo contar coa boa fe e o bo siso das xentes honestas.
»Resumo así as miñas principais ideas:
I.-POLÍTICA EXTERIOR
- a) Inclínome respectuosamente perante Hitler e Mussolini. Considéroos como dous grandes creadores que salvaron o seu país e teñen sobre todo o inapreciábel mérito de seren os xefes de Estado máis leais, máis continuos que podemos atopar na selva da diplomacia internacional. Aconsello entendérmonos directamente con eles sen pasar polos subterráneos ingleses.
- b) Saúdo con inquietude, mais tamén cunha cálida simpatía a Rusia, o inmenso país dos milagres. Inclínome afectuosamente diante dos “mujiks” de ollos soñadores, admiro a audacia dos equipos de choque, esquezo o covarde asasinato da familia imperial que produciu unha alba de sangue no sol vermello que cega hoxe o rostro de Asia. Hai que continuar co pacto franco-ruso, porque Francia debe a súa amizade a todo país que vive unha experiencia tan grandiosa como a da Rusia dos Soviets.
- c) A paz mundial é indispensábel a quen quere evitar a guerra. Os pacifistas que son antimilitaristas son soñadores que hai que afastar do poder.
- d) Os nosos ministros de Asuntos exteriores que cambian cada seis meses, non están cualificados para dirixiren o Quai d’Orsay[1]. O presidente da República, elixido cada sete anos, debería ser o único encargado deste tema: iso distraeríao dos concursos agrícolas.
II.- POLÍTICA INTERIOR
Ameite tanto, Saint-Just! Ameite tanto, Robespierre! Ai, non podo ser xa republicano! Odio a incompetencia, a facilidade, a desorde, a promiscuidade. A Terceira República é un erro macabro. Liberdade, igualdade, fraternidade convertéronse en palabras baleiras que xa só soan na baba dos primitivos. Liberdade: liberdade do mal. Igualdade: nivelación por abaixo. Fraternidade: complicidade dos gorróns do aforro.
Non son xa republicano porque da discusión non brotou a luz.
Estou firmemente convencido da urxente necesidade dun ditador oficial e único que substituirá abertamente os mil pequenos tiranos anónimos que nos esmagan á sombra da III República.
A pesar dos esporóns de regalicia do coronel de La Rocque[2], a pesar da odiosa estreiteza dos monárquicos, a pesar dos cacarexos de Blum a garza, a pesar do ouveo de Cachin o moucho, o rostro claro e leal do ditador que a Galia espera iluminará axiña o noso horizonte.
Hai que eliminar inmediatamente todas as liñas de dereita ou de esquerda. Francia dá desde hai demasiado tempo o espectáculo dunha nación bizantina. Os berros, os ladridos, os grallos destes rabaños de cordeiros, destas mandas de cans e de corvos que se chaman Action française, Croix de feux, Frente popular cansaron demasiado os nosos oídos. Reprócholles a Maurras, a de La Rocque, a Blum, a Cachin que nos ofrecesen o guiñol cotián da súa mala fe, do seu nerviosismo, do seu desequilibrio, da súa histeria. Dígolles: non sodes “xefes”, sodes neurópatas.
Hai que suprimir o vinte por cento de funcionarios que, a pesar dos decretos-leis, están aínda demasiado pagados. O funcionario debe ser un soldado, un servidor modesto e apaixonado do Estado. Hai que abater os seus sindicatos. A xubilación aos 45 anos.
É urxente reducir a insolente liberdade de prensa. Aí, tamén, aí sobre todo a liberdade é a do mal. Ídem para os espectáculos. O cine debe ser utilizado para outros fins que para leccións de amor.
A reforma da xustiza dará un gran paso cando faga desaparecer a institución medieval e maléfica dos alguacís e dos avogados, eses gangsters do procedemento. Os avogados deben ser vixiados moi de preto en todas as súas evolucións: a fortuna escandalosa dalgúns é inmoral diante da pobreza dos maxistrados e a nudez dos xustizábeis. Hai que regulamentar moi severamente a profesións dos axentes de negocios, a maioría ladróns do aforro cidadán e campesiño.
O antisemitismo. –Os antisemitas son covardes. É mesquiño temer e combater até este punto os bravos israelitas contra os que Hitler non fixo máis que erguer o dedo para que fuxisen coma ratas. Son completamente partidario do continxente de xudeus, por outra banda no seu interese, porque corren os riscos dunha reacción formidábel se continúan a acaparar as pancas dos pedidos.
A cuestión indíxena. –A Frente popular non nos fará nunca crer que o traballo dun indíxena vale o dun europeo. Só pode ser un colonizador sen ilusións. Non me gustan os axitadores, démoslles a miúdo demasiado aos indíxenas que nos pagaron coa súa arrogancia e o seu desprezo. Alxeria debe pertencer, de norte a sur, de este a oeste, á magnífica, á incomparábel minoría francesa que a bucolizou.
Os xoves intelectuais. –Os cursos secundarios, as universidades, as grandes escolas, só deber ser cubertos pola elite, despois de severos concursos.
Redución dos programas, que están sobrecargados de parvadas e inutilidades.
Gratuidade completa dos estudos.
Darlle un gran lugar á cultura física, logo á “cultura mental”, creada por Emerson, introducida en Francia por Paul C. Jagot, e André Durville, os doutores Durville, Toulouse e Pauchet. A “cultura mental” fai do neno un home, do home un loitador imperturbábel.
Hai que volver darlle á mocidade francesa o gusto polo heroísmo e a grandeza. É urxente arrancala da influencia de certos mestres cuxo utilitarismo cheira a cortello. O mozo francés converteuse no animal máis restrinxido, máis diminuído do curral europeo. Cinco anos máis deste réxime e estaremos maduros para sermos colonizados polos alemáns. Joseph Proudhon non poderá loitar contra Nietszche.
O paro. –Irá medrando porque a máquina traballa para nós. Pode ser reabsorbido polo rexeitamento de traballadores estranxeiros, a repoboación dos campos, a explotación das nosas inmensas colonias.
A miseria. –É inadmisíbel que no século XX familias, nenos carezan de pan, dun teito, do esencial. O egoísmo dos capitalistas que asisten sen se inmutaren a esta inmensa dor humana hai que abatelo, polo sangue se é necesario. As fortunas superiores a un límite razoábel deben ser inmediatamente amputadas do 25 e do 50%. Imposto do 50% sobre os beneficios dos bancos. A xornada de catro horas con aumento dos salarios.
Desenvolverei máis amplamente este programa mediante folletos que serán distribuídos. Pouco partidario das contradicións, non me reunirei con ninguén. Diríxome só e cara a cara á elite do corpo electoral. Prometo firmemente aos que me sigan contribuír con todas as miñas enerxías á procura e á instalación do ditador inevitábel e desexábel que evocaba máis enriba.
No século dos favores, das facilidades, das prebendas, no século da tripa e do billete de banco, predico a privación persoal, o ascetismo, a santidade. A miúdo soñei cunha Cámara de deputados que sería como un colexio de monxes incorruptíbeis. A acción estaría tan lonxe do soño? Non, elector! Actuarei como soñei!
En particular comprométome a doar dous terzos do meu salario de deputado aos nenos necesitados do departamento de Alxer.
Escandalizarei os crasos e os nugalláns que se agruparán nos bancos da próxima Cámara pola rudeza da miña pobreza.
Francia para os franceses!
Alxeria para os europeos!
Mellor o pau ca a lama!
L’Écho d’Alger, 24 de abril de 1936
Candidatura Bessiére
Georges Bessière, de quen publicamos a profesión de fe, propúñase convocar a todos os alxerianos a unha gran reunión pacífica na praza do Gouvernement o sábado polo serán. O folleto do que distribuíra varios miles, e que tivera unha gran aceptación, dirixíase aos franceses de todas as confesións e de todas as condicións.
Volvendo sobre o seu proxecto a fin de que ninguén poida intentar facer renacer calquera tipo de axitación, o Sr. Bessière róganos publicar a seguinte comunicación:
«Diante da insistencia das autoridades que preocuparon pola reunión que proxectaba o próximo sábado na miña carta aberta ao Sr. Coston, candidato antixudeu, tomei a decisión de non dar ningunha continuación a esta idea xenerosa e espontánea que no entanto xa tomara corpo dunha maneira magnífica.
»Repítolles aos xudeus acosados pola imbecilidade dalgúns que as medidas tomadas polas autoridades impedirán categoricamente calquera nova efusión de sangue.
»Non lamento ser o único candidato que tomou rigorosamente a súa defensa.
»Agradézolles os numerosos e emotivos testemuños que me enviaron desde todos os puntos do departamento.
»E repítolles: “Estade tranquilos”: os verdadeiros franceses saberán protexervos se é necesario».
N.D.R. –Pensamos a este respecto que a opinión reproducida no noso editorial de onte en primeira páxina, está tirada da carta aberta á que o Sr. Bessière, o seu autor, alude.
L’Écho d’Alger, 25 de abril de 1936.
Candidatura Bessière
O Sr. Georges Bessière comunícanos:
«Na véspera das eleccións, debo achegar aos meus amigos novas previsións.
»Repito que non me acreditou ningún partido, que non me sometín a ningunha consigna, sobre todo por parte dos indecisos que nos arrodean.
»Comprométome de novo a doar aos pobres dous terzos do meu salario de deputado. (Isto non quere dicir que goce de fortuna persoal.)
»No que respecta aos meus principios morais esenciais, eilos:
»Hai que facer a revolución do corazón antes que calquera outra.
»A disciplina é a pedra angular dos individuos e das sociedades ben equilibradas.
»O gusto e a práctica da igualdade deben ser a nobreza do home e non como nos nosos comunistas a manifestación intempestiva dos celos e da incapacidade.
»Hai que pechar a Bolsa, as salas de xogo, os hipódromos, as casas de prostitución. Hai que suprimir a Lotaría nacional, renovar con enerxía a loita contra o alcohol, o tabaco e engadir a loita contra as conservas e a carne. Con efecto, Francia converteuse nun feixe noxento de tabernas, de estancos, tendas de ultramarinos, carnicerías. O alcohol queimou a maioría dos nosos cidadáns. A nicotina amareleceu a patria. O desbordamento das tripas invadiu os cerebros. Estamos rodeados de dexenerados, de semi-loucos, de intoxicados, de constipados, de cancerosos. E todos estes enfermos son electores…
»Non hai que esquecer, sobre todo, na elaboración das leis, que o home en liberdade é un animal perigoso, sobre todo cando esta liberdade está enlouquecida polas toxinas da prensa, do cine e das polémicas.
»Hai que reducir a liberdade á liberdade do ben. O mal, sobre cuxa definición non pode ser difícil pronunciarse despois de séculos de teses filosóficas e científicas, debe ser rigorosamente amordazado.
»Hai que duplicar e mesmo triplicar as penas previstas polos diferentes artigos do código.
»O dereito de graza debe serlle negado ao presidente da República. Hai que suprimir o Tribunal Supremo, ese refuxio de procedementos equívocos.
»Asimilar as letras de cambio non pagadas a cheques sen fondos.
»Restabelecer o castigo corporal para débedas non pagadas.»
«Correron algúns rumores equívocos sobre a miña conduta despois da primeira volta do escrutinio; debo afirmar aos meus amigos que continuarei a batalla até a segunda volta.»
L’Écho d’Alger, 30 de abril de 1936
O Sr. Georges Bessière róganos publicar os seguintes agradecementos:
«Agradezo aos 23 electores que me concederon a súa confianza na primeira volta ser feliz por este resultado, que non esperaba.
»Eses señores da esquerda e da dereita saben agora que, a pesar de que durante moito tempo canalizaran todas as voces dispoñíbeis, electores diseminados pero que non participaran en ningún debate ou recibiran a miña visita, saudaron con toda independencia o meu programa autoritario.
»Esforzareime en desenvolver ao máximo as felices consecuencias deste inicio, consciente de que fun o único candidato a anunciar, fuxindo do instinto gregario da esquerda e da dereita, o fin da República e o próximo ascenso do ditador que nos porá a cadaquén no seu lugar, en tanto que organizador preciso e meticuloso das nosas tradicións.
»Solicitado por voces da primeira circunscrición, vou pelexar polos sufraxios do domingo próximo, opóndome pola miña débil parte, entre outras, á propaganda nefasta do antisemitismo.
»Pídolles aos meus electores da segunda circunscrición que se absteñan: porque lles gustou o meu programa, saben xa que nin Régis nin Richier representan o seu ideal.
Georges BESSIÈRE.»
L’Écho d’Alger, 1 de maio de 1936
Candidatura Bessière
O Sr. Georges Bessière, novo candidato á primeira circunscrición para a segunda volta, dará este serán, venres 1 de maio, ás 19 horas, unha conferencia pública sen debate na Praza de Chartres, sala Sonigo.
Esta candidatura, ao ser só simbólica, non depositará ningunha papeleta de voto nos diferentes colexios electorais.
L’Écho d’Alger, 3 de maio de 1936
Agradecementos de Georges Bessière
A miña candidatura na segunda volta da primeira circunscrición só era unha candidatura de principios.
Para non incomodar a ningún dos grandes partidos en presenza, non fixen depositar papeleta ningunha nos colexios electorais.
Non obstante, numerosos electores concedéronme os seus votos.
Agradézollo afectuosamente e preciso que só se pode confiar nos irresistíbeis progresos da Frente popular que saberá, estou seguro, practicar a disciplina e a estrita autoridade que, pola miña débil parte, non cesei de preconizar durante a miña campaña.
Chegou a hora dos que saberán ordenar e obedecer sen a menor discusión.
Asinado: BESSIÈRE
L’Écho d’Alger, 13 de maio de 1936.
A partir de 1940 o seu nome aparece algunha que outra vez neste xornal. Dúas veces asinando un comunicado do Sindicato Obrigatorio dos Chacineiros do Departamento de Alxer, do que era o secretario xeral administrativo. Outra vez como administrador xudicial e tamén na sección de anuncios: até a data de 26 de xaneiro de 1942.
Na sección de anuncios clasificados, o 31 de agosto de 1941 apareceu o seguinte «réclame»:
PATRIOTAS: Lede: «FRANCE QUAND MÊME!», por Georges Bessière: Virulencias. Audacia. Lirismo sen afectacións. Librarías, quioscos. Pedidos ao autor, 10 rue Joinville.
Como pode comprobar a lectora ou lector destas liñas, o tal monsieur Bessière sufría dunha confusión mental digna de estudo por parte dun psicólogo e, sobre todo, dun psicanalista. E até aquí as noticias sobre Georges Bessière (deixando de lado os anuncios que apareceron na sección de «clasificados») en L’Écho d’Alger. Ora, era este Georges Bessière o Bessière que foi amigo dos surrealistas? Non podo nin afirmalo nin desmentilo. Como non podo afirmar nin desmentir que os textos que daremos, traducidos, na seguinte entrega sexan do Bessière que un día quixo ser, e talvez foi, surrealista.
[1] Sede de tal ministerio, en París.
[2] Xefe dos Croix de Feu, partido para-fascista francés.