BiosBardia

O país dos libros en galego

Georges Hugnet en ‘La Zarpa’

Georges Hugnet.

Xesús González Gómez.

En 1936, do 22 ao 31 de maio, na Galería de arte Charles Ratton, sita no número 4, Rue de Marignan, no VIII distrito de París, tiña lugar a exposición nomeada: «Exposition surréaliste d’objets. Mathématiques Trouves et interprétés Mobiles irrationnels Objets d’Amérique et Océanie». Xa pasada a exposición, a revista mensual, Cahiers d’art. Bulletin mensuel d’actualitat artistique, dirixida e propiedade de Christian Zervos (Argostoli, 1889-1970), crítico de arte, coleccionista e editor francés nacido en Grecia, dedicaba gran parte do seu contido ao tema desta exposición, reproducindo algún escrito do catálogo da mostra e publicando outros ad hoc para o número da revista: «Crise do obxecto», de André Breton, «A vestimenta dos Tropicos», de Paul Éluard (recollido posteriormente en Donner à voir), «O ollo da agulla», de Georges Hugnet, «Tende coidado cos obxectos domésticos», de Claude Cahun, «Honor ao obxecto», de Salvador Dali, «Sobre o Carteiro Cheval», de Jacques B. Brunius (a este escritor, poeta –surrealista–, actor, director e crítico de cinema, débeselle, segundo os expertos, o recoñecemento do Carteiro Cheval), «Chegada da Belle Époque», de Marcel Jean, un texto sen título de Hans Bellmer do que se reproducen unha foto das súas «bonecas», dous escritos sobre os temas ou o tema da exposición: «Corazóns voantes» (sobre a obra de Marcel Duchamp, de quen se reproducían diversos dos seus cadros, entre eles: «A casada espida polos seus solteiros, incluso», «Nu baixando unha escaleira» e diversos «reade-mady»), de Gabrielle Buffet, unha crítica de arte e escritora abondo esquecida (foi a primeira muller de Francis Picabia e talvez a ruptura con este levou a que durante moito tempo non se falase case dela), e dous do director e dono da revista, é dicir, de Christian Zervos: «Matemáticas e arte abstracto» –texto que serve a modo de editorial do número– e «Automatismo e espazo ilusorio». As páxinas do «boletín» completábanse con escritos importantes de Max Ernst: «Alén da pintura», con numerosas ilustracións da obra do pintor, Paul Éluard: «A evidencia poética» (texto dunha conferencia do poeta que dera cando a inauguración do exposición internacional do surrealismo en Londres, en xuño-xullo dese ano de 1936), unhas interesantes: «Reflexións sobre a tentativa de Estética dirixida do III Reich», de Zervos, quen, á parte dun pequeno escrito sobre debuxos de Matisse (dos que se reproducían unha manchea deles), entregaba «Á sombra da guerra civil. A propósito de Arte Catalá no Museo do Jeu de Paume», o escultor Julio González comentaba unhas esculturas de Picasso, Georges Duthuit (médico de profesión e coñecido crítico de arte, compañeiro dos surrealistas), entrevistaba a Joan Miró, Michel Leiris, xa metido de cheo na etnografía: «Bosques rituais dos acantilados», W. Kandinsky escribía sobre Franz Marc, e Georges Hugnet entregaba a última parte do seu estudo «O espírito Dada en pintura». Todos estes escritos inzados de ilustracións pertinentes, ademais de recensións de exposición e de libros, e unha manchea de ilustracións: fotografías dos obxectos expostos realizadas por Man Ray, Bernes Matheay e Willy Eggarter, así como reproducións de esculturas de Picasso e de cadros de diversos pintores mencionados, enchían as 280 páxinas, publicidade á parte do «boletin».

Os obxectos foran encontrados ou traballados, por Max Ernst, Dora Maar, Yves Tanguy, Leonor Fini, Maurice Henry, Salvador Dali, Gala (cuxo obxecto, traballado, é comentado por Dali, que asina coas súas iniciais), Georges Hugnet, Jacqueline Breton (logo coñecida como Jacqueline Lamba),  Jacqueline e André Breton, Joan Miró, Dali, Méret Oppenhein; móbiles de Giacometti, Óscar Domínguez, Ramon Marinel·lo (un surrealista catalán), Wolfgang Paalen, Y. Tanguy, Max Ernst ou Calder, así como obxectos de América e Oceanía. Tamén aparece un poema de Tristan Tzara: «A Henri Mattise»: como se pode deducir, un número máis que completo.

Esta exposición non tivo moito eco na prensa francesa, e, por suposto, menos fóra do hexágono. En España ningún, ou case; porque, en realidade, un xornal deu, en certo modo, a noticia da exposición cando xa pechara as portas. Ese xornal foi… La Zarpa: diario de los agrarios gallegos, o xornal ourensán que, naquel 1936, continuaba ás ordes de Basilio Álvarez e, polo tanto, volens nolens, ás ordes do Portela Valladares, xa que o ex líder agrario abandonara o Partido Radical de Alejandro Lerroux e se unira á candidatura de Centro auspiciada polo ex-presidente do goberno.

En puridade, La Zarpa non daba a noticia da exposición, facía algo máis curioso: o 12 de xullo de 1936, na páxina de «Arte y literatura», a carón dun artigo inédito de Francisco Villaespesa, un poeta español de terceira ou cuarta categoría, que morrera en abril dese ano, titulado «Poemas de la generación de 1898», aparecía o artigo titulado «El ojo de la aguja», asinado por Georges Hugnet. Este escrito levaba, traducimos, o seguinte sombreiro da redacción ou do anónimo tradutor: «En París celebrouse unha exposición “superrealista de obxectos”. Con tal motivo o escritor Georges Hugnet, pertencente á citada escola, escribiu as liñas que a continuación publicamos». Traducimos ao galego as «liñas» de Hugnet, e toda aquela ou aquel que poida estar interesada/o na versión publicada en La Zarpa, pode encontrala aquí. Sobre Hugnet, reproduzo o que escribín no seu día en Dicionario de surrealismo e surrealistas:

«Hugnet, Georges. De 1932 a 1939 Georges Hugnet (París, 1906-Saint-Martin-de-Ré, 1974) participa nas actividades surrealistas. É autor dun fermoso filme poético, La Perle (1926). O seu mellor libro de poemas talvez sexa La Chère-feuille (1942), sen esquecer, porén, La septième face du dé (un dos máis belos –como tal, é dicir, en xerga genettiana, paratextos– títulos do surrealismo). Os seus poemas nacen do encontro do amor e do soño e nútrense dun simbolismo sexual rico en interpretacións, sen esquecer a forza expresiva dos poemas, debida a un emprego de agrupamentos verbais e a palabras de múltiples ecos. Publicou igualmente Petite anthologie poétique du surréalisme (1934), L’aventure Dada (1957) e postumamente Dictionnaire du dadaisme (1976). Outra das facetas de Hugnet foi a de artista, autor de colaxes e guaches pasando por belas encadernacións. Foi tamén autor teatral. En 1939 é expulsado conxuntamente con Paul Éluard. En 1962 foi abofeteado por Vincent Bounoure, en presenza de Jean Schuster e Jehan Mayhoux por escribir inxuriosamente na revista Arts contra Benjamin Péret.»

Quédanos un «misterio» por dilucidar, quen foi o home ou a muller que entregou este texto a La Zarpa. Que muller ou que home ourensá/n estaba aqueles meses en París e se interesou pola devandita exposición até o punto de traducir un dos textos do catálogo e envialo ao xornal de Basilio Álvarez. Debía ser alguén coñecido/a para que os responsábeis da redacción tivesen a ben incluír tal texto dun nome do que non debían saber absolutamente nada. Velaí, xa que logo, a nosa tradución do escrito de Hugnet:

 

O OLLO DA AGULLA

 

Cartel da Exposition surréaliste d’objets. Mathématiques Trouves et interprétés Mobiles irrationnels Objets d’Amérique et Océanie. París, 1936.

Isto naceu das alucinacións da infancia, cuxo universo brota da interpretación de palabras incomprensíbeis e de supersticións máxicas. Isto naceu dunha mancha a descascarse nunha porta. Dun debuxo na parede do faiado, das fugaces xeografías da choiva, dos cirros esgazados no ceo novo. Isto naceu dunha sebe que protexe a campía dun verán lixeiro en que o neno, un día, levando da man a seu pai cego, viu unha muller núa á sombra do seu desexo e da súa adiviñación. Durante algúns segundos, abraiado, acreditou no milagre. Isto naceu dos libros de marabillas, rubís na uña, de lendas  tomadas ao pé da letra, de feitizos pronunciados entre admirábeis aventuras. Cada día ten a súa lenda, cada cousa o seu duplicado aterrador e luminoso, isto vén, seica, de lonxe, e permanece. Home, prisioneiro dunha maxia eterna que rexeitas por covardía, un val calquera de geyseres, alá lonxe, unha Thule perdida conserva o rastro dos teus pasos[i].

Para unha choiva de xofre explicábel e explicada, cantas descoñecidas belas coma os cristais da neve, durmidas nun meteorito con facturas de firmamento negro[ii]. En resumo, non sabemos case nada de fenómenos de que a terra é o teatro e é malo soñar coas estrelas. O home, esa planta vermella, está atrapado nunha gran confusión xeolóxica. Escoita as palabras dos homes de ciencia, as súas demostracións que deixan insatisfeito. Falta unha engrenaxe ao reloxo perpetuo. Non sabe moi ben  por que o seu gusto polo marabilloso arrástrao a unha inmensa señardade. Se se decanta pola súa maldición, unha alegría desenfreada pasea imperiosamente, a través da súa imaxinación, o seu perfil de hipocampo. Non pide nin perder nin gañar, soamente xogar.

A clave dos fenómenos abre os arrecifes coralinos. Que luz arborescente latexa neste cuarto e que xeometría expresan eses cristais de reloxo solar? A estatua do pedrazo mora soa na súa illa de guano. O basalto interrógase sobre o voo de paxaros petrificados e a folla sobre a súa árbore de ágata. A contra-pegada en releve das gotas de choiva é o sendeiro que conduce ás rochas ruiniformes e ás súas escaleiras de maxilares. Un mármore estourado deita unha cidade de ilusión, aquela en que se ve vivir o axolote, a pantorra alongada, o cefalópodo e a cortesá con reflexos de pradairo prateado. O ornitorrinco leva nas súas ancas unha visión de haxix. A escultura e a arquitectura son esas pedras pulidas polo vento e pola area, esas actinias despoxadas polo sal, eses campanarios volteados pola choiva e eses castelos de manancial, esas molduras de alas, esas lamas mariñas de políperos construtores[iii].

De regreso de eses mundos verdadeiros, o home devolto á súa natureza de home, con que oído escoitará as teorías dos seus semellantes? Con que mirada verá todas esas convencións, el, que viu desfilar todos os estilos futuros, el, que habitou a casa que corresponde a todos os seus xestos, a todos os seus soños? De regreso da súa viaxe a través de estrañas poboacións cuxos instintos son similares aos seus e non menos escuros, como se sentará a esta mesa arredor da cal se fixo como invisíbel? Onde saciará esa sede contraída ao outro lado do espello? Entregado ao verdadeiro, entregado ao imaxinario, falará unha linguaxe incomprensíbel, a linguaxe da alba. Fronte ao irracional, interpreta esas paisaxes, nomea o que as compón, nomea o que as habita. Ve nesas imaxes naturais, imaxes súas, a alquimia das súas lembranzas, dos seus delirios. Volve ver, a través dun mundo, o mundo da súa infancia, toda a forma do seu amor. É  tamén quen de controlar as forzas que o dirixen. Vive as súas alucinacións. Esas alucinacións que existen, que foron vividas –noutra parte. Vive os deus desexos. Vive.

 

Georges Hugnet

 

La Zarpa: diario de los agrarios gallegos, 12 de xullo de 1936, p. 6.

1 Na tradución de La Zarpa, supoño que por motivos xornalísticos, aínda que tamén pode ser por erro do linotipista, dende «Cada día» até «pasos» vai en parágrafo separado.

2 Toda esta frase está eliminada na versión do xornal ourensán.

3  Na versión publicada en La Zarpa, no canto de punto e á parte, continúa até «espello» como se formase parte do mesmo parágrafo, cando é parte do seguinte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *