BiosBardia

O país dos libros en galego

Gonzalo Navaza: “En Galicia hai máis topónimos ca habitantes”

navazaCésar Lorenzo Gil.

Poeta, narrador, profesor universitario e un dos máis prestixiosos investigadores en Onomástica en todo o mundo, Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) explica nesta entrevista (publicada orixinalmente en A Nosa Terra o 27 de setembro do 2007) o labor do Proxecto de Toponimia, destinado a salvagardar o patrimonio inmaterial dos nomes de lugar galegos.

En que consiste o Proxecto de Toponimia?

Durante moitos anos estivemos traballando no nomenclátor, que recolle os nomes de todos os núcleos habitados de Galicia. Estoutro proxecto adícase á microtoponimia, eses nomes de lugar que definen a percepción da paisaxe e da historia no detalle dun regueiro, un camiño ou un picouto.

Como vai de avanzado?

É un proceso lento. Nós queremos recoller toda a toponimia viva, a que identifican os falantes na actualidade. Estamos elaborando unha base de datos con coordenadas xeográficas, o que nos proporcionará un mapa baseado en fotografías aéreas cunha información tan prolixa que axudará na localización de incendios e outros usos xeográficos. Este proxecto lévano a medias as consellarías de Medio Rural e Presidencia e nos últimos anos aumentamos moito os recursos. Para levalo a cabo, estamos investindo moito diñeiro e persoal. Agora mesmo hai un cento de filólogos facendo traballo de campo. Na nosa previsión inicial contabamos con computar dous millóns de topónimos. Pensamos que imos superar esa cifra, é dicir, en Galicia hai máis nomes de lugar ca habitantes.

A xente de fóra non cre que lle teñamos nome a cada pedazo de terra.

Galicia ten na toponimia un patrimonio inmaterial dun valor incalculábel. Poucos espazos semellantes ao noso teñen a mesma riqueza de nomes. Esa proliferación tivo a ver con varios factores: o asentamento continuado durante séculos no mesmo territorio, a orografía irregular, a dispersión da poboación e a fragmentación da propiedade. O problema que vivimos é que esa definición está en perigo. O sistema de poboamento rural está en crise e iso ameazou moitos topónimos. O cambio social xa se nota cando falas coa xente. Se visitas un lugar para recompilar topónimos, a avoa vaiche dar 60 nomes; o fillo, 30 e o neto talvez seis ou sete e con nomes cambiados: “o monte de detrás da gasolineira”, “o camiño da torreta da Fenosa”.

Na Universidade de Vigo, cando se planificaron os novos viais, nós propuxemos manter a vella toponimia. Seguindo ese sistema, dábanos un vial como Porto de Bois. A alguén do reitorado pareceulle que vestiría moi mal mandarlle a un catedrático inglés unha carta con tal enderezo. Por esas grazas do mundo, Oxford significa xusto iso: Porto de Bois.

Na zona urbana houbo iniciativas para respectar a toponimia tradicional, caso de Navia, en Vigo.

Foi un grande éxito. Nós de-mandamos que se respectasen os nomes de sempre na zona e a Federación de Asociacións de Veciños logrou que novas rúas leven antigas referencias, como a rúa Teixugueiras. Pero é difícil conseguilo. Polo xeral, cando un Concello urbaniza unha zona, quere gardar as rúas para premiar persoeiros, moitas veces como pagamento de favores. E iso que a Unesco recomenda que só se poñan ese tipo de nomes cando non hai outra posibilidade, é dicir, cando os novos viais atravesan un ermo do que ninguén sabía como se chamaba.

Mais moita xente se queixa porque non sabe que é iso dunha teixugueira.

Esa é a escusa. Na Universidade de Vigo, cando se planificaron os novos viais, nós propuxemos manter a vella toponimia. Seguindo ese sistema, dábanos un vial como Porto de Bois. A alguén do reitorado pareceulle que vestiría moi mal mandarlle a un catedrático inglés unha carta con tal enderezo. Por esas grazas do mundo, Oxford significa xusto iso: Porto de Bois. Na miña opinión, en todas estas actitudes reside a vergoña polo galego, por relacionalo con atraso, coa aldea, con vello. En Sabarís puxéronlles a uns novos edificios Puente Romano, cando a ponte que está alí pegada é medieval, tal e como se pode ver nunha inscrición que ten. Como as competencias sobre nomes de rúas dependen unicamente dos concellos, moitos topónimos acabarán por perderse. É unha tristura e unha dor. A sociedade xa entendeu que é unha barbaridade derrubar un convento do século XVII pero non se ten por tal eliminar de raíz o nome dun lugar.

No nomenclátor hai topónimos polémicos como A Cañiza.

A Cañiza está a piques de desaparecer para que sexa oficial A Caniza, que é o propiamente galego. Só falta que sancione o cambio o Consello da Xunta [No 2014 ese cambio aínda non se fixo efectivo (Nota do redactor)].

O Grove tamén causa división.

Mais nese caso o topónimo é completamente galego, está documentado e é coherente coa evolución lingüística. É certo que provén dun primitivo Ocobre mais a propia lingua galega separou ese o- inicial e converteuno en artigo. Así pasou no Irixo ou na Gudiña. Cando o castelán o deturpou e lle puxo El Grove foi xustamente por traducir o topónimo tradicional. Eu entendo que haxa xente que usa os topónimos como símbolos, como bandeiras de ideoloxías, pero o idioma ten que estar por riba diso para sobrevivir e a onomástica é unha ciencia e débese cinxir á realidade, non ás fantasías.

Mais a toponimia sempre tivo un punto pseudocientífico.

Con certeza, a etimoloxía durante moitos séculos foi unha arte, xa desde os tempos de Santo Isidoro, que tomaba as palabras partíndoas por anacos para buscarlles significados coherentes. Ese sistema pervive, é o que chamamos etimoloxía popular; esa xente que che di que Nigrán vén de que houbo un de tanta miseria que non quedou “Nin-gran”. Hoxe manexamos un método científico de análise e identificación, conscientes de que os topónimos son fundamentais para explicar a historia dos lugares, a súa evolución. Pero en todos estes anos cheguei a unha conclusión: á xente gústalle moito máis a explicación fantástica que a real.

No tocante á toponimia á xente gústalle moito máis a explicación fantástica que a real.

Que fontes manexan?

As máis recentes, os nomenclátores do século XIX; máis atrás, o Catastro de Ensenada, que é unha xoia documental porque dá todos os nomes de todas as propiedades e veciños de cada núcleo habitado. Para a época moderna botamos man dos protocolos notariais, que se poden consultar nos arquivos provinciais. Xa remontándonos ao medievo, por fortuna hai moitos documentos vinculados á Igrexa que teñen moita e valiosa información.

E para a época prerromana?

Aí traballamos con filoloxía comparada, coa base lingüística indoeuropea, que nos últimos anos recibiu un gran pulo grazas aos novos estudos de Xenética de Poboación. Entre as primeiras conclusións que obtivemos destaca o feito de que, contra o que se pensaba, somos descendentes directos da xente que xa habitaba este territorio no Paleolítico. Houbo tan pouca mobilidade xeográfica que cando analizamos un topónimo único, que define só un núcleo en todo o país, resulta que os apelidados así practicamente viven todos nesa comarca.

Chama a atención que os rótulos sigan poñendo A Hermida ou cousas estrañas como o río Brull.

Pero iso non significa que a documentación oficial non estea actualizada. Eses letreiros das estradas dependen de concellos e incluso de empresas que poñen alí o primeiro que se lles ocorre, inventando para o galego esa simpática terminación en -ll que nos dá un toque catalán. A administración debería ser máis escrupulosa para facer respectar a toponimia oficial en todas as comunicacións.

Vostede defende desde hai moito tempo a galeguización dos apelidos e a alteración na orde de sucesión para salvagardar os apelidos autóctonos.

Son ferramentas fundamentais para recuperar o noso patrimonio colectivo. A deturpación, contra o que pensa a xente, é un fenómeno recente. Hai que pensar que o primeiro rexistro data do 1870. Até ese ano, cadaquén asinaba cos apelidos que el mesmo escollía. Hai moitos Soto ou Otero cuxas familias aínda son hoxe recoñecidas polos Soutos de tal sitio ou os Outeiros da beira do río. Na normalización onomástica, de todos os xeitos, hai que ser moi respectuosos porque forman parte do patrimonio persoal de cadaquén. O que si hai que denunciar é a actitude de moitos funcionarios, que, literalmente, impiden a galeguización, a pesar de todos os avances lexislativos que se produciron.

2 thoughts on “Gonzalo Navaza: “En Galicia hai máis topónimos ca habitantes”

  1. Significado do apelido,Beres,
    Hola desexaria saber o seu significado,pois os fillos,son nas descendencia oultimos en usalo,e debido a ser pouco usado non e doado buscar ,grazas

    1. Ola, Eva. É moi posible que o voso Beres proveña do nome do lugar de Beres, que se encontra na parroquia do Esto, no concello de Cabana de Bergantiños. A maior parte dos apelidos galegos proceden de tres elementos: patronímicos (apelidos que fan referencia ao nome dun devanceiro: Pérez de Pedro; Estévez de Estevo…), un alcume familiar ou persoal (Branco, Calvo…) e o lugar de orixe. Beres parece que encaixa neste terceiro tipo. Graciñas por ler a revista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *